O retablo maior
da igrexa do Hospital comenzou a ser restaurado. A restauración do retablo,
presupostada en preto de 30 000 €, foi tramitada pola Asociación San Bartolomé
do Hospital a través do GDR Ribeira Sacra.
O retablo maior da igrexa do Hospital é de estilo barroco, de
finais do século XVII ou algo posterior. A súa estrutura, que cobre toda a
bóveda, é de gran riqueza artística xa que na mesma obra poden atoparse
diferentes elementos e técnicas. As columnas son estriadas en forma de ondas
e teñen capiteis corintios. A súa ornamentación de tallas vexetais
repítese en toda a obra así como as diferentes girnaldas de froitas. É dourado
e policromado en diferentes tons verdes, azuis e terras.
Co presuposto, que correrá a cargo do GDR Ribeira Sacra cunha
achega da propia parroquia, realizarase a fixación da policromía.
Posteriormente, procederase á eliminación de elementos que deterioren o soporte
e revisaranse as ancoraxes. A consolidación da madeira mediante a inxección ou
impregnación de resinas acrílicas será o seguinte paso. Ademais reconstruiranse
os volumes perdidos. Para devolver a luminosidade das cores empregadas en orixe
realizarase unha limpeza química a base de diferentes disolventes e,
finalmente, a protección final con vernices de resinas de orixe sintética
protexerá a obra de posteriores agresións.
A rehabilitación da igrexa de Hospital iniciouse no ano 2005 coa
mellora dos accesos á igrexa e a creación dun pequeño espacio para estacionar
vehículos. Neste primeiro proxecto, que contou cun presuposto de 70.000 €, reformouse
exteriormente o edificio. No ano 2006 realizouse a segunda fase da
rehabilitación da igrexa. Cun presuposto de 72.000 €, Patrimonio retirou a
vella capa de cal que cubría os muros interiores e sustituiuna por outra nova.
Ademais destaparonse antigas estructuras de madeira ó derrubar os falsos
teitos. No ano 2007, nunha terceira fase dotada con 132.893 €, leváronse a cabo
diversas reparacións nos muros para evitar filtracións de humidade e a
renovación integral da cuberta. En canto ó interior, renovouse por completo o
pavimento de madeira e recolocaronse as intalacións eléctricas e a megafonía.
Finalmente, no ano 2010, a Consellería de Cultura e Turismo destinou un
total de 85.294 euros para a restauración e acondicionamento da capela de San
Xoán de Hospital.
No hay comentarios:
Publicar un comentario