O Consorcio da Ribeira Sacra editará tres novas guías turísticas, unha das
cales será a primeira que este organismo dedica de forma exclusiva
ás rutas de sendeirismo. As tres guías serán editadas en papel e tamén
poderán conseguirse a través de Internet. A guía de sendeirismo contará cunha
web propia e un pouco máis adiante tamén estará dispoñible nunha aplicación para
teléfonos móbiles.
A
edición da guía forma parte dunha iniciativa coa que o consorcio pretende
potenciar as rutas de sendeirismo como recurso turístico. Durante a súa
preparación negociouse cos vinte e un concellos da zona, a cada un dos cales se
lle ofreceu a posibilidade de seleccionar dúas rutas situadas no seu territorio
para ser incluídas na guía. A condición que se puxo que os concellos se
comprometesen a manter os camiños en estado transitable ao longo de todo o ano.
Quiroga terá duas rutas
nesta guía a Ruta do Ferradal e a Ruta da Lagoa da Lucenza na Seara. O Camiño
Ferradal ou da Caleira ten un recorrido aproximado de 10,5 km, desenvólvese de
xeito íntegro nas parroquias de Bendollo, Paradaseca e Vilarmel. Une os lugares
de Rugando, Paradapiñol, Paradaseca e Ponte Soldón cun percorrido de 10,5 km.
Comúns á meirande parte dos camiños tradicionais asentados sobre o substrato
rochoso natural, as rodadas esculpidas no chan dos típicos carros de bois do
país están tamén aquí presentes como proba dun continuado uso desta vía no
tempo, probablemente para o transporte do ferro producido na ferrería de
Rugando e do cal cocido nos fornos da zona.
A
outra das rutas seleccionadas, entre a aldea da Seara e a lagoa de orixe
glaciar da Lucenza, de 11,7 km de recorrido é unha das rutas de sendeirismo máis destacadas
da serra do Caurel. Nesta ruta podese ver O Fócaro, unhas das fervenzas máis
espectaculares da serra do Caurel, cuns 30 metros de altura e cun caudal
bastante estable durante todo o ano. Tamén é posible contemplar un dos maiores
saltos de auga da serra: a fervenza de Navaregas de preto de 70 metros. A lagoa
da Lucenza ten uns 70 m de diámetro e pode chegar a secarse a finais dos veráns
máis secos. É de orixe glaciar e a súa antigüidade remóntase ao Plistoceno
Superior, hai máis de 16.000 anos. O percorrido ata este punto é de 2,8
quilómetros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario