A Delegación de Cultura do Concello de
Quiroga organiza nas instalacións do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga o
3º curso de tecido tradicional.
Aproveitando a recollida e restauración das pezas empregadas no
sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de
aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co
paso do tempo foi quedando no esquecemento.
O curso, de 40 horas de duración, será
impartido pola tecedeira de Visuña Carmen Barreiro Díaz.
A data prevista de inicio é o día 5 de
maio e desenvolverase dende esta data ata o día 9 de xullo, todos os luns e
mércores de 18:30 a 20:30 horas.
O prazo para anotarse neste curso estará
aberto ata o día 2 de maio, as persoas interesadas poden realizar a súa
inscrición ou informarse na Casa de Cultura de Quiroga (teléfono 982435125). O
prezo desta actividade é de 10 € ao mes.
Nesta
nova edición está previsto fabricar unha capa tradicional de pastoreo da serra
do Caurel, unha prenda da que só quedan hoxe uns poucos exemplares en mal
estado. A pesar de que foron de uso común hoxe en día non é fácil atopar
exemplares ben conservados dos chamados mantelos. O museo etnográfico municipal
de Quiroga posúe algunhas pezas deste tipo, pero por agora non se mostran ao
público, xa que están deterioradas pola couza, remendadas de forma defectuosa e
moi destinxidas. Os mantelos confeccionábanse cun tecido especialmente mesto e
case impermeable, de maneira que non só protexían do frío senón que tamén eran
un resgardo bastante eficaz contra a chuvia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario