26 ago 2010

SENDEIRISMO DE LIMPEZA NO RÍO QUIROGA E VIAXE A SANTIAGO

Dende a Oficina de Xuventude do concello de Quiroga en colaboración coa Xunta de Galicia, organízase o SENDEIRISMO DE LIMPEZA POLO RÍO QUIROGA, dirixido a rapaces e rapazas de 13 a 18 anos.


Terá lugar os mércores de setembro de 18:30 a 20:00 horas, a partir do mércores día 8, e consistirá en limpar as beiras do río xunto con dous monitores, ó mesmo tempo que se coñecerá a flora e fauna existente neste lugar, ademáis terán a merenda de balde.

Como premio polo traballo realizado todos/as os/as participantes terán unha camiseta e unha mochila diseñadas por eles mesmos, ademáis dunha viaxe ó zoo de Marcelle. Para apuntarse poden facelo na Casa de Cultura.

Para o mes de setembro, e tamén dende a Oficina de Xuventude en colaboración coa Xunta de Galicia, organízase unha viaxe a Santiago de Compostela o domingo día 19, dirixida a mozos e mozas de 18 a 31 anos.
Esta viaxe terá a súa saída ás 09:30h. do concello e consistirá en facer o último tramo do Camiño de Santiago (O Pedrouzo-Santiago, 20qm.).
Xa en Santiago terá lugar a visita á Catedral, e algún tempo libre.
Para participar desta actividade hai que apuntarse na Casa de Cultura antes do 10 de setembro.

25 ago 2010

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES NO CEIP E NO IES DE QUIROGA

O Concello de Quiroga quere informar os alumnos de Educación infantil e primaria , 1º e 2º da ESO así como os pais e nais ; das actividades programadas no marco do Proxecto de Apertura de Centros Educativos fóra do horario lectivo. As actividades están cofinanciadas polo Concello e pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que se levarán a cabo , en colaboración co CEIP de Quiroga e o IES de Quiroga.

A oferta de actividades é variada e impartirase en función das idades dos escolares. Este ano tamén haberá módulo para adultos, no que poderán participar os pais dos alumnos.Así, éstes, poderán disfrutar de clases de inglés os mércores , informática os xoves e Habilidades de Relación e Interacción Social os luns.

Para os alumnos de Educación Infantil impartiranse clases de inglés os mércores. Os alumnos de Primaria tocaralles clases de inglés os luns , novas tecnoloxías os martes , técnicas de estudo os xoves e os sábados teatro na Casa da Cultura. Os estudantes de 1º e 2º da ESO terán as mesmas actividaes que os alumnos de Primaria ademais da actividade de Habilidades de Relación e Interacción Social os luns.As clases de cada disciplina impartiranse unha hora á semana.

A participación nas clases é gratuíta e os interesados en asistir poderán apuntarse na casa da cultura de Quiroga ou no número de teléfono 982435125.






XII ENCONTRO DE POETAS NO VAL DE QUIROGA

O vindeiro sábado 28 de agosto a partir das 11 da mañá na Casa da Cultura , terá lugar o duodécimo Encontro de Poetas no Val de Quiroga , organizado polo grupo poético Amencer Quirogués e o Concello de Quiroga.

Un ano mais os poetas da comarca , Xesús Galán e Pepe Pol , serán os encargados de presentalo acto onde Don Manuel Formoso actuará como pregoeiro deste certame.

Un total de 31 poetas procedentes de toda a xeografía galega paticiparán nesta nova edición do Encontro de Poetas. O acto contará con música en directo, nesta ocasión o cargo do cantautor Don Antón Valcarcel.

Unha vez rematado o evento entregaraselles a todolos participantes do certame un pequeno detalle para agradecerlles a sua participación neste novo encontro de poetas no Val de Quiroga , para rematar todos eles poderán disfrutar dun xantar de confraternización.



