31 may 2012

O PROGRAMA MÚSICA NA RÚA COMEZA A NOITE DE SAN XOÁN


O concello de Quiroga vai poñer en marcha un ano máis o programa Música na Rúa. Este programa de animación nocturna comenzará o sábado 23 de xuño e prolongarase ata o 15 de setembro.

Con este programa o concello pretende animar as noites dos sábado durante o verán nas terrazas de bares e cafeterías do casco urbán, agás aqueles sábados que coincidan con festas nos arredores.

O departamento de festexos do concello citou aos propietarios de bares e cafeterías para realizar o sorteo de que día tocará o músico nas súas inmediacións.
Así no mes de xuño o músico instalarase o día 23 nas inmediacións da Adega de María e o día 30 entre a cafetería As Palmeras e o Bar Portón.

No mes de xullo, o día 7 no Recuncho do Dino, o día 14 no café A Pedra, o día 21 entre os bares Félix e Zorro, o 24 no mesón Cantar Miudiño, e o día 28 na Chapakuña.

No mes de agosto, o día 4 na cafetería Dai-2, o día 9 entre o bar Lago, a vinacoteca Quiroga e o bodegón A Andaluza, e o sía 18 no mesón Ferreiriño.

Finalmente no mes de setembro o día 1 entre as cafeterías Quiper e Compañía e o día 15 no mesón Escaleira.

AS ESCOLAS DEPORTIVAS PROCLÁMANSE GAÑADORAS DO CAMPIONATO GALEGO


Os rapaces das Escolas Deportivas, tras proclamarse campións  provinciais, participaron o domingo no campionato galego. Pola mañá xogaron as semifinais contra o gañador da provincia de Ourense, o Verín; nun encontro moi disputado que gañaron por 3 a 1. O que os levou a final que disputaron contra o colexio Miralba de Pontevedra.

Neste encontro, que foi moi igualdao os quirogueses levaban ventaxe cun marcador favorable de 2 a 1, pero o encontro acabou cun empate a 2. Tras o remate do tempo regulamentario, os quirogueses tiveron que ir a unha tanda de penaltis de infarto, na que os rapaces se alzaron co título do campionato galego.

28 may 2012

ESTA TARDE COMEZA O CURSO DE TECIDO EN TEAR

Esta tarde comeza o curso de tecido tradicional en tear organizado pola delegación de Cultura do Concello de Quiroga. O curso desenvolverase os luns e mércores dende as sete da tarde ata as nove do serán.

Aproveitando a recollida e resturación das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de aprender os secretos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.

O curso de 40 horas de duración impartirase no Museo Etnográfico e será totalmente práctico, correndo a cargo da tecedeira de Visuña, Carmen Barreiro, que contará coa colaboración de Agapito Vila e Manola Souto.

O curso englobará todo o proceso do tecido, dende o urdido dos fios para configurar a base sobre a que se tece; preparar o fío da la co seu cardado, fiado e torcido; e preparar os flecos con que decorar as distintas pezas ata chegar o propio tecido no tear.

25 may 2012

QUIROGA ACOLLERÁ UN CAMPUS DE BALONCESTO DO C. B. CIDADE DE PONFERRADA NO MES DE AGOSTO


Quiroga acollerá do 19 ao 25 de agosto un campus de baloncesto (VI Basket Training Camp), organizado polo Club Baloncesto Cidade de Ponferrada en colaboración co concello de Quiroga.

          Esta mañá o rexedor local e o concelleiro de deportes, presentaban, xunto co presidente e o director deportivo do club, este campus que estará aberto a rapaces e rapazas de toda a zona con idades entre os 8 e os 17 anos.

          O campus, ademáis de baloncesto que será a actividade estrela, inclúe outras actividades complementarias, como descenso en canoa, bolas zorb, espeleoloxía ou sendeirismo. Moitos dos entrenamentos e actividades desenvolveranse en inglés polo que se reforzará a súa parte educativa.

O presidente do Club Baloncesto Cidade de Ponferrada, Oscar García, destacou os dous centos xogadores cos que conta o club por tempada e a súa vinculación con centros escolares. Así como os xogadores profesionais de primeiro nivel nacional que visitarán o campus.


Pola súa banda, o director deportivo, Iván Cuesta, centrou o campus en tres puntos: a formación, a educación e a ilusión dos rapaces.

24 may 2012

O CONCELLO EXPEDIENTA A EMPRESA CONCESIONARIA DA AUGA


          O Concello de Quiroga abriu un expediente sancionador á empresa Aqualia, concesionaria do abastecemento de auga, por mor de diversas deficiencias que se rexistran desde o ano pasado neste servizo.
          Segundo indican desde o goberno municipal, a auga adoita chegar turbia aos domicilios e os fins de semana falta presión nas zonas altas. Por outra banda -engaden- "non se reparan avarías, a non ser que sexan moi evidentes ou que o Concello presente as oportunas reclamacións", ademais de que "non se realiza o oportuno mantemento" e de que desapareceron diversos elementos dos sistemas de captación e distribución de augas. Dende hai tempo, e a pesar das melloras importantes que realizou o concello na rede de abastecemento da auga ao municipio, como foi a construcción dun novo tanque  situado a máis de 300 m de altitude sobre o nivel da vila, co fin de que non falte a presión en ningún punto, aportando 10 litros de auga por segundo  máis dos xa existentes (suficiente para 4.320 habitantes, cuando el nº de abonados en Quiroga non chega a 1.800)  e cun custo superior aos 601.012 €, a empresa Concesionaria foi empeorando o servizo de abastecemento.
          Os responsables municipais engaden que o verán pasado cortouse a subministración de auga nos barrios de San Vitoiro e a Hermida durante cinco días e que o problema só se solucionou tras unha "chamada de atención" do Concello. O concello sospeita que esto se debe a que dende hai tres anos, Aqualia pretende incrementar o recibo polo consumo da auga, a un precio superior a lo pactado no contrato. O goberno local di sospeitar que tras estas deficiencias hai "algo parecido a unha chantaxe" e sinala que os problemas empezaron a aparecer despois de que o Concello se negase a aplicar un incremento do 144% no recibo da auga que foi solicitado pola empresa no 2011.
          O concello denuncia que non se reparan averías, a non ser que sexan moi evidentes ou que o concello presente as oportunas reclamacions, de ahí que nalgún caso se perda o 900 % de auga que entra nos depósitos; desapareceu o sistema de impulsión e de conducción da auga do arroio do Pontido con toda a súa infraestructura e destruiuse o tanque principal de abastecemento de auga á  rede.
O concello abriulle expedente sancionador no que lle esixirá á empresa o correcto mantemento da instalación; a reposición inmediata daqueles elementos de infraestructuras que desapareceron ou que se destruiron, así como unha indemnización, que será cuantificada polos técnicos, polos problemas ocasionados, cantidade, ausencia, turbiez e pouca presión da auga; asimesmo aplicará a sanción prevista no pliego de condicions aprobado e asinado por amba as duas  partes no seu momento.

22 may 2012

COCTELERÍA, RECICLAXE E NOITE ALTERNATIVAS, OFERTA DE XUVENTUDE PARA O MES DE XUÑO

A área de xuventude do concello organizou dous obradoiros para o mes de xuño, un de cócteles e o outro de reciclaxe; ambos dirixidos a rapaces e rapazas de entre 12 e 30 anos.

O obradoiro de cócteles desenvolverase os días 12 e 14 de xuño, dende as sete da tarde ata as oito e media, na casa da Cultura. Os interesados en participar neste obradoiro, para o que é preciso traer a coctelera, deberán de inscribirse antes do catro de xuño.

O outro dos obradoiros é de reciclaxe e desenvolverase os días 19 e 21 de xuño, tamén en horario de sete da tarde a oito e media, na casa da Cultura. Neste obradoiro realizarase papel reciclado, e diversos obxetos e xoguetes reciclando.

Ademáis destes dous obradoiros a área de Xuventude retoma no mes de xuño “As noites alternativas”, os sábados 9, 16, 23 e 30 de xuño, dende as dez da noite ata a media noite na casa da Cultura. Un ano máis os participantes poderán elexir entre futbolín, internet, xogos de mesa ou xogos grupais.

15 may 2012

O PROGRAMA DA CONSELLERÍA DE CULTURA "GALEGO DE CINE" VISITA MAÑÁ QUIROGA


A actividade “Galego de Cine”, unha das tres que conforman o programa deste ano de “FalaRedes”, impulsado pola Consellería de Cultura e Educación a traverso da Secretaría Xeral de Política Lingüística, visitará Quiroga mañá mércores.

En concreto, esta actividade, unha caravana reconvertida en cine itinerante que leva ás localidades galegas curtametraxes feitas en galego para un público de entre 6 e 12 anos, estará situada na rúa Rosalía de Castro, nas inmedidiacións da Casa da Cultura, dende as cinco da tarde ate as oito.

Tras o visionado dos filmes, os participantes convertense en estrelas da gran parntalla mediante a composición dunha historia nun vídeo-matón. O video resultante poderase visualizar a través da internet, na canle do Youtube Galego de Cine.

Cando finalice a viaxe da caravana polos concellos galegos farase un concurso no que se premiarán os mellores contos en galego contados ante a cámara por cada grupo de nenos e nenas participante na actividade.


11 may 2012

COMENZA A ACONDICIONARSE O MIRADOIRO DO PREGAMENTO TRAS A SÚA DECLARACIÓN DE MONUMENTO NATURAL


Comenzouse a acondicionar a zona do miradoiro xeolóxico, construído hai oito anos polo Concello para facilitar a observación do pregamento de Campodola – Leixazós.
A esta zona desprazouse o rexedor local, Julio Alvarez acompañado dun técnico municipal.
 
              Os traballos de acondicionamento do mirador, ubicado na unión da estrada Quiroga – Folgoso co acceso a Campodola, inclúen a pavimentación do entorno con pedra rústica, a mesma que se empregou no solo do miradoiro.
 Construirase unha ampla zona de aparcamento e prantaranse árbores acordes co entorno natural da zona.
O acondicionamento inclúe a reparación dos paneis informativos e das paredes do miradoiro, así como a colocación dun monolito de pedra natural, no que se destacará  o carácter de monumento natural que a Xunta de Galicia concedeu ao Pregamento de Campodola- Leixazós.

7 may 2012

PUBLICADA A DECLARACIÓN DE MONUMENTO NATURAL DO PLEGAMENTO DE CAMPODOLA - LEIXAZÓS


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOGA), a declaración do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós como Monumento Natural.
A Lei 9/2001, do 21 de agosto, define no seu artigo 13 a figura de monumento natural como aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.
O espazo natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós é un elemento da natureza constituído por unha formación xeolóxica de notoria singularidade, beleza e interese científico; inventariado como punto de interese xeolóxico (P.I.X.) e vinculado á estrutura tectónica coñecida como sinclinal do Courel.
Consiste nunha estrutura xeolóxica que representa unha gran prega deitada cara ao norte, con flancos duns 10-12 km,. O espazo forma parte dun sistema xeolóxico que sobresae pola calidade ambiental e a riqueza natural da zona. Consérvase practicamente intacto desde o Carbonífero Inferior, o cal lle confire un interese científico especial ademais do educativo, cultural ou paisaxístico, polo que merece ser obxecto dunha protección especial.
Estas grandes pregas isoclinais deitadas forman parte do LIC Ancares-Courel, declarado como zona de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004. A paisaxe da contorna próxima é froito dos usos agrogandeiros tradicionais da zona, con matogueiras e piñeiros en produción, e intercaladas parcialmente con masas forestais de castiñeiros que constitúen un ecosistema de grande biodiversidade.

        A Dirección Xeral de Conservación da Natureza someteu a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se declara monumento natural o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós. Transcorrido o prazo fixado para a información pública, e non figurar ningunha alegación declarao como monumento natural, de acordo co establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.
Mediante esta declaración aplícaselle ao monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós o réxime xurídico dos espazos naturais protexidos co fin de garantir a protección e conservación dos valores xeolóxicos representados no monumento natural, así como a dos propios ecosistemas e hábitats naturais que coexisten e a beleza da súa paisaxe.
O ámbito de protección do monumento natural declarado abrangue una superficie total de 90 ha. No ámbito do monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós e co fin de garantir a conservación dos valores que motivaron a súa declaración prohíbese en todo o ámbito do monumento natural: Os campamentos e acampadas, os desmontes e terrapléns, as entulleiras e verteduras de calquera tipo, as queimas, a colocación de anuncios publicitarios, os aproveitamentos mineiros, a instalación de infraestruturas que menoscaben a calidade paisaxística da contorna, a construción de edificacións de calquera tipo; e as actividades de escalada ou alpinismo.
Fóra dos camiños e vías existentes só se permitirá o estacionamento e circulación de vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola e forestal da contorna. No caso dos soutos, dado o seu carácter seminatural, considérase que os labores culturais tradicionais que se veñen realizando no espazo son necesarios para a súa conservación.
Quedarán prohibidas, ademais, todas aquelas accións que poidan supor a destrución ou alteración significativa dos hábitats naturais identificados na área como de especial interese ou prioritarios.

O CONCELLO AGRADÉCELLE AO PARLAMENTO GALEGO O SEU APOIO AO ACEITE DE QUIROGA


O concello de Quiroga agradécelle ao Parlamento Galego a aprobación (por unanimidade)  da proposición do grupo Popular para potenciar o ceite de Quiroga. Considera que esta iniciativa ven a completar e apoiar o esforzo e rigor co que este concello leva anos loitando para protexer e acrecentar o prestixio deste produto.
Foi xa no ano 2008 cando iniciou os trámites para rexistrar a marca “Aceite de Quiroga” a nome do concello. A partir dese momento os obxetivos marcados eran principalmente certificar as características deste produto e regular a súa producción e posterior comercialización.
Elaborouse para elo un regulamento que establece os requisitos para poder utilizar a marca “Aceite de Quiroga”, delimitando factores esenciais que inflúen na calidade do produto final como a zona de produción, as variedades de oliveiras plantadas, as prácticas de cultivo, as características analíticas e incluso o envasado.
Unha comisión formada por seis persoas expertas en diferentes campos relacionados coa elaboración e a comercialización do aceite, é a encargada de supervisar todos e cada un dos requisitos esixidos.
Ainda que relativamente corta, a andadura de “Aceite de Quiroga” xa foi obxeto dalgún que outro acto fraudulento por parte de terceiros que tentaron beneficiarse do prestixio que este produto está adquiriendo. Con este fin, o concello leva uns Rexistros de plantacions e de muiños nos que terán de estar inscritos todos aqueles produtores que queiran utilizar a marca, e a súa vez só o aceite elaborado por estes produtores poderá levar a etiqueta identificativa que o propio concello proporciona.
O alcalde, Julio Álvarez Núñez, consciente de que este aceite é único en Galicia, seguirá loitando para acrecentar o prestixio da marca “Aceite de Quiroga”, polo que considera imprescindible a posta en valor dos valores intrínsecos deste produto no referente as súas cualidades saudables, culturais, medioambientais e gastronómicas.
Todo esto veise agora respaldado pola iniciativa da Xunta de Galicia de crear una “Marca de Garantía” para o Aceite de Quiroga que potenciará a súa produción, a súa promoción e o seu consumo.

4 may 2012

O PARLAMENTO GALEGO APROBA POR UNANIMIDADE UNHA PROPOSICIÓN PARA QUE A XUNTA FACILITE UNHA FIGURA QUE POTENCIE A PRODUCIÓN DE ACEITE DE QUIROGA


O Parlamento galego aprobou onte por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a facilitar a tramitación dunha figura que ampare a potencialidade da produción do aceite de Quiroga, ao tempo que se apoie a súa promoción e divulgación para a súa comercialización. “Preténdese evitar a utilización fraudulenta do nome e da orixe deste produto galego, dando seguridade xurídica ao consumidor, respaldando a produción e apostando pola súa potencialidade”, indicou a portavoz nesta materia do Grupo Popular, Isabel García Pacín.
A portavoz popular sinalou que o obxectivo desta iniciativa, impulsada conxuntamente co Concello de Quiroga, é “atopar a figura axeitada que permita a evolución actual da produción deste aceite galego na comarca do sur de Lugo, permitindo a súa regulación tanto na produción como na posterior comercialización, ao tempo que se apoia e aposta pola promoción e divulgación co asesoramento aos produtores e o respaldo normativo axeitado”.
En concreto, García Pacín sinalou que “os indicativos de calidade son un bo mecanismo para poñer en valor os produtos alimenticios”, pero explicou que as condicións para o rexistro de denominacións de orixe e indicacións xeográficas en Europa son máis complicadas desde a aprobación da actual normativa europea no ano 2006 e a análise cada vez máis rigoroso que os servizos da Comisión Europea fan dos expedientes.
“Esta complexidade pode facer que sexa máis factible e axeitado contemplar outras vías, como a da creación dunha marca de garantía, que xa se ten aplicado a outros produtos galegos e que serve para cumprir o obxectivo da diferenciación sen pasar pola tramitación dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida”, indicou a portavoz popular. 
Isabel García afirmou que “pretendemos acadar e asegurar no futuro unha rendibilidade para o aceite producido na nosa comunidade autónoma, rendibilidade baseada na diferenciación e na calidade”. Neste sentido, subliñou que “os datos e as cifras de produción evolucionan favorablemente debido á demanda de mercado e á boa acollida dos consumidores dun aceite de calidade, o que permite na actualidade o funcionamento de varias almazaras e o incremento de plantación de oliveiras en parcelas e cultivos con rendementos en calidade e cantidade que aseguran unha potencialidade económica máis nesta zona do sur de Lugo”. 
A portavoz do Grupo Popular salientou o traballo desenvolvido pola iniciativa privada na recuperación do cultivo de oliveiras e na produción de aceite galego, “ligado ao traballo exemplar realizado en promoción e apoio desde o Concello de Quiroga, coa organización dunha festa anual de promoción na que a mostra, cata e venda do aceite serve de reclamo turístico e gastronómico para toda esta comarca lucense, así como o control e regulación da produción e venda baixo a etiquetaxe de Aceite de Quiroga”.

3 may 2012

DANSE OS PRIMEIROS PASOS PARA CREAR A MESA DO COMERCIO DE QUIROGA


O rexedor local, Julio Alvarez, e o concelleiro, José Enríquez, reuníronse no serán de onte cos comerciantes de Quiroga para crear unha “Mesa do Comercio”; algo obrigado mediante un decreto da administración autonómica.
A mesa, segundo lle explicou Enríquez, estará composta por representantes do concello, dos comerciantes e dos consumidores. Esta mesa permitiralles aos comerciantes poder solicitar calquera tipo de axuda que veña dende a Xunta de Galicia.
Os comerciantes tamén barallaron a posibilidade de crear entre eles unha asociación de comerciantes, da que o seu presidente formaría parte da Mesa do Comercio.