A infraestrutura turística do municipio cos miradoiros municipais de
Montefurado, Campodola, Bustelo de Fisteus, A Seara, A Conchada e Castro Dares,
ven de ser mellorada polo Concello de Quiroga. Coa axuda da Axencia de Turismo
de Galicia da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta, realizáronse traballos
de mantemento na contorna e nos paneis informativos dos seis miradoiros.
Este ano para potenciar as infraestruturas coas que conta o territorio
do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, incorporouse un novo punto
de observación na estrada que conduce dende Campos de Vila a Pazos da Serra, á
altura de Penas Rubias. Neste lugar pódese gozar dunha menos coñecida vista da
gran dobra deitada das Montañas do Courel; lugar de importancia xeolóxica de
relevancia internacional dende o ano 1983.
Ademais dos traballos para mellorar e incrementar a rede de miradoiros e
puntos de interpretación tamén se substituíron os sinais de área xeográfica que
estaban moi deteriorados polo paso do tempo. Estes paneis adaptados ao manual
de sinalización turística de Galicia conteñen información por áreas xeográfica
de núcleos de poboación, vías de comunicación e puntos de interese de cada unha
das áreas do concello: área da montaña do Lor; área da Ermida e
Campodola-Leixazós; área do Hospital á Seara; área de Paradaseca, Vilarmel e
Bendollo; área de Bendilló e Vilaster e Área de Montefurado. En total
substituíronse 9 paneis.
Estas melloras teñen un custo de 15.000 €, dos que 10.000 € foron
achegados pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario