30 may 2014

ACTUACIÓN DO MAGO ANTÓN HOXE EN QUIROGA

          O departamento de cultura do concello, en colaboración co programa Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia, organizou un espectáculo de maxia a cargo do Mago Antón.


O espectáculo titulado Onde Está o Mago Antón, terá lugar no Auditorio Municipal hoxe a partir das sete da tarde, pero durante toda a xornada o mago realizará diversos trucos por diferentes lugares da vila. Pola mañá estivo no centro médico, no instituto e no colexio; e pola tarde no centro social e nalgúns bares da vila.

27 may 2014

ALTA PARTICIPACIÓN E APLASTANTE MAIORÍA DO PP RESULTADOS DOS COMICIOS EUROPEOS

         3.091 quirogueses estaban chamados a votar este domingo nos comicios europeos, e finalmente acudiron as urnas 1843 o que se traduce nunha participación do 60%. A xornada como é habitual neste municipio foi tranquila, sen ter que destacar ningunha incidencia.
Unha das mais altas participacións nos comicios europeos onde o PP acadou tamén unha vez mais uns dos mais altos resultados cun 62% dos votos. A seguinte formación política en acadar mellores resultados foi o PSOE co 15’37% dos votos o que se traduce en 290 votos. Seguelle Age con 86 votos cun 4’7%; tras el con 80 votos o BNG con 4’3%; a revelación nestas ellecións europeas foi a formación PODEMOS  que acadou 57 votos, un 3’09%; seguidamente en número de votos estaría UPyD con 34 votos e 1’84%. O resto das vinte formacións que obtuveron votos en Quiroga recibiron 66 votos cun 3’58%.
Unha vez máis constituironse sete mesas electorais. No centro social de Quiroga instalaronse duas mesas, na mesa A votaron 385 persoas, destes votos 221 foron para o PP, un 57’4%; o PSOE con 54 votos acadou un 14% e o BNG un 5’4% con 21 votos. As seguiente formacións en recibir votos foron AGE, 16; UPyD, 15 e PODEMOS 13 votos, 22 votos foron para outras formacións, 6 en blanco e 17 nulos.
Na mesa B do Centro social acadáronse 504 votos, destes, 289 foron para o PP, un 57’3%; o PSOE con 73 votos acadou un 14’4% e o BNG un 5’75% con 29 votos. As seguiente formacións en recibir votos foron AGE, 27; UPyD, 6 e PODEMOS 26 votos, 24 votos foron para outras formacións, 10 en blanco e 20 nulos.
No centro social de Campos de Vila achegáronse as urnas 387 votantes, destes votos 238 foron para o PP, un 61’5%; o PSOE con 74 votos acadou un 19’12% e o BNG un 3’1% con 12 votos. As seguiente formacións en recibir votos foron AGE 18, UPyD 4 e PODEMOS 12 votos, 17 votos foron para outras formacións, 5 en blanco e 7 nulos.
 Na cantina Bonifacio, en Vilar de Lor, na que exercen o voto os veciños da zona da Labrada e a Montaña do Lor, votaron 149 persoas, destes votos 101 foron para o PP, un 67’8%; o PSOE con 26 votos acadou un 17’4% e o BNG un 3’3% con 5 votos. As seguiente formacións en recibir votos foron AGE 6, UPyD 1 e PODEMOS 6 votos, 3 votos foron para outras formacións, 1 en blanco e 1 nulos.
Na casa da cultura de Quiroga, a mesa para os veciños das parroquias do Nocedo e a Hermida, votaron 138 electores, destes votos 84 foron para o PP, un 60’8%; o PSOE con 30 votos acadou un 21’7% e o BNG un 5% con 7 votos. As seguiente formacións en recibir votos foron AGE 5, UPyD 3, 4 votos foron para outras formacións, 1 en blanco e 4 nulos.
 Na mesa situada no muiño de Soldón,  acadáronse 154 votos, destes 121 foron para o PP, un 78’5%; o PSOE con 12 votos acadou un 7’8% e o BNG un 1’3%, con 2votos. As seguiente formacións en recibir votos foron AGE 10, UPyD 3, 4 votos foron para outras formacións, 2 en blanco.
Na mesa situada en Montefurado  votaron 126 persoas, destas 88 fixerono para o PP, un 69’8%; para o PSOE, 21, un 16’6% e para o BNG un 3’1% con 4 votos. As seguiente formacións en recibir votos foron AGE 4, UPyD 2 e  3votos foron para outras formaciónse 4 en nulo.
O presidente do PP lucense e portavoz do partido no Senado, José Manuel Barreiro, amosouse onte satisfeito cos resultados que obtivo esta formación en Lugo e destacou que votou a ser a forza mais votada. Barreiro quixo destacar especialmente algúns casos de concellos gobernados polo PP como é o caso de Quiroga onde a partcipación rondou o 60%.

Tamén a alta participación a destacou o alcalde de Quiroga, o popular Julio Alvarez. Quen a súa vez se amosou satisfeito cos resultados acadados no concello polo PP, o que o situa como un dos primeiros concellos da provincia en porcentaxe de votos para esta formación. A súa vez o alcalde afirmou que estes  resultados extrapolados a uns comicios municipais faría que o PP acadara un concelleiro máis, mentres que o BNG quedaría sen ningún. 

23 may 2014

OS LOBOS MATAN 16 OVELLAS NA TARDE DE ONTE EN XESTOSO DE LOR

     Na tarde de onte un ou varios lobos mataron 14 cordeiros e 2 ovellas no pobo de Xestoso do Lor. Outra ovella atópase desaparecida. As ovellas atopábanse nun prado pechado a escasos metros do pobo cando foron atacadas polo animal, supostamente un lobo.
A propietaria dos animais estaba con elas, pero debido a choiva resguardouse baixo un castiñeiro a poucos metros. Dado que o prado no que pacían as ovellas facía pendente preto dun cavorco, a propietaria dende a súa posición non divisaba o rabaño. Cando saiu do seu resguardo para controlar aos animais foi cando se decatou de que lle faltaban moitas dos ovellas, a maioría cordeiros. Cando se puxo a buscalos xa os atopou mortos por entre as xestas.
A propietaria dixo que esta non era a primeira vez que o seu rabaño sofre un ataque do lobo, pero non desta embergadura; xa que hai dous meses un lobo matoulle unha ovella. Tamén confirmou que pola zona xa teñen visto moitos lobos, moitas veces en manadas de tres ou catro.

Tampouco esta é a primeira vez que o lobo ataca os rebaños de ovellas no noso municipio. Hai uns meses, preto da Ribeira de Abaixo o lobo achegouse ata un rebaño que pacía nun prado, tamén a plena luz do día, pero a oportuna chegada dun veciño, evitou o ataque.

21 may 2014

3.091 PODERÁN VOTAR ESTE DOMINGO NAS ELECCIÓNS EUROPEAS

         3.091 quirogueses están chamados a votar este domingo nos comicios europeos.
Unha vez máis constituiranse sete mesas electorais. No centro social de Quiroga instalaranse duas mesas, na mesa A poderán votar 652 quirogueses, mentres que na mesa B poderán facelo 898.
No centro social de Campos de Vila, que por primeira vez sustitúe a mesa que habitualmente se instalaba en Santa Cubicia, poderán votar 621 persoas, empadroadas dende a Parroquia de Hospital ata a parroquia da Seara.
Na cantina Bonifacio, en Vilar de Lor, na que exercen o voto os veciños da zona da Labrada e a Montaña do Lor, hai un censo electoral de 273 persoas.
Na casa da cultura de Quiroga, instalase a mesa para os veciños das parroquias do Nocedo e a Hermida. Nesta mesa, poderán exercer o seu dereito a voto 217 veciños.
As duas últimas mesas son as situadas no muiño de Soldón, cun censo electoral de 222;  e na escola de Montefurado, a máis pequena de todas, na que poderán votar 208 electores.

Todas as mesas deberán constituirse a partir das oito da mañá co seu presidente e dous vocais, para abrirse ás nove da mañá aos votantes. As persoas que queiran exercer o seu dereito a voto terán toda a xornada para facelo, ata as oito do serán, momento no que se pecharán as mesas.

19 may 2014

CENTOS DE VISITANTES NA PRIMEIRA MOSTRA DO ACEITE CO DISTINTIVO DE FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

Centos de visitantes acudiron unha vez máis ata o lugar das Farrapas para disfrutar dunha nova edición da Mostra do Aceite, xa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. A comisión organizadora decidiu no seu momento un atraso na data para tentar acadar unha mellora nas condicións climatolóxicas e na presentación do producto por estar máis decantado e clarificado. Melloras que se conseguiron, xa que o tempo foi inmellorable, coma inmellorable foi a calidade do aceite que se puxo á venda.

A XIV Mostra do aceite púxose en marcha unha vez máis co  funcionamento do Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite. Sen dúbida a parte da mostra que máis chama a atención dos visitantes.

Ás doce da mediodía cataronse os seis aceites participantes na mostra no interior da capela das Farrapas. Estes seis aceites participantes xa foron obxeto dunha precata fai duas semanas por parte dun grupo de sete catadores locais formados nun curso impartido pola UNED de Ponferrada, na que se catalogou aos seis aceites cunha calidade excelente.

Ademais desta cata os seis aceites que participaron na mostra foron enviados a un laboratorio especializado onde se lle efectuaron as probas especificadas pola normativa europea para este tipo de productos. Os resultados destas probas foron dunha calidade virxe extra.

Durante toda a xornada no recinto feiral estiveron á venda aceite e productos típicos. Os seis olivareiros que concurriron á XIV Mostra do Aceite foron; Guillermo Nogueira Veloso, Pedro Soto Losada, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, José Manuel López Maseda e Manuel Mondelo Rodríguez.

Os productores de Quiroga recolleron esta campaña uns 30.000 kilos de olivas grazas a unhas boas condicións climáticas superando a colleita do ano anterior.

Dende o concello trabállase dende hai tempo para acadar unha certificación xeográfica de calidade para o noso aceite, por ser un aceite cunhas características que o fan verdadeiramente único. De momento estes aceites xa levan todos a contraetiqueta de aceite de Quiroga, o que demostra que cumpren as esixencias impostas por unha comisión municipal para porse a venta como aceites de Quiroga.

Como novidade desta edición houbo visitas guiadas a un olivar en Bendollo. Tamén se contou cunha liña regular de autobús dende Quiroga ata as Farrapas.

Unha vez máis contamos coa presenza nesta mostra do subdelegado do goberno, Ramón Carballo e da delegada territorial, Raquel Arias.

Tamén acudiron á mostra  numerosos veciños de Foz, encabezados polo seu alcalde, que nos devolvían a visita que os quirogueses facían a festa do Chicharro como irmandamento das duas festas.

Na mostra tamén houbo  actuacións de danza e música tradicional galega a cargo das agrupacións locias: Grupo de danzas Arume da Queiruga, Grupo de Gaitas O Recanto e a banda de gaitas San Martiño.

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, amosábase satisfeito cos resultados da mostra que se presentaba por primeira vez co galardón de festa de interese turístico de Galicia.


16 may 2014

ESTE DOMINGO QUIROGA CELEBRA A XIV MOSTRA DO ACEITE

A Décimo cuarta edición da Mostra do Aceite, xa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, terá lugar este domingo 18 de Maio. A comisión organizadora decidiu no seu momento este atraso na data para tentar acadar unha mellora nas condicións climatolóxicas e na presentación do producto por estar máis decantado e clarificado.
O domingo, no lugar das Farrapas, a partir das once e media da maña poñerase en funcionamento o Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite.
Ás doce da mediodía cataranse os seis aceites participantes na mostra no interior da capela das Farrapas. Estes seis aceites participantes xa foron obxeto dunha precata fai duas semanas por parte dun grupo de sete catadores locais formados nun curso impartido pola UNED de Ponferrada.
Nesta precata avaliouse a calidade do producto que se vai poñer a venda este domingo na Mostra do Aceite nas Farrapas, na que se catalogou aos seis aceites cunha calidade excelente.
Ademais desta cata os seis aceites que participan na mostra foron enviados a un laboratorio especializado onde se lle efectuaron as probas especificadas pola normativa europea para este tipo de productos. Os resultados destas probas foron dunha calidade virxe extra.
A unha e cuarto, actuacións de danza e música tradicional galega a cargo das agrupacións locias: Grupo de danzas Arume da Queiruga, Grupo de Gaitas O Recanto e a banda de gaitas San Martiño.
Durante toda a xornada no recinto feiral estarán a venda aceite e productos típicos. Os seis olivareiros que concurren este domingo á XIV Mostra do Aceite son; Guillermo Nogueira Veloso, Pedro Soto Losada, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, José Manuel López Maseda e Manuel Mondelo Rodríguez.
Como novidade desta edición haberá visitas guiadas a un olivar en Bendollo, para elo haberá un servizo de autobús dende Bendilló ás doce menos cuarto e a unha e media. Os usuarios deste servizo deberán abonar 5 €.
Tamén se conta con outra novidade, xa que haberá unha liña regular de autobús dende Quiroga ata as Farrapas. O autobús terá a saída dende a praza España en Quiroga ás once da mañá e a unha. O regreseo dende Bendilló ata Quiroga será ás doce e media e as catro da tarde.           
 Precisamente para celebrarse esta Mostra do Aceite acondicionouse na zona das Farrapas un terreo para que sirva de aparcamento, e solucionar así o maior problema co que se atopaban os visitantes da mostra.
           Para elo foron os propios propietarios dos terros os que os cederon para realizar o acondicionamento para que servan de aparcamento de vehículos, á vez que se limpou e acondicionou toda a zona que acolle o recinto feiral.

A CONFRARÍA DO VIÑO DE QUIROGA ORGANIZA UN CURSO DE ELABORACIÓN DE VIÑOS

A Confraría do viño de Quiroga organiza un curso de elaboración de viños galegos brancos e tintos, os días 3, 4, 5 e 6 de xuño.
O curso para o que contan coa colaboración do concello de Quiroga e a Deputación de Lugo, desenvolverase na sala de catas do museo Etnográfico dende as sete e media da tarde ata as dez e media, en total 12 horas.
O curso estará impartido polo equipo de formación da adega Alán de Val e ten un custo orientativo de 35 €.

Todas as persoas interesadas en participar teñen ata o día 2 de xuño de prazo para inscribirse na casa da cultura.

MAÑÁ SÁBADO CELÉBRASE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

A área de Cultura do concello organizou diversos actos con motivo da celebración mañá sábado do día das Letras Galegas.
A unha menos cuarto da mediodía recibiranse no salón de plenos da casa consitorial aos distintos colectivos culturais da vila.
A unha presentarase o libro de Paulo Nogueira Santiago, “A Freguesía Rural de Santa María de Bendilló”.
Tras a presentación do libro farase entrega dos premios do certame de narración e dubuxo Letras Galegas. As gañadoras do certame foron: Na categoría A, na modalidade debuxo resultou seleccionado o traballo de Natalia Álvarez Díaz.
 Na categoría B, dentro  da modalidade debuxo: Carolina Fernández Camino,  Andrea Quiroga de la Piedra, Andrea Pérez López e Lucía Álvarez Domínguez.  Seleccionadas esta dúas últimas tamén na modalidade de narración.

Os actos rematarán coa actuación, diante da casa consitorial, da banda de Gaitas San Martiño.

9 may 2014

XORNADA SOBRE OS RÍOS E O PATRIMONIO MINEIRO ARQUEOLÓXICO EN QUIROGA

O Proxecto Ríos – Adega, coa colaboración do concello de Quiroga e a Xunta de Galicia, organizou para mañá sábado, unha xornada sobre os Ríos e o Patrimonio Mineiro Arqueolóxico en Quiroga.
O obxetivo desta xornada é divulgar a historia dos ríos galegos, especificamente do río Sil e os seus afluentes, asociado á explotación dos seus recursos mineiros e a posta en valor na actualidade.
 A xornada inaugurarana, ás dez e media da mañá, o alcalde de Quiroga, Julio Alvarez; o comisario de augas da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, Alberto de Anta; e a presidente de Adega, Virginia Rodríguez.
Ás once da mañá o arqueólogo Iván Alvarez Merayo, falará sobre os sistemas de explotación aurífera nos ríos Lor e Sil.
As doce menos cuarto, o tema a tratar será a vella minaría como recurso patrimonial e turístico, para o que se contará co xerente de Inorde, José Manuel Rodríguez González, que falará sobre o turismo entorno ás minas de woframio. E de técnico do concello de Quiroga, Ramón Vila que falará sobre o museo xeolóxico de Quiroga.
Pola tarde, tras un xantar no río, un bateador aficionado, fará unha demostración de bateo na praia fluvial de San Clodio.
A xonrada rematará cun roteiro polo Camiño do Ferradal, itinerario que percorre un dos camiños do ferro.

MÁIS DUN CENTO DE QUIROGUESES PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NO IRMANDAMENTO DA FESTA DO CHICHARRO DE FOZ COA MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA

Máis dun cento de quirogueses acudirán este domingo á localidade de Foz, en Lugo, para asistir á  Festa do Chicharro. Esta excursión, organizada dende o concello, ten como fin un irmandamento desta festa e a Mostra do aceite de Quiroga.
O Concello de Quiroga e o concello de Foz presentaron en rolda de prensa o irmandamento das festas do Chicharron e do Aceite. Os alcaldes de Foz, Javier Jorge Castiñeira e o de Quiroga, Julio Alvarez, escenificaron o irmandamento nun restaurante quirogués coa maridaxe do aceite e o viño locais co chicharro de Foz.
A excursión, de interese turístico e gastronómico, sairá as dez menos cuarto da mañá dende a casa da cultura.
O programa  da excursión comezaría coa chegada ao concello de Foz, onde se ofrecerá unha recepción na casa consistorial a corporación de Quiroga. Posteriormente o alcalde de Quiroga, presentará a nosas XIV Mostra do Aceite, a que acudirán veciños de Foz.

A continuación abriranse as casetas nas que se poderá degustar a maridaxe  do chicharro lañado de Foz con rustrido de aceite virse extra de Quiroga, así como o chicharro lañado á brasa con cachelos cocidos e o chicharro en empanada; todo elo acompañado con viño de Quiroga.

COMEZAN OS TRABALLO DE MELLORA DO PASEO FLUVIAL

         A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil lle comezou os traballos para a execución da obra de reparación de danos no paseo fluvial do regueiro da Ribeira, en Quiroga.
          Estes traballos, cun presuposto aproximado de 40.000 €, encóntranse englobados nas medidas urxentes para reparar os danos causados nos dous primeiros meses de 2014 polas tormentas de vento e mar na fachada atlántica e a costa cantábrica, declarándose de emerxencia con data 12 de marzo de 2014.
          Os traballos que se van acometer céntranse na reconstrucción das duas pasarelas existentes así como na construcción dunha pequena escalinata nunha zona complicada para o paseo.
          A Confederación Hidrográfica procedeu ao peche e á sinalización da obra, permanecendo pechado ao tránsito o paseo lindante co río Quiroga, durante o transcurso das obras.
Estas obras son contestación á petición que o alcalde de Quiroga lle facía ao presidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Marín, no mes de decembro, o día 16, cando acudía a comprobar as obras de restauracion hidrolóxico forestal do río Quiroga. Naquel momento estabanse a retirar ramas e arbores secas así como material vexetal acumulado a ambas as duas marxes do río Quiroga, nun tramo aproximado de 3 km, que en momentos de intensas chuvias podían provocar taponamentos e desvordamentos.

O CAMIÑO DO FERRADAL OU A FERVENZA DO CARROCEIRO, LUGARES POLOS QUE PASARÁ O TRAIL DO CASTELO

O concello de Quiroga organiza conxuntamente co Albergue de Quiroga a segunda proba do Circuito Trail Running de Quiroga. Trátase do Trail do Castelo que conta con tres recorridos diferentes. O primeiro deles será una andaina para a que se sairá ás oito da mañá e se recorrerán 25 km.
          O segundo recorrido será un minitrail de 31 km e o terceiro será o trail cun recorrido de 41 km. Para estes dous recorridos sairase ás nove da mañá.
          Tanto a saída como a chegada das probas será o Albergue Municipal.
          O trail do Castelo vai por zonas como o rego do Castelo e o río Soldón e pasando por lugares emblemáticos como o Camiño do Ferradal ou a Fervenza do Carroceiro.
          Haberá trofeos para os gañadores de cada proba; ademais de trofeos e lote de productos deportivosn para os tres primeiros do trail.

ESTA TARDE COMEZA UN CICLO DE FORMACIÓN PARA FAMILIAS COIDADORAS DE ENFERMOS CON ALZHEIMER

          Quiroga acollerá, ao longo deste mes de maio, o ciclo de formación para familias coidadoras de enfermos de Alzheimer, programados pola Fundación Barrié e FAGAL (a Federación de Asociacións de Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias) no marco do Programa Rede Paraugas Alzheimer.
O ciclo está composto por catro talleres dende o que se tratará de abordar a problemática da enfermidade de Alzheimer dende diferentes ámbitos: sanitario, psicolóxico, terapéutico e fisioterapéutico.
O curso gratuito, no que hai inscritas 20 persoas, comezará hoxe ás seis da tarde nas intalacións do Centro Social e desenvolverase os seguintes venres 16, 23 e 30 de maio, en horario de seis da tarde a oito.
          Trátase dunha formación de 8 horas, onde se formula aos familiares asistentes unha ampla perspectiva sobre a enfermidade, tratándoa dende unha óptica multidisciplinar, para dotalos dunha serie de pautas de actuación e poder así afrontar o Alzheimer nas súas diferentes fases.