30 nov 2010

A REHABILITACIÓN DA CAPELA DE SAN XOÁN REMATADA PARA MARZO DO 2011

Comenzou a nova restauración da Igrexa Parroquial de Hospital, que nesta ocasión se centra na Capela de San Xoán.

O remate destas obras, que se centrarán tanto no exterior como no interior da capela, está previsto para marzo de 2011. Entre as accións que se levarán a cabo na parte externa do templo destacan a reforma do peche exterior do espazo anexo á sancristía, o soterramento da acometida eléctrica, a pavimentación do acceso exterior en rampla mellorando a accesibilidade ó adro, a reparación e dotación de novos canalóns de cobre na cuberta, dotacións de goteróns de protección contra as escorrentas de auga no campanario e mellora de impermeabilización nalgunha das limas da cuberta, a reparación dos beirís de pedra da torre campanario e da fachada principal e o pintado dos paramentos exteriores encalados da igrexa.

No interior do mesmo levarase a cabo a restauración dos revestimentos interiores da capela, a retirada da imaxe da San Xoán da súa posición actual para proceder ó seu novo emprazamento sobre unha peaña á entrada da capela, a dotación de peche de vidro da fiestra recuperada, a recuperación das lousas brasoadas do chan e recomposición do pavimento pétreo da capela, a recolocación e traballos de conservación dos sartegos existentes nos arcosolios das paredes laterais, a reparación e rehabilitación dos chanzos de entrada a capela e das pedras rotas do limiar redefinindo este elemento, a dotación de equipos para a iluminación da capela e a recuperación das policromías e azulexaría decorativa do altar. Asemade tamén procederase á colocación dun novo caixón e tapa de madeira dun dos sarcófagos, a colocación no nicho libre o frontal de pedra e a colocación de dous focos de luz sobre cada cornixa lateral da bóveda.

A Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Cultura e Turismo, e o Concello de Quiroga veñen colaborando e desenvolvendo obras de acondicionamento, mellora, posta en valor e conservación da igrexa de San Salvador de Hospita, dende o ano 2005. Nesta nova etapa a Consellería de Cultura e Turismo destinará un total de 85.294 euros para a restauración e acondicionamento desta capela.

AS ESCOLAS DEPORTIVAS OFERTAN CLASES DE AERÓBIC PARA MAIORES DE 16 ANOS

Dende as Escolas Deportivas Muncipais ofértase unha nova modalidade de deporte, trátase de clases de Aeróbic, dirixidas a toda a poboación maior de 16 anos.

Estas clases desenvólvense todolos martes e xoves dende as oito menos cuarto do serán ata as nove menos cuarto, no Pavillón Municipal.

Todalas persoas interesadas en participar soamente deberán de presentarse no Pavillón no momento das clases para a súa inscripción e abonar 15 € por mes.

Durante este curso, as Escolas Deportivas ofertan as modalidades de Fútbol Sala, Atletismo, Tenis e agora Aeróbic.

29 nov 2010

A NOVA LUDOTECA E A NOVA SALA DE EXPOSICIÓNS REMATADAS ANTES DE FINAIS DE ANO

O rexedor local, Julio Alvarez, anunciou que a nova Ludoteca e a nova Sala de Exposicións, situadas nos baixos da Casa da Cultura, estarán rematadas antes de finais de ano.

A superficie ocupada pola anterior Guardería Municipal pasará así a converterse nunha zona para a Ludoteca infantil, un espacio creado únicamente para o uso dos rapaces; e nunha nova Sala de Exposicións, que se unirá as duas xa existentes: unha no Museo Etnográfico e a outra na entrada do Auditorio Municipal.

Aínda que estas duas novas áreas comparten solo, serán dous espazos totalmente independentes, xa que a súa finalidade é moi diferente.

OS MOZOS DE QUIROGA A TRAVÉS DO PROGRAMA "DETRÁS DA CANCIÓN" PODERÁN PARTICIPAR NUN OBRADOIRO DE CREACIÓN MUSICAL

O vindeiro 8 de decembro, o concello de Quiroga, acollerá o proxecto de Dinamización Lingüística Bocaberta “Detrás da Canción”, patrocinado pola Xunta de Galicia.

