29 abr 2011

AS ACTIVIDADES Ó AIRE LIBRE CENTRAN AS ACTIVIDADES DO CENTRO SOCIAL PARA O VINDEIRO TRIMESTRE

O Centro Social ven de sacar o boletín no que recolle as actividades programadas para os meses de maio, xuño e xullo, que se centran maioritariamente nas actividades ó aire libre.

No mes de maio, realizarán unha xornada gastronómica e de convivencia social o día 19. Tamén teñen prevista unha excursión ó Principado de Asturias coa visita o Santuario de Covadonga e as localidades de Cangas de Onís e Colunga, os días 25 e 26 de maio.

Ademáis continuarase cos obradoiros de ximnasia, de manualidades e de plantas máxicas e cos bailes os domingos.

No mes de xuño unha ruta de sendeirismo polo río e a montaña do Lor e unha excursión ás Rías Baixas centran o programa. Paro o mes seguinte as protagonistas das viaxes serán as Rías Altas.

UN INCENDIO CALCINA UNHA CARROCETA E UN ALPENDRE EN SAMPAIO

Membros do Grupo Municipal de Intervención Rápida e da Policía Local achegábanse esta mañá ata Sampaio tras ser alertados dun incendio polo 112. Tratábase dun incendio ocorrido nun alpendre no que se atopaba unha carroceta do dono da vivenda colindante.

Os veciños ademáis da carroceta perderon varios apeiros de labranza, pero aínda que os danos materiais foron cuantiosos afortunadamente non houbo que lamentar ningún dano persoal.

O incendio, do que avisou un veciño que pasaba pola zona, iniciouse sobre as once e media da mañá cando estaban tentando arrancar a carroceta onde se iniciou o lume, as lapas quedaron controladas unha hora máis tarde.

28 abr 2011

GARCÍA BORREGÓN ENTREVÍSTASE CO ALCALDE DE QUIROGA

O Director Xeral da Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, visitaba onte o noso municipio. García Borregón era recibido na casa consistorial polo rexedor local, con quen mantiña unha xuntanza privada.

A visita, segúndo palabras do propio director xeral fíxose a petición do alcalde, Julio Alvarez, co motivo de coordinar as inversións que esta dircción xeral vai realizar na Rede Natura durante os vindeiros anos.

CONTRATADAS AS OBRAS DE 93 CAMIÑOS DE ACCESO A VIÑEDOS

En breve prazo darán comezo as obras para a mellora de accesos a viñedos que contratou a consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. A empresa Taboada e Ramos será a encargada de realizar a mellora de 93 camiños en quince parroquias do municipio de Quiroga.

Na parroquia de Paradaseca, cun presupostos de máis de 11.000 €, arranxaranse os camiños da Ferreira, de Reboredo do viñal das viñas de arriba, de outeiro e o acceso ás viñas de Paradapiñol. Na parroquia de Quintá do Lor, con 9.000 €, arranxaranse os camiños do Robredo, do Val, da Comarcal 533, de Sobrado, do agro no Freixeiro e das viñas en Castí. Na parroquia de San Martiño, con 26.000 €, os camiño nos que se traballará serán o do Pombar, Piñeiro, Barrelo, as Paredes, Pontido e Tapiceiros.

Tamén se realizarán traballos nas parroquias de Bendollo, Bendilló, Cereixido, Enciñeira, A Hermida, Fisteus, Hospital, Montefurado, o Nocedo, Sequeiros, Vilarmiel e Villaester; ata compretar un presuposto que ascende a preto de 460.000 €.  

27 abr 2011

A LUDOTECA ESTREA NOVAS INSTALACIÓNS

O servicio de Educación Social do Concello de Quiroga trasladou na tarde de onte a Ludoteca ás súas novas instalacións situadas no baixo da Casa de Cultura.

Este traslado celebrouse cunha festa, á que estaban convidados todos os usuarios da ludoteca, dende as cinco da tarde ata as oito do serán.

O servicio de Ludoteca é gratuíto, xa que o subvenciona o concello de Quiroga, coa axuda da Deputación Provincial de Lugo e vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Ten lugar todos os martes e xoves no seguinte horario:
- de 5 a 6 da tarde para nenos/as de 3 e 4 anos.
- de 6 a 7 para nenos/as de 5 a 8 anos.
- de 7 a 8 para rapaces e rapazas de 9 a 12 anos.

Como novidade, a partir deste momento e, para casos excepcionais, aqueles pais, nais ou tutores que o necesiten, poderán dispoñer da ludoteca para os seus fillos/as en horario ininterrumpido de 5 da tarde ata as 8 do serán.

A programación de actividades da ludoteca baséase no xogo libre, xa que este combina a voluntariedade, o establecemento de reaccións sociais, a espontaneidade e o desenrolo da autonomía. O xogo libre vai acompañado de materiais de xogo seleccionados baixo criterios de calidade funcional, material e pedagóxica, unha distribución de espazos coherentes, e unha normativa interna que facilite a liberdade e o respecto tanto polos compañeiros de xogo como polos materiais da ludoteca. Paralelamente ó xogo libre, utilízanse diferentes propostas de actividades como: Talleres, actividades grupais organizadas, xogos dirixidos...

Os interesados en asistir só deben apuntarse ben persoalmente na Casa de Cultura ou na Ludoteca, ben chamando o número de teléfono 982 435 125.

20 abr 2011

VII CARREIRA POPULAR FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA.

A área de deportes do concello de Quiroga organizou para a tarde do venres a VII Carreira Popular como preludio dos actos organizados para a XXIX Feira do Viño.

A carreira comenzará ás cinco menos cuarto da tarde coa modalidade de Canicross , cun percorrido de 5 KM. Tamto esta como o resto das carreiras terán a saída e a chegada diante da casa do Concello.

Ás cinco da tarde comenzará a carreira na categoría de pitufos, os nacidos no 2007 e posteriores, cun recorrido de 100 metros (ata o bar cine). Cinco minutos máis tarde sairán os prebenxamíns e os benxamíns, nacidos  nos anos 2003 e 2004 e no 2001 e 2002, cun percorrido de 500 metros, é decir unha volta ata a Praza de España.

Cinco minutos máis tarde participarán os nacidos nos anos 1999-2000, a categoría Alevín cun recorrido de 1.000 metros – 1 volta ata o bar Zorro. A continuación farano os da categoría Infantil e Cadete, é decir, os nacidos nos anos 1997 e 1998; e no 1995 e 1996, cun recorrido de 2.000 metros, ata as piscinas municipais e volta á meta.

A retirada de dorsais realizarase o día da proba no Concello, en horario de 12 a 13 h, tamén poderán recollerse dende as 15 h ata media hora antes do inicio de cada proba.

Ás cinco e media comenzará a Proba Absoluta, cun percorrido de 9.400 metros; e que comprende as categorías xuvenil, senior e veteranos; masculino e feminino. Este ano a proba de adultos estará controlada a través dun CHIP que se entregará a cada corredor no momento da recollida do dorsal e que se colocará na zapatilla antes da saída da proba.


Haberá trofeos e medallas para os tres primeiros de cada categoría tanto masculino como feminino, e os tres primeiros locais, e ó corredor de maior idade e o mais novo. Os participantes terán como agasallo unha camiseta conmemorativa da proba ata esgotar existencias. Os tres primeiros de cada categoría recibirán ademais como obsequio botellas de viño da nosa comarca.

19 abr 2011

O MÉRCORES 20 DE ABRIL ÁBRESE AO PÚBLICO NA SALA DE EXPOSICIÓNS DO CONCELLO A EXPOSICIÓN DE PINTURA E FOTOGRAFÍA, "ENGURRAS", DO ARTISTA IAGO EIREOS.

A sala de exposicións, do Concello de Quiroga acollerá, dende o mércores 20 de abril ata o luns 9 de maio, a exposición de fotografía “Engurras”, do artista lugués Iago Eireos. O acto de apertura terá lugar o mércores, día 20, ás 18.00 h .

A exposición “Engurras” versa sobre a terceira idade, o paso do tempo, as pegadas do camiño andado e as persoas maiores, que por evolución natural experimentan condicións de vida especialmente difíciles, xa que perden paulatinamente a saúde, a actividade social e a capacidade de socialización e, en moitos casos, séntense postergados e excluídos.

“Engurras” é un xeito de mostrar protagonismo e eloxio a esas persoas que adoitan mirar como espectadores o que acontece ao seu carón, sendo eles, realmente, os responsables directos do noso presente. As engurras son belas metáforas da experiencia que o tempo outorga e son sinónimo de autenticidade e de naturalidade.

Nun mundo rexido por un voraz sistema de consumo, cada vez máis cheo de camuflaxes e trampas rexidas polas modas publicitarias que vulneran a nosa sociedade… Máis que nunca, a engurra é bela.