30 sept 2010

A ASOCIACIÓN SOCIO CULTURAL DA COMARCA DE QUIROGA PRESENTA AS SÚAS ACTIVIDADES PARA A TEMPADA 2010/2011

A Asociación Socio-Cultural da Comarca de Quiroga vai dar comenzo á tempada 2010-2011 coas actividades de ximnasia, pilates, bolillos, pintura e informática. Pilates desenvolverase os luns e mércores dende as oito do serán ata as nove; gimnasia os martes e xoves tamén de oito a nove; pintura os mércores de catro e media da tarde a seis e media; bolillos os venres de catro a seis da tarde e por último informática que se desenvolvería duas horas semanais.

Como novidades pretenden levar a cabo tres actividades: teatro, modern dance e baile renacentista; estas duas últimas terían carácter intensivo polo que se desenvolverían nunha soa fin de semana.

En canto ás excursións, o domingo 17 de outubro realizarán unha viaxe a Santiago con motivo do Ano Santo; o sábado 6 de novembro farán unha camiñata entre Soldón e Rugando con comida na casa de turismo rural incluida; e a fin de semana do 12 ó 14 de novembro disfrutarán da estancia no balneario de Laias, con tratamento antiestrés. Ademáis durante a primavera realizarán diferentes camiñatas pola comarca e unha viaxe fora de Galicia.


29 sept 2010

ESCASA INCIDENCIA DA XORNADA DE FOLGA EN QUIROGA

Escasa incidencia da xornada de folga en Quiroga na que prácticamente a totalidade dos traballadores acudiron o seu posto de traballo.

Nas principais empresas locais o 100% dos traballadores tiveron unha mañán de traballo normal e sen incidencias, así no lo confirmaban en empresas como Piquisa, Excavaciones Goni, Tapicerías Quiroga ou Hermanos París.

No resto das empresas a incidencia foi tamén escasa polo que se pode cifrar en menos dun 2% o seguimento da folga. Tamén o número de comercios que pecharon ou abriron as súas portas máis tarde do horario habitual foi escaso.

En canto ós centros educativos, nos que a Xunta tiña pactado como persoal mínimo un membro da dirección, un docente e un membro do persoal de cociña, ademáis do 100% dos servicios de transporte escolar, a incidencia foi dispar. No Colexio de Educación Infantil e Primaria dos 16 profesores en plantilla soamente 1 estaba en folga e no Instituto de Educación Secundaria dunha plantilla de 27 soamente 11 secundaron a folga.

No Centro de Saúde a totalidade do persoal acudiu o seu posto de traballo.

28 sept 2010

A OFICINA DE XUVENTUDE ORGANIZA UN CONCURSO DE FOTOGRÁFÍA

A Oficina de Xuventude do concello, organiza un Concurso de Fotografía en colaboración coa Xunta de Galicia, no que poderán participar todas as persoas que así o desexen cun máximo de tres fotografías.

O tema do concurso versará sobre as vacacións preferidas do Val de Quiroga.

As fotografías serán de tamaño 10x15.

Os datos do autor/a, enderezo e teléfono, presentaranse dentro dun sobre pechado. No exterior figurará o título da foto.

Como premio, todos os participantes obterán un detalle e o gañador levará unha cámara dixital.

Os traballos pódense enviar por correo ou entregalos persoalmente na Casa de Cultura ou na Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga, antes do 29 de outubro.

O fallo do xurado será inapelable e os traballos quedarán en propiedade do Concello. Comunicaráselles ós gañadores a data fixada polo Concello para a entrega dos premios.

27 sept 2010

O CENTRO SOCIAL CELEBRA O DÍA INTERNACIONAL DOS MAIORES

O Centro Social para a Terceira Idade celebrará este venres, día 1 de outubro, o día internacional das persoas maiores.

Con motivo desta celebración o centro inaugurará oficialmente a nova sala para actividades físicas e deportivas no salón social do centro. A inauguración terá lugar ás 12 da mediodía.

Pola tarde, a partir das seis, os socios estarán convidados a chocolate con churros e a continuación poderán disfrutar dun animado baile adicado ó día do maior.

Ademais desta celebración, durante o mes de outubro o centro acollerá unha exposición de Mónecas de fantasía, Decoupage e Repuxados; traballos realizados polos socios nos últimos talleres levados a cabo no centro.

Tamén o día 27 de outubro o centro realizará un concurso de elaboración de tortilla española, con agasallos para todas as tortillas e degustación das mesmas.

Sen esquencerse dos bailes organizados para os socios todos os domingos do mes.



23 sept 2010

GRUMIR E PROTECCIÓN CIVIL FAN PRÁCTICAS DE RESCATE DUN ACCIDENTADO NUN BARRACO

Persoal do grupo municipal de intervención rápida (Grumir) e da agrupación local de Protección Civil do Concello de Quiroga está levando a cabo un curso de reciclaxe en salvamento e socorrismo. O curso comenzou o pasado martes na Casa da Cultura e ten unha semana de duración, sendo impartido por bombeiros profesionais.

Consta de clases teóricas e prácticas, as clases teóricas desenvolveranse na Casa dá Cultura e as prácticas, coas que comenzaron esta mañá desenvólvense en diferentes lugares. Esta mañá as prácticas centráronse no rescate dun accidentado nun barranco para o que se desprazaron a unha zona de Bendollo.

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, quixo supervisar o desenvolvemento desta aprendizaxe que tanto os membros de protección civil como do grupo municipal de intervención rápida terán que poñer algunha vez en práctica.

22 sept 2010

A AREA DE EDUCACIÓN SOCIAL OFERTA CURSOS DE NATACIÓN PARA NENOS

Dende o Concello de Quiroga, a través da Área de Educación Social, ofertase novamente o curso de natación trimestral, de outubro a decembro, na piscina climatizada de Monforte de Lemos.

Neste curso poden participar todos os nenos e nenas de 3 a 12 anos do pobo, de forma gratuita, xa que está subvencionado pola Deputación Provinicial e máis o concello de Quiroga.

O curso de natación, desenvolverase todolos mércores dende as 16:35h. ata as 19:00h. a partir de outubro ata finalizar o mes de decembro. Os nenos, acompañados dun monitor de tempo libre, irán en autobús que os recollerá e os devolverá ó colexio de educación infantil e primaria.

Os rapaces deberán levar bañador, chanclas e gorro, ademáis dunha toalla e roupa para cambiarse.

Para participar nesta actividade os rapaces deben inscribirse na Casa de Cultura, ben persoalmente ou a través do teléfono 982 435 125, dando os datos do participante; indicando se o interesado sabe nadar.

21 sept 2010

PEREGRINOS QUIROGUESES RETOMAN ESTE SÁBADO A SUA PEREGRINAXE A PE A SANTIAGO

O concello de Quiroga retomará este sábado, tralo descanso na época estival, o seu recorrido polo tramo do Camiño Francés que discorre por Galicia. Trátase de recorrer a pé o tramo dende o Cebreiro ata Santiago de Compostela, 145 Km. en total, en sete etapas que se realizan os sábados.

A etapa deste sábado será xa a quinta, cun tramo de 28,8 Km, entre Palas de Rei e Arzúa, para o que os participantes sairán ás sete da mañá de Quiroga.

Un autobús encargarase de levar ós participantes ó punto de partida e de recollelos no final da etapa; ademais o autobús estará durante todo o recorrido a disposición dos caminantes por se o precisan nalgún momento.

Este programa púxose en marcha a principios do pasado mes de marzo e rematarase o día 23 de outubro coa chegada a capital galega. Ós caminantes restanlle por recorrer 68 Km, que teñen divididos en tres etapas.

20 sept 2010

CURSO DE SALVAMENTO E SOCORRISMO PARA OS GRUMIR E PROTECIÓN CIVIL

O Concello de Quiroga vai levar a cabo un curso de reciclaxe en salvamento e socorrismo para o persoal do grupo municipal de intervención rápida (Grumir) e da agrupación local de Protección Civil. O curso empezará mañá martes, durará unha semana e será impartido por bombeiros profesionais.


Constará de clases teóricas e prácticas, as clases teóricas desenvolveranse na Casa dá Cultura e as prácticas no campo de fútbol e na chaira da base do Grumir.


A última intervención deste persoal en materia de rescate tivo lugar a pasada semana cando tiveron que rescatar a unha muller que caera nun barranco que da á vía férrea en Sequeiros. O rescate estivo a piques de ter graves consecuencias cando un tren arroiou a escaleira pola que subia un membro do Grupo Municipal de Intervención Rápida. O operario municipal apenas sufriu feridas porque puido agarrarse á malla metálica que envolve a trincheira do ferrocarril neste punto para evitar desprendementos e amuller puido ser finalmente rescatada.




17 sept 2010

140 ALUMNOS DO I.E.S. COMENZAN HOXE O SEU CURSO ESCOLAR

O Instituto de Educación Secundaria de Quiroga comenzaba esta mañá o curso 2010/2011, coa presentación do mesmo.

