O concello de Quiroga remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural
da Xunta de Galicia as memorias para a solicitude de apertura de expediente de
declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o conxunto
histórico-artístico do Hospital, integrado pola igrexa parroquial de San
Salvador do Hospital, a Casa Torre de Hospital, a Casa da Encomenza (Pazo de
Tor) e a Casa de Carballedo; ademais da igrexa parroquial de Santa María da
Hermida.
Tendo en conta a complexidade dos elementos, nos vindeiros días remitiranse tamén á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural as memorias para abrir os expedientes relacionados coas zonas mineiras máis significativas do concello de Quiroga: conxunto mineiro de Montefurado, conxunto mineiro da Seara, conxunto mineiro de Penafurada, entre Paradaseca e Paradapiñol, conxunto mineiro das Covas e conxunto mineiro de Margaride.
Deste xeito, o Concello de Quiroga aspira a acadar un recoñecemento
especial para varios dos enclaves máis importantes do seu extenso territorio xa
que todos os elementos do patrimonio cultural quirogués contan xa co máximo
grao de protección conferido pola súa inclusión no Plan xeral de ordenación
municipal.
O catálogo do Plan xeral de ordenación municipal de Quiroga recolle e
protexe: 66 explotacións mineiras, 20 mámoas, 35 asentamentos castrexos, 2
zonas de petroglifos, 3 pontes, 21 igrexas parroquiais, 39 capelas, 2
cruceiros, 14 casas solariegas, 1 castelo e 7 ferrerías.
No hay comentarios:
Publicar un comentario