29 oct 2018

OS BOIS DE MARIO NOGUEIRA NO LUAR DA TVG


A gandería de Mario Nogueira é cada vez máis “famosa” e volve conquistar popularidade na pequena e gran pantalla. Os seus  bois apareceron agora no programa Luar da TVG. Bonito e Boneco, estes tranquilos exemplares de 800 kilos volveron a pasearse por un estudio de televisión.
Estes  impoñentes exemplares xa están máis que acostumados aos focos e as cámaras non en van participaron na rodaxe da serie “Al final del Camino”, interviñeron nun capítulo de serie “Doutor  Who” e, na película “Elisa e  Marcela”, da directora Isabel Coixet. Ademais da campaña publicitaria de  Gucci.
Tamén ten vacas nesa explotación e tamén saíu algunha famosa como “Juanita”, a vaca do concurso televisivo de Gran Hermano de Tele5. Ademais a súa dona Cristina Gómez recibiu o premio a mellor manexadora de bois no pasado mes de agosto en Chantada.
Mario Nogueira é posiblemente o home que máis bois move hoxe en España, na súa explotación de Chao da Casa conta actualmente cuns 60 exemplares. Algunhas parellas destes bois participan en romarías, outros destínanse a carne e outro grupo vendese ao País Vasco para o deporte de Arrastre.
Estes animais que viven ceibes nos montes de Chao da Casa, poden chegar a comer uns 10 quilos diarios de pienso, ademais de fariñas e forraxes.

26 oct 2018

XORNADAS DIVULGATIVAS SOBRE OS GLACIARES

O  GDR Ribeira Sacra  desenvolveu a pasada fin de semana unhas xornadas de divulgación sobre os efectos dos glaciares no relevo e a paisaxe.
50 persoas participaron nun programa de actividades que comprendía tres conferencias e incluían unha visita guiada a lugares da serra do Courel onde se aprecian as pegadas dos antigos glaciares, especialmente visibles en paraxes como a lagoa de Lucenza e o val da Seara.
As conferencias corrían a cargo de Augusto Pérez Alberti, profesor de xeografía física da  Universidade de Santiago e que  trataba sobre «Glaciarismo e  periglaciarismo das montañas do Courel».
Outro relatorio abordaba as pegadas dos glaciares na cordilleira Cantábrica e estaba impartido por Jesús Ruiz Fernández, investigador da Universidade de Oviedo. A terceira conferencia corría a cargo de Marc Olivas, investigador da  Universitat de Barcelona e versaba sobre os glaciares de Sierra Nevada.
Augusto Pérez Alberti aproveitou a conferencia para presentar o seu libro “Xeomorfoloxías das Montañas do Courel” co que se agasallou a todos os participantes. No libro, dirixido a todos os públicos, detállase o mapa xeomorfolóxico da Serra. Case metro a metro, explícase como se chegou a formar a paisaxe da que podemos gozar hoxe en día ao percorrer O Courel.  Devesas, antigos glaciares, pregamentos de centos de millóns de anos e un patrimonio cultural que agora opta a converterse en Xeoparque Mundial da Unesco.
O autor, que participou no informe presentado á Unesco no proxecto do Xeoparque Montañas do Courel, recoñece que o mapa é un traballo de moito detalle, posiblemente o máis detallado que se fixo ata agora non só no Courel, senón en toda Galicia. Non se inclúe só a xeomorfoloxía, tamén está toda a toponimia que existe na serra: os regos, os regatos ou os lugares

ALUMNOS DO IES DE QUIROGA PARTICIPAN NA RODAXE DUN SPOT PROMOCIONAL


Os alumnos e alumnas de quinto e sexto tiveron a oportunidade de participar na rodaxe dunha película de exaltación do noso concello, que se desenvolveu no museo etnográfico de Quiroga. A rodaxe da película forma parte dun taller de audiovisuais organizado dende o GDR Ribeira Sacra.

A produtora Némesis está levando a cabo esta actividade que conta co financiamento do GDR Ribeira Sacra. Os rapaces e rapazas son os encargados de facer o traballo, poñéndose diante e detrás das cámaras durante catro días de gravación.

Este taller dirixido as nenos e nenas de 12 a 16 anos dos seis concellos da comarca de Lemos ten como obxectivo achegar unha actividade lúdica e cultural coas novas tecnoloxías ata as zonas do rural e que a súa vez serva de promoción estes territorios.

A idea do proxecto é que unha vez feito o vídeo sirva de publicidade nas páxinas web de cada concello.

23 oct 2018

ÚLTIMOS DÍAS PARA SOLUCIONAR GRATUITAMENTE AS INTERFERENCIAS DO SERVIZOS MÓBILES 4G NA TDT


           Quiroga  conta  dende o pasado mes de  maio  co  servizo 4 G de telefonía móbil. Este  servizo pode producir  afectacións  na recepción dá Televisión  Dixital Terrestre (TDT) polo que  é posible que a recepción do sinal de televisión poida verse afectada nalgúns edificios ou vivendas moi próximos ás estacións de telefonía móbil.

Esta nova tecnoloxía permite alcanzar conexións móbiles de moi alta velocidade, mellorar a cobertura no interior dos edificios e conseguir maiores niveis de penetración xeográfica, en particular ás zonas rurais. Pero, os servizos móbiles 4G  utilizan a frecuencia 800 MHz que antes utilizaba a televisión dixital terrestre (TDT), polo que podería ocorrer que o sinal de TV véxase afectada por interferencias.  Pode aparecer pixelado, bloqueo de imaxes ou perda do sinal.

Para evitar estas interferencias puxose en marcha  unha  entidade xestora que se encarga de solucionar calquera afectación que suceda na recepción da TDT motivada polas emisións da tecnoloxía 4G para asegurar a continuidade do servizo de TV. Unha actuación totalmente gratuíta para o usuario durante os primeiros seis meses tras o inicio das emisións 4G.

O 31 de outubro, finaliza definitivamente en zonas de Quiroga ese prazo para solicitar as actuacións por parte dos usuarios de TDT a través da  entidade CHEGA800, polo que as persoas que se viron afectadas soamente terán ata ese prazo para poder subsanar as interferencias de forma gratuita.

Os telespectadores que vexan a TV a través de fibra óptica, satélite ou Internet non teñen interferencias.

18 oct 2018

O CONCELLO DE QUIROGA CONTINÚA A TRABALLAR NO AFORRO ENERXÉTICO


O Concello de Quiroga está a dar un paso máis no aforro enerxético, nesta ocasión nos edificios da Casa de Cultura e o Centro Social. Trátase da colocación dunha caldeira de biomasa, que abastecerá a estes dous edificios, os de maior consumo dos edificios municipais, e coa que o concello pretende aforrar un 65% en gasto.

A caldeira é de condensación de  pellets de 125  kw, para calefacción por biomasa e rendemento superior ao 105%. O combustible almacenarase nun depósito de 20  m3 de capacidade.

Para a instalación desta caldeira foi preciso acometer reformas no lugar no que estaba a anterior caldeira de gasoil. Estas reformas e a instalación da nova caldeira remataranse previsiblemente esta semana, como lle informaba o encargado dos traballos ao alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, que na tarde de onte se achegaba ata os baixos da casa da cultura onde se instala a nova caldeira.

Coa caldeira de Biomasa para abastecer as necesidades térmicas dos edificios da Casa de Cultura e Centro Social o  Concello segue na liña de eficiencia e aforro enerxético iniciada no ano 2013, cando instalou paneis solares fotovoltaicos en edificios municipais (Auditorio municipal, Casa Cultura, CEIP, Pavillón Polideportivo, Gardería e estación Depuradora de auga potable e residual).

17 oct 2018

UN EQUIPO DE FUN POLO AIRE DA TVG GRAVA EN QUIROGA


Un equipo do programa da TVG “Fun polo Aire” desprazouse na tarde de onte ata Quiroga para falar con Ósgar González, o neno que vai enviar ao hospital madrileño 12 de Octubre nove bonecos que representan aos personaxes principais da serie de debuxos animados  Pj  Masks.

Os bonecos, feitos con carton pedra e xornais, foron o agasallo que os país do neno, Tamara de la Viuda e Óscar González, lle fixeron polo seu cuarto cumpreanos. Tras disfrutar do seu agasallo, Ósgar, que coñece ben os hospitais por ser multialérxico, decidiu envíalos a un hospital no que houbese nenos ingresados.

Esta é a segunda vez que esta familia envía bonecos a un hospital madrileño, xa que o pasado ano enviara os persoaxes da Patrulla Canina. Pero antes de chegar o seu destiño, Ósgar disfrutou un día máis cos seus bonecos na gravación que fixo a TVG na praza de España.

O programa “Fun polo Aire”, emitese de luns a venres ás cinco e media da tarde. Trátase dun magazine de proximidade onde os verdadeiros protagonistas son os galegos e galegas de a pé contándolles aos espectadores todo o que sucede nas vilas da nosa comunidade. O programa gravado onte aínda non ten data fixada para a súa emisión, pero será nuns días.


16 oct 2018

ITV PARA AS MÁQUINAS SULFATADORAS


A Unidade Móbil de Inspección Técnica de Máquinas de Fitosanitarios  desprazarase ata Quiroga para realizar a ITV a todas as máquinas sulfatadoras que o precisen.
        O día para realizar a inspección será este venres 19 de outubro, de nove a unha pola mañá ou de tres a oito pola tarde e terá lugar nos talleres Rofer de Quiroga. A reserva poderase facer chamando ao teléfono 982 42 86 53.
Desde o ano 2016, as  sulfatadoras están obrigadas a pasar a súa propia ITV. Non cumprir a normativa ambiental europea leva sancións: os equipos que traballen con produtos  fitosaniarios sen superar a inspección técnica enfróntanse a multas de entre 300 a 3.000 euros.
O exhaustivo exame afecta a máquinas de máis de 100 litros de capacidade e que superen os cinco anos de antigüidade. Quedan excluídos da revisión os equipos fitosanitarios que son  pulverizadores de mochila e os de arrastre manual (mochilas) con depósito de ata 100 litros.
No caso dos equipos novos, a inspección deberá realizarse no primeiros cinco anos tras a súa compra. Unha vez feita a primeira ITV fitosanitaria, pasaranse cada cinco anos; fóra dos que prestan servizos a terceiros que deberán facerse cada tres anos. A partir do ano 2020, a periodicidade dos controis acúrtase e terán que repetirse cada tres anos.
        Os requisitos principais da inspección son presentar a cartilla do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA), manter o número de bastidor visible e ter o equipo limpo, tanto por dentro como por fóra, e sen fugas en circuítos, bombas e depósitos.
Pasar este exame, supón a entrega dun adhesivo oficial da Xunta, parecido ao dos vehículos cando pasan a ITV, ademais do certificado correspondente de inspección.