Quiroga viviu esta fin de semana as súas
festas de verán. Os festexos abríanse o xoves cunha das súas actuacións
estrela, a actuación da orquestra Panorama, e que congregou a centos de persoas
nas inmediacións do pavillón municipal.
O venres as actividades festivas trasladáronse
ata o parque da Constitución, onde se celebraba a décimo cuarta Festa da Comunidade. As nove e media da noite
abríase o recinto para que o medio milleiro de persoas participantes se foran
instalando nas mesas protexidas baixo unha gran carpa.
Esta era a XIV edición dunha festa que naceu
como xuntanza e inicio das festas de verán e que cada ano consegue reunir a
centos de persoas. Nos últimos anos o menú quedou fixado en paella pola gran
acollida. Noutras edicións degustaronse salchichas frescas, panceta ou codillo.
As
entradas para participar nesta cea, cun prezo de 6€, estiveron á venda en
diversas cafeterías da vila e no Centro Social, pero aínda se podían adquirir no
recinto feiral, opción que escolleu moita xente.
A cea remataría cun animado baile a cargo
do Dúo Camelia
O sábado, ás doce do mediodía, apicultores e
grupo de goberno, acompañados da música do grupo rexional O Recanto,
inauguraban a XXVIII Mostra do Mel.
Moi boas vendas, moi desigual colleita segundo
as zonas do municipio e unha gran proliferación de velutina son as conclusións
dos sete apicultores participantes na XXVIII Mostrando Mel de Quiroga.
O mel de Quiroga, coas súas variedades
multifloral, de castiñeiro e brezo estivo unha vez máis a altura da gran
calidade que o caracteriza. Os colmeares situados nas zonas máis altas do
municipio producen mel co predominio do castiñeiro, mentres que os situados nas
zonas do val dan mel de brezo, planta moi abondosa e da que Quiroga recibe o
seu nome (queiruga); nas zonas intermedias as abellas recollen o pole de
castiñeiros e brezo que xuntan con moitas outras flores dando un mel
multiflorar. Tres variedades con matices diferentes en canto a cor, textura e
sabor pero coa mesma calidade.
Desta gran calidade dan boa fe todas as
persoas que se achegaban ata o recinto feiral e que practicamente mercaron todo
o mel exposto. Xunto co mel, outros produtos tipicos da zona como aceite,
licores ou marmeladas podían adquirirse nesta mostra.
Os apicultores quirogueses están loitando
activamente contra a avespa velutina que se está vendo máis ca nunca na
comarca. Dende o inicio da primavera están colocando as trampas que lle
proporciona a Xunta de Galicia e outras fabricadas por eles mesmos, nas que xa
colleron centos de raíñas desta especie tan perxudicial para as abellas. E que
segundo eles mesmos recoñecen, está sendo dificil de eliminar.
Tamen este ano, aínda que en menor medida,
deixouse ver o paso do oso pardo. Constatouse a súa presenza pero non chegaron
a producirse danos nos colmeares, xa que a fundación Oso Pardo proporciona
pastores eléctricos aos apicultores que informan do seu paso, o que lles impide
achegarse ás colmeas.
As doce do mediodía e as oito do serán, contábase
cun espectáculo de maxia ”Petite Caravane”, a cargo da compañía Animatium na caravana situada na rúa Real. O espectáculo, para
todos os públicos, forma parte do programa Cultura no Camiño, organizado polo
Concello de Quiroga e a Conselleria de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
A festa popular corría a cargo do grupo Atenas
a partir das dez da noite e as doce e media o concerto da gaiteira galega Susana
Seivane, outra das actuacións estrela destas festas de verán. A gaiteira ven de
cumprir os vinte anos dende que publicou o su primeiro traballo discográfico e
esta actuación enmarcouse dentro desta celebración.
O domingo ás doce e media do mediodía a banda
de de Música de Chantada facía unha alborada pola rúa Real e un concerto
diante da Casa do Concello.
Pola tarde, na Praza España os
nenos e nenas poideron participar no Concurso Pinta con Xiz no Chan. O seu
remate facíase entrega dos premios aos gañadores do concurso de
Debuxo Infantil e de lambetadas a todos os nenos participantes.
As oito da tarde, espectáculo infantil
de rúa, “ O Folión Zampón” a cargo de Fantoches Baj, ao longo da rúa Real.
A festa popular a cargo dos grupo Nazaret
e Limón, poñería o punto final as festas de verán.
Durante estas festas tamén se contou con
actividades deportivas: O venres pola tarde celebrábase o quinto Torneo de
Street Soccer no parque da Constitución. E aínda que estaba previsto celebrar
tamén o primeiro Torneo de Street Voley,
tivo que pospoñerse para o día seguinte, dada a gran participación no Street
Soccer.
E o sábado a partir das seis e media da tarde,
no campo do San Martiño tiña lugar a presentación do equipo do Quiroga para
esta nova tempada que inicia nunha nova categoría, a segunda autonómica, e o
que se enfrontaba ao Trives, no IV Trofeo TourGalia. O encontro rematou cun 1 –
0 favorable para o equipo quirogués.