29 dic 2011

FALLADOS OS PREMIOS DO CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O Concello de Quiroga, dende a área de Educación en colaboración coa área de Xuventude, e, coa axuda do xurado escollido para esta ocasión, ven de fallar os premios do Concurso de Postais de Nadal.

Os gañadores/as son os seguintes:

CATEGORÍA DE 3 E 4 ANOS:

2º PREMIO: Natalia Álvarez Díaz.

1º PREMIO: María Vila Rochela.

CATEGORÍA DE 5 E 6 ANOS:

1º PREMIO: Brais Fernández González.

CATEGORÍA DE 7 A 9 ANOS:

3º PREMIO: Miguel Rodríguez Santamaría.

2º PREMIO: Emma Casanova Martínez.

1º PREMIO: Lucía Álvarez Domínguez.

CATEGORÍA DE 10 A 12 ANOS:

3º PREMIO: Cristina Nogueira Minguillón.

2º PREMIO: Sara Casanova Martínez.

1º PREMIO: Adrián Rodríguez Santamaría.

A entrega de premios será o vindeiro día 5 de xaneiro, ás doce e media na casa consistorial.

23 dic 2011

FELICES FESTAS DE NADAL!!!

HOXE INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA "AQUELES MARABILLOSOS ANOS"

O concello de Quiroga, dende o departamento de Xuventude, en colaboración co departamento de Educación, e coa cooperación do Ceip de Quiroga, ven de organizar unha exposición fotográfica.

A exposición, nomeada “AQUELES MARABILLOSOS ANOS”, componse de parte das fotografías realizadas durante toda a vida do colexio de Quiroga, dende as mais antiguas ata as mais actuais. Expoñeranse fotos tomadas no entroido, nos distintos festivais realizados, nos finais de curso, etc…

A inauguración terá lugar hoxe, ás 18:00 horas na sala de exposicións da Casa de Cultura e todos e todas quedan convidados e convidadas a deleitarse con “AQUELES MARABILLOSOS ANOS”.

22 dic 2011

O CONCELLO INAUGURA HOXE O PARQUE INFANTIL E A PISTA POLIDEPORTIVA DA RIBEIRA

Esta tarde, a partir das cinco da tarde inaugurarase o parque infantil e a pista polideportiva exterior da Ribera, situados xunto ao campo da Festa.

O parque conta cunha superficie de douscentos metros cadrados e está equipado con estructura de xogos, balancín, muelle, columpios e con xogos pintados no chan.Tamén conta con mobiliario urbán, bancos e papeleiras.

A pista polideportiva exterior, cercada perimetralmente, ten unha superficie de catrocentos metros cadrados, e está equipada con canastas e porterías.

O presupuesto total desta obra ascendeu a 106.036,97 euros, correndo a cargo do GDR Ribeira Sacra e do Concello de Quiroga.

TOCA UN QUINTO PREMIO DA LOTERÍA DE NADAL EN QUIROGA

O establecemento Z&C salía agraciado esta mañá cun quinto premio no sorteo de lotería de Nadal. A propietaria Elena Piñeiro Gomez amosábase encantada coa entrega deste premio do que repartiu 600.000 € entre décimos e participacións.

O número agraciado en Quiroga con este quinto premio foi o 92.202.

16 dic 2011

O CONCELLO DE QUIROGA PRESENTA AS ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA ESTE NADAL

O Concello de Quiroga acaba de sacar á rúa o programa de actividades lúdicas para toda a familia a desenvolver, dende os distintos departamentos municipais, nas vindeiras festas de Nadal.

Os actos darán comezo o sábado día 17 a partir das 19:30h., no Auditorio Municipal, terá lugar o tradicional Concerto de Nadal coa actuación da Coral Polifónica de Quiroga , do Grupo de Danza e da Banda de Gaitas “San Martiño” de Quiroga.

O luns, día 19, ás 11:30h., no Telecentro, unha videoconferencia con Papá Nöel a que poden acudir todos os nenos e nenas que o desexen para facer as súas peticións.

O día 21, no Centro Social o maiores de Quiroga celebran xuntos o nadal nunha xornada festiva organizada polo Concello de Quiroga.

O día 23, a área de xuventude e educación , abrirá a exposición “Aqueles Marabillosos Anos”, na sala de exposicións municipal onde se poderá visitar ao longo do Nadal.

A divulgación do noso patrimonio tamén ten cabida dentro das festas, debido a presencia de numerosos visitantes, os días 26 e 27 terán lugar dúas xornadas divulgativas coas visitas guiadas aos Museos Municipais Etnográfico e ao recentemente inaugurado Museo Xeolóxico.

O día 29, no Auditorio Municipal, Espectáculo de Maxia para toda a familia, ILUSIONARTE a cargo de Mago Martyn.

Cabe salientar ademais, a ludoteca de nadal dirixida aos máis cativos; as actividades deportivas tales coma os torneos de fútbol sala tanto para adultos coma para nenos; os campionatos de futbolín, póker, cricket organizados dende a área de xuventude, os certames e concursos de postais e poesía ,etc.

Esta programación rematará o vindeiro día 5 coa Cabalgata de Reis, que como cada ano percorrerá a rúa real e rematará cunha festa infantil.

15 dic 2011

UN PASO MAIS PARA A DECLARACIÓN DO PREGAMENTO DE CAMPODOLA COMO MONUMENTO NATURAL

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública o proxecto de decreto polo que se declara monumento natural o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós.

A Lei do Parlamento galego de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

No artigo 13 da Lei de conservación da natureza, defínese a figura de monumento natural como aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

O pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós consiste nun pregamento xeolóxico de tipo deitado, no cal pode apreciarse con total claridade a ondulación dos estratos superiores da codia terrestre provocada polas forzas tectónicas, nun proceso que neste caso tivo unha duración de 500 millóns de anos. A súa singularidade estriba en que pode apreciarse con total nitidez este proceso grazas ao encaixamento do río Ferreiriño, que deixa ao descuberto a estrutura interna do sinclinal nun grande corte transversal, o que o converte nun dos puntos da xeoloxía estrutural máis importante de España e lle confire un gran valor científico-educativo.

Cómpre, por tanto, manter a integridade dos valores xeolóxicos e fomentar o seu coñecemento, polo que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza iniciou o procedemento de declaración no ano 2009.

Nos monumentos naturais, con carácter xeral estará prohibida a explotación de recursos, salvo naqueles casos que por razóns de investigación ou conservación se permitan, logo da pertinente autorización administrativa.

Tras a publicación no DOGA abrese un período de información pública por un prazo de 20 días hábiles que permita a participación do público en xeral no procedemento de declaración do monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós coa finalidade de que as persoas ou entidades que se consideren afectadas poidan remitir suxestións ou alegacións á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural.

14 dic 2011

OS MUSEOS ETNOGRÁFICO E XEOLÓXICO AMPLIAN OS SEUS HORARIOS DE VISITA DURANTE O NADAL

O Museo Xeolóxico de Quiroga ofrece a veciños e visitantes a posibilidade de contemplar por primeira vez unha ampla serie de mostras representativas da riqueza xeolóxica da zona, da súa fauna prehistórica e dos rastros máis antigos de asentamentos humanos.

Coincidindo coas festas de Nadal tanto o Museo Xeolóxico como o Museo Etnográfico contarán con horarios especias para facilitar as visitas.

Os horarios para o Museo Xeolóxico serán, de luns a venres de once e media da mañá a unha da mediodía; e os sábados, domingos e festivos, incluidos os sábados día 24 e o día 31, dende as once da mañá ata as doce da mediodía.

Os horarios para o Museo Etnográfico serán, de luns a venres de unha a duas da tarde e os sábados, domingos e festivos de doce da mediodía a unha.

O concello decidiu facer duas xornadas de divulgación destes museos, que consistirán nunha visita guiada. No Museo Etnográfico será o martes día 27 dende as doce da mediodía ata a unha e media; e no Museo Xeolóxico será o mércores día 28 tamén en horario de doce da mediodía ata a unha e media.

Fora destas datas e horarios podense solicitar visitas chamando ao teléfono 982.43.51.25 ou dirixíndose a Casa da Cultura.

12 dic 2011

COMEZA ESTA MAÑÁ UN CURSO SOBRE ROCHAS ORNAMENTAIS OBRIGATORIO PARA TRABALLAR NAS CANTEIRAS

O sindicato CC.OO, en colaboracion co Concello de Quiroga, comezaba esta mañá un curso sobre rochas ornamentais, obrigatorio a partir de marzo para traballar en calquera posto dunha explotación louseira. O curso desenvólvese en horario de mañá, entre as 9 e as 13 h, no salón de actos da casa da cultura.

Este novo curso denominado "Formación preventiva de operador de plantas de beneficio e tratamento de minerais", está organizado para 25 persoas. O curso céntrase en temas como as técnicas preventivas e de protección específicas a cada posto de traballo particular. Os perigos asociados ás tarefas definidas en cada traballo. Equipos de traballo e de protección individual ou medios auxiliares utilizados. Control e vixiancia sobre o lugar de traballo e a súa contorna e interferencias con outras actividades.

Debido a gran grande demanda, unha vez rematado comenzará outro novo, polo que as persoas interesadas poden inscribirse no Centro de Formación Ocupacional "Pía Paxaro" de Quiroga.

2 dic 2011

XA SE PODE VISITAR O MUSEO XEOLÓXICO DE QUIROGA

O Concello de Quiroga abriu esta mañá as portas do seu museo de xeoloxía e paleontoloxía. No acto oficial de inauguración atopábanse ademáis do grupo de goberno, representantes do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña, do departamento de Prehistoria da Univerdidade de Santiago e da Unidade do Instituto Xeolóxico e Mineiro de Santiago, todos eles colaboradores deste proxecto.

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, foi o encargado da inauguración, que el mesmo calificou de acto sinxelo, e no que invitou a calquera veciño ou visitante a inicar unha viaxe polo noso pasado.

