O vindeiro día 15 de xuño, tal e como estaba programado, o centro social fará unha actividade de aire libre e sendeirismo social.
Baixo o título de “Camiñada polo val de Quiroga: entre pobos e ríos”, os socios do centro social sairán de Quiroga ás 8 da mañá e percorrerán as terras baixas do val quirogués pasando e vendo Pacios de Mondelo, A Ermida –campo da festa-, alto de San Roque, Barxa, Arxubín, Lamela, A Veiguiña, Ponte Barreiro, e A Rodela para rematar no Pontón dos Barreiros no máis profundo do val, como primeira etapa da camiñada.
Despois do descanso, continúase e deberase ascender ata coller a estrada de Campos de Vila a Pacios da Serra, para dirixirse á localidade de Campos de Vila, como segunda e última etapa. Alí os participantes serán recollidos en autobús e irán cara ao centro social onde todos están convidados a un viño español e a unhas tapas variadas.
Os socios que queiran participar nesta actividade gratuíta considerada de dificultade baixa, que ten un percorrido total de 14 km e toda a mañá de duración, pódense inscribir xa no centro social, pois o prazo remata o vindeiro domingo día 12.
A dirección do centro recoméndalles aos socios que participen ir provistos de roupa e calzado axeitado. A camiñada, por outra banda, irá asistida por persoal do centro social e polo coche de protección civil do Concello de Quiroga durante todo o traxecto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario