27 abr 2012

O PLIEGUE XEOLÓXICO DE CAMPODOLA-LEIXAZÓS FOI DECLARADO ONTE POLA XUNTA DE GALICIA MONUMENTO NATURAL

O pliegue xeolóxico de Campodola-Leixazós, foi declarado onte pola Xunta monumento natural.
Tras a aprobación no Consello da Xunta do decreto que confire a estructura a protección legal, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo subliñou, que   " este acordo blinda a protección dun monumento natural único".
O pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós consiste nun pregamento xeolóxico de tipo deitado, no cal pode apreciarse con total claridade a ondulación dos estratos superiores da codia terrestre provocada polas forzas tectónicas, nun proceso que neste caso tivo unha duración de 500 millóns de anos. A súa singularidade estriba en que pode apreciarse con total nitidez este proceso grazas ao encaixamento do río Ferreiriño, que deixa ao descuberto a estrutura interna do sinclinal nun grande corte transversal, o que o converte nun dos puntos da xeoloxía estrutural máis importante de España e lle confire un gran valor científico-educativo.

Cómpre, por tanto, manter a integridade dos valores xeolóxicos e fomentar o seu coñecemento, polo que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza iniciou o procedemento de declaración no ano 2009.

Nos monumentos naturais, con carácter xeral estará prohibida a explotación de recursos, salvo naqueles casos que por razóns de investigación ou conservación se permitan, logo da pertinente autorización administrativa.
A corporación municipal que onte celebraba un pleno non quixo comenzar a sesión plenaria sen amosar  a súa satisfacción unanimemente por a celebración do monumento natural.

25 abr 2012

OS DECORADOS DA PELÍCULA "O APÓSTOLO" EXPOÑERANSE NO MUSEO ETNOGRÁFICO


Os decorados da película de animación galega “O Apóstolo” estarán expostos de xeito permanente no museo etnográfico municipal de quiroga.
          O Museo Etnográfico do Concello de Quiroga contará entre a súa colección permanente cos decorados da película de animación realizada en Galicia “O Apóstolo” grazas ao acordo acadado cos responsables de “Artefacto Produccións”.
Os decorados desta película, que se exhibirá en todo o mundo, están ambientados nas aldeas da montaña lucense. En concreto realizouse un gran traballo de investigación e documentación nos concellos de Quiroga e Folgoso do Caurel, para tratar de capturar nestes decorados a maxia e o ambiente desta zona de montaña.
           Para as instalacións do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga, engadir estas reproduccións á súa colección supón un complemento perfecto, xa que nunha instalación deste tipo non é doado amosar aos visitantes a producción arquitectónica; daquela empregando as maquetas realizadas polo equipo de decorados desta película poderase contemplar como son as construccións tradicionais da Serra do Caurel.
O Concello de Quiroga agarda que esta nova parte coa que contará o Museo Etnográfica estea lista para amosarse ao público nun breve prazo de tempo xa que será o propio equipo de decoradores da película os que se despracen a Quiroga para completar a montaxe do mellor xeito posible.
         “O Apóstolo” é a primeira película de animación stop-motion estereoscópica de Europa. Levou tres anos de traballo: dous anos de desenvolvemento e un de rodaxe. Na actualidade a película está en fase de posprodución estereoscópica.
Os actores protagonistas da versión en castelán foron: Jorge Sanz, Gerlaldine Chaplin, Paul Naschy, Carlos Blanco, Luis Tosar, Manquiña, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Pico e Pedro Alonso. E para a versión en inglés conta co compromiso de Gary Oldman e Jeff Goldblum, entre outros.
            A banda sonora foi composta por Philip Glass.

24 abr 2012

O EQUIPO DE VOLEIBOL DO C.E.I.P DE QUIROGA CAMPION DA PROVINCIA


O equipo de voleibol de 4º curso de primaria do CEIP de Quiroga, proclamouse o sábado campión da provincia de Lugo da súa categoría, logo dun emocionante partido disputado no Casa do Deporte de Lugo fronte ao club EMEVE. Este equipo sorprendeu xa dende o principio do campionato, ao non ter perdido ningún dos encontros xogados, primeiro na zona sur, en Monforte, e logo na fase provincial, en Lugo.
O Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga, participou este ano por primeira vez no programa XOGADE de deporte escolar da Xunta de Galicia. No mesmo programa  participan, xa hai anos, as escolas deportivas municipais de Quiroga na especialidade deportiva de fútbol-sala, onde tamén ano tras ano, os nenos e nenas conseguen moi bos resultados a nivel provincial.
O CEIP de Quiroga, a través da súa dirección, manifestou a alegría que supón para toda a comunidade educativa este triunfo no primeiro ano de incursión nestes campionatos de deporte escolar. Polo que quixo achegarlle os seus  parabéns para estes nenos e nenas.
Tamén  durante a festa de homenaxe aos veciños de Quiroga do pasado domingo se lles quixo facer unha homenaxe as estes pequenos campións subíndoos ao palco da orquestra Panorama, onde recibiron o aplauso de todolos veciños.