O programa Bocaberta, é unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que busca promover a língua galega entre os rapaces e rapazas a partir de 12 anos. Esta iniciativa, que conta co apoio da Secretaría Xeral de medios a través da Rede de Telecentros de Comunicación, quere poñer de manifesto que o galego é un idioma tan válido como calquer outro para a expresión musical.

O programa consta de duas partes, a primeira é un obradoiro de creación musical que se impartirá no Telecentro dende as seis da tarde ata as oito do serán. Este curso que se imparte en duas sesións de 50 minutos de duración cada unha, permitiralles ós asistentes coñecer algunhas das ferramentas básicas para gravar unha peza nun ordenador convencional e posteriormente publicala en Internet.

A segunda parte do proxecto, será un concerto acústico a cargo de The Homens e Projecto Mourente, que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura a partir das oito do serán.

Os rapaces interesados en participar poder inscribirse na Casa da Cultura a través do teléfono 982.43.51.25 ou ben na páxina web www.detrasdacancion.info


26 nov 2010

O CONCELLO DE QUIROGA ORGANIZA UNHA VIAXE PARA ASISTIR COMO PÚBLICO O PROGRAMA DE TELE5 SÁLVAME

O Concello de Quiroga organizou unha viaxe a Madrid para asistir como público ó programa de Tele5 “Sálvame”. O número de prazas e o día que se realizará aínda está por determinar xa que depende da organización do programa.

Os participantes deberán de aportar 30 €, nos que se incluén a viaxe en autobús, unha visita panorámica a cidade de Madrid, o xantar e un bocadillo de merenda.

As persoas interesadas poden comenzar xa a inscribirse tanto na casa consistorial como na Televisión Municipal de Quiroga, persoalmente ou a través dos teléfonos 982.42.80.01 e 982.43.50.01.

En caso de haber máis persoas inscritas que prazas ofertadas realizarase un sorteo público.

O PAVIMENTO DA IGREXA DA SEARA OBXETO DUNHA REFORMA

O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado do concelleiro Angel Rodríguez,  achegouse ata a Seara onde se está traballando na igrexa parroquial.

Trátase dunha obra de colaboración que inclúe o cambio de pavimento interior do templo, na parte central cambiarase a madeira e nos laterais a pedra rústica. Tamén se arranxarán as escaleiras e a entrada da igrexa.

 
A igrexa de Santa María Magdalena xa foi obxeto dunha reforma anterior para a que se contou con fondos do plan Leader a través da antiga Asociación Río Lor.

Ésta non é a única igrexa parroquial do municipio que se está arranxando, xa que a pasada semana comenzaron as obras de restauración da Capela de San Xoán, dentro da igrexa parroquial de Hospital. Obras para as que a Xunta de Galicia destiñou 85.000 €.

25 nov 2010

MELLORAS NA RECEPCIÓN DO SINAL DA TVG E DA TMQ NA MOÁ PERMITIRÁN SUBSANAR A DEFICIENCIA DO SINAL NOS FOGARES DO MUNICIPIO

Retegal, a empresa encargada do mantemento da rede da televisión de Galicia en Quiroga, está a traballar dende esta mañá no repetidor da Moá para modificar o sinal que se recibe da cadea autonómica, tras as continuas protestas dos veciños das que se fixo eco o Concello de Quiroga.

O que se está realizando é un cambio da sinal, que ata agora chegaba á Moá dende o Páramo a través dunha recepción terrestre, é decir, igual que nunha vivenda normal, agora chegará a través de radio enlace. Esto leva consigo que a forma de recibir o sinal sexa moito máis estable polo que non se verá afectada polas condicións adversas de auga e vento como ocorria ata o de agora.

Tamén se están cambiando os aparellos receptores para unha nova torre, máis alta que a existente, o que tamén mellorará a recepción do sinal nas vivendas.

Por todos estes cambios, ó longo da xornada de hoxe sofriranse cortes na recepción da televisión de Galicia, que quedarán subsanados entre a xornada de hoxe e a de mañá.

Aproveitando estes traballos, tamén se mellorarán os transmisores da Televisión Municipal de Quiroga, tras detectarse algúns problemas de sintonización nalgúns televisores particulares. Estes traballos tamén estarán rematados nun par de días.

Ademais, Retegal ten previsto que antes de finais de ano se instalen novos canais de TDT en Quiroga.

LAZOS BRANCOS PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

O Centro de Información á Muller do Concello, está a conmemorar o día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra hoxe.

Dende primeira hora da mañá, na entrada da casa consistorial, persoal do C.I.M. está a colocar lazos brancos na solapa dos viandantes, coa intención de implicar á sociedade no problema da violencia de xénero. Numerosos quirogueses acudiron esta mañá a solidarizarse con esta causa.

Co mesmo fin colocáronse lazos brancos nas fachadas de todos os establecementos de Quiroga que desexaron participar desta inciativa. O propio balcón da casa consistorial lucía dende onte unha gran pancarta e dende esta mañá un lazo branco.


SEN RASTRO DA MULLER QUE SE PRECIPITOU DENDE A PONTE DE RAIROS

Mergulladores da Garda Civil e persoal do grupo municipal de intervención rápida de Quiroga buscan dende onte no Sil o corpo dunha muller que se precipitou á auga desde a ponte da N-120 en Rairos.

O suceso ocorría o martes sobre as once e media da noite cando o GRUMIR de Quiroga recibía un aviso do 112 onde lle comunicaban cunha muller duns 40 anos de idade viña de precipitarse dende a ponte de Rairos. Inmediatamente, o GRUMIR e Protección Civil de Quiroga montaban un operativo xunto a Garda Civil que se prolongou ata pasadas as 3 da madrugada, no que participaba tamen o rexedor local Julio Álvarez.

Onte pola mañá reanudábase a busqueda na que xa se unían persoal de dúas brigadas de obras do Concello quirogués. A última hora da mañá incorporáronse ó rastrexo especialistas do grupo de mergullo da Garda Civil que ten a súa base na Coruña. A procura seguiu ata as seis da tarde, cando a falta de luz obrigou a parar.

Esta mañá retomábanse novamente estes traballos, pero ata a mediodía aínda seguía sen atoparse ningún rastro da muller.


O XEFE TERRITORIAL DE EDUCACIÓN DIXO NA SÚA VISITA A QUIROGA QUE A FINALIDADE DAS VIVENDAS DOS MESTRES DEPENDE AGORA, TRAS A SÚA DESAFECTACIÓN, ESTRICTAMENTE DA CORPORACIÓN MUNICIPAL

O xefe territorial de Educación, José Jesús Ramos Ledo, visitaba na mañá de onte os centros educativos da vila de Quiroga, acompañado das directoras dos mesmos e do rexedor local, Julio Alvarez.

Na súa visita, facía un recorrido polo Instituto de Educación Secundaria e polo Colexio de Educación Infantil e Primaria, para primeiramente comprobar que se fixeron as obras anunciadas na súa anterior visita e a continuación para ver que melloras se poden acometer nos dous centros educativos.

O xefe territorial fixo referencia a posibilidade de cubrir parte do patio do instituto, petición que lle facía a directora do centro, sempre que esta obra encaixara dentro do orzamento do vindeiro ano.

Falou da dotación de ordenadores da que dispón do I.E.S, que forma parte do proxecto Abalar da súa consellería e apuntou que queda o reto de que o colexio entre tamén nunha nova fase deste proxecto.

A visita do xefe territorial coincidía co anuncio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de autorizar a desafectación, solicitada polo Concello de Quiroga, de 7 vivendas de mestres do CEIP de Quiroga, para que os edificios escolares poidan destinarse a outros servizos ou finalidades. En referencia a este tema o xefe territorial dixo que a finalidade destas vivendas depende agora estrictamente do concello.

A PIQUES DE REMATAR OS TRABALLOS DE RECUPERACIÓN DA RUTA DO SOUTO DA CALEIRA EN CEREIXIDO

O concello de Quiroga está traballando na recuperación do camiño do “Souto da Caleira”. Os traballos da primeira fase deste proxecto consisten na limpeza e na sinalización da ruta. Os traballos de limpeza están rematados e en próximos días quedará rematada a sinalización.

Esta ruta, dun km e medio, vai dende a fonte da Cal ata Cereixido, discorrendo por soutos de enorme beleza e onde podemos atopar un forno de cal recuperado anos atrás polo concello de Quiroga e as ruínas da Capela da Santa, onde se atopan uns curiosos enterramentos escavados en rocha. A ruta remata na igrexa de Cereixido co seu teixo milenario.

A recuperación desta ruta forma parte do proxecto que o Concello de Quiroga vai levar a cabo cunha axuda da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, por importe de 20.000 €, para recuperar varias rutas de sendeirismo dentro do territorio da Rede Natura 2000.

