29 sept 2009

PROXECTO CENTRO SOCIAL DOS NOVAES

O rexedor local, Julio Álvarez, acompañado da concelleira Mª Carmen Armesto, e dun técnico municipal achegouse ata o pobo dos Novaes, onde acompañaron ós técnicos da Deputación Provincial de Lugo, que viñeron supervisar o inmoble no que se vai construir un centro sociocultural para os veciños desta localidade.

O centro social construirase nun inmoble propiedade do concello, ó que se lle van aproveitar as paredes de pedra natural. En base a estas paredes, os técnicos da Deputación realizarán o proxecto do centro de ocio.

Esta obra forma parte das obras consensuadas entre o alcalde de Quiroga e o presidente da Deputación Provincial con cargo ó canon hidroeléctrico. Con cargo a este canon Quiroga recibirá 508.826€; dos que 339.217 correspóndenlle as duas primeiras anualidades do canon.

Ademais da construcción do centro sociocultural dos Novaes, no mesmo proxecto están incluidas obras de mellora nos accesos a Cereixido, Bendollo e Bendilló; a construcción dun centro sociocultural no Nocedo e a urbanización da rúa Río Miño.

25 sept 2009

BONOBÚS

Un ano máis, coincidindo co inicio do curso universitario o Concello de Quiroga pon en marcha o programa do Bonobús. Programa co que o concello axuda económicamente a todos aqueles rapaces empadroados en Quiroga que cursan os seus estudios universitarios nos distintos campus galegos.

O concello subvenciona nun 50% o servicio de transporte ás distintas universidades de Galicia. Así os mozos que se despracen ó campus de Santiago terán que abonar polo bono anual 500€, os que se despracen a Lugo, 310€; a Coruña 555 €; a Vigo 625 e os que vaian a Ourense abonarán 220 €.

Cada abonado terá dereito a duas viaxes semanais durante o curso escolar, unha de ida e outra de volta. As saídas do autobús universitario serán os domingos e os retornos os venres; en caso de existir pontes, as saídas produciranse os días festivos e os retornos as vésperas de festivos.

Para os desprazamentos a Santiago e Lugo, os universitarios poderán optar por todalas expedicións que a empresa Monbús teña en funcionamento.

O servicio que xa está en funcionamento rematará o día 25 de xuño do 2010. O Bonobús podese solicitar na Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga.

24 sept 2009

VISITA DA SECRETARIA XERAL DE FAMILIA

A Secretaría Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, visitou onte Quiroga para facer un recorrido por todos aqueles departamentos que dependen nalgunha medida desta consellería.

O primeiro lugar que visitou foi o poboado xitano do Toucedo, que participa desde fai anos nun plan de mellora das súas vivendas que conta co apoio dos programas específicos de integración xitana da Xunta de Galicia. Tras conversar cos seus veciños e visitar unha das vivendas realizadas baixo este plan a Secretaria Xeral comprometeuse a realizar as xestións para que a mellora das vivendas se poida levar a cabo con máis rapidez.

Despois visitou as instalacións da nova guardería de Quiroga, que recentemente pasou a depender da rede de escolas infantís da Xunta de Galicia.

Nas instalacións do Centro Social da Terceira Idade, o rexedor local, Julio Alvarez, puntualizou que a maior necesidade do concello de Quiroga en materia de servicios sociais nestes momentos sería a construcción dun centro de día. Para este novo servicio o rexedor local apuntou a posibilidade de que se adaptaran as instalacións do centro social, ou se non fose posible ceder uns terreos municipais para unha nova construcción.

Susana López Abella comprometeuse a estudar a petición do alcalde quirogués, e ainda que non confirmou que se poida contar cun Centro de Día en Quiroga, si anunciou que en breves días virán a Quiroga técnicos do seu departamento que estudiarán a posibilidade de adaptar unha parte do Centro Social para prestar este servicio.

Tras visitar as instalacións do Centro Social o percorrido da secretaria xeral de Familia e Benestar rematou na residencia da terceira idade, onde se están realizando obras de mellora financiadas polo seu departamento que consisten na supresión de barreiras arquitectónicas, a renovación da cuberta e a reforma dos cuartos de baño para adaptalos a persoas impedidas.

23 sept 2009

VISITA DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, visitaba esta mañá o concello de Quiroga, onde era recibido por membros da corporación municipal.

Tralos pertinentes saúdos e xa acomodados no salón de plenos da casa consistorial, Gómez Besteiro, asinaba no libro de honra do concello.

Unha vez cumplido cos actos protocolarios e o correspondente intercambio de agasallos, o presidente da Deputación mantiña unha xuntanza a porta pechada co alcalde de Quiroga, Julio Alvarez. Un dos temas a tratar nesta reunión era as obras a realizar no noso municipio con cargo ó canon hidroeléctrico, do que a Quiroga correspóndenlle 339.217€.

Parte das obras a realizar con cargo a este canon xa foron consensuadas polo rexedor local e o presidente da deputación e outra parte está pendente de fixarse.

22 sept 2009

URBANIZACIÓN RÚA RÍO MIÑO

Veciños da rúa Río Miño de Quiroga reuníanse onte pola tarde no salón de plenos da casa consistorial co rexedor local, Julio Álvarez, e con técnicos municipais para tratar sobre a urbanización que o concello quere levar a cabo nesta rúa.

Nesta xuntanza, a segunda que se mantivo neste mes de setembro, chegouse a un acordo sobre o traballo a realizar nesta primeira fase da obra, na que se acondicionará unha zona para vehículos e outra para zona peatonal.

Os veciños deberán ceder voluntariamente o terreo para realizar as obras de ensanche da calzada, condición coa que os propietrios xa se amosaran de acordo dende un principio, ainda que terán que derrubar peches de fincas.

Xunto co ensanche da calzada realizaranse as obras para dotar de servicios básicos a zona: saneamento, nova canalización de auga, iluminación e incluso a plantación de árbores.

Nesta primeira fase das obras non se construirán beirarrúas, pero sí se separará a zona adicada ós peatóns que irá a ambos lados da calzada, cunha especie de pivotes.

21 sept 2009

AREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras declarou a zona da Praza Maior de Quiroga e Pacios de Mondelo como área de rehabilitación.
Con esta declaración os veciños destas duas zonas poderán beneficiarse de axudas destiñadas a mellorar exteriormente os edificios que teñan máis de dez anos de antigüidade. Para facilitar o traballo dos veciños que queiran beneficiarse destas axudas abrirase unha oficina informativa, na que ademáis de informar ós veciños tamén se lle realizarán todolos trámites precisos.
O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, falaba deste tema no programa da TMQ "Audiencia Pública", no que afirmaba que este ano contase con financiación para o arranxo de 60 vivendas, a metade das que precisan rehabilitación nesta zona, xa que o concello realizou un informe do que se desprende que son 120 as vivendas que necesitarian arranxos.

18 sept 2009

INICIO DO CURSO NO I.E.S. DE QUIROGA

O xoves comenzaba o curso escolar no Instituto de Educación Secundaria de Quiroga, cunha matrícula de 148 alumnos, tres máis que o curso pasado, como confirmaba o director do centro, Manuel Álvarez.
Na primeira xornada deste curso 2009/10 os alumnos recibiron información sobre a gripe A, ademáis dunhas recomendacións a seguir para este curso que comenza marcado pola nova gripe. Precisamente por esta causa o centro educativo tamén terá que adoptar unha serie de medidas como a colocación de máis lugares nos que os rapaces poidan lavar as mans.
En canto á gratuidade dos libros de texto, a pesar dos cambios que se produxeron na forma de beneficiarse destas axudas, no centro educativo quirogués non se producirán estas modificacións xa que o centro dispón de suficientes manuais para que todolos alumnos dispoñan de libros gratis, sen atender á renda familiar.
Coincidindo co inicio do curso celebrábanse as últimas probas de selectividade, pero ningún alumno deste centro se presentou nesta convocatoria de setembro, xa que todos os alumnos presentados, aprobaron na convocatoria do mes de xuño.

ACTIVIDADES ASOCIACIÓN MULLERES

ACTIVIDADES ASOCIACIÓN MULLERES

A asociación de Mulleres San Martiño ultimou as súas actividades para o último trimestre do ano. Entre estas actividades que oferta para as mulleres da comarca atópanse clases de informática, ximnasia, manualidades e bailes de salón.

As clases de informática básica e desenvolveríanse no Telecentro da casa da cultura os mércores de 7 a 8 da tarde. As clases comenzarían o 4 de novembro e o custo sería de 10 para as socias da asociación e de 15 para as non socias.

Ximnasia impartirase os martes e os xoves de 8 do serán a 9 da noite. Estas clases que comenzarían o 2 de outubro terán un custo de 15€ para as socias e de 20 para as non socias.

Manualidades, que nun principio, desenvolveríase os luns a partir do mes de novembro e terían un custo de 20€ para as socias e de 25 para as non socias.

Finalmente os bailes de salón serían os sábados a partir do 7 de novembro e terían un custo de 15€ para as socias e 5€ máis para as non socias.

Para que se leven a cabo todas estas actividades é preciso que exista un mínimo de 12 participantes en cada unha das actividades. Todas aquelas mulleres interesadas en participar deberán de poñerse en contacto con calquera membro da directiva da asociación de mulleres San Martiño (Silvia ou Marisa).