29 sept 2011

QUIROGA TEN UNHA TAXA DE CRIMINALIDADE DAS MÁIS BAIXAS DA PROVINCIA

O subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, xunto co alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, representantes da Garda Civil, da Unidade de Tráfico, da Policía Local e un representante da Administración Autonómica levaron a cabo na mañá de onte unha Xunta Local de Seguridade.

Na xuntanza fixeron balance da actividade policial neste municipio entre os meses de xaneiro e agosto. De acordo coas estatísticas expostas na reunión, a Garda Civil esclarece o 75% dos delitos cometidos durante os oito primeiros meses deste ano. Ademais, no balance da Policía Local destaca que os seus axentes interpuxeron desde xaneiro un total de 64 denuncias por infraccións de tráfico. En relación aos delitos contra as persoas esclareceronse o 100% dos mesmos e nas faltas un 96,15%.

O subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, destacou que Quiroga ten unha taxa de criminalidad do 12,21.

Os participantes acordaron ademais delimitar mellor as competencias da Garda Civil e a Policía Local e avanzar na súa coordinación para mellorar o seu rendemento. Intensificar a vixilancia e o control daquelas zonas susceptibles de maior índice delincuencial. Estreitar as relacions coa Policía Local, para un mellor encauzamento da colaboración e a planificación de operativos conxuntos, intensificando no posible o número de servizos a prestar de maneira conxunta. Incrementar os servizos de vixiancia da poboación. E intensificar as actuacións das unidades da Policía Xudicial.

23 sept 2011

MANUALIDADES, PINTURA E DISTINTOS ESTILOS DE BAILE, ACTIVIDADES OFERTADAS POLA ASOCIACIÓN DE MULLERES SAN MARTIÑO

A Asociación de Mulleres San Martiño deu a coñecer as súas actividades presvistas para a tempada 2011 -2012: manualidades e pintura acrílica, pintura ao oleo, sevillanas, rumba e castañolas, e clases de bailes de salón, latinos e kizomba.

Manualidades e pintura acrílica estará impartido pola profesara de anos anteriores, Loli de Monforte, e terán lugar os venres dende as catro as seis da tarde. Para un mínimo de 15 participantes, terá un custo de 20 € para as socias e as súa familia e de 23 € para os non socios. Esta actividade comenzaría o 14 de outubro.

Pintura ao oleo estará impartido por Sara Iglesias os luns de catro e media ás seis e media. O seu custo será o mesmo que o de manualidades e comenzará o día 3 de outubro.

Sevillanas, rumba e castañolas; comenzará o 8 de outubro e impartirase os sábados dende as catro e media ás cinco e media. O seu custo virá determinado polo número de participantes, para o que se requerirá un mínimo de 15, así prevese que o prezo para socias e familia oscile entre os 12 e os 15 € e para as non socias entre 15 e 18 €.

Finalmente as Clases de bailes de salón, latinos e kizomba impartiranse os domingos de seis e media a sete e media a partir do 9 de outubro, sempre que se reuna un mínimo de 20 participantes. O seu custo será de 10 € para as socias e de 13 para o resto.

As actividades de pintura ao óleo, sevillanas e bailes de salón realízanse en colaboración coa Asociación Cultural da Comarca de Quiroga.

As persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades debe anotarse canto antes dirixíndose a calquera membro da xunta directiva da asociación de mulleres san Martiño, ou chamando aos teléfonos 689003747 ou 982438951.

22 sept 2011

O CENTRO SOCIAL ORGANIZA UNHA VIAXE A LOURDES, SAN SEBASTIÁN E BIARRITZ ABERTA A TODOS OS VECIÑOS

O centro social organizou unha viaxe de tres días a Lourdes, Biarritz e San Sebastián os días 30 de setembro, e 1 e 2 de outubro. Esta viaxe está aberta a todos os colectivos, sen ser necesario ser socio do centro social nin xubilado.

O programa inclue o primeiro día unha visita a San Sebastián, considerada unha das cidades máis bonitas da costa Cantábrica. Visitarase o paseo marítimo, a praia da Concha, o casco antigo, a catedral do Bo Pastor e a Praza da Constitución.

O segundo día visita a Lourdes. Coñecerase o impresionante santuario e a gruta onde apareceu a virxe. Tamén se poderán visitar o muiño de Boly, ou o museo adicado á santa.

O terceiro día as visitas realizarnse en Biarritz, Francia, onde ademais de percorrer os lugares máis emblemáticos da cidade visitarase o museo do chocolate.

O prezo estipulado para esta viaxe é de 179 € por persoa, no que se inclue a viaxe en gran turismo, o hotel, as visitas previstas e a entrada ao museo do chocolate, ademáis do seguro de viaxe.

Os interesados en participar deben inscribirse no centro social 982435176 ou no concello de Quiroga 982428001.

20 sept 2011

ESTA TARDE COMENZA A LUDOTECA MUNICIPAL PARA NENOS E NENAS DE 3 A 12 ANOS

Dende a Área de Educación do Concello de Quiroga, ofértase de novo o servizo de Ludoteca municipal, de setembro a xuño, e o curso de natación para o trimestre de outubro a decembro.

A Ludoteca terá lugar os martes e os xoves de cada semana dende esta tarde ata finais de xuño de 2012, con excepción nas datas de nadal e semana santa, nas que haberá un servicio especial.

As clases impartiranse na aula da ludoteca, baixo da Casa de Cultura, en horario de 17:00 a 18:00 horas para pequenos/as de 3 a 6 anos, de 18:00 a 19:00 horas para os nenos e nenas de 7 a 9 anos e de 19:00 a 20:00 para rapaces e rapazas de 10 a 12 anos.

Respecto ó curso de natación, é recomendable de forma positiva para os músculos e a capacidade pulmonar e os profesionais e especialistas en deportes e saúde a recomendan.

Neste curso poden participar os nenos e nenas en idade escolar. As clases terán lugar na piscina climatizada de Monforte de Lemos e serán os mércores. O autobús recollerá ás 16:30h. e deixará de volta sobre as 19:00h. ós nenos e nenas no colexio.

Para axudar a cubrir os gastos de autobús e de matrícula, no caso da natación, así como do material da Ludoteca, cobraranse 10 €uros por mes a cada neno/a empadroado en Quiroga e ós nenos e nenas que non estén no padrón quirogués, pagarán 15€ mensuais.

Para apuntarse nestas duas actividades subvencionadas pola Deputación provincial e máis o concello de Quiroga, poden pasar pola Casa de Cultura ou chamar o teléfono 982 435 125.

13 sept 2011

O PROFESOR DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO, ARTURO DE LOMBERA, VISITA AS INSTALACIÓNS DO MUSEO XEOLÓXICO

O profesor de historia da Universidade de Santiago, Arturo de Lombera, visitou as instalacións do futuro Museo Xeolóxico de Quiroga, xa que esta Universidade, está colaborando nunha das salas do museo, concretamente na sala de prehistoria, que está enfocada ao uso da pedra e os restos fósiles.

De Lombarda forma parte do departamento de prehistoria da Universidade de Santiago e é un dos encargados das excavacións que se están realizando en cova Eirós en Triacastela.

Dende o inicio do proxecto do Museo Xeolóxico, o concello de Quiroga contou co asesoramento deste profesor e agora desprazouse ata as instalacións municipais para reflexar a súa opinión sobre o proxecto.

No museo foi recibido pola concelleira de cultura, Loli Sanchez, e polo encargado desta instalación, Ramón Vila, aos que lle manifestou a súa satisfacción pola organización do museo e pola idea que se está levando a cabo.

12 sept 2011

ARRANCA UN NOVO CURSO NO C.E.I.P DE QUIROGA CON 149 ALUMNOS

149 alumnos do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga comenzaron esta mañá as clases do curso 2011 – 2012. Un curso que se prolongarán ata o mes de xuño.

22 destes alumnos comenzan este ano en primeiro de infantil, un dos cursos máis numerosos dos últimos anos. Estes alumnos de 3 anos, entran escalonadamente no centro, polo que durante estas duas primeiras semanas terán diferentes turnos para acudir á aula e abandonala, realizando horarios de menos de duas horas diarias como período de adaptación.

Para os demais alumnos, durante este mes de setembro, ó igual que no mes de xuño, os alumnos terán clases dende as dez da mañá ata as duas e media da tarde. Pero contarán co servicio de transporte e comedor ao seu pleno rendimento. O servizo de transporte incrementa a súa ruta durante este curso e o servizo de comedor aumenta as solicitudes.

No referente ás axudas para os libros de texto, mantéñense os dous sistemas como o ano pasado. Así os alumnos de 1º e 2º poderán optar a axudas de 170 ou 90 €, en función dos ingresos familiares, mentres que os de 3º e 4º continúan co sistema de préstamo.

A novidade coa que conta este curso o Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga é cunha aula dixital, ó integrarse dentro do proxecto Abalar da Xunta de Galicia. Trátase do curso de quinto de primaria que este ano utilizará as novas tecnoloxías nalgunhas das súas materias.

9 sept 2011

A CONCELLEIRA DE XUVENTUDE ENTREGA O PRIMEIRO BONOBÚS DESTE CURSO

Un ano máis, coincidindo co inicio do curso universitario, o Concello de Quiroga pon en marcha o programa do Bonobús. Programa co que o concello axuda economicamente a todos aqueles rapaces empadroados en Quiroga que cursan os seus estudos universitarios nos distintos campus galegos.

Esta mañá a concelleira de xuventude, Rosa Arza, fixo entrega do primeiro Bonobús da tempada. Esta axuda pódese solicitar na Oficina de Información da Xuventude situada na Casa da Cultura.

O concello subvenciona nun 50% o servizo de transporte ás distintas universidades de Galicia. Así os mozos que se despracen ao campus de Santiago terán que aboar polo bono anual 550 €; os que se despracen a Lugo, 340 €; á Coruña, 612,5€; a Vigo, 715 e os que vaian a Ourense abonarán 242,5€.

Cada persoa terá dereito a dúas viaxes semanais durante o curso escolar, unha de ida e outra de volta. As saídas do autobús universitario serán os domingos e os retornos os venres; en caso de existir pontes, as saídas produciranse os días festivos e os retornos as vésperas de festivos.

Para os desprazamentos a Santiago e Lugo, os universitarios poderán optar por todas as expedicións que a empresa Monbús teña en funcionamento.

O servizo, que comezará o vindeiro día 11, estará en funcionamento ata o 8 de xuño do 2012.

6 sept 2011

MÚSICA, NOVA ACTIVIDADE QUE QUERE POÑER EN MARCHA O DEPARTAMENTO DE CULTURA

O Concello de Quiroga, co ánimo de ampliar o abano de actividades culturais e formativas para os vindeiros meses, quere poñer en marcha unha nova actividade: Música (solfexo, canto, percusión, clarinete etc.).

Esta actividade desenvolverase na Casa da Cultura sempre que se xunte un número mínimo de alumnos e alumnas.

O custo será de 20,00€ mensuais por alumno/a.

As persoas interesadas en participar deberán anotarse na Casa de Cultura ao longo deste mes de setembro.

5 sept 2011

O CONCELLO OFERTA ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES PARA NENOS E ADULTOS

O Concello de Quiroga abre o prazo de inscrición para participar nas actividades extraescolares complementarias organizadas para os meses de outubro, novembro e decembro tanto para nenos e nenas como para adultos.

As actividades que se desenvolverán son: inglés, reforzo en matemáticas e lingua, reforzo en comunicación, informática, pintura e teatro.

Os interesados deberán anotarse na Casa da Cultura en horario de 8:00 h a 15:00 h e aboar 10,00 € mensuais por cada actividade.

Para os alumnos e alumnas de educación infantil ofértase:
-Inglés todos os mércores.
-Pintura todos os sábados.
-Teatro todos os sábados.

Para os alumnos e alumnas de Primaria as clases ofertadas son:
-Inglés todos os mércores.
-Reforzo en matemáticas e lingua (alumnos 5º e 6º) os luns e os xoves.
-Reforzo educativo, actividades de comunicación: comprensión e expresión (alumnos/as 1º a 4º). Os luns e os xoves.
-Informática e técnicas de búsqueda na Internet os martes.
-Pintura todos os sábados.
-Teatro todos os sábados.

Para os alumnos de 1º e 2º de ESO:
-Inglés todos os mércores.
-Reforzo en matemáticas e lingua, os luns e os xoves.
-Informática e técnicas de búsqueda na Internet os martes.
-Pintura todos os sábados.
-Teatro todos os sábados.

E para os adultos:
- Informática os martes.
- Inglés os mércores.

2 sept 2011

XÓVENES AGRICULTORES COMEZA UN CURSO DE AGRICULTURA CON CERTIFICADO DE PROFESIONALIDADE

Esta mañá comezaba un curso sobre Actividades Auxiliares de Agricultura, organizado polo sindicato Xóvenes Agricultores, en colaboración co Concello de Quiroga. O alcalde quirogués, Julio Álvarez, dáballe a benvida aos integrantes na Casa da Cultura.

O curso, de 380 horas de duración, forma parte do Plan AFD. Trátase dun curso de formación ocupacional cofinanciado pola Consellería de Traballo, o que implica que ao seu remate os participantes recibirán un Certiticado de Profesionalidade.

O curso de 15 prazas vai dirixido fundamentalmente a desempregados inscritos no servizo público de emprego, aínda que as dúas prazas que quedan por cubrir poden ocupalas traballadores en activo.

As clases, que comezaron esta mañá, prolongaranse ata o 30 de novembro e impartiranse en horario de oito e media da mañá a dúas e media, de luns a venres. As clases teóricas impartiranse na Casa da Cultura, mentres que as prácticas se realizarán en cultivos de terreos municipais e zonas verdes.

O temario do curso inclúe varios módulos, entre os que se inclúen as operacións de preparación de terreos, sementeira e plantación de cultivos; de rega, abonado e tratamentos; e recolección de cultivos e mantemento de instalacións agrícolas.

Os participantes neste curso contan con axudas por transporte, por minusvalía e por conciliación.

1 sept 2011

UNHA FESTA DESPIDE OS CAMPAMENTOS DE VERÁN

Os rapaces participantes nos campamentos de verán do servizo de Educación Social do Concello participaron onte nunha gran festa de despedida dos obradoiros.

A festa desenvolveuse no pavillón municipal a partir das doce do mediodía e prolongouse ata as dúas. Durante este tempo o medio cento de rapaces e rapazas participantes durante este verán nos campamentos puideron desfrutar dos xogos organizados por unha empresa de animación.

Ata esta festa achegouse o alcalde, Julio Álvarez, e a concelleira de Educación, Benestar e Igualdade, Ana Núñez. Despois de despediren os rapaces, informáronos de que tras un pequeno descanso retomarase a Ludoteca de Inverno.

Máis de medio cento de rapaces e rapazas participaron durante os meses de xullo e agosto nos campamentos de verán. Esta actividade tiña como finalidade dar un servizo diario aos seus usuarios nunhas datas nas que os máis pequenos desfrutaron de tanto tempo de lecer.