Con esta axuda, ademáis de recuperar esta ruta, vaise recuperar o camiño da “Fonte Rubia” da Seara a Formigueiros; e mellorarase a contorna da Fervenza de Vieiros que quedou seriamente danada polos pasados temporais.

23 nov 2010

A CONSELLEIRA DE TRABALLO E BENESTAR VISITABA ESTA MAÑÁ QUIROGA

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, e a corporación, recibía esta mañá á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na Residencia da Terceira Idade.

A comitiva visitaba a continuación as instalacións da Residencia, acompañada polo director do centro. A titular da Administración sociolaboral galega sinalou este centro como unha das “máis importantes” achegas do Goberno galego a Quiroga.

Nesta liña, lembrou que o departamento que dirixe investirá en 2011 máis de 1,4 millóns de euros no mantemento das 88 prazas da residencia de maiores de Quiroga, centro xestionado pola Fundación Valdegodos ó que a Xunta destinou esa mesma contía este ano.

Tras a visita éstas instalación a conselleira facía unhas declaracións sobre os motivos da súa visita a Quiroga, que era coñecer as necesidades básicas que ten Quiroga e subliñaba a “estreita” colaboración institucional entre a Xunta e o Concello de Quiroga e situouna como “exemplo”.

Así mesmo, respecto á proposta de crear un centro de día no Concello, a conselleira comprometeuse a tentar dar unha resposta á petición nesta lexislatura.

A continuación desprazábanse precisamente ata os terreos nos que se construirá o futuro centro polivalente da Ribeira, principal petición que o alcalde lle facía á conselleira. A conselleira amosaba o seu agrado cos terrenos e comprometeuse a colaborar co concello.

O concello de Quiroga xunto ca Consellería de Traballo e Benestar construirán un centro multiusos cuxo fin primordial será de carácter social e a súa inversión ascenderá a 700.000 €.

O concello adquirirá os terreos, acondicionaraos, urbanizaraos e construirá unha pista polideportiva e un parque infantil.

A visita da conselleira remataba no Poboado Xitano do Toucedo, lugar no que se están levando a cabo accións formativas . A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, gabou o labor de inclusión que se está a desenvolver coas persoas da etnia xitana. O obxectivo desta iniciativa é lograr a súa vinculación en accións como a busca activa de emprego; alfabetización; formación ocupacional; capacitación en habilidades persoais e seguimento individualizado de todo o proceso.

22 nov 2010

O MÉRCORES VISITA QUIROGA O XEFE TERRITORIAL DE EDUCACIÓN

O xefe territorial de Educación, José Jesús Ramos Ledo, visitará o vindeiro mércores día 24 de novembro os centros educativos da vila de Quiroga.

Na súa visita, na que está previsto un encontro cos directores dos centros, farase unha visita polos centros para  ver que necesidades ten cada un deles e que é o que se pode facer con cada unha das súas necesidades.

UN OBRADOIRO NO I.E.S. E A COLOCACIÓN DE LAZOS BRANCOS, ACTOS CONMEMORATIVOS DO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

O Centro de Información á Muller do Concello, está a impartir un obradoiro no Instituto de Ensinanza Secundaria de Quiroga co fin de conmemorar o día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra este xoves.

O obradoiro que comenzou hoxe, impartirase mañá e o mércores coa finalidade de sensibilizar os mozos e mozas sobre a violencia de Xénero. Igualmente preténdese traballar na prevención desta lacra social, identificándoa e ofrecendo pautas de loita contra ela.

Como remate do Obradoiro farase unha mesa redonda cos mozos do I.E.S., que se retransmitirá na Televisión Municipal de Quiroga o xoves día 25 a partir das oito e media do serán.

Ó longo da xornada do xoves, como en anos anteriores, na entrada da casa consistorial, persoal do C.I.M. colocará lazos brancos na solapa dos viandantes, coa intención de implicar á sociedade no problema da violencia de xénero. Co mesmo fin colocaranse lazos brancos nas fachadas de todos os establecementos de Quiroga que desexen participar desta inciativa.

ALTERCADOS NA NOVA TRAIDA DE AUGA DE QUIROGA

A nova traída de auga municipal xa sofriu dous intentos de sabotaxe. Aqualia, empresa concesionaria da auga en Quiroga, informou  de dous altercados sofridos na nova traída de auga municipal que aínda non foi inaugurada.

