11 dic 2017

INUNDACIÓNS E ÁRBORES CAIDAS COMO CONSECUENCIA DO PASO DA ANA

O temporal de auga e vento tamén chegou a Quiroga. Inundacións, estradas cortadas e árbores caídas foron as consecuencias da borrasca Ana.

As incidencias que deixou en Quiroga foron maioritariamente por árbores caídas sobre as pistas e inundacións de sótanos. Na Vacariza o temporal tirou co tendido eléctrico.

Dende a tarde de onte o Grupo de  Emerxencias, GES, traballou intensamente. Primeiro nas nunmerosas inundacións sofridas por sótanos dentro do casco urbán da vila. E despois na retirada de árbores na Goia e a Campa do Val. Esta mañá tamén se retiraron árbores na pista de acceso á Casa do Vello e a Sequeiros que impedían o acceso a estes dous núcleos.

 A Grupo de Emerxencias, rematou esta mañá todas as incidencias notificadas e que deixou o seu paso a intensa borrasca que achegou intensas precipitacións e fortes rachas de vento.




1 dic 2017

"MONTAÑAS DO COUREL" CANDIDATO A XEOPARQUE DA UNESCO

O proxecto Xeoparque Montañas do Courel, conta coa carta de apoio da Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco, polo que a comarca está agora en mans deste organismo internacional para a concesión de Xeoparque Montañas do Courel. Así o anunciaron esta mañá o alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, o tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro e a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro; os tres concellos que conforman o territorio candidato a Xeoparque.

Na presentación tamén estiveron acompañados por representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, manifestando o seu apoio institucional a este proxecto.

No mes de novembro o Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra – Courel, en colaboración coa Comisión de Patrimonio Xeolóxico da Sociedade de Xeoloxía de España, desenvolvía  unhas xornadas sobre o patrimonio xeolóxico nas montañas do Courel, á que acudía a Comisión de Patrimonio Xeolóxico da Sociedade de Xeoloxía de España. A comisión Xeolóxica aproveitaba estas xornadas para realizar unha reunión e coñecer o terreo do posible Xeoparque.

Tras esta visita, agora chegou a confirmación de que a Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco emitiu  un informe favorable, polo que a comarca está a elaborar  unha candidatura firme e a espera da resposta da Unesco á concesión de Xeoparque Montañas do Courel.

Un xeoparque é un territorio que presenta un patrimonio xeolóxico notable e que leva a cabo un proxecto de desenvolvemento baseado nunha promoción turística, pero sen ningún tipo de restrición. O pregamento de Campodola – Leixazós, numerosas covas, restos fósiles de flora e fauna extinguidas ou os retos da minería romana avalan o extenso patrimonio xeolóxico.

O proxecto comezaba xa no ano 2004 coa inauguración do primeiro miradoiro xeolóxico de Galicia, o miradoiro de Campodola-Leixazós. Desde entón, fóronse realizando numerosas accións conducentes á posta en valor do patrimonio xeolóxico da comarca.

No 2010, continuouse coa dotación de novos miradoiros: o Miradoiro de Fisteus e o Miradoiro de Montefurado. Un ano despois inaugurouse o Museo Xeolóxico de Quiroga, destinado a difundir e poñer en valor os principais recursos xeolóxicos de toda a comarca e que a día de hoxe é un referente en Galicia, recibindo no 2016 o premio da Cámara Mineira de Galicia polo seu labor de divulgación, e tamén un referente dentro do programa Terra do colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para as visitas de escolares. Organizáronse as primeiras xornadas sobre xeoloxía da comarca en Quiroga.

No ano 2015, os municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas do Sil únense para  impulsar a creación dun xeoparque -sería o primeiro de Galicia- que englobaría os principais elementos do patrimonio xeolóxico da zona. A superficie da proposta é de 578 km2, a totalidade dos tres concellos e nos que residen uns 5.720 habitantes.
         
No 2016 formalizan a constitución dunha asociación, denominada Montañas do Courel, coa finalidade de traballar para conseguir o recoñecemento da comarca dentro da categoría eoparque Mundial que concede a Unesco. O seguinte paso do proxecto, é a configuración do comité científico que traballa na elaboración dos documentos técnicos dos recursos da comarca. Doutra banda, apostouse por dispoñer unha estreita relación con todas as universidades galegas e de maneira especial cos investigadores que están a desenvolver o seu labor científico sobre este territorio.

A candidatura dispón na actualidade de apoio económico dos tres concellos implicados, así como do GDR Ribeira Sacra-Courel, da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia. Apoian a candidatura as asociacións culturais do territorio, clubs deportivos, empresas de turismo, o colexio oficial de arquitectos de Galicia, a Cámara Mineira de Galicia e asociacións e empresarios mineiros da comarca.

O gran paso deste proxecto foi este mesmo ano cando o Comité Nacional Español de Geoparques informaba favorablemente a proposta presentada pola Asociación Montañas do Courel. Este informe era o primeiro filtro que debe superar calquera proposta antes de que a Comisión Nacional de Cooperación coa UNESCO aprobase a carta de apoio, para presentar definitivamente a candidatura oficial a xeoparque. O proxecto Xeoparque Montañas do Courel está agora á espera da decisión da Unesco que se saberá dentro dun ano.



28 sept 2017

III CURSO DE CESTERÍA TRADICIONAL

O Museo Etnográfico Municipal de Quiroga colabora na organización do III Curso de Cestería Tradicional; neste caso dedicado á iniciación á cestería con láminas de madeira.
A data prevista para o inicio do curso será o 16 de outubro. O prazo para anotarse xa está aberto e remata o día 13 de outubro.
Para información o para anotarse na Casa de Cultura de Quiroga ou no teléfono 982435125.
O curso será impartido, como nas anteriores edicións, polo cesteiro profesional Javier Carvajal.

Aínda que se agarda a configuración do grupo para manter unha reunión con eles/as, a previsión e que as clases se desenvolvan no Museo Etnográfico de Quiroga os luns e os mércores en horario de7 a 9 da noite.                     

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES PARA ESTE OUTONO

O Concello de Quiroga ven de sacar á rúa o folleto informativo da programación  de actividades culturais, lúdicas, deportivas e formativas para  o vindeiro outono. Nel recóllense as actividades ofertadas dende as áreas de infancia, igualdade, educación, xuventude, deportes, cultura e Benestar; que teñen  como destinatarios os distintos sectores da poboación.
A maiores destas actividades, ofertadas directamente polos distintos servizos municipais, recóllense tamén actividades nas que o Concello de Quiroga colabora con outros organizadores para deste xeito facilitar a diversificación da oferta de ocio, formación e lecer.
O obxectivo principal á hora de elaborar esta programación é a participación de todos os cidadáns e para a súa consecución esta programación asentouse en distintos piares:

-  Diversificación de actividades: programamos para todas as idades e para satisfacer distintos intereses.
-   Aproveitamento dos recursos do contorno: infraestruturas culturais e deportivas, recursos naturais, recursos humanos, etc, mediante actividades.

-   Colaboración entre as distintas áreas municipais para a programación de actividades que son válidas para distintos sectores da poboación.
Entre as numerosas propostas para o tempo de ocio e lecer cabe salientar as seguintes:

-       Actividades deportivas  coma o funcionamento  Escolas Deportivas Municipais, o adestramento e competición dos equipos Quiroga F.C, nas categorías de xuvenil e senior.
-      En relación coa Área de  Educación salientamos a Ludoteca Infantil dous días por semana; as clases de música e movemento, piano e guitarra en colaboración coa área de xuventude.
-       Dende a Área de Cultura ofértanse representacións teatrais para todos os públicos (en colaboración coa Consellería de Cultura e coa Deputación provincial mediante os programas “Ler Conta Moito” e “Buxiganga”, respectivamente).
-        A maiores este departamento colabora con outros colectivos par a relizsción  de risoteatro, inglés para maiores, teatro, pintura, informática ,etc.
-        A Área de Igualdade, a través do CIM ten programado clases de Ioga, e actos para a conmemoración de datas sinaladas como son o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero ou o Día Mundial Contra o Cangro de Mama.

-        Polo que respecta a Área de Benestar  un taller de memoria, un taller cognitivo e  o curso de preparación de probas  de Graduado en Eso para adultos e tamén curso de preparación probas de avaliación en Competencias Clave.

-        A Área de Xuventude desenvolverá xornadas informativas de emprendemento,  o Certame de Relato Curto, Campionatos nos Pubs e a semana informativa do carné xove no IES de Quiroga.
-         
-        A través da Rede de Dinamización Ligüística da Secretaría Xeral de  Política Lingüística da Xunta de Galicia, Programa Falaredes, de Galicia o vindeiro día 7 de outrubro terá lugar o espectáculo “Os Bolechas. De Chispa a Tatá Vou de Tui a Becerreá”.
-         
-        O Museo Xeolóxico , en colaboración coa Área de Educación ten programado un Obradoiro de Arqueoloxía para nenos.


A información para participar nestas actividades pode solicitarse nos distintos servizos municipais ou na Casa da Cultura.

19 sept 2017

III XORNADAS DE XEOLOXÍA

Unha ducia de expertos de todo o territorio nacional participarán os días 22, 23, e 24 de setembro nas III Xornadas de Xeoloxía que oraniza o Grupo de Desarrollo Rural da Ribeira Sacra. Terán lugar no salón de actos do Concello de Ribas de Sil e son a continuación das que xa se levaran a cabo nos anos 2012 e 2015.

 O obxetivo é promover o patrimonio xeolóxico da comarca e mellorar a súa explotación a nivel turístico.

O venres 22, a partir das seis, inauguranse as xornadas cunha recesión xeolóxica da candidatura a xeoparque mundial da Unesco das montañas do courel.O domingo 24 pecharanse as xornadas cunha Ruta Xeolóxica pola Devesa do Cervo.

Os interesados en anotarse as xornadas pódeno facer no enderezo grupogdr8@yahoo.es.e tamén na casa de cultura de Quiroga, onde lle darán toda ainformación necesaria.

Hai dúas modalidades de inscripción:
Modalidade A-gratuita: asistencia aos relatorios do venres e sábado pola mañá.
Modalidade B-custe 20 euros con prazas limitadas a 60 persoas, con asistencia aos relatorios do venres e sábado pola mañá, máis as visitas sobre o terreo do sábado pola tarde e domingo.

Para poder inscribirse hai que seguir o seguinte procedemento, enviar correo electrónico indicando a modalidade escollida, nome, apelidos, dni, teléfono de contacto e lugar de procedencia.

A organización confirmará por correo electrónico, e por riguroso orde de inscrición a reserva de praza, así como o número de conta onde realizar o ingreso na modalidade B. A praza será firme unha vez efectuado o pago.

A terceira edición destas xornadas sobre xeoloxía inclúen nove relatorios, con expertos como Xosé Carlos Barros Lorenzo, Manuel García Ávila, Augusto Pérez Alberti, José Angel Sánchez Fabián, Diego López Gonzalez, Roberto Martínez Orio, Susana Timón, Daniel Ballesteros, Miguel Llorente Isidro e José Manuel Salgado.



RECEPCIÓN DE MOSTRAS FÓSILES NO MUSEO DE XEOLOXÍA E PALEONTOLOXÍA DE QUIROGA

O vindeiro venres 22 de setembro, ás 13:00 h, terá lugar no Museo de Xeoloxía e Paleontoloxía de Quiroga a recepción das mostras fósiles recollidas durante a prospección paleontolóxica con fins científicos na área sueste da provincia de Lugo, realizada polo paleontólogo Manuel García Ávila Graduado en Bioloxía pola Universidade de Vigo, dirixido polo Dr. José Bienvenido Díez Ferrer do Departamento de Xeocencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo.
O obxectivo xeral da investigación levada a cabo, durante o ano 2015, por este equipo foi o coñecemento do rexistro paleontolóxico paleozoico do SE da Provincia de Lugo. Na redacción da memoria para a petición de autorización á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para realizar a mencionada investigación, os científicos sinalaron que o lugar idóneo para a conservación e exposición das mostras recollidas, unha vez rematado o proceso de estudo, sería o Museo Xeolóxico Municipal de Quiroga.
Unha vez o equipo finalizou os seus traballos e presentou os resultados diante de Patrimonio Cultural, con data 16 de xuño de 2017 o Concello de Quiroga solicitou o depósito dos fósiles obtendo unha resposta favorable, notificada con data 18 de xullo de 2017.
Como resumo do resultado da investigación destacar que se recompilou información de 26 zonas onde apareceron restos fósiles paleozoicos mediante a busca bibliográfica, localizados despois de falar con particulares ou atopados de xeito fortuido durante o traballo de campo. De todos os referenciados visitáronse nove xacementos e en cinco destes nove atopáronse restos fósiles que foron fotografados, siglados e que poderán ser froito de futuras investigacións si se precisa. Entre os fósiles estudados atopáronse invertebrados, vertebrados primitivos, posibles restos de plantas, biocontruccións e outros icnofósiles; pertencentes ao Cámbrico, Ordovícico, Silúrico, Devónico e incluso Carbonífero Inferior.
O investigador Manuel García Ávila falará do seu traballo de investigación durante as III Xornadas de Xeoloxía Montañas do Caurel. Os organizadores dedicaron a tarde do venres día 22 de setembro a unha serie de contidos relacionados cos valores xeolóxicos e paleontolóxicos do territorio do Proxecto de Xeoparque Montañas do Caurel. Compre salientar que se presentarán fósiles pertencentes aos tres concellos implicados no desenvolvemento deste proxecto: Ribas de Sil, Folgoso do Caurel e Quiroga.

18 ago 2017

IV QUI-ROMA

Quiroga acollerá mañá sábado a IV Festa Castrexo Romana, o Qui-Roma.
       Este ano contarase con varias novidades, entre elas a "I Ruta de Cabalos Qui-roma", organizada polos cabaleiros do val, que comezará ás dez da mañá. Ás once abrirase o mercado Qui-romano. Ao longo de toda a mañá haberá obradoiros infantis, exposición de maquetas elaboradas polos alumnos do CEIP, unha mostra artesanal de cantería, paseos en burro para os nenos e desfiles da Garda romana Lucus Equites. Tamén actuarán a banda de gaitas San Martiño, o grupo Os Palletas e os gaiteiros castrexos “Brabán”.
Xa pola tarde, ás cinco presentarase o libro “Toca el oro de Gallaecia, de Sonia María García García. Haberá escola de gladiadores para os máis pequenos con loitas e xogos tantos infantís como para adultos.
Chegará dende Roma o Mago Charly Braun co seu espectáculo de maxia e humor que ofrecerá ó público qui-romano. As oito e media está previsto o desfile Quiromano ao longo de toda a rúa Real e o seu remate a loita de gladiadores. E a Batucada XITUME de Xinzo de Limia que animarán o IV Qui-Roma.

Especialistas en lume chegados dende Portugal e que participaron no programa de televisión GOT TALENT, actuarán a partires das 23:30 da noite, para dar paso a festa coa disco móvil. 

10 ago 2017

XA ESTAMOS EN FESTAS!!!


As festas de Quiroga abrironse esta mañá coa XXVI Mostra do Mel de Quiroga. Na tarde de onte, na casa da cultura, os nove apicultores inscritos realizaban o sorteo de casetas e recibían as credenciais para participar na mostra.

Na xuntanza tamén se falou do prezo ao que se poñerá á venda o mel, que finalmente quedou fixado en 8 euros para o tarro dun kilo e de 4,50 para o de medio kilo.
Hoxe, ás doce da mediodía, inaugurábase oficialmente a feira. Unha vez máis os encargados de cortar a cinta inaugural foron os propios apicultores, acompañados dos membros da corporación municipal.

Non faltou a música no recinto feiral, xa que dúas charangas encargáronse delo, a charanga do Padre José e a charanga Fuego.

Tamén a unha da mediodía comezará unha das novidades deste ano,  a Festa da Xuventude e da Cervexa Artesá que se celebra na praza España.  A partir da once da noite estará animada pola orquestra Aché.

Mañá venres a banda de gaitas San Martiño fará unha alborada pola mañá e pola tarde, a partir das sete, actuará novamente no parque da constitución acompañando aos grupos de danza San Martiño e Arume da Queiruga.

O venres contarase tamén cunha actuación do mago Manuel Lamas no parque da Constitución, co seu espectáculo “Verán Máxico” xusto antes do inicio da XII Festa da Comunidade, que rematará coa actuación do duo Camelia.

O sábado, pola mañá o grupo xuventudes musicais de Sober fará unha alborada e dará un concerto diante da casa do concello. Pola tarde a praza España acollerá un espectáculo infantil a partir das oito do serán con Troula Animación co espectáculo Uxía Lambona e a banda molona.

A festa popular correrá da man da orquestra Grupo Limón e o grupo Atenas. Ás doce e media concertó de música tradicional a cargo do grupo A Roda.

