15 jun 2011

O CONCELLO DE QUIROGA OFERTA CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA OS NENOS DE 3 A 12 ANOS

Dende o Servizo de Educación Social do Concello de Quiroga ofértanse para os nenos e as nenas en idade escolar uns innovadores campamentos de verán. Esta actividade ten como finalidade dar un servizo diario aos seus usuarios nunhas datas nas que os máis pequenos desfrutan de tanto tempo de lecer.

As clases consistirán en variados obradoiros: plástica, abelorios, modelado, cociña, feltro, lectura, teatro, medio ambiente, reciclaxe, ciencia, costura, maquillaxe e tatuaxes, ademais dun obradoiro de globoflexia e outro de conservas de peixe, este último a través dun programa da Consellería do Mar, “Ponlle as pilas ao teu bocata”, para infundir unha alimentación sa. Tamén terán clases de inglés e informática, así como deportes, natación, cine e xogos de presentación, distensión, cooperativos, de orientación, populares, estáticos, predeportivos, de carreiras, recreativos e malabares.

O horario para os rapaces de 3 a 7 anos será dende as 10.00 h da mañá ata as  13.00 h do mediodía, e o dos nenos e nenas de 8 a 12 anos dende as 11.00 h ata as 14.00 h do mediodía. Os proxenitores ou os titores deberán levar os alumnos e as alumnas á Casa de Cultura na primeira hora (10 h ou 11 h, dependendo da idade) e recollelos na piscina a última hora (13 h ou 14 h, dependendo tamén da idade). No caso de mal tempo serán avisados para poder recollelos noutro lugar.

Os campamentos de verán teñen un custo por neno para sufragar os gastos de material, así cada pequeno empadroado en Quiroga deberá achegar 20 €uros por mes e os non empadroados 30€. Os irmáns que asistan aos cursos terán un desconto de 5 €uros por irmán.

As persoas interesadas en inscribir os seus fillos ou fillas tan só deben pasar pola Casa da Cultura ou chamar ao número de teléfono 982 435 125, onde serán informados de todos os detalles dos campamentos e poderán anotar os rapaces. A data límite para apuntarse é o xoves 30 de xuño, excepto para aquelas persoas que veñen de vacacións a Quiroga.

13 jun 2011

A NOVA CORPORACIÓN MUNICIPAL COMEZOU O SÁBADO A SÚA LEXISLATURA

A nova corporación municipal comezou o sábado a súa lexislatura ás doce do mediodía, na celebración do pleno de toma de posesión. Na sesión plenaria, presidida por Manuel Mondelo Rodríguez, como concelleiro electo de maior idade, xuraron ou prometeron o seu cargo os once concelleiros que xa forman parte da nova corporación de Quiroga.


Unha vez que cada un deles xurou o seu novo cargo como concelleiro, procedeuse á votación, a man alzada, para elixir o cabeza de lista que exercerá como alcalde-presidente. Julio Álvarez Núñez foi elixido como alcalde por oito votos a favor.


Tras a súa elección, Julio Álvarez xurou novamente a Constitución, neste caso xa como alcalde-presidente, e recibiu o bastón de mando de mans do presidente do pleno nese momento para, a continuación, pasar xa a ocupar o seu lugar na presidencia.


Logo da toma de posesión, o alcalde, Julio Álvarez, no seu discurso de investidura fixo referencia a unha campaña cruel e vil que rematou e deu paso a catro anos de traballo nos que van cumprir o programa electoral e, tamén, falou dun plan de sustentabilidade para Quiroga.



10 jun 2011

A NOVA CORPORACIÓN TOMA POSESIÓN MAÑÁ SÁBADO

A nova corporación municipal comezará mañá a súa lexislatura ás doce do mediodía, na celebración dun pleno de toma de posesión.

A nova corporación estará constituída por:

* 8 concelleiros do PP:
Julio Álvarez Núñez
Ana Mª Núñez García
José Luis Rivera Castro
Rosa Mª Arza Rodríguez
José Enríquez Álvarez
María Dolores Sánchez Durán
José Ángel Rodríguez Raposo
Manuel Mondelo Rodríguez
* 2 do BNG:
Ángel Rodríguez Losada
Xavier Castro Martínez
* 1 do PSdeG-PSOE:
José Luis Del Pont Losada

O Partido Popular seguirá gobernando no Concello de Quiroga unha vez máis con maioría absoluta ao acadar oito concelleiros dos once que compoñen a corporación. Unha vez que cada un deles xure ou prometa o seu novo cargo como concelleiro do Concello de Quiroga durante catro anos, designarán por medio de votación  o cabeza de lista que exercerá como alcalde-presidente.

8 jun 2011

15 ALUMNOS DO IES DE QUIROGA INICIARON HOXE AS PROBAS DE SELECTIVIDADE

15 alumnos do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga comezaron hoxe as probas de acceso á universidade. Os exames realízanse, como é habitual desde hai algúns anos, no instituto Cosme López Rodríguez da Rúa.

Os alumnos que realizarán os seus exames entre hoxe e o venres son:

. Álvarez Bermúdez, César
. Castro Otero, Clara
. Del Pont Rodríguez, Lucía
. Enríquez Vara, Iago
. González Álvarez, José Adrián
. González Calvo, Javier
. González Morillo, Manuel
. González Núñez, Rita
. López Álvarez, Alejandro
. López Mendoza, Beatriz
. Ontiveros Velásquez, Diego
. Rodríguez Bascoy, Soraya
. Rodríguez López, Joel
. Rodríguez San Martín, Alba
. Santos Díaz, Patricia

Este ano porase en marcha por segunda vez o sistema que permite aos aspirantes á universidade realizar exames opcionais das materias relacionadas co grao ao que queiran optar, cos que poderán subir ata catro puntos a súa nota.

Outra das novidades do sistema, que se implantou por primeira vez o ano pasado, é que permite, a quen queira mellorar a súa puntuación, repetir unicamente os exames das materias opcionais en lugar de facer os exames completos.

O día 17 publicaranse as notas provisionais, nas que se poderá obter un 14 de cualificación máxima.

6 jun 2011

UN VECIÑO DA RIBEIRA FALTA DA SÚA CASA DENDE HAI UNHA SEMANA

Efectivos da Garda Civil e de Protección Civil buscan dende mediados da semana pasada a Miguel Arias Figueroa, de 68 anos e veciño da Ribeira, que desapareceu da súa vivenda entre o luns e o martes. Tras percorrer os lugares próximos á súa casa e ao río, familiares e veciños temen que o home, que vive só e é de carácter moi retraído, marchase de forma voluntaria a Lugo ou a Monforte.

As forzas da orde e os achegados seguen co operativo de busca e percorren a diario varias rutas que puido seguir o home. O sábado a procura centrouse pola beira do río Sil, dende a desembocadura do río Quiroga ata As Medas, pero esta mañá aínda non se conseguira localizar ningunha pista que indicara o seu paradoiro.
Porén, cada día que pasa cobra máis forza a hipótese da marcha voluntaria. Algunhas testemuñas apuntaron que o viron o luns a primeira hora na estación de tren de San Clodio. Pero é unha conxectura, xa que outros veciños din que o viron máis tarde, pero hai confusión entre os días e as horas.

Aínda que a teoría do desprazamento é a principal, a busca de Miguel Arias pola zona continúa porque non todos os elementos encaixan. Para empezar, foise da  casa sen a súa documentación nin o DNI e, ademais, dado que está baixo tutela da familia, non ten facilidades para mover nin retirar en efectivo moito diñeiro, polo que iso complicaría calquera viaxe.

Miguel Arias é un home de 68 anos, de estatura baixa, 1,60 m, e de complexión forte. A súa pel é de cor clara e ten os ollos castaños. Ademais ten pouco pelo e moi canoso. O seu carácter é retraído e tímido.

A familia agradece calquera colaboración cidadá e para iso facilita dous números de teléfono para que se alguén o viu achegue pistas. Os teléfonos son 982.42.84.19 e 646.16.48.32. Ademais pódese avisar ás forzas da orde ou ao Concello de Quiroga.

3 jun 2011

O DÍA 18 COMEZAN AS ACTUACIÓNS DO PROGRAMA "MÚSICA NA RÚA"

O Concello de Quiroga vai poñer en marcha un ano máis o programa de animación nocturna Música na Rúa, coa que se pretende animar as terrazas dos bares e cafeterías da zona urbana durante os sábados da época estival.

Esta mañá estaban convocados os propietarios dos bares e cafeterías para comunicarlles o inicio desta actividade e, á vez, realizar o sorteo no que se decidiu en que lugar actuará o músico cada noite.

Un ano máis respectaranse aquelas fins de semana nas que se celebren festas nos lugares de arredor.

As actuacións, que se desenvolverán dende as dez e media da noite ata as doce e media, comezan o día 18  deste mes coa actuación do músico na  cafetería a Pedra e o 25 entre as Palmeras e o bar Portón.

No mes de xullo, o día 2 actuará no mesón Ferreiriño, o día 9 na Andaluza, o día 23 na Adega de María e o día 30 entre os bares Félix e Zorro.

No mes de agosto as actuacións serán o día 4 no Chapakuña, o día 20 no Recuncho do Dino e o día 27 no Dai-2.

Finalmente no mes de setembro, o día 3 no Cantar Miudiño, o día 10 entre os bares Compañía e Quíper e o día 17, remate desta actividade, entre os bares Cine e Lago.

2 jun 2011

OS SOCIOS DO CENTRO SOCIAL REALIZARÁN UNHA EXCURSIÓN POLO VAL DO RÍO QUIROGA

O vindeiro día 15 de xuño, tal e como estaba programado, o centro social fará unha actividade de aire libre e sendeirismo social.

Baixo o título de “Camiñada polo val de Quiroga: entre pobos e ríos”, os socios do centro social sairán de Quiroga ás 8 da mañá e percorrerán as terras baixas do val quirogués pasando e vendo Pacios de Mondelo, A Ermida –campo da festa-, alto de San Roque, Barxa, Arxubín, Lamela, A Veiguiña, Ponte Barreiro, e A Rodela para rematar no Pontón dos Barreiros no máis profundo do val, como primeira etapa da camiñada.

Despois do descanso, continúase e deberase ascender ata coller a estrada de Campos de Vila a Pacios da Serra, para dirixirse á localidade de Campos de Vila, como segunda e última etapa. Alí os participantes serán recollidos en autobús e irán cara ao centro social onde todos están convidados a un viño español e a unhas tapas variadas.

Os socios que queiran participar nesta actividade gratuíta considerada de dificultade baixa, que ten un percorrido total de 14 km e toda a mañá de duración, pódense inscribir xa no centro social, pois o prazo remata o vindeiro domingo día 12.

A dirección do centro recoméndalles aos socios que participen ir provistos de roupa e calzado axeitado. A camiñada, por outra banda, irá asistida por persoal do centro social e polo coche de protección civil do Concello de Quiroga durante todo o traxecto.