A AREA DE XUVENTUDE ORGANIZA UN OBRADOIRO DE SCRAPBOOK


Dende a área de xuventude do concello de Quiroga, organízase para o mes de maio un OBRADOIRO DE SCRAPBOOK, que terá lugar o martes 8 e o xoves 10 de 19 horas a 20:30 na aula da ludoteca municipal.
O scrapbooking é unha técnica coa que se personalizan albumes de fotos, aínda que tamén se realizan tarxetas de todo tipo así como se modifican diferentes obxetos, carteiras, libretas, carpetas, etc…é unha actividade que, mediante procesos creativos, realiza composicións de recordos a través de fotos e outros obxetos.
   
Os interesados en apuntarse deberán facelo na casa de cultura antes do xoves 26 de abril, xa que o venres día 27 se realizará unha reunión para mercar o material, único custo do curso, entre todos os asistentes. Tamén haberá unha semana polo medio para poder compilar recordos, fotos e material que se queira utilizar.

20 abr 2012

A ORQUESTRA PANORAMA NA FESTA POLO TRINTA ANIVERSARIO DA COMISIÓN DE FESTAS


A Comisión de Festas de Quiroga organizou para este domingo unha festa de homenaxe aos veciños de Quiroga no seu trinta aniversario, que contará coa actuación da orquestra Panorama.
A actuación do grupo Panorama comenzará ás dez da noite  na praza - estacionamento de autobuses escolares entre o pavillón municipal e a rúa Real.

José Luis Rivera, membro da comisión de festas, indicou que esta actuación, que é un agradecemento a veciños e hostaleiros pola súa colaboración nas festas durante os trinta anos que leva traballando a comisión,  lévase a cabo agora ante a imposibilidade de contratar esta orquestra durante a tempada estival, debido o excesivo caché que acada.

19 abr 2012

UN CURSO DE TECIDO TRADICIONAL TENTA QUE NON SE PERDA UNHA TÉCNICA MILENARIA DA MONTAÑA QUIROGUESA


A delegación de Cultura do Concello de Quiroga organizou un curso de tecido tradicional en tear.
Aproveitando a recollida e resturación das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de aprender os secretos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.
O curso englobaría todo o proceso do tecido, dende o urdido dos fios para configurar a base sobre a que se tece; preparar o fío da la co seu cardado, fiado e torcido; e preparar os flecos con que decorar as distintas pezas ata chegar ao propio tecido no tear.
O curso de 40 horas de duración impartirase no Museo Etnográfico e será totalmente práctico, correndo a cargo da tecedeira de Visuña, Carmen Barreiro Díaz, que contará coa colaboración de Agapito Vila e Manola Souto.
A data de inicio está prevista para o 28 de maio, desenvolvéndose os luns e mércores dende as sete da tarde ata as nove do serán.

           Para que poda levarse a cabo é preciso acadar un mínimo de dez persoas participantes. Todos @s interesad@s en recibir máis información ou en inscribirse poden dirixirse á Casa de Cultura, tanto persoalmente como no teléfono 982435125.


18 abr 2012

QUIROGA PARTICIPARÁ NUN PROGRAMA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICO DE SOGAMA

O Concello de Quiroga en colaboración con Sogama, vai levar a cabo  un programa de compostaxe doméstico en varias vivendas do municipio.
O obxetivo é que a través dos compostadores, no se fogar, os veciños participantes elabores o seu propio compost a partir da materia orgánica xerada nos mesmos, obtendo un abono natural e de alto poder fertilizante que se poderá usar en hortas, xardíns ou terras de cultivo.
Persoal do concello encargarase do seguimento da elaboración deste abono.
Paralelamente éste programa organizouse unha visita ao complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda. No que a través  dun percorrido guiado por educadores mediambientais, coñecerase a actividade industrial desenvolvida no mesmo, tomando conciencia da importancia que ten a práctica dos tres erres: reducción, reutilización e reciclaxe, por parte da poboación.
Esta excursión levarase a cabo o 8 de xuño.
Para participar tanto no programa de compostaxe doméstico como na excursión a Sogama, é preciso inscribirse previamente no concello, ben persoalmente ou a través do teléfono 982.42.80.01.