As instalcións do museo xeolóxico, no que o concello empregou 150.000 €, dos que 28.000 foron aportados polo GDR Ribeira Sacra e o resto polo concello conta con varias salas.

Na entrada do museo podense ver dous paneis de grandes tamaños, un sobre a ruta xeolóxica da comarca de Quiroga e outro no que se explican os principais acontecementos da Historia Xeolóxica e Paleontolóxica de Galicia.

Tras esta zona de recepción, o museo está dividido en cinco salas. A primeira está adicada a formación do territorio de Galicia, nesta sala o plegamento de Campodola é o maior representante, tamén se poden ver varias mostras de minerais e rochas presentes na nosa comarca.

A segunda sala centrase na historia paleontolóxica, onde se amosan diferentes fósiles animais; entre os que destacan os da era Cuaternaria, como o oso das cavernas, a hiena, o rinoceronte lanudo, o uro, o cervo, o xabaríl e o corzo, todos eles poboadores da nosa serra.

A terceira sala é a da idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, nela explicase porque se producen as glaciacións.

A cuarta das salas centrase nas primeiras ocupacións humanas da zona, aquí amosanse as posibles liñas de penetración do home en Quiroga. Nesta sala podense ver dez cránios dos primeiros humáns e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida.

Finalmente a última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais collidos na zona representa a parte da nosa minería. Hai ferro recollido na veneira de Vieiros, cal de Cereixido, lousa de Pacios da Serra, ouro de Montefurado e Antimonita de Vilarbacú. Estes minerais están acompañados dunha explicación sobre a súa explotación e transformación.

Horario para os próximos días: -sábado 3 de decembro 11-13 h. -domingo 4 de decembro: 11-13 h. -luns 5 de decembro: 8-15 h. -martes 6 de decembro: 11-13 h. -mércores 7 de decembro: 8-15 h. xoves 8 de decembro: 11-13 h. venres 9 de decembro: 8-15 h. sábado 10 de decembro: 11-13 h. domingo 11 de decembro: 11-13 h. outros horarios e datas previa cita no 982435125 ou na Casa de Cultura.




1 dic 2011

A OFICINA DE XUVENTUDE ORGANIZA UN CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O Concello de Quiroga, dende a Oficina de Xuventude, organiza o Concurso de Postais de Nadal, no que poden participar todos os rapaces e rapazas de entre 3 e 17 anos.

A medida das postais, que terán como tema o Nadal, será de medio folio de tamaño A4. Os datos do autor/a, dirección e teléfono presentaránse no reverso das postais.

Establécense varias categorías:

a) De 3 e 4 anos.

b) De 5 e 6 anos.

c) De 7 a 9 anos.

d) De 10 a 13 anos.

e) De 14 a 17 anos.

Os traballos pódense enviar por correo ou entregalos persoalmente na Casa de Cultura de Quiroga, antes do 19 de decembro.

A entrega de premios, que consistirán en tres premios sorpresa por categoría, será o 5 de xaneiro no Auditorio Municipal.

O CONCELLO DE QUIROGA ABRE MAÑÁ O SEU MUSEO XEÓLÓXICO

O Concello de Quiroga abrirá mañá venres, a partir das 12.30 da mediodía, o seu museo de xeoloxía e paleontoloxía . Realizarase un acto oficial de inauguración e a partir dese momento poranse a disposición do público as instalacións.

Na entrada do museo poderanse ver dous paneis de grandes tamaños, un sobre a ruta xeolóxica da comarca de Quiroga e outro no que se explican os principais acontecementos da Historia Xeolóxica e Paleontolóxica de Galicia.

Tras esta zona de recepción, o museo está dividido en cinco salas. A primeira está adicada a formación do territorio de Galicia, nesta sala o plegamento de Campodola será o maior representante, tamén se poderán ver varias mostras de minerais e rochas presentes na nosa comarca.

A segunda sala centrarase na historia paleontolóxica, onde se amosaran diferentes fósiles animais; entre os que destacan os da era Cuaternaria, como o oso das cavernas, a hiena, o rinoceronte lanudo, o uro, o cervo, o xabaríl e o corzo, todos eles poboadores da nosa serra.

A terceira sala será a da idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, explicará porque se producen as glaciacións.

A cuarta das salas centrarase nas primeiras ocupacións humanas da zona, aquí amosaranse as posibles liñas de penetración do home en Quiroga. Nesta sala poderánse ver dez cránios dos primeiros humáns e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida.

Finalmente a última sala, na que se exporán bloques de distintos minerais collidos na zona representará a parte da nosa minería. Hai ferro recollido na veneira de Vieiros, cal de Cereixido, lousa de Pacios da Serra, ouro de Montefurado e Antimonita de Vilarbacú. Estes minerais irán acompañados dunha explicación sobre a súa explotación e transformación.

Os responsables municipais confían en que o novo centro sexa un importante atractivo no terreo do turismo cultural e tamén un referente no plano educativo en toda Galicia, por ser o primeiro museo da comunidade dedicado exclusivamente a esta temática.