21 jul 2010

PUBLICADA A LICITACIÓN DAS OBRAS DE REHABILITACIÓN DA CAPELA DE SAN XOÁN DA IGREXA DE HOSPITAL

A Consellería de Cultura e Turismo publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio de licitación, por procedemento aberto, do contrato das obras de acondicionamento da Capela de San Xoán na igresa de San Salvador de Hospital.

O proxecto que conta cun presuposto de 92.226 €, cofinanciados nun 70% con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e o 30% restantes co FCI (Fondo de Común Inversión) e conta cun prazo de execución de catro meses a partir da súa adxudicación. Aínda que nun primeiro momento contemplouse a rehabilitación da capela de San Xoán e a restauración do retablo maior; as obras que se realizarán neste proxecto serán as centradas na capela, a parte máis antiga do templo.

Entre as actuacións previstas no exterior da Capela de San Xoán, o proxecto contempla traballos de mellora na fachada norte co levantamento dun novo muro de pedra de mampostería, o enterramento da acometida eléctrica, a pavimentación da rampla exterior de acceso, a intervención sobre a cuberta e, por último, a pintura de todos os paramentos exteriores. No interior acometeranse actuacións sobre os paramentos da Capela, o retiro da imaxe de San Xoán da ventá actual deixando o oco libre do ventanal, a recolocación das laudas blasonadas no chan e o levantamento de tapas dos dous sarcófagos existentes para proceder á limpeza e retirada de escombros, todo elo co seu debido control arqueolóxico. Tamén destaca a colocación dun novo caixón e tapa de madeira ao sarcófago correspondente a Don Xoán de Losada e a súa muller Violante de Rivadeneyra, a colocación no nicho libre o frontal de pedra de Don Andrés de Losada e Prada, a colocación de dous focos de luz sobre cada cornixa lateral da bóveda e a recuperación de policromías dos parámetros laterais do altar así como as pezas do azulexo da parte frontal do mesmo.

A Capela de San Xoán é parte da igrexa de San Xoán da parroquia de San Salvador de Hospital. Foi o xermolo do pobo de San Salvador, xa que ao seu redor construíronse máis casas, nobres e plebeas. A finais do século X fúndase unha igrexa prerrománica dedicada ao apóstolo San Bartolomé, coñecida como a Capela de San Xoán do Hospital. A Capela de San Xoán destinouse aos monxes guerreiros, os seus rezos e as súas cerimonias sagradas de iniciación e xuramentos a mediados do século XIII. Actualmente a Capela é de planta cadrada, de grosos muros con contrafortes que reforzan as bóvedas interiores de medio canón, que descansan sobre arcos torais. Na cabeceira sitúase un altar de pedra con azulexos na súa fronte, no eixe vertical aparecen dous ocos verticais abocinados, cada unha das paredes dispón de dous arcos cegados a modo de arcosolios con estatuas xacentes en sarcófagos do século XV: Capitán D. Antonio de Quiroga. D. Xoán de Losada e Dona Violante de Ribadeneira, D. Rodríguez de Valcarce e posiblemente, o seu pai, D. Rodrigo de Quiroga Losada e Valcarce.

A rehabilitación da igrexa de Hospital iniciouse no ano 2005 cando o concello de Quiroga asumiu a mellora dos accesos á igrexa e a creación dun pequeño espacio para estacionar vehículos. Ademais o concello asinaba un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e o Obispado de Lugo para levar a cabo o primeiro proxecto de restauración desta igrexa parroquial.

Neste primeiro proxecto, que contou cun presuposto de 70.000 €, e no que tamén se incluia a rehabilitación da igrexa de Bendilló, reformouse exteriormente o edificio. Os traballos consistiron en erradicar as filtracións de auga, debido ó mal estado de conservación das cubertas, polo que se realizou un aillamento térmico das paredes para evitar humidades. E levouse a cabo a rehabilitación integral do exterior do monumento, adecuandose a pedra nas portas e fiestra e enlucindo as fachadas.

No ano 2006 realizouse a segunda fase da rehabilitación da igrexa. Cun presuposto de 72.000 €, Patrimonio retirou a vella capa de cal que cubria os muros interiores e sustituiuna por outra nova. Ademais destaparonse antigas estructuras de madeira ó derrubar os falsos teitos.

No ano 2007, nunha terceira fase dotada con 132.893 €, leváronse a cabo diversas reparacións nos muros para evitar filtracións de humidade no interior e a renovación integral da cuberta, así como o arranxo dunha finca colindante coa fachada sur da igrexa, que ameaza con derrubarse sobre o templo. En canto ó interior, renovouse por completo o pavimento de madeira e recolocaronse as intalacións eléctricas e a megafonía. O proxecto comprendeu ademais a realización de varias catas arqueológicas para comprobar se no subsolo do templo se conservaban restos dun antigo campanario e dun suposto cruceiro románico.

O director xeral de Patrimonio, José Manuel Rey Pichel, visitaba no pasado mes de xaneiro este templo, e xa anunciaba que o departamento que el dirixe ía financiar a recuperación da capela de San Xoán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario