O Parlamento galego aprobou onte por unanimidade unha
proposición non de Lei presentada polo Grupo Popular a través da que se insta á
Xunta de Galicia a facilitar a tramitación dunha figura que ampare a
potencialidade da produción do aceite de Quiroga, ao tempo que se apoie a súa
promoción e divulgación para a súa comercialización. “Preténdese evitar a
utilización fraudulenta do nome e da orixe deste produto galego, dando
seguridade xurídica ao consumidor, respaldando a produción e apostando pola súa
potencialidade”, indicou a portavoz nesta materia do Grupo Popular, Isabel
García Pacín.
A portavoz popular sinalou que o obxectivo desta iniciativa,
impulsada conxuntamente co Concello de Quiroga, é “atopar a figura axeitada que
permita a evolución actual da produción deste aceite galego na comarca do sur
de Lugo, permitindo a súa regulación tanto na produción como na posterior
comercialización, ao tempo que se apoia e aposta pola promoción e divulgación
co asesoramento aos produtores e o respaldo normativo axeitado”.
En concreto, García Pacín sinalou que “os indicativos de
calidade son un bo mecanismo para poñer en valor os produtos alimenticios”,
pero explicou que as condicións para o rexistro de denominacións de orixe e
indicacións xeográficas en Europa son máis complicadas desde a aprobación da
actual normativa europea no ano 2006 e a análise cada vez máis rigoroso que os
servizos da Comisión Europea fan dos expedientes.
“Esta complexidade pode facer que sexa máis factible e axeitado
contemplar outras vías, como a da creación dunha marca de garantía, que xa se
ten aplicado a outros produtos galegos e que serve para cumprir o obxectivo da
diferenciación sen pasar pola tramitación dunha denominación de orixe ou
indicación xeográfica protexida”, indicou a portavoz popular.
Isabel García afirmou que “pretendemos acadar e asegurar no
futuro unha rendibilidade para o aceite producido na nosa comunidade autónoma,
rendibilidade baseada na diferenciación e na calidade”. Neste sentido, subliñou
que “os datos e as cifras de produción evolucionan favorablemente debido á
demanda de mercado e á boa acollida dos consumidores dun aceite de calidade, o
que permite na actualidade o funcionamento de varias almazaras e o incremento
de plantación de oliveiras en parcelas e cultivos con rendementos en calidade e
cantidade que aseguran unha potencialidade económica máis nesta zona do sur de
Lugo”.
A portavoz do Grupo Popular salientou o traballo desenvolvido
pola iniciativa privada na recuperación do cultivo de oliveiras e na produción
de aceite galego, “ligado ao traballo exemplar realizado en promoción e apoio
desde o Concello de Quiroga, coa organización dunha festa anual de promoción na
que a mostra, cata e venda do aceite serve de reclamo turístico e gastronómico
para toda esta comarca lucense, así como o control e regulación da produción e
venda baixo a etiquetaxe de Aceite de Quiroga”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario