29 jul 2011

REUNIÓN COS APICULTORES PARTICIPANTES NA XX MOSTRA DO MEL DE QUIROGA

No transcurso desta semana tivo lugar na Casa da Cultura unha reunión entre a comisión organizadora e os apicultores participantes na XX Mostra do Mel de Quiroga.
Nesta xuntanza o Concello de Quiroga comunicoulles aos participantes que os postos de venda e exposición do produto recuperarán o seu antigo emprazamento na rúa Real como se xa se fixera durante a maioría das edicións do evento gastronómico, en concreto na parte alta da rúa nas inmediacións da Casa do Concello. Nos últimos anos a mostra trasladárase á praza de España e concentrou alí toda a actividade.
Tamén se fixaron os prezos do mel que se porá á  venda durante esta xornada: 4 € o envase de ½ kg e 6 € o de 1 kg.
O programa iniciarase o día 9 de agosto. Na Casa da Cultura, a partir das 20.00 h, terá lugar o sorteo dos postos de venda e a entrega de credenciais aos 10 apicultores participantes.
O propio día da mostra, 10 de agosto, ás 12 h, celebrarase o acto de inauguración e durante toda a mañá, ata pasado o mediodía, poderán mercarse no recinto da feira mel e outros produtos típicos da zona.

28 jul 2011

AMPLO PROGRAMA PARA AS FESTAS DE VERÁN DE QUIROGA

O programa das festas de verán de Quiroga ábrese este sábado, día 30 a partir das oito, cun campionato de tute nas instalacións do centro social.

O xoves, día 4, unha nova actuación de Música na rúa abrirá a troula a 4 días de festa na vila. A actuación será diante do bar Chapakuña a partir das once. Xa á unha da madrugada os actos trasladaranse á zona dos pubs onde dará comezo a festa da xuventude coa actuación dos grupos locais: Lethal Chains, Santa Compaña e Utopía. No transcurso da noite farase entrega dos premios aos gañadores do concurso de fotografía.

O venres 5 de agosto, ás doce do mediodía, a banda de gaitas San Martiño fará unha alborada e á unha, xunto co grupo de danzas, actuará entre o bar Zorro e a cafetería Félix. A partir das nove da noite dará comezo o prato forte da xornada coa celebración da VI Merenda Popular da Comunidade de Montes da Conchada, no parque da Constitución, coa animación do dúo Fondo Tropical.

O sábado ás once da mañá a alborada virá da man da banda de ANTAS DE ULLA, que ofrecerá un concerto á 1 do mediodía diante da casa do concello. Pola tarde, a partir das seis, os máis cativos da casa poderán participar no III Concurso Pinta con xiz no chan na praza de España. Unha vez que remate dará comezo unha gran festa infantil con FANTASÍA ANIMACIÓN, con personaxes infantís como protagonistas. Ás oito e media, terá lugar a actuación de dous grupos de danza tradicional: a Asociación LEVAMOS de Monforte e a Asoc. CRUZ DE SANTIAGO de Villanueva de los Infantes. A partir das nove e media da noite comezará a festa coas orquestras Pontevedra e o Grupo Máster.

O domingo día 7, á unha do mediodía, terá lugar un espectáculo de rúa coa Compañía Troula Animación e o seu espectáculo MOULIN ROUGE ao longo da rúa Real. Ás sete e media, na praza de España, haberá xogos para os máis cativos cun parchís xigante, un scaléxtric dixital e un xogo de enredo. As orquestras do domingo serán Costa Oeste e o Grupo Alkar.

Dentro do programa das festas deste ano o Concello tamén incluíu a XX Mostra do Mel que se inaugurará o mércores día 10 ás 12 do mediodía.

Durante estes días non faltarán os deportes, con campionatos de fútbol 7, de baloncesto e a presentación do novo equipo de Quiroga.

27 jul 2011

QUIROGA ACOLLE O DOMINGO UNHA RUTA NON COMPETITIVA DE MOUNTAINBIKE

Este domingo, día 31 de xullo, ás 10.30 h dará saída na praza de España de Quiroga a IV Ruta Mountainbike "Val de Quiroga". Esta proba de carácter non competitivo discorrerá por varias das zonas máis belas do val, cun percorrido de aproximadamente uns 35 quilómetros. A participación restrinxirase, debido á elevada quilometraxe, a persoas maiores de 18 anos.

Ao tratarse dunha ruta de carácter non competitivo faranse reagrupamentos en varios puntos e cóntase ademais con puntos de avituallamento. A ruta rematará na zona das piscinas, onde cada participante poderá asearse e desfrutar dunhas tapas e bebidas que a organización ten preparados.

Os interesados en participar deberán inscribirse na oficina de información xuvenil ou mandando un e-mail cos datos persoais a quirogadeportes@hotmail.com.

22 jul 2011

ACTOS DE CELEBRACIÓN DO DÍA DE GALICIA 2011 ORGANIZADOS POLO CONCELLO DE QUIROGA.

Para conmemorar o Día de Galicia 2011, que se celebra o 25 de xullo, o Concello de Quiroga dentro da súa programación ten previstas as seguintes actividades:
O domingo día 24, ás 21 horas na praza de España, a Compañía “Circo Chosco” presenta o seu número “Chosco voando”, un espectáculo case sen palabras PARA TODO TIPO DE PÚBLICO, mestura de comedia e circo, que dá como resultado unha obra cómica, con técnica de pallaso, chea de acrobacias, malabares, lume e técnicas aéreas nas que o público unirase aos artistas na emoción e na risa.
O día de Santiago, luns 25 de xullo e propio Día de Galicia, os actos serán os seguintes:
-A partir das 13 h. Recepción no Concello aos colectivos culturais da vila.
E ás 13:15 h. Actuación da banda de gaitas San Martiño de Quiroga.

21 jul 2011

MÁIS DE MEDIO CENTO DE RAPACES PARTICIPAN NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN DO CONCELLO

57 rapaces e rapazas participan durante este mes de xullo nos campamentos de verán organizados polo Servizo de Educación Social do Concello de Quiroga. Esta actividade, que se prolongará durante o mes de agosto, ten como finalidade dar un servizo diario aos seus usuarios nunhas datas nas que os máis pequenos desfrutan de tanto tempo de lecer.

As clases consisten en variados obradoiros: plástica, abelorios, modelado, cociña, feltro, lectura, teatro, medio ambiente, reciclaxe, ciencia, costura, maquillaxe e tatuaxes, ademais dun obradoiro de globoflexia e outro de conservas de peixe, este último a través dun programa da Consellería do Mar, “Ponlle as pilas ao teu bocata”, para infundirlles unha alimentación sa. Tamén teñen clases de inglés e informática, así como deportes, natación, cine e diversos tipos de xogos.

Esta mañá os rapaces participaron nun taller de reciclaxe, con xogos e debuxos nos que aprenderon onde deben depositar os distintos envases que eles acostuman utilizar.

O horario para os rapaces de 3 a 7 anos é dende as 10.00 h da mañá ata as 13.00 h do mediodía, e o dos nenos e nenas de 8 a 12 anos, dende as 11.00 h ata as 14.00 h do mediodía. Os proxenitores ou os titores deben levar os alumnos e as alumnas á Casa da Cultura na primeira hora e recollelos na piscina a última hora. No caso de mal tempo, se os rapaces non poden desfrutar de natación, aproveitan para practicaren distintos xogos nestas instalacións municipais.

20 jul 2011

CATRO GRANDES ÁNFORAS REMATAN A DECORACIÓN DAS ISLETAS DA ZONA DO PEREIRO

O Concello de Quiroga rematou de acondicionar as isletas situadas na zona do Pereiro.

Estas isletas decoráronse con céspede artificial, grava ornamental e lousa. A decoración completouse con árbores ornamentais e unha pedra de muíño. O toque final déuselles estes días coa colocación de catro grandes ánforas metálicas.

O MUSEO XEOLÓXICO E A IGREXA DO HOSPITAL RECIBEN AXUDAS DO GDR RIBEIRA SACRA

O Grupo de Desenvolvemento Rural GDR Ribeira Sacra aprobou onte, nunha reunión celebrada en Bóveda, seis proxectos que suporán un investimento total de máis de 270 000 €. No ámbito público destináronse dúas axudas para Quiroga, unha para o Museo xeolóxico e outra para a igrexa do Hospital.

O Museo contará cunha axuda de 24 938 € para a habilitación de salas dedicadas á promoción do patrimonio xeolóxico de Quiroga, concretamente será para dotar de mobiliario e conseguir minerais e diversos fósiles que se exhibirán neste centro.

O Concello de Quiroga rematou o traballo de planificación do Museo xeolóxico para o que contou co asesoramento do Instituto Universitario de Xeoloxía "Isidro Parga Pondal" da Coruña. Ademais, a distribución dos contidos do museo están deseñados, ata os menores detalles, coas indicacións dos científicos deste Instituto universitario.

O Museo contará con mostras de auténticos fósiles de animais do Cuaternario atopadas polos científicos no noso municipio e, noutros casos, recorrerase a réplicas das que se encargará un obradoiro especializado.

A dirección do GDR entregará tamén unha axuda de 14 936 € para a restauración do retablo maior da igrexa do Hospital.

A restauración do retablo, presupostada en preto de 30 000 €, foi tramitada pola Asociación San Bartolomé do Hospital a través do GDR Ribeira Sacra, do que é presidente o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

O retablo maior da igrexa do Hospital é de estilo barroco, de finais do século XVII ou algo posterior. A súa estrutura, que cobre toda a bóveda, é de gran riqueza artística xa que na mesma obra poden atoparse diferentes elementos e técnicas. As columnas son estriadas en forma de ondas e  teñen capiteis corintios. A súa ornamentación de tallas vexetais repítese en toda a obra así como as diferentes grilandas de froitas. É dourado e policromado en diferentes tons verdes, azuis e terras.                                                        

O seu estado de conservación está bastante deteriorado: perda do volume das pezas que compoñen a obra, as cores primitivas da capa pictórica  están moi escurecidas e ten restos de cera por toda a obra.

Co presuposto, que correrá a cargo do GDR Ribeira Sacra cunha achega da propia parroquia, realizarase a fixación da policromía. Posteriormente, procederase á eliminación de elementos que deterioren o soporte e revisaranse as ancoraxes. A consolidación da madeira mediante a inxección ou impregnación de resinas acrílicas será o seguinte paso. Ademais reconstruiranse os volumes perdidos. Para devolver a luminosidade das cores empregadas en orixe realizarase unha limpeza química a base de diferentes disolventes e, finalmente, a protección final con vernices de resinas de orixe sintética protexerá a obra de posteriores agresións.

15 jul 2011

O CONCELLO DE QUIROGA ORGANIZOU A VI FESTA MERENDA DA COMUNIDADE DE MONTES DA CONCHADA

O Concello de Quiroga organizou, dentro das actividades programadas para as festas de verán, a VI Festa Merenda da Comunidade de Montes da Conchada.


O venres 5 de agosto como prato forte das festas terá lugar a VI Merenda Popular no parque da Constitución a partir das 20.30 da noite. As persoas interesadas en participar deberán sacar previamente un vale á venda nos bares Compañía, Quíper, Cine, Portón, Félix, Zorro, Lago, Palmeras, Chapakuña ou no Centro Social. Tamén o día 5 no recinto da festa poderanse adquirir estes vales a un módico prezo de tres euros para degustar a merenda-cea. No menú, diferente a outras edicións, haberá codillo con guarnición de arroz, empanada, viño e refrescos.


A merenda estará animada polo dúo local Fondo Tropical.

12 jul 2011

O XOVES QUIROGA RECIBE A COPA DO MUNDIAL QUE ACADOU A SELECCIÓN ESPAÑOLA DE FÚTBOL

Coincidindo co primeiro aniversario da vitoria da Selección Española de Fútbol no Mundial de Sudáfrica, Quiroga e os seus veciños terán a oportunidade de desfrutar por unhas horas dun trofeo que dende o 11 de xullo do 2010 xa forma parte da historia do deporte español e, como non, dos españois. Estámonos referindo á Copa Mundial de Fútbol, que gañou merecidamente a Selección Española de Fútbol.

O xoves día 14 de xullo dende as dez da mañá ata as nove da noite poderase visitar no salón de plenos da Casa Consistorial. O trofeo estará custodiado por un axente encargado de velar pola súa seguridade.


7 jul 2011

DENDE A OFICINA DE INFORMACIÓN XUVENIL OFÉRTASE DE NOVO AS NOITES ALTERNATIVAS DURANTE O MES DE XULLO

Dende a Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga, en colaboración coa Xunta de Galicia, ofértanse de novo para todos os sábados do mes de xullo , a partir do día 9 das 22.00 ás 00.00 horas, as NOITES ALTERNATIVAS na Casa da Cultura.
Nelas poderán participar persoas de entre 12 e 31 anos e non será necesario inscribirse. Desta maneira, todos aqueles que o desexen poderán participar.
Organizaranse torneos de scaléxtric dixital, partidas de parchís cun parchís xigante, campionatos de futbolín e un campionato do xogo de enredos con premios para todos os participantes. Ademais poderán utilizar internet no centro CeMIT da Xunta.

5 jul 2011

A OFICINA DE XUVENTUDE ORGANIZA UN CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

O Concello de Quiroga, dende a Oficina de Xuventude, organiza un Concurso de Fotografía en colaboración coa Xunta de Galicia.

As bases do concurso son as seguintes:

1.- Poden participar todas as persoas que así o desexen cun máximo de tres fotografías.

2.- Tema:

    - Xente/paisaxes do val de Quiroga.

3.- As fotografías serán de tamaño 10x15.

4.- Os datos do autor/a, o enderezo e o teléfono presentaranse dentro dun sobre pechado. No exterior figurará o título da foto.

5.- Premios:

    - Todos os participantes obterán un detalle e o gañador levará unha cámara  dixital.

6.- Os traballos pódense enviar por correo ou entregalos persoalmente na Casa de Cultura ou na Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga.

7.- Data límite:

    - 22 de xullo.

8.- A decisión do xurado será inapelable. A data fixada polo Concello para a entrega dos premios é o 4 de agosto.

9.- Os traballos quedan en propiedade do Concello.