16 ago 2010

A PRAZA MAIOR OBXETO DUNHA NOVA REMODELACIÓN

O rexedor local, Julio Alvarez, anunciou esta mañá que a praza Maior de Quiroga vai ser obxeto dunha nova remodelación, na que será a segunda fase da remodelación integral desta zona.

Nesta ocasión dotarase dun novo pavimento o interior da praza, limparase o cruceiro de granito e remodelaranse os bordillos das árbores ornamentais.

Esta nova fase únese a xa realizada co cambio de pavimento nos cadrados ornamentais de lousa, coa remodelación total da plazoleta existente na rúa Lago, na que se cambiou o firme e se colocou unha farola ornamental; e coa colocación de pivotes para separar as zonas de tránsito dos peóns.

Co novo presuposto a inversión para os traballos realizados para a conservación e mellora da zona da praza Maior ascenden a máis de 20.000 €. Todo esto verase complementado co proxecto de urbanización que se vai levar a cabo na zona para o arranxo dos espacios comúns ó formar parte da Area de Rehabilitación Integral.

13 ago 2010

REMATADA A CONSTRUCCIÓN DUN MIRADOIRO SOBRE O VAL DO RÍO QUIROGA

Rematada a construcción dun novo miradoiro na estrada de Barreiro a Outeiro, por riba de Bustelo de Fisteus dende onde se poden contemplar unhas espectaculares vistas do val do río Quiroga, coa vila quiroguesa ó fondo.

O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado do concelleiro Angel Rodríguez, achegouse ata este novo miradoiro para supervisar o seu remate.

Traballadores do plan de Fomento de Emprego foron os encargados de realizar esta obra que comenzara a brigada de obras municipal.

O miradoiro construiuse prácticamente igual que o resto dos miradoiros do municipio, é decir a base de lousa, pedra ornamental e madeira tratada.

EXPOSICIÓN DE HUMOR GRÁFICO NO MUSEO ETNOGRÁFICO

Ata o 31 de agosto podese ver no Museo Etnográfico unha exposición de humor gráfico de Xosé Manuel Fernández Montes, veciño de Anguieiros.

A exposición titulada “O que non ten que facer nas ocurrencias atopa pracer”, podese visitar nos horarios do museo etnográfico, de luns a venres de once e media da mañá a duas da mediodía; e os sábados, domingos e festivos de doce a unha. Os grupos podeno visitar en horarios especiais con guía incluido previa cita no teléfono da casa da Cultura.

Xosé Manuel Fernández Montes colabora actualmente con varias publicacións de humor e nesta exposición recóllese unha pequena mostra destas viñetas.

11 ago 2010

BOAS VENDAS NA MOSTRA DO MEL

Onte pola tarde dez apicultores puxeron a venda o seu mel e produtos derivados na que foi xa a décimo novena edición da Mostra do Mel de Quiroga.

Un ano máis, coincidindo coa feira de mercado máis grande do ano, celebrouse esta cita cun dos produtos típicos do noso municipio. As casetas nas que os apicultores puxeron a venda, mel, polen e os seus derivados situaronse unha vez máis na Praza de España.

A pesar das altas temperaturas que afectaron a Quiroga na xornada de onte, os apicultores realizaron unhas vendas importantes, aínda que non tan elevadas como outros anos, o que eles mesmos achacaron a crise económica.

En canto a colleita deste ano calificárona de moi boa e con abundante producción a pesar de contar con menos colmeas, destacando o brezo e o castiñeiro como as flores máis abundantes na elaboración do mel.

9 ago 2010

QUIROGA CELEBRA MAÑÁ A SÚA XIX MOSTRA DO MEL

Quiroga a pesar de rematar as súas festas segue coas celebracións xa que mañá, coincidindo un ano máis coa feira de mercado máis grande do ano, acollerá a Décimo Novena Mostra do Mel.

O recinto feiral inaugurarase ás once da mañá, para durante toda a xornada poñer a exposición e venda mel e productos típicos.

Esta tarde, a partir das oito do serán os apicultores inscritos reuniranse na Casa da Cultura para sortear os postos e recibir as credenciais.

Os apicultores que poñerán a venda o seu mel e productos derivados nesta edición son:

* José Río Espada, de Pacios de Mondelo.

* Isabel Marcos López, da Ponte- Rodela.

* Manuel Macía González, de as Estradas.

* Angel Gómez Martínez, de Paradapiñol.

* Andrés Campo García, de Quiroga.

* Manuel Rodríguez Fernández, de Centeais.

* Agripino Ferreira Machado, de Quiroga.

* Mª Luisa Fernández Gafo, de Caspedro.

* Blanca Carballo Rodríguez, de Quiroga.

* Manuel Macía Castiñeiro, de Quiroga.

6 ago 2010

QUIROGA VIVE XA AS SÚAS FESTAS DE VERÁN

Esta mañá a banda de gaitas San Martiño anunciaba que a vila de Quirogaseguía de festas. Ás once e media da mañá o grupo facía unha alborada para anunciar os festexos.

A xornada de hoxe terá como plato forte a merenda popular a partir das nove da noite no parque da Constitución. Os veciños que queiran asistir e que non retiraran previamente as súas entradas poderán facelo no mesmo recinto no momento da cea.

O remate da merenda entregaranse os premios do campeonato de tute celebrado o pasado sábado e comenzará a festa popular amenizada polo dúo local Fondo Tropical.

Precisamente pola celebración destes festexos, a comisión organizadorea decidiu que esta tarde a rúa Anxel Fole, na zona do parque da Constitución, permanecerá pechada ó tráfico dende as cinco e media da tarde ata a unha da noite.

A partir da unha da mañá na zona dos pubs celebrarase un concerto do grupo Bukowski blues trío. Tamén esta zona sufrirá restriccións no tráfico, xa que hoxe, mañá e o domingo pecharase con pivotes dende a medianoite ata as nove da mañá.

O sábado a banda de música de Antas de Ulla ofrecerá un pasarrúas e un concerto a unha e media da mediodía nas inmediacións do bar Félix. A partir das sete da tarde disputarase un torneo de 3x3 de baloncesto nas categorías alevín, infantil e senior no pavillón municipal. Media hora máis tarde terá lugar o espectáculo infantil rúa Activa na praza de España. As dez da noite comenzará a festa popular coa orquestra Limón e a media noite o grupo de flock galego Milladoiro ofrecerá un concerto na rúa Real.

O domingo as doce da mediodía desenvolverase o espectáculo de rúa “Os cómicos do auto”. A unha e media actuarán o grupo de gaitas e danzas San Martiño diante da casa consistorial. Pola tarde a partir das sete e cuarto disputarase o terceiro trofeo de fútbol veteranos no campo de fútbol San Martiño e na praza de España os máis cativos disfrutarán dun concurso de pinta con tiza e do xogo do scalextric. A partir das nove e media da noite festa popular coas orquestras La Oca e Costa Oeste.

Para o desenvolvemento destas actividades o sábado e domingo a rúa Real pecharase ó tráfico a partir das doce da mediodía e non se abrirá ata o luns pola mañá.

REMATARON AS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO DA ÁREA ARQUEOLÓXICA DE "PENAFURADA" NO CAMIÑO FERRADAL OU DA CALEIRA QUE UNE RUGANDO E PONTE SOLDÓN.

O Alcalde Quiroga Xulio Álvarez anunciou que a posta en valor do Camiño Ferradal ou da Caleira, no treito que une os lugares de Rugando e Ponte Soldón, están a piques de rematar. Esta antiga ruta de 11 quilómetros que no seu día servía para transportar o ferro e outros materiais as ferrerías de Rugando e a Gorgueira (Paradaseca), foi recuperada polo Concello de Quiroga coa axuda dos fondos leader administrados polo GDR Ribeira Sacra.

Un dos puntos máis atractivos da ruta e a denominada área mineira de Penafurada, entre os lugares de Paradaseca e Paradapiñol. Nesta zona acondicionouse unha superficie duns 2.000 m2, onde se poden contemplar concentrados varios elementos interesantes do complexo mineiro romano que ocupaba boa parte do curso baixo do río Soldón. O esporón de Penafurada permite contemplar con bastante claridade dúas explotacións auríferas romanas, que conservan case todos os seus elementos, ademais pode accederse con comodidade ao túnel que formaba parte dunha importante canle de abastecemento de auga das minas emprazadas augas abaixo e mesmo, segundo algún investigador, da grande mina das Medas ao carón de Quiroga.

Aquí os traballos para facilitar as visitas consistiron na eliminación da maleza de toda a zona dende o camiño Ferradal, na colocación dun balado de madeira tratada para evitar o perigo e poder contemplar a espectacularidade do contorno e a construcción dun acceso con chanzos de madeira que nos permite acceder as dúas bocas do túnel (de 16 x 1 m) que atravesa o esporón rochoso. Estas tarefas completaranse coa colocación de dous paneis interpretativos que axudarán aos visitantes a comprender o contorno paisaxístico e arqueolóxico.

Este camiño cos elementos que compoñen o seu contorno, como a área mineira romana de Penafurada onde agora remataron as obras, considérase dende o Concello de Quiroga como un magnífico expoñente de ruta de cara á utilización turística, xa que ademais da beleza paisaxística agacha numerosos elementos relacionados co patrimonio etnográfico e arqueolóxico. Conforman este espectacular tecido: xacementos auríferos romanos coas súas canles de distribución de auga, alvarizas, sequeiros para as castañas, fornos de cal e as Ferrerías de Rugando (hoxe casa de Turismo Rural) e da Gorgueira baixo Paradaseca.

5 ago 2010

DOUS MESES PARA O REMATE DAS OBRAS DO NOVO ABASTECEMENTO DE AUGA A QUIROGA

O rexedor local, Julio Alvarez, fixou un prazo de dous meses para que entre en funcionamento, ao 100%, o novo abastecemento de agua da vila.

            

UNHA EXPOSICIÓN DE HUMOR GRÁFICO E O PROGRAMA MÚSICA NA RÚA INICIAN AS FESTAS DE VERÁN

Esta noite coa inauguración da exposición de humor gráfico de Xosé Manuel Fernández Montes e unha nova actuación do programa Música na Rúa, dase comenzo as festas de verán de Quiroga.

A exposición de humor gráfico deste veciño dos Anguieiros inaugurarase ás oito do serán na sala de exposicións do Museo Etnográfico, onde quedará exposta durante todo o mes de agosto.

Ás dez e media da noite comenzará a actuación do programa Música na Rúa, que nesta ocasión realizarase diante do bar Chapakuña.

Mañá continuarase con festexos, tendo como plato forte a merenda popular a partir das nove da noite no parque da Constitución. Os veciños que queiran asistir e que non retiraran previamente as súas entradas poderán facelo no mesmo recinto no momento da cea.

O remate da merenda entregaranse os premios do campeonato de tute celebrado o pasado sábado e comenzará a festa popular amenizada polo dúo local Fondo Tropical.

Precisamente pola celebración destes festexos, a comisión organizadora decidiu que maña venres a rúa Anxel Fole, na zona do parque da Constitución, permanecerá pechada ó tráfico dende as cinco e media da tarde ata a unha da noite.

Pero esta non será a única restricción no tráfico, xa que o sábado e domingo a rúa Real pecharase a partir das doce da mediodía e non se abrirá ata o luns pola mañá. E a recén remodelada zona dos pubs, o venres, sábado e domingo pecharase con pivotes dende a medianoite ata as nove da mañá.