          O domingo ao mediodía un novo espectáculo de animación de rúa a cargo de Paporrubio, nesta ocasión A Danza dos Paxaros. E pola tarde unha nova entrega do Concurso pinta con xiz no chan. A festa desta xornada virá da orquestra La Oca band e o grupo Samba; ademais dun concerto a cargo da Década Prodigiosa.

          Durante estes días tamén haberá actividades deportivas, co III Torneo de Street Soccer; coa presentación do Quiroga nun encontro o sábado e coa disputa dun encontró de veteranos.

DERRUBADAS AS ANTIGAS CASAS DOS MESTRES

           Totalmente derrubadas as antigas vivendas dos mestres e acondicionado xa o terreo que ocupaban. A zona permanecía valada dende o pasado mes de febrreiro, cando se produxo un buraco no teito dunha das vivendas.  
Tras detectarse o buraco, de máis de catro metros cadrados, os técnicos aconsellaron extremar as precaucións para evitar que, en caso dun derrube ou un desprendemento, os cascotes poideran alcanzar a algún peón ou vehículo. A situación era especialmente delicada porque as vivendas estaban situadas xunto ao colexio público e pola zona pasaban a diario os escolares que se dirixían ao centro.
          As vivendas dos mestres de Quiroga estaban compostas por unha decena de pisos situados nun mesmo bloque e con dous portais de acceso. Cada un deles cuns 80 metros cadrados de superficie. Agás unha que seguía estando habitada ata que se produxo o derrube, estaban deshabitadas dende os anos 90.
O edificio no que se produxo a caída de parte do tellado era propiedade do concello, non así o contiguo, que estaba pendente de que pasase a mans municipais, unha vez se xubilara o mestre que o utilizaba.
O Concello expuxo en varias ocasións a necesidade de tomar medidas cunhas construcións cuxa deterioración avanzaba e incluso chegou a abordar co Instituto Galego de Vivenda e Solo a posibilidade de reconvertelas en vivendas sociais. Proxecto que non chegou a materializarse.

A corporación municipal ten a intención que o terreo que vai quedar baleiro serva de zona de aparcamento ou acampada mentres non se atope outra utilidade.

28 jul 2017

A PARTIR DE MAÑÁ SÁBADO ABRESE O PARQUE DA RIBEIRA

As obras  do Centro de Atención Permanente a persoas maiores  da Ribeira, están rematadas. Rematáronse os habitáculos interiores, portas e  fiestras colocadas, escaleiras rematadas, e os sanitarios completos. O seguinte paso será a equipación de mobiliario.

          Os últimos traballos realizados centráronse no acondicionamento do seu entorno. Nas rampas de acceso colocouse pedra e grava ornamental.

Con estes traballos rematados voltan a abrirse ao público as instalación do
parque infantil e a pista deportiva, que o concello decidiu que permaneceran pechadas durante as épocas de obras por seguridade dos usuarios.

A partir de mañá sábado, estas instalacións maioritariamente para rapaces e nenos voltan a estar en condicións de ser utilizadas.

Á VENDA AS ENTRADAS PARA A XII FESTA DA COMUNIDADE

         O venres día 11 de agosto e dentro do programa das Festas de Verán de Quiroga, terá lugar a 12ª edición da Festa da Comunidade.

Como xa  é habitual a festa celebrarase nas inmediacións do parque da Constitución a partir das 21:30 e a ela poden acudir todos os veciños ou visitantes que previamente mercaran os vales que están a venda nas cafeterías e bares da vila, ou o mesmo dia da cea a un prezo de 6 euros.

O menú que se poderá degustar nesta cea vai ser paella e xeado.

          A festa da Comunidade dende hai xa doce anos forma parte dos actos que o concello organiza para celebrar as súas Festas de Verán, sendo deste xeito un atractivo máis dentro do turismo gastronómico da nosa bisbarra.


O programa deste ano contará de novo con música en directo no propio recinto da festa a cargo do duo Camelia unha vez que remate a merenda, pero antes do seu inicio actuarán os grupos de danza San Martiño e Arume da Queiruga e o grupo de gaitas San Martiño ademais do mago Manuel Lamas co seu espectáculo Verán Máxico.

QUIROGA, RIBAS DE SIL E FOLGOSO DO COUREL, TERÁN UN NOVO OBRADOIRO DE EMPREGO

        O concello de Quiroga, xunto con Ribas de Sil e Folgoso de Courel, contará cun novo obradoiro de emprego que financiará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, xunto con outros tres  obradoiros da zona Sur Lucense. O Goberno galego vén de resolver a convocatoria do presente ano pola que se permitirá   a   contratación   de   70   persoas   desempregadas   entre   alumnado, persoal administrativo,  monitores e persoal de dirección. Ao desenvolvemento destas   iniciativas   destinaranse   algo   máis   de   840.000   de   euros,   un investimento que supera o do ano anterior (nun 24%).
Jose Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta, explicou que os obradoiros de emprego presentan nesta ocasión varias novidades, entre as que destaca a ampliación da duración dosprogramas xerais de 6 a 9 meses. Os beneficiarios deste programa, que a Xunta leva a cabo en coordinación cos concellos lucenses, recibirán formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español.
Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social e nacen coa finalidade de posibilitar un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a cualificación profesional dos beneficiarios e favoreza a súa posterior inserción laboral.
Balseiro explicou tamén que unha vez resolta a convocatoria, agora procederase á selección dos alumnos e alumnas a través das oficinas de emprego. Estímase que os obradoiros comecen no mes de setembro. Ao   longo   deste   proceso   de  selección   terán   preferencia,   en   xeral,   as   persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores  de 30 anos; traballadores que  esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
En resume –destacou Balseiro- as persoas desempregadas que participen nestes obradoiros adquirirán novos coñecementos teóricos e prácticos na especialidade profesional da que se trate e mellorarán o seu currículo ao realizar un traballo que, ademais, será remunerado”. Primouse   tamén   os   proxectos   vinculados   coa   Industria   4.0   e   cos   sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentaban unha   relación   co   tecido   empresarial   do   territorio.   Deuse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Os proxectos seleccionados nesta última convocatoria foron os presentados por Carballedo compartido con Chantada; polo concello de Quiroga compartido con Folgoso do Courel e Ribas do Sil;  e  finalmente, no ámbito dos especialmente dirixidos a menores de 30 anos que se engloban dentro da iniciativa do sistema Nacional   de   Garantía   Xuvenil-   os   beneficiarios   foron   os   concellos   de   Pantón, compartido con O Saviñao e Sober, e o que impulsou o municipio de Monforte.