Un destes altercados consistiu no intento de queimar as tomas de auga e o outro foi o intento de romper as tuberías tirando pedras dentro das arquetassituadas nas zonas de captación.

19 nov 2010

O ALCALDE SOSTÉN QUE O PREZO DA AUGA EN QUIROGA É UN DOS MÁIS BAIXOS

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, defendeu unha vez máis que o que se paga pola auga no concello de Quiroga segue sendo inferior ó que se paga noutros concellos e incluso fixo unha comparativa con concellos como Ribas do Sil e Monforte de Lemos.

Para reafirmar as súas palabras amosou recibos destes dous municipio:
Recibo de Monforte de Lemos:

Recibo de Ribas do Sil:

Recibo de Quiroga:

MÁIS DA METADE DO MUNICIPIO DE QUIROGA DISPORÁ DE ACCESO Á BANDA ANCHA ANTES DE REMATAR ESTE ANO

O rexedor local, Julio Alvarez, anunciou que máis da metade do municipio de Quiroga terá acceso a Internet de calidade a finais deste ano 2010 gracias á inversión que realizará a Xunta nunha primera fase de despliegue de redes fixas e inalámbricas.

Esta actuacion será posible grazas a un convenio asinado pola secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e o conselleiro de Medio Rural, para a extensión de novas infraestructuras de telecomunicacions.

Gracias ó convenio, Plan de Banda Ancha 2010-2013, ó que está acollido o concello de Quiroga, a finais deste ano o 60% do territorio quirogués disporá deste servicio, que se irá incrementando paulatinamente ata completarse a totalidade da cobertura mediante servicios de acceso vía satélite á banda ancha.

Iberbanda posibilitará o acceso ó servicio de banda ancha de calidade ós habitantes do municipio de Quiroga. A solución ofertada por Iberbanda empregará a tecnoloxía sen fios Wimax Móvil de banda licenciada que, prestará un servicio mínimo esixido de 2 Mbps de velocidade de baixada e 512 Kbps de subida cun 20% de caudal garantido o 95% do tiempo.

A CONSELLEIRA DE TRABALLO E BENESTAR VISITARÁ QUIROGA O VINDEIRO MARTES

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, recibirá o vindeiro martes, día 23 de novembro, á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato.

O motivo principal da visita da conselleira a Quiroga é o proxecto sociocultural que o concello vai levar a cabo na zona da Ribeira.

18 nov 2010

REMATADA A RECUPERACIÓN DA RUTA DO FERRADAL QUE UNE RUGANDO E PONTE SOLDÓN

O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado do concelleiro Angel Rodríguez, e de dous técnicos municipais, achegouse ata o camiño do Ferradal, que une Rugando con Ponte Soldón.

Coa colocación de dous paneis explicativos da ruta e do enclave da Penafurada, así como de sinalización vertical o longo de toda a ruta e puntos intermedios de acceso, o concello da por rematada a recuperación desta antiga ruta, que no seu día servía para transportar o ferro e outros materiais as ferrerías de Rugando e a Gorgueira (Paradaseca).

Esta ruta, considerada polo concello como unha das máis interesantes do municipio por todos os compoñentes que a integran, está agora lista para o seu uso, tendo en conta que é unha ruta de montaña de 11 km, que discorre por un terreo abrupto.

Un dos puntos máis atractivos da ruta e a denominada área mineira de Penafurada, entre os lugares de Paradaseca e Paradapiñol. Nesta zona acondicionouse unha superficie duns 2.000 m2, onde se poden contemplar concentrados varios elementos interesantes do complexo mineiro romano que ocupaba boa parte do curso baixo do río Soldón. O esporón de Penafurada permite contemplar con bastante claridade dúas explotacións auríferas romanas, que conservan case todos os seus elementos, ademais pode accederse con comodidade ó túnel que formaba parte dunha importante canle de abastecemento de auga das minas emprazadas augas abaixo e mesmo, segundo algún investigador, da grande mina das Medas ó carón de Quiroga.

16 nov 2010

O CONCELLO DE QUIROGA DISPORÁ DUN VEHÍCULO PARA TAREFAS DE ÁMBITO AMBIENTAL

O alcalde quirogués, Julio Alvarez, anunciou esta mañá que a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, concedeulle ó concello de Quiroga un vehículo todoterreo para o uso de Protección Civil e o Grupo Municipal de Intervención Rápida en tarefas de ámbito ambiental.

O todoterreo que lle será entregado ó concello en breve, estará equipado con sonómetros para efecturar as medicións relacionadas con ruídos molestos e insalubres. Tamén disporá de equipamento para a toma de mostras, tanto sólidas como líquidas, nos casos de residuos e verteduras.

15 nov 2010

O CAMIONEIRO DUN DUMPER DE PIQUISA SOFRE UN ACCIDENTE EN VILARBACÚ

Efectivos do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) de Quiroga,  da Gardia Civil e de Urxencias Médicas-061 conseguiron rescatar a un home que se despeñou co camión, que conducía, un dumper, por un terraplén de unos 300 metros na canteira de Piquisa.

O ferido, que presentaba lesións de carácter grave, foi atendido na ambulancia por un equipo sanitario, e unha vez estabilizado, foi trasladado de urxencia ó hospital comarcal de Monforte. Foi o propio conductor do camión quen informou á central de coordinación de emerxencias do 112 de que acababa de sofrir un accidente nunha zona de monte, concretamente na estrada local que comunica os núcleos de Vilarbacú e Pacios da Serra.

Inmediatamente, a central de emerxencias movilizou á Gardia Civil, ó Grupo Municipal de Intervención Rápida de Quiroga e os Bombeiros de Valdeorras para iniciar o rescate, aínda que non foi preciso que estes último chegasen ó lugar. O propio conductor efectuou unha segunda chamada ó 112, algo máis tarde, para informar de que se encontraba cerca, a uns 500 metros, da nave dunha empresa pizarreira ubicada en Vilarbacú.

Gracias ó operativo conxunto desplegado polos equipos de emerxencias, segundo informou o propio 112, o ferido foi rescatado sobre as dez e media da mañá, case duas horas despois da súa primera chamada á central de coordinación de emerxencias do 112.

12 nov 2010

O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLE MAÑÁ A REPRESENTACIÓN DA OBRA "RETRATOS" A CARGO DA COMPAÑÍA TEATROCREA

Mañá sábado a Auditorio Municipal acollerá unha nova obra de teatro, retomando o circuito Buxiganga organizado pola Deputación Provincial en colaboración co concello de Quiroga.

Dentro deste circuito, a compañía Teatrocrea, presenta a obra titulada Retratos. Trátase dunha crítica humorística da sociedade actual creada a partir de retratos da sociedade galega contemporánea, levados con humor e ironía por diferentes paisaxes persoais. É unha obra reflexiva, crítica, pero sen deixar de facernos rir de nós mesmos e das caricaturas da nosa sociedade actual.

Este traballo é unha creación colectiva dirixida por Carolina Fernández, artista multidisciplinar escénica galega e conta coa colaboración artística de varios profesionais galegos.

A representación, dunha duración aproximada de 45 minutos, terá lugar a partir das sete da tarde no Auditorio Municipal.

O CENTRO SOCIAL ACOLLE ESTA TARDE UN CONCURSO DE TORTILLA ESPAÑOLA

O Centro Social realizará a súa actividade de manualidades gastronómicas adicada a tortilla española, esta tarde.

Esta nova actividade de manualidades gastronómicas, comenza coa xornada adicada a tortilla española, prato culinario máis coñecido internacionalmente e que terá continuidade ó longo do vindeiro ano coa realización doutros pratos típicos.

Segundo a dirección do centro nesta actividade poránse en práctica formas, tamaños, sabores e presentacións dunha tortilla española. Pero respetando os ingredentes básicos: ovos, patacas, aceite e sal. Poderáselle engadir cebola ou pemento, pero non máis ingredentes.

Cada participante poderá presentar duas tortillas como máximo, pero soamente unha optará a premio. Cada tortilla deberá proporcionar 4 ou 6 racións.

Cada tortilla, que se presentará no centro antes das catro da tarde, recibirá un número xunto á identificación e os datos do participantes que se meterán nun sobre pechado.

A xornada celebrarase no bar do centro a partir das cinco da tarde, tendo lugar unha cata das tortillas presentadas coa valoración das cualidades culinarias de cada unha: gusto, textura, presentación e tamaño. Unha vez coñecidos os resultados da cata proclamaránse as tres mellores tortillas.

Ó final da xornada, sobre as sete da tarde, as tortillas presentadas serán degustadas polos asistentes ó acto acompañadas dun viño español.


10 nov 2010

ADXUDICADA A REHABILITACIÓN DA CAPELA DE SAN XOÁN DA IGREXA DE HOSPITAL

A Consellería de Cultura anunciou onte a adxudicación dunha nova fase da rehabilitación da capela anexa á igrexa de Hospital. Nesta ocasión, o proxecto servirá para actuar tanto no interior como no exterior deste edificio construído sobre os restos dunha igrexa prerrománica do século X, no que están enterrados señores da antiga orde de monxes guerreiros de San Xoán.

Os especialistas que se encarguen do proxecto dispoñen dun orzamento de  85.294 euros, co que terán que acometer dous tipos de traballos distintos. As obras deberían estar terminadas no mes de marzo.

Entre as actuacións previstas no exterior da Capela de San Xoán, o proxecto contempla a reforma do peche exterior do espazo anexo á sancristía, o soterramento da acometida eléctrica, a pavimentación do acceso exterior en rampla mellorando a accesibilidade ao adro, a reparación e dotación de novos canalóns de cobre na cuberta, dotacións de goteróns de protección contra a escorrentas de auga no campanario e mellora de impermeabilización nalgunha das limas da cuberta, a reparación dos beirís de pedra da torre campanario e da fachada principal e o pintado dos paramentos exteriores encalados da igrexa.

No interior levarase a cabo a restauración dos revestimentos interiores da capela, a retirada da imaxe da San Xoán da súa posición actual para proceder ó seu novo emprazamento sobre unha peaña á entrada da capela, a dotación de peche de vidro da fiestra recuperada, a recuperación das lousas brasoadas do chan e recomposición do pavimento pétreo da capela, a recolocación e traballos de conservación dos sartegos existentes nos arcosolios das paredes laterais, a reparación e rehabilitación dos chanzos de entrada a capela e das pedras rotas do limiar redefinindo este elemento, a dotación de equipos para a iluminación da capela e a recuperación das policromías e azulexaría decorativa do altar.

Asemade tamén procederase á colocación dun novo caixón e tapa de madeira ao sarcófago correspondente a Don Xoán de Losada e a súa muller Violante de Rivadeneyra, a colocación no nicho libre o frontal de pedra de Don Andrés de Losada e Prada, a colocación de dous focos de luz sobre cada cornixa lateral da bóveda e a recuperación de policromías dos parámetros laterais do altar así como as pezas do azulexo da parte frontal domesmo.

A Capela de San Xoán é parte da igrexa de San Xoán da parroquia de San Salvador de Hospital. Foi o xermolo do pobo de San Salvador, xa que ó seu redor construíronse máis casas, nobres e plebeas. A finais do século X fúndase unha igrexa prerrománica dedicada ó apóstolo San Bartolomé, coñecida como a Capela de San Xoán do Hospital. A Capela de San Xoán destinouse ós monxes guerreiros, os seus rezos e as súas cerimonias sagradas de iniciación e xuramentos a mediados do século XIII.

Actualmente a Capela é de planta cadrada, de grosos muros con contrafortes que reforzan as bóvedas interiores de medio canón, que descansan sobre arcos torais. Na cabeceira sitúase un altar de pedra con azulexos na súa fronte, no eixe vertical aparecen dous ocos verticais abocinados, cada unha das paredes dispón de dous arcos cegados a modo de arcosolios con estatuas xacentes en sarcófagos do século XV.

A rehabilitación da igrexa de Hospital iniciouse no ano 2005 cando o concello de Quiroga asumiu a mellora dos accesos á igrexa e a creación dun pequeño espacio para estacionar vehículos. Ademais o concello asinaba un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e o Obispado de Lugo para levar a cabo o primeiro proxecto de restauración desta igrexa parroquial.

Neste primeiro proxecto, que contou cun presuposto de 70.000 €, e no que tamén se incluia a rehabilitación da igrexa de Bendilló, reformouse exteriormente o edificio. Os traballos consistiron en erradicar as filtracións de auga, debido ó mal estado de conservación das cubertas, polo que se realizou un aillamento térmico das paredes para evitar humidades. E levouse a cabo a rehabilitación integral do exterior do monumento, adecuándose a pedra nas portas e fiestra e enlucindo as fachadas.

No ano 2006 realizouse a segunda fase da rehabilitación da igrexa. Cun presuposto de 72.000 €, Patrimonio retirou a vella capa de cal que cubría os muros interiores e sustituiuna por outra nova. Ademais destaparonse antigas estructuras de madeira ó derrubar os falsos teitos.

No ano 2007, nunha terceira fase dotada con 132.893 €, leváronse a cabo diversas reparacións nos muros para evitar filtracións de humidade no interior e a renovación integral da cuberta, así como o arranxo dunha finca colindante coa fachada sur da igrexa, que ameaza con derrubarse sobre o templo. En canto ó interior, renovouse por completo o pavimento de madeira e recolocaronse as intalacións eléctricas e a megafonía. O proxecto comprendeu ademais a realización de varias catas arqueolóxicas para comprobar se no subsolo do templo se conservaban restos dun antigo campanario e dun suposto cruceiro románico.

O director xeral de Patrimonio, José Manuel Rey Pichel, visitaba no pasado mes de xaneiro este templo, e xa anunciaba que o departamento que el dirixe ía financiar a recuperación da capela de San Xoán. A capela de San Xoán está en pleno Camiño de Inverno a Santiago, un dato que onte destacou a consellería como unha aposta por «potenciar o turismo cultural nesta ruta xacobea».

9 nov 2010

QUIROGA ACOLLERÁ O XOVES A CARREIRA POPULAR SAN MARTIÑO

O departamento de deportes do concello organizou a carreira popular San Martiño, que terá lugar o vindeiro xoves día 11 ás once da mañá.

Nesta carreira popular con caracter local, terán cabida todas as categorías de corredores, dende prebenxamíns ata cadetes.

A carreira comenzará ás once da mañá e terá tanto a súa saída como a súa meta diante da casa consistorial.

A proba comenzará coa categoría de prebenxamíns, cun recorrido de 100 metros (ata o bar Cine). A continuación sairán os alevíns e benxamíns cun recorrido de 1.000 metros – 1 volta ó bar Zorro. Finalmente farano os da categoría Infantil e Cadete, cun recorrido de 2.000 metros, ata as piscinas municipais e volta á meta.

Todolos participantes que deberán de inscribirse antes do comenzo da carreira na línea de saída recibirán unha medalla pola súa participación.

5 nov 2010

O CENTRO DE INFORMACIÓN Á MULLER ORGANIZA UN CURSO DE AXUDA NO FOGAR

O Centro de Información á Muller do concello comenza o vindeiro luns un curso de axuda no fogar, de 100 horas de duración, dirixido a mulleres preferentemente desempregadas.

En total son 15 as mulleres que poderán participar neste curso que se desenvolverá en horario de 4 da tarde a oito do serán.

O curso está cofinanciado polo concello de Quiroga, o Servicio Galego de Promoción de Igualdade do Home e da Muller, organismo adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade, Presidencia da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

4 nov 2010

QUIROGA ORGANIZA OS ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA DO SEU PATRÓN

A Comisión encargada de organizar os actos organizados con motivo do San Martiño, reuníronse na mañá de hoxe na casa consistorial. Nesta xuntanza presentaron o programa de actos organizado con motivo da festividade do patrón da vila quiroguesa.

Os actos comenzan o mércores día 10 coa celebración dunha pancetada na praza Maior a partir das oito do serán e a actuación do dúo local, Fondo Tropical.

O xoves, día 11, festa local en Quiroga, ás once da mañá, a banda de gaitas san Martiño fará unha alborada polas principais rúas da vila. Ésa mesma hora comenzará a carreira popular na que terán cabida todas as categorías de corredores locais.

Ás doce da mediodía celebraranse os actos relixiosos na igrexa parroquial, comenzando coa tradicional procesión encabezada polo santo homenaxeado que, se o tempo o permite, recorrerá a zona da praza.

Sobre a unha e cuarto, actuará o grupo de danzas San Martiño acompañado da banda de gaitas do mesmo nome. Sobre as catro da tarde os máis cativos teñen unha cita para divertirse cunha sesión de xogos populares.

A partir das sete da tarde, na praza Maior, todolos asistentes estarán convidados a castañas asadas e viño novo. Tampouco faltará a música, que virá da mán da charanga Apeles.