8 ene 2019

600 QUILOS DE SAL PARA LOITAR CONTRA AS PLACAS DE XEO NOS CAMIÑOS


      Esta mañá o grupo de emerxencias GES repartiu 600 quilos de sal polos camiños de acceso a distintos núcleos do municipio que se atopaban con placas de xeo e dificultaban a circulación dos veciños.

Esta foi unha nova madrugada xélida en Quiroga con mínimas baixo cero. Onte ás oito menos dez da mañá a Estación Meteorolóxica que a Consellería de Medio Ambiente ten na Conchada marcaba unha temperatura de cinco grados baixo cero. Estas temperaturas propician que as xeadas nas zonas máis sombrizas se manteñan dun día para outro, aumentando a capa de xeo e dificultando o acceso aos núcleos máis afectados.

O grupo de emerxencias traballou esta mañá en Vilar de Mondelo onde foi preciso votar sal en toda a pista de acceso e en puntos concretos de Montefurado, Rugando e Vilañán.

Esta non é a primeira vez  que dende o concello se traballa en retirar as placas de xeo das pistas de acceso aos núcleos, xa que a semana pasada xa se empezou a espallar sal nas zonas máis altas do municipio. Ao que hai que sumar o plan de Emerxencia para facer fronte ás acumulacións de xeo que está levando a cabo a Deputación Provincial nas estradas da súa titularidade.

As temperaturas mínimas baixo cero seguirán aínda durante uns días.  O aire frío do continente europeo comezará a entrar mañá mércores na península Ibérica. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios moi apreciables polo que as xeadas seguirán sendo xeneralizadas no interior. As máximas si tenderán a baixar lixeiramente.

Pero a partir do xoves o alivio térmico que se experimenta ao mediodía desaparecerá. Unha masa de aire frío de orixe ártica invadirá a comunidade. Hai que engadir ademais que o vento, practicamente ausente ata hora, comezará a soprar con máis forza e aumentará a sensación de frío, cuxo valor podería estar incluso por baixo do que indiquen os termómetros. Os principais modelos meteorolóxicos coinciden en que ese aire polar quedará en Galicia polo menos ata o domingo.

NOVA LIÑA DE AUTOBÚS DE QUIROGA A MONFORTE


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de autorizar unha nova expedición de transporte público por autocar entre as localidades de Quiroga e Monforte de Lemos.

A nova liña estará operativa todos os días laborais (de luns a venres) con servizos de ida e volta. A saída terá lugar desde Quiroga ás 7,40 horas con chegada prevista a Monforte ás 8,20 horas. O regreso, con saída desde Monforte, está previsto ás 14,30 horas e chegada a Quiroga sobre as 15,10 horas.

 O itinerario percorrerá sete paradas: Quiroga, San Clodio, o IES Francisco Daviña Rey, a estación de autobuses de Monforte, o IES Río Cabe, a E.T. de Monforte e o Hospital Comarcal.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta nova frecuencia responde ás demandas formuladas desde o Concello e por un grupo de estudantes que cursaban ciclos formativos na cidade do Cabe e que agora serán os principais beneficiarios deste novo horario, ademais de todas aquelas veciñas e veciños que precisan achegarse ata o hospital comarcal.

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reforza o servizo de transporte público por estrada dentro do seu compromiso de promover as modificacións puntuais precisas para unha mellor conexión dos diferentes concellos e, en particular, das poboacións da zona rural.