A diferencia doutros anos, os alumnos presentábanse hoxe de xeito escalonado. Ás once acudían ó centro educativo os alumnos de 1º e 2º da Educación Secundaria Obligatoria. Ás once e media facíano os alumnos de 3º e 4º da ESO e finalmente ás doce da mediodía acudían os alumnos de Bacharelato.

Na xornada de hoxe os alumnos foron recibidos polos seus titores e pola directora do centro, no sálón de actos; e a partir do luns xa comenzarán as súas clases co seu horario habitual.

Segundo a directora do centro, Rosa Diéguez, o número de alumnos matriculados mantense en cifras semellantes o de anos anteriores, sobre os 140, pero unha das novidades do curso será que se terán que constituirse dous grupos máis por sobrepasar o número de alumnos en dous dos cursos.

16 sept 2010

INFORMÁTICA, TENIS, MANUALIDADES E BAILES DE SALON ACTIVIDADES OFERTADAS POLA ASOCIACIÓN SAN MARTIÑO

A Asociación de Mulleres San Martiño oferta catro actividades para a tempada 2010/2011: Informática, Tenis, Manualidades e Bailes de salón; que comenzará a principios do vindeiro mes de outubro.

O curso de informática comenzaría o 6 de outubro e impartiríase os mércores de sete a oito da tarde no telecentro da casa da cultura. Tenis comenzaría o 5 de outubro e disputaríase na pista de tenis das inmediación do Auditorio os martes dende as seis da tarde ata as sete. Manualidades impartiríase os venres dende as catro da tarde ata as seis no centro de formación ocupacional Pía Páxaro dende o día 1 de outubro. E finalmente os bailes de salón que comenzaría o tres de outubro no salón de baile do Centro Social os domingos de cinco e media da tarde a seis e media.

Para levar a cabo estas actividades ten que haber un mínimo de 12 persoas inscritas por actividade. Para inscribirse ou máis información poden dirixirse a calquera membro da xunta directiva da asociación.

15 sept 2010

UNHA TRINTENA DE RAPACES COMENZARON ONTE A LUDOTECA MUNICIPAL

A Área de Educación Social do concello de Quiroga, puxo en marcha na tarde de onte novamente o servicio de Ludoteca 2010/2011, que se prolongará ata o mes de xuño.


Nesta actividade, que onte se iniciaba coa visita da concelleira da área social, Ana Núñez, poden  participar todos os nenos e nenas de 3 a 12 anos, de forma totalmente gratuita.


Os obradoiros da ludoteca lévanse a cabo entre as cinco e media da tarde e as oito e media todolos martes e os xoves, na Casa de Cultura. Dentro das súas actividades incluen manualidades, xogos, dinámica, cine, internet e animación á lectura.

 
A trintena de rapaces que comenzaron onte esta actividade están divididos en tres grupos. De cinco e media da tarde a seis e media acuden os nenos de 3 a 6 anos de idade; de seis e media a sete e media os nenos de 7 a 9 anos; e dende as sete e media ata as oito e media do serán acuden os rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 12 anos.

13 sept 2010

CO INICIO DO CURSO ESCOLAR RETOMANSE OS SERVICIOS DE LUDOTECA E NATACIÓN NA PISCINA DE MONFORTE

Dende o Concello de Quiroga, a través da Área de Educación Social, ofertase novamente o servicio de Ludoteca 2010/2011, que vai de setembro a xuño, así como o curso de natación trimestral, de outubro a decembro, na piscina climatizada de Monforte de Lemos, subvencionadas as dúas actividades pola Deputación Provinicial e máis o concello de Quiroga.

Nelas poden participar todos os nenos e nenas de 3 a 12 anos do pobo, de forma gratuita.

Os obradoiros da ludoteca lévanse a cabo entre as cinco e media da tarde e as oito e media os martes e os xoves, na Casa de Cultura.

O curso de natación, por outra banda, terá lugar os mércores dende as 16:35h. ata as 19:00h. a partir de outubro ata finalizar o mes de decembro.

Para participar en calquera destas dúas actividades os rapaces deben inscribirse na Casa de Cultura, ben persoalmente ou a través do teléfono 982 435 125, dando os datos do participante; nome e apelidos, data de nacemento, teléfono e, no caso do curso de natación, indicar se sabe nadar.

10 sept 2010

O COLEXIO DE EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA INICIOU HOXE O SEU CURSO ESCOLAR

139 alumnos do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga comenzaron esta mañá as clases do curso 2010 – 2011, que se prolongarán ata o mes de xuño.

Durante este mes de setembro, ó igual que no mes de xuño, os alumnos terán clases dende as dez da mañá ata as duas e media da tarde. Pero contarán co servicio de transporte e comedor o seu pleno rendimento, polo que os alumnos que usen o servicio de comedor quedaranse a comer no centro unha vez rematen as clases e as tres e media subirán ó transporte escolar no que voltarán os seus fogares.

En canto ó idioma no que se impartirán as clases, no ciclo de Educación Infantil, no curso de tres anos o material está en castelán, xa que a mairía dos alumnos utilizan este idioma; ó contrario do que o corre cos alumnos de 4 e 5 anos que terán o seu material en galego.

En educación primaria respetarase o plurilingüismo, polo que o 50% das materias impartiranse en galego e o outro 50% en castelán. Matemáticas, unha asignatura ata agora impartida en galego pasa a impartirse en castelán.

No referente ás axudas para os libros de texto, os alumnos de 1º e 2º poderán optar a axudas de 180 ou 104 €, en función dos ingresos familiares. Os de 3º e 4º continúan co sistema de préstamo, coa salvedade de que deberán de mercar os libros de matemáticas e relixión polo cambio de idioma, xa que pasan de galego a castelán.

Os pais destes alumnos deberán de cubrir uns impresos que se lles facilitan no centro educativo para recibir un vale que deben entregar nas librerías onde adquiran estes manuais.

9 sept 2010

OS UNIVERSITARIOS QUIROGUESES XA PODEN SOLICITAR O BONOBÚS OFERTADO DENDE O CONCELLO

Un ano máis, coincidindo co inicio do curso universitario o concello de Quiroga pon en marcha o programa do Bonobús. Programa co que o concello axuda económicamente a todos aqueles rapaces empadroados en Quiroga que cursan os seus estudios universitarios nos distintos campus galegos.

O concello subvenciona nun 50% o servicio de transporte ás distintas universidades de Galicia. Así os mozos que se desplacen ó campus de Santiago terán que abonar polo bono anual 532,50 €; os que se desplacen a Lugo, 332,50 €; á Coruña 592,50€; a Vigo 692,50 e os que vaian a Ourense abonarán 235€.

Cada abonado terá dereito a duas viaxes semanais durante o curso escolar, unha de ida e outra de volta. As saídas do autobús universitario serán os domingos e os retornos os venres; en caso de existir pontes, as saídas produciranse os días festivos e os retornos as vésperas de festivos.

Para os desprazamentos a Santiago e Lugo, os universitarios poderán optar por todalas expedicións que a empresa Monbús teña en funcionamento.

O servicio que comenzará o vindeiro día 12 estará en funcionamento ata o 10 de xuño do 2011. O Bonobús pódese solicitar na oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga.

8 sept 2010

O MES DE SETEMBRO ACOLLE NOVAMENTE O PROGRAMA NOITES ALTERNATIVAS PARA OS MOZOS

Dende a Oficina de Xuventude do Concello de Quiroga, en colaboración coa Xunta de Galicia, organizouse o programa Noites Alternativas, que se desenvolverá todolos sábados do mes de setembro.

O programa dirixido a mozos de entre 12 e 31 anos, desenvolverase na Casa da Cultura dende as dez da noite ata a medianoite. Os rapaces que acudan, para o que non se precisa inscripción previa, poderán elexir entre distintas actividades: lectura na biblioteca, xogos de mesa na ludoteca, fútbolín e scalextric na entrada da Casa da Cultura ou play e internet no telecentro.

Como estas actividades van dirixidas a mozos a partir dos doce anos, contarán cun monitor para levar adiante esta actividade coa atención que se merecen.

2 sept 2010

XOGOS NA PISCINA PARA DESPEDIR A LUDOTECA DE VERÁN

A Ludoteca de Verán celebrou o martes cunha festa de despedida o fin do verán e o remate deste servicio. A partir das 12:00h. da mediodía tiña lugar na piscina municipal, “A xincana da auga”.

Deste actividade encargouse a empresa de animación “Trasnadas” e consistiu nunha xornada de xogos coa auga, como carreiras de relevos na auga, busca de obxectos, transporte de auga, a piñauga, xogos todos eles para que os nenos e nenas se mollaran e o pasaran moi ben.

Como remate desta actividade que se prolongou ata as duas da mediodía, todos os participantes recibiron un agasallo en forma de larpeirada.

Por outro lado, a ludoteca municipal de inverno, servicio gratuíto ofertado dende o concello de Quiroga en colaboración coa Deputación de Lugo, voltará en setembro xunto co comezo do curso 2010/2011. Este servicio desenvolverase os martes e xoves a partir do día 14 ás 17:30 horas terá lugar o primeiro turno para nenos de 3 a 6 anos, ás 18:30h. comezarán os nenos de 7 a 9 anos e a partir das 19:30h. os rapaces de 10 a 12 anos.