Os museos Xeolóxico e Etnográfico do Concello de Quiroga
acadaron no que vai de ano un total de 4000 visitantes; repartidos en 2168 o
Museo Etnográfico e 1832 o Museo Xeolóxico. Nesta estatística chama a atención
que algo máis do 90 % dos visitantes proceden de fóra do Concello de Quiroga.
O 17 % dos visitantes acuden a visitar os museos quirogueses en
pequenos grupos o en solitario, sen cita previa; mentres que o 83 % restante
intégranse dentro de grupos de máis de 10 persoas que acordan previamente unha
visita guiada. Dentro deste último grupo hai que salientar a numerosa presenza
de centros de ensino tanto de infantil e primaria como de secundaria e
asociacións culturais de toda a comunidade autónoma.
O Museo Etnográfico mantén dende a súa apertura no ano 2007 unha
afluencia media que supera os 1700 visitantes anuais. Para o Museo Xeolóxico
aínda non se pode establecer unha comparación con anos anteriores porque a súa
apertura tivo lugar en decembro do ano 2011. O Museo Etnográfico superou
amplamente a media dos anos anteriores, máis tendo en conda que aínda faltan
dous meses para rematar o ano.
Estas cifras veñen apoiadas por unha serie de actividades que
dinamizaron os museos. Daquela no Museo Etnográfico ao longo do ano realizouse
un primeiro obradoiro de tecido tradicional (17 mulleres inscritas de Monforte,
Ribas do Sil e Quiroga) e instalouse a exposición permanente dos decorados da
película de animación galega “O Apóstolo”, ademais da colaboración anual co
programa “Preescolar na Casa” e a demostración na rúa dun fiadeiro tradicional.
Cabe destacar que ao longo do ano 2012 incorporáronse á colección deste museo 23
novas pezas.
No Museo Xeolóxico, realizáronse varias xornadas de portas
abertas con visitas guiadas e durante as primeiras xornadas de Xeoloxía na
Ribeira Sacra organizadas polo GDR “Ribeira Sacra” tamén se realizou unha
visita especial.
De cara aos vindeiros meses está prevista a realización de novas
actividades de dinamización como un Obradoiro de Arqueoloxía no Museo Xeolóxico
e a apertura no Museo Etnográfico dunha exposición permanente de fotografías
antigas na que se mostrarán aos verdadeiros protagonistas desta colección
etnográfica realizando os seus traballos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario