A Federación
Galega de Montañismo está a piques de homologar duas rutas de Quiroga, unha é a
do Camiño do Ferradal entre Rugando e o Soldón, que estreou estes día unha nova
ponte, a ponte do Frade. E a outra é unha clásica que non se poden perder os
amantes da natureza, a da Logoa da Lucenza na Seara. Xa está todo listo para o recoñecemento
como percorrido homologado destas duas rutas.
O "camiño ferradal" ou da "caleira" é unha das rutas máis espectaculares que se poden facer nesta zona e a súa
combinación co "camiño do Carroceiro" entre Rugando e o Mazo, pasando
por Vilarmel e Outeiro, completa un fermoso desafío para os amantes dos
sendeiros por montaña.
Dentro de
pouco o "camiño ferradal" será unha ruta homologada pola Federación
Galega de Montañismo, nestes momentos estase procedendo á tramitación deste
recoñecemento.
O Camiño
Ferradal ou da Caleira desenvólvese de xeito íntegro nas parroquias de
Bendollo, Paradaseca e Vilarmel no Concello de Quiroga. Une os lugares de
Rugando, Paradapiñol, Paradaseca e Ponte Soldón cun percorrido de 11 km.
O
percorrido proposto arranca dende a ferrería de Rugando, hoxe casa de turismo
rural: atravesamos o río pola ponte que une este lugar con Vilarmel e
Cereixido, na marxe esquerda do río Soldón, o camiño faise máis estreito e
quebrado na baixada ao río onde aínda se poden ver os restos dunha ponte que
permitiría acceder a Paradapiñol. Neste treito o sendeiro vai cerca do río para
ir gañando altura progresivamente ata separarse do camiño vello que subía cara
a Cereixido. A partir deste cruzamento o sendeiro vai máis ou menos ao chan ata
chegar a unirse co Camiño Ferradal.
Unha vez
superado o cruzamento da ponte de Paradapiñol, o camiño ascende con suavidade
cara ao lugar do Castro para descender tamén con suavidade ata unha ponte de
madeira que atravesa o regato do Barreiro procedente de Cereixido. Baixo a
ponte e nun lugar de gran beleza atopamos un muíño fariñeiro que segundo contan
nunca chegou a funcionar. Dende o rego de Cereixido o sendeiro empeza a gañar
novamente altura bruscamente ao primeiro e logo de xeito doado, pasando ao
carón dun curioso abrigo rochoso probablemente empregado antano polos pastores.
Pronto nos atopamos co rego de Rocaboa que baixa bruscamente do chan de Fiais
en abruptas fervenzas.
Atravésase
novamente por una ponte de madeira para ir gañando altura ata saír do rego e
circular a media ladeira polo val do río Soldón. Neste val o camiño descende
paseniño ata cruzar o Soldón na espectacular ponte do Frade, recen construída;
xa na beira dereita a ruta percorre un treito rodeado de sequeiros e alvarizas
que nos conduce ata o lugar de Pena Furada, túnel escavado polo romanos para
conducir auga a varias minas auríferas.
A partir de
aquí o sendeiro diríxese cara a Paradaseca para chegar á Ponte Soldón despois
de pasar pola paraxe que ocupa a cova de Ricopete, que foi mina romana.
A pouco que
un penetre neste camiño, percibe que se atopa ante algo máis que unha vía de
comunicación abandonada: estamos ante un claro exemplo de adaptación ao medio,
ante un elemento etnográfico en si.
Colgado nun
terreo de pronunciada pendente, a súa caixa foi picada, ás veces, directamente
na rocha natural, na lousa, alcanzando en ocasións unha altura superior aos 2,5
m polo lado do monte. Pola contra, cara á caída do val, nas numerosas ocasións
en que a morfoloxía do terreo ou a cota o esixe, aséntase sobre un muro de
laxes de lousas horizontais (laxes sacadas da construción da caixa do propio
camiño), encargado de soportar o entullo que nestes tramos formaría toda ou
parte da súa capa de rodadura.
Comúns á
meirande parte dos camiños tradicionais asentados sobre o substrato rochoso
natural, as rodadas esculpidas no chan dos típicos carros de bois do país están
tamén aquí presentes como proba dun continuado uso desta vía no tempo,
probablemente para o transporte do ferro producido na ferrería de Rugando e do
cal cocido nos fornos da zona.
Entre a aldea da Seara e a lagoa de orixe glaciar da Lucenza, esténdese unha das rutas de sendeirismo máis destacadas da serra do Caurel.
A 200 metros do inicio desta ruta, está
O Fócaro, unhas das fervenzas máis espectaculares da serra do Caurel, cuns 30
metros de altura e cun caudal bastante estable durante todo o ano. Despois
cruza o regato que baixa da Lucenza e Porto Murelos polo pontón da Lomeira.
Dende
este punto é posible contemplar un dos maiores saltos de auga da serra: a
fervenza de Navaregas de preto de 70 metros. Continuando chegase ata o pequeno
regato do Lago e subimos outros 30 m ata a cunca onde se atopa a lagoa. Ten uns
70 m de diámetro e pode chegar a secarse a finais dos veráns máis secos. É de
orixe glaciar e a súa antigüidade remóntase ao Plistoceno Superior, hai máis de
16 000 anos. O percorrido ata este punto é de 2,8 quilómetros.
O
sendeiro ascende ata a Campa da Lucenza e despois chega ata o Teso das
Papoulas. A continuación, ata o lugar da Boca da Rogueira. A partir de aquí vai
máis ao chan para bordear o monte Formigueiros A pista chega a un lugar polo
que descendemos lixeiramente chamado Campa da Retorta. A partir de aquí xa se
poden ver as veneiras: lugares onde se extraía o mineral de ferro a ceo aberto.
Situadas á altura dunha zona achaiada, esténdense por ambas as ladeiras da
montaña. Nesta zona, preto do lugar dos Castros, existen dúas explotacións
mineiras auríferas soterradas, coñecidas polas xentes do lugar como cova de
Arcos e cova de Augas.
Trátase
dunha ruta circular que remata despois de preto de 12 km novamente no lugar da
Seara.
No hay comentarios:
Publicar un comentario