22 jul 2017

1ª FESTA DA CERVEXA ARTESÁ DE QUIROGA

O Concello de Quiroga, a través da Área de Xuventude,  porá en marcha un ano mais a festa da xuventude, na que este ano como novidade inclúe a I Festa da Cervexa Artesá de Quiroga.
          A I Festa da Cervexa Artesá desenvolveráse no recinto ubicado na Praza de España o día 10 de agosto, coincidindo cas Festas de Verán e coa Mostra do Mel. O horario da Festa da Cervexa será entre as 13:00h e 2:00h da madrugada estando amenizada pola orquestra ACHÉ.
No recinto da festa non está permitida a venda de cervexa que non sexa artesá como tampouco ningún outro tipo de bebida alcohólica. CO prezo fixado para a caña é de 1,50€. 

As persoas interesadas en inscribirse, poden solicitar o formulario de solicitude na Casa da Cultura ou chamar ó número de teléfono 982 43 51 25, onde serán informados de todos os detalles da festa. Dado que o número de participantes está limitado a 8 e dando preferencia aos cervexeiros locais, a admisión de participantes farase por orden de rexistro de entrada. O prazo de presentación de instancias será do 14 de xullo ao 7 de agosto.

DO 10 AO 13 DE AGOSTO, FESTAS DE VERÁN DE QUIROGA

        O Concello de Quiroga xa ten ultimado o programa das festas de verán que se desenvolverán os día 10, 11, 12 e 13 de agosto.

        As festas abriranse o xoves día 10 coa XXVI Mostra do Mel de Quiroga que estará animada pola charanga Fuego. A partir da unha da mediodía comeza unha das novidades deste ano,  a Festa da Xuventude e da Cervexa Artesá que se celebrará na praza España.  A partir da once da noite estará animada pola orquestra Aché.

O venres a banda de gaitas San Martiño fará unha alborada pola mañá e pola tarde, a partir das sete, actuará novamente no parque da constitución acompañando aos grupos de danza San Martiño e Arume da Queiruga.

O venres contarase tamén cunha actuación do mago Manuel Lamas no parque da Constitución, co seu espectáculo “Verán Máxico” xusto antes do inicio da XII Festa da Comunidade, que rematará coa actuación do duo Camelia.


O sábado, día 12, pola mañá o grupo xuventudes musicais de Sober fará unha alborada e dará un concerto diante da casa do concello. Pola tarde a praza España acollerá un espectáculo infantil a partir das oito do serán con Troula Animación co espectáculo Uxía Lambona e a banda molona.

A festa popular correrá da man da orquestra Grupo Limón e o grupo Atenas. Ás doce e media concertó de música tradicional a cargo do grupo A Roda.

          O domingo ao mediodía un novo espectáculo de animación de rúa a cargo de Paporrubio, nesta ocasión A Danza dos Paxaros. E pola tarde unha nova entrega do Concurso pinta con xiz no chan. A festa desta xornada virá da orquestra La Oca band e o grupo Samba; ademais dun concerto a cargo da Década Prodigiosa.


          Durante estes días tamén haberá actividades deportivas, co III Torneo de Street Soccer; coa presentación do Quiroga nun encontro o venres e coa disputa dun encontró de veteranos.

9 APICULTORES PARTICIPARÁN NA XVI MOSTRA DO MEL

           Nove apicultores participarán na 26 edición da Mostra do Mel de Quiroga, que como todos os anos se celebra o 10 da agosto, coincidindo coa feira de mercado máis importante do ano e co inicio das festas de verán.
          Os participantes xuntaranse o venres día 4 de agosto na Casa da Cultura, para realizar o sorteo de postos de venda e recoller as credenciais.

 O programa da mostra comezará o 10 de agosto, ás doce da mañá coa inauguración do recinto feiral, onde se poñerá a venda e exposición o mel e outros produtos típicos da zona. Estes productos estarán a disposición de quen o desexe ata despois do xantar.

Tralo corte de cinta dará comezo a alborada a cargo da charanga Fuego, que se encargará de animar o recinto feiral.

Os apicultores participantes nesta edición son Isabel Marcos López, da Ponte Rodela; Manuel Macía González, das Estradas; Ángel Gómez Martínez, de Paradapiñol; Manuel Rodríguez Fernández, de Centeais; Manuel Macía Castiñeira, de Quiroga; Jovito Campo González, de Fisteus; Rubén Figueroa López, de Sequeiros; Pero Soto Losada, do Ibedo e Mª Luisa Ríos Enríquez, de Pacios de Mondelo.

28 jun 2017

ABERTO O PRAZO DE INSCRIPCIÓN PARA PARTICIPAR NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA NENOS

O Concello de Quiroga, a través da Área de Educación e Infancia,  porá en marcha novamente os "Campamentos de Verán 2017" nos meses de xullo e agosto.
Estes consistirán en variados obradoiros de: plástica, xogos de mesa, traballos manuais, repaso escolar, inglés, etcétera. Realizarán deportes e tamén terán tempo de lecer na piscina onde practicarán natación e diversos xogos e xincanas na auga.
As actividades de verán están dirixidas para tódolos nenos entre 3 e 12 anos con horario de 11:00 a 14:00 horas. Deberán leva-los nenos á Casa da Cultura na primeira hora e recollelos nas piscinas municipais. No caso de mal tempo serán avisados para poder recollelos noutro lugar.

As persoas interesadas en inscribir ós seus fillos tan só deben pasar pola Casa da Cultura ou chamar ó número de teléfono 982 43 51 25, onde serán informados de todos os detalles dos campamentos e onde poderán anotar os cativos. A data límite para apuntarse é o venres día 30 de xuño, excepto para aquelas persoas que veñan de vacacións a Quiroga que poderán inscribirse en calquera momento.

OS NENOS DE QUIROGA PARTICIPAN NUN OBRADOIRO DE ARQUEOLOXÍA

Esta mañá comezaba nas instalacións do Centro de Formación o primeiro Obradoiro de Arqueoloxía, organizado pola Area de Educación e Infancia do Concello, e que estaba  dirixido a nenos e nenas con idades entre os 6 e os  12 anos.

Unha vintena de rapaces escoitaron atentamente as nocións que lles daba o director dos Museos, Ramón Vila, acompañado do arqueólogo, Iván Álvarez.  A  inauguración do obradoiro que se desenvolveu entre as once da mañá e a unha do mediodía, acudía a concelleira, Rosa Arza.


Tras as clases teóricas, pasaron a parte máis divertida do obradoiro, para os nenos que se desenvolveu nas inmediacións do centro de formación, onde os rapaces participaron nunha excavación.

13 jun 2017

GRANDES LUGARES DA TVG GRAVA HOXE EN QUIROGA UN NOVO PROGRAMA

         O programa da TVG “Grandes Lugares”, achegouse hoxe ata Quiroga para grabar unha nova entrega.  O lugar elexido polas cámaras da galega foi a parroquia de Hospital, onde estarán durante toda a xornada para contar aspectos das xentes desta parroquia e falar con elas.
Grandes Lugares é un documental de entretemento, de 50 minutos que se emite os domingos, que amosa, desde un punto de vista optimista e particular, a historia afectiva e social de poboacións galegas con moito para contar.
A través dun percorrido polos seus habitantes, costumes e peculiaridades, o programa presta atención a lugares especiais, ao seu modo de vida, ás súas iniciativas orixinais, aos aspectos menos coñecidos do seu día a día e tamén ás historias máis persoais. Os protagonistas destes pequenos lugares, aldeas ou vilas, serán os que relaten as súas vivencias e vida social máis representativa, desde espazos que transmiten un sentimento de pertenza, de familia e de benestar no rural.

Un mapa de situación indicará ao inicio de cada programa o lugar elixido, reforzando coa súa imaxe o que podería ser a priori un lugar pequeno, e cada personaxe levará unha ficha de presentación explicando a súa relación coa contorna; así pois, os habitantes do lugar convértense en narradores para facer un retrato o máis fiel posible de cada localidade, da súa vida e da súa xente.

29 may 2017

NOVO ÉXITO DA MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA

Quiroga celebrou onte a súa  XVII Edición da Mostra do Aceite, catalogada como Festa de Interese Turístico de Galicia. Centos de visitantes achegáronse unha vez máis ao lugar das Farrapas para participar nesta xornada festiva.

O programa abríase ás once e media da mañá coa posta en funcionamento do Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite. Sen dúbida o acto que máis chama a atención e que todos os visitantes queren ver.

Entre todos os visitantes atopamos unha cara coñecida das pantallas da TVG, Avelino González, coñecido como Miñato na súa participación na serie Padre Casares.

Os resultados das análises realizadas nun laboratorio especializado arroxan que a calidade dos cinco aceites era categoría de aceite virxe extra. Ás doce do mediodía na capela das Farrapas, un panel de catadores locais, realizaba unha cata comentada dos aceites participantes nesta mostra.

 Durante toda a xornada no recinto feiral estiveron á venda o aceite e productos típicos. Nesta edición foron cinco os olivareiros paticipantes: Pedro Soto Losada, J. Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez e Manuel Mondelo Rodríguez. Todos eles amosáronse satisfeitos coas vendas acadadas nesta nova edición.

Polo recinto feiral tamén se pasearon políticos coñecidos de Quiroga, como o Delegado Territorial, José Manuel Balseiro ou o deputado provincial, Juan Carlos Armesto.


A música tradicional non faltou neste encontro, actuaron as agrupacións locias: o grupo Os Palletas, o Grupo de gaitas e danzas San Martiño e o Grupo de Gaitas O Recanto.

11 may 2017

O PROXECTO DO XEOPARQUE PRESENTASE AO SECTOR MINEIRO

Os tres concellos da comarca de Quiroga: Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, seguen a traballar para conseguir a denominación do Xeoparque Montañas do Courel.

Co fin de apoiar esta candidatura a pasada semana presentábaselle ás  asociacións da comarca un manifesto para acadar o seu apoio. Esta mañá reuníase ao presidente da Cámara Mineira de Galicia e a empresarios mineiros desta comarca para presentarle o proxecto do Xeoparque.

Na memoria feita pública, o xeoparque ocuparía unha extensión de preto de 580 km cadrados nos que se sinalan unha trintena de puntos de interese como minas, covas, miradoiros, museos, fornos de cal, albarizas, petrogrlifos e formacións naturais. O fío conductor do xeoparque estaría constituido polas covas calizas, o pregamento de Campodola-Leixazós e os restos das minas auríferas.

Un escaparate de todo esto é o Museo Xeolóxico, no que teñen cabida todos os contidos xeolóxicos máis representativos da zona, ordenados dende o máis antigo o máis moderno. Polo que parte da xuntanza se realizou nestas instalación que o pasado ano recibiron un premio Santa Bárbara, concedidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia; pola súa labor de comunicación sobre  a importancia do sector mineiro para o tecido industrial galego e o desenvolvemento da sociedade. 

A CONSELLEIRA DE MEDIO RURAL VISITA O LUNS QUIROGA PARA EVALUAR OS DANOS DAS XEADAS

A Conselleira de Medio Rural, Angeles Vázquez, visitará Quiroga o vindeiro luns 15 de maio, para ver os efectos das xeadas nos viñedos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A visita realízase a petición do alcalde de Quiroga, Xullo Alvarez, tras o encontro que mantiveron a semana pasada en Santiago de Compostela; no que lle pediu á Conselleira de Medio Rural habilitar axudas para as familias afectadas nos terminos que se determinen.

Tamén lle informaba do acordo da corporación municipal de solicitar ás Administracións Supramunicipais, a declaración de “Zona Catastrófica” polos danos sufridos polo sector vinícola como consecuencia dá enorme xeada producida na noite do 26 de abril.

Por outra banda, os senadores do PP por Ourense e Lugo, incluído o portavoz desta formación política na cámara alta, José Manuel Barreiro, reuníronse  coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para solicitar axudas polas desfeitas provocadas polas recentes xeadas en viñedos destas dúas provincias.

Os senadores do PP esperan que o ministerio «leve a cabo unha avaliación completa dos danos que permita compensar aos agricultores polas perdas sufridas nos viñedos». De acordo coa información facilitada polo PP tras este encontro, a ministra comprometeuse a «estudar unha rebaixa fiscal para os afectados, así como distintas posibilidades de financiamento»..

28 abr 2017

A CORPORACIÓN SOLICITA A DECLARACIÓN DE ZONA CATASTRÓFICA TRAS QUEDAR AS VIÑAS ARRASADAS POLA XEADA

          Hai duas semanas os colleiteiros que acudían á Feira do viño amosábanse máis que satisfeitos coas vendas acadadas. Falaban de record de vendas nun ano no que tamén acadaran unha boa colleita, a pesar do que tiveran que loitar para gañarlle a batalle aos ataques do mildeu, favorecidos por un tempo demasiado húmido.

Hoxe eses mesmos colleiteiros, ao igual que todos os do municipio, falan dunha vendima prácticamente feita, antes incluso de ver os acios. As fortes xeadas destas duas últimas noites, sobor de todo a do xoves, acabaron cunha uvas que aínda non chegaran a sair.

Temperaturas baixo cero, unidas a fortes e xélidos ventos fixeron que os colleiteiros visen como os gromos das cepas que o día anterior lucían verdes e que apuntaban cara unha abondosa colleita, espertasen totalmente xeados.

A calor das últimas semanas fixera que as cepas agromaran rápidamente e en todo o seu explendor. Os viticultores preparábanse xa para os primeiros tratamentos fitosanitarios nas viñas, e moitos deles xa comezaran coa aplicación de xofres.

Ante o estado non que quedaron as cepas, os viticultores falan da perda de practicamente toda a colleita. Unha gran perda para todas as familias que aínda que non viven integramente do viño, si supón unha parte importante da súa economía. Non en balde, a comarca quiroguesa é dende o ano 2014 a de maior hectáreas prantadas de cepas de toda a Denominación de Orixen Ribeira Sacra, con máis de 200 hectáreas prantadas.

A xeada non pillou de sorpresa aos viticultores, pois as predicións meteorolóxicas levaban uns días anunciando a posibilidade deste drástico descenso de temperaturas, pero nada se puido facer ante a inclemencia do tempo. Os agricultores saben ben o risco que supón a xeada para as cepas e as hortas nesta época, non en balde, dende sempre márcan a data da Santa Cruz, o tres de maio, como a data que hai que superar para deixar atrás o risco de xeadas.

Os vitucultores falan xa da perda total da colleita deste ano e poñen as súas expectativas en que polo menos as cepas volten a retoñar cunhas vides que sirvan para facer unha boa poda e garantir a colleita do vindeiro ano.

A totalidade do val quedou arrasada pola xeada, as cepas ocupan a práctica totalidade destes terros polo que a desolación é grande. Pero non foi o único que axeou. Patacas, cabazas, tomates ou kiwis tampouco superaron os catro graos baixo cero que se acadaron nalgún momento da noite.

Ante esta situación foi polo que a corporación municipal decidiu tomar a decisión de solicitar, unánimemente, a declaración do val de Quiroga como zona catastrófica.



22 abr 2017

MESÓN FERREIRIÑO GAÑADOR DA 6ª EDICIÓN DO QUIROGA DE TAPAS

          Dezasete establecementos participaron na 6ª edición do Concurso "Quiroga de Tapas" organizado a través da Área de Xuventude. Cada un deles participou cunha tapa que eles mesmos escolleron para facerse co premio deste certame, que consiste en 100 € e unha placa conmemorativa, e que nesta edición recaeu no Mesón Ferreiriño.
         
         
        Esta semana procedeuse a apertura das urnas e ao reconto de votos na casa consistorial. Este proceso levouno a cabo a concelleira de Xuventude Rosa Arza e a representante de hostelería na zona sur, Beatriz Vila.
         
        Só se contabilizaban aqueles tapacartóns que tiñan todas as casillas seladas por cada un dos establecementos participantes, co seu voto, escrito de forma lixible e un nome, apelidos e teléfono de contacto da persoa que emitiu o voto.

         Unha vez feito o reconto, a tapa “Torre do Castelo con mousse de piquillo” presentada polo Mesón Ferreiriño, foi a que se alzou co premio a mellor tapa do concurso deste ano. Ademais do recoñecemento cunha placa conmemorativa tamén levou 100 €.

Nesta edición tamén se contou con numerosos premios para as persoas que completaron o circuito e emitiron o seu voto á mellor tapa, dende  300 euros, ata numerosas estancias e comidas en establecementos da comarca, ata lotes de productos típicos da zona.

28 DE MAIO, XVII MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA

      A comisión organizadora da Mostra do Aceite de Quiroga decidiu na súa última xuntanza que a XVII Edición da Mostra do Aceite de Quiroga no muíño de Bendilló terá lugar o día 28 de maio.
A data definitiva para a celebración deste evento turístico-gastronómico, que é Festa de interese turístico de Galicia, fixouse de novo para non coincidir con outros eventos de parecidas características que teñen lugar na zona sur da provincia de Lugo.

     Unha vez rematado o prazo de inscrición entre os días 2 e 9 de marzo, o número de colleiteiros inscritos foi de 5. Na reunión deuse conta dos resultados das análises ás que se someteron as mostras destes cinco aceites presentados nun laboratorio especializado; a calidade das mostras concédelle a categoría de aceite virxe extra, como en edicións anteriores.

    Nunha data aínda sen determinar, as mostras presentadas e analizadas pasarán por un panel de catadores locais. Este acto que se anunciará publicamente terá lugar, como en edicións anteriores, nas instalacións do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga.

20 abr 2017

RÉCORD DE VISITAS E DE VENDAS NA FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA E MÁIS DE 1.700.000 ESPECTADORES VENDO A NOTICIA EN TELE5

  Centos de persoas que abarrotaron Quiroga durante a fin de semana para participar na  XXXV  Feira do Viño. Axudados polo bo tempo as rúa Real de Quiroga estivo abarrotada durante os dous días, pero sobor de todo o sábado acadáronse cifras record. Os oito colleiteiros participantes falaron dunhas boas ventas, incluso chegaron a calificar esta feira como a de maiores vendas; xa que se venderon máis de 3.000 botellas de viño tinto e branco.
O momento no que máis concentración se acadou foi como sempre o pregón, que nesta edición correu a cargo da actriz Eva Isanta, coñecida por interpretar, entre outras, a Bea na serie de televisión Aquí no hay quien viva e a Maite Figueroa, la Cuqui, en La que se avecina.
Eva Isanta conseguiu encandear ao público cun discurso no que non faltaron encomios ao viño e á paisaxe da zona, e que arrincou os aplausos dos centos de persoas que se achegaron a vela, gañándose ao público cun pregón dedicado ás mulleres quiroguesas.
Pero se o público disfrutou do momento tamén a propia pregoeira dixo sentirse moi agusto e sorprendida pola expectación levantada.
E unha vez máis Quiroga voltou a ser protagonista no programa Sálvame de Tele5. O programa de Mediaset España emitido na tarde do martes fixose eco do pregón que Eva Isanta facía en Quiroga. Sálvame naranja foi o programa de Tele5 máis visto na xornada do martes, acadando un 18% de cota de audiencia (Share), con 1.702.000 espectadores. Ademais da referida noticia ao pregón, tamén os seus colaboradores, moitos deles pregoeiros de pasadas edicións da nosa feira do viño, nos recordaron con agarimo.

14 abr 2017

FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

          A  XXXV  Feira do Viño de Quiroga arranca mañá, aínda que xa foron moitas as actividades que se desenvolven como complemento desta festa.
Hoxe remata a Sexta Edición  do concurso gastronómico ¨Quiroga de Tapas¨ que se ven desenvolvendo dende o pasado xoves e pola tarde disputarase a Carreira Popular.
Mañá,  ás doce menos cuarto do mediodía, terá lugar a inauguración do recinto feiral a cargo de Xosé Luis  Foxo, Director e Fundador da Escola de Gaitas e da Real Banda da Excma. Deputación de Ourense.
          As  doce en punto comezará o segundo Encontro  Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas coa colaboración da Consellería de Cultura a través da súa Secretaría Xeral. Minutos máis tarde todas as bandas farán un vistoso desfile ao longo de toda a Rúa Real ata a Ppraza España onde darán comezo as actuacións.
          Xa pola tarde os actos trasladaranse ata o Auditorio Municipal onde actuarán as agrupacións locais, Coral Polifónica, Banda de Gaitas e Grupos de Danzas San Martiño e Arume da Queiruga.
Ás oito e media do serán, no palco, terá lugar o pregón. A actriz Eva Isanta,  coñecida por interpretar, entre outras, a Bea na serie de televisión Aquí no hay quien viva e a Maite Figueroa, la Cuqui, en La que se avecina, será a pregoeira deste ano.
Ao remate do pregón terá lugar o séptimo Concurso de Camisetas.  Pola noite, festa e verbena co grupo ATENAS.
          E o domingo, día 16 de abril, ás doce do mediodía, comezará unha animada alborada co Grupo de Gaitas locais  Os do Recanto e a unha menos cuarto, na Casa do Concello, faraselle entrega os colleiteiros dun trofeo para agradecer a súa colaboración con esta nova edición. A Festa continuará pola tarde coa actuación da charanga EUROPA.
Os viños participantes desta edición son:

Antonio García Alvarez, de San Xulián de Abaixo. Gaspar Álvarez Nogueira, As Medas. Elías González Mourelo, de Carballo de Hospital. Antonio Vázquez López, de San Xulián de Abaixo. José Luís Rodríguez Lago, de San Xulián de Abaixo. María Oliva Cao Expósito, de Bendollo. Alfonso Nuñez Calvo, Novaes.  E Secundino Rodríguez Sobrino, do Toucedo.