Esta mañá comezaba un curso sobre Actividades Auxiliares de Agricultura, organizado polo sindicato Xóvenes Agricultores, en colaboración co Concello de Quiroga. O alcalde quirogués, Julio Álvarez, dáballe a benvida aos integrantes na Casa da Cultura.
O curso, de 380 horas de duración, forma parte do Plan AFD. Trátase dun curso de formación ocupacional cofinanciado pola Consellería de Traballo, o que implica que ao seu remate os participantes recibirán un Certiticado de Profesionalidade.
O curso de 15 prazas vai dirixido fundamentalmente a desempregados inscritos no servizo público de emprego, aínda que as dúas prazas que quedan por cubrir poden ocupalas traballadores en activo.
As clases, que comezaron esta mañá, prolongaranse ata o 30 de novembro e impartiranse en horario de oito e media da mañá a dúas e media, de luns a venres. As clases teóricas impartiranse na Casa da Cultura, mentres que as prácticas se realizarán en cultivos de terreos municipais e zonas verdes.
O temario do curso inclúe varios módulos, entre os que se inclúen as operacións de preparación de terreos, sementeira e plantación de cultivos; de rega, abonado e tratamentos; e recolección de cultivos e mantemento de instalacións agrícolas.
Os participantes neste curso contan con axudas por transporte, por minusvalía e por conciliación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario