30 jul 2010

MÚSICA NA RÚA, UN CONCERTO DO GRUPO POP LOCAL UTOPÍA, UNHA FESTA DE ANDALUCÍA E A II FESTA DO CAZADOR CENTRAN A OFERTA MUSICAL DA FIN DE SEMANA

Esta noite terá lugar unha nova actuación do programa de animación nocturna Música na Rúa. Esta que será xa a sexta actuación do programa desenvolverase nas inmediacións de Mesón Ferreiriño, no seu horario habitual, dende as dez e media da noite ata pasada a medianoite.

Tamén esta noite comenza o primeiro dos concertos de Verán organizados polo concello en colaboración con varios pubs da vila. A partir da 01:00h. no DISCO-PUB YOYA actuará o grupo pop quirogués UTOPÍA.

O Concello de Quiroga organízou varios Concertos de Verán en colaboración co disco puba Yoya, o pub Tic Tac, o Goya Music Bar , o pub Bunny e o pub Ruxe Ruxe para que todos os mozos poidan disfrutar este verán da boa música a cargo dos grupos AMODO, UTOPÍA, ARRHYTHMIA E LETHAL CHAINS.

Tralo concerto desta noite o seguinte previsto será o 21 de agosto, ó aire libre, entre os pubs Ruxe-Ruxe, Bunny e Goya Music Bar.

O restaurante A Andaluza organizou para hoxe venres e mañá sábado unha Festa de Andalucía. A partir das nove da noite actuará un grupo de sevillanas e haberá unha exhibición de cabalos. O sábado sesión vermouth animado por tablaos flamencos e a partir das nove da noite actuará o grupo “Agarimos del sur”.

Durante os dous días os asistentes poderán degustar racións típicas de andalucía como “Rabo de toro á cordobesa” ou “pescaito frito”, nunha carpa instalada nas inmediacións do restaurante.

O coto de caza Quiroga – Eiras organizou a II festa do Cazador que terá lugar mañá sábado a partir das nove da noite nas inmediacións do Mesón Escaleira. A festa comenzará cunha cea na que a caza maior terá un lugar destacado, e para a que os participantes tiveron que retirar previamente a súa invitación. Trala cea non faltará a música que correrá a cargo do dúo local, Fondo Tropical.


27 jul 2010

QUIROGA ACOLLE ESTE SÁBADO A III RUTA EN MOUNTAINBIKE "VAL DE QUIROGA"

A área de deportes do concello organizou a III Ruta en Mountainbike "Val de Quiroga", que terá lugar este sábado día 31 de xullo. Os participantes sairán da praza de España ás 9:30 da mañá.

Esta proba de carácter non competitivo discurrirá polo concello de Quiroga ó longo de 44 quilómetros, polo que a participación se restrinxe (pola elevada quilometraxe) a persoas maiores de 18 anos. Os participantes sairán ó longo da rúa Real para entrar no paseo fluvial preto da ponte de San Clodio. En Vilaverde abandonarán o paseo para dirixirse ó alto da Conchada por onde continuarán en dirección ó Alto do Boi. Dende este punto baixarán ata Campos de Vila pola zona de Penarrubias para dirirxirse a Vilaboa, e ó Castelo de Torrenovaes. Tras coller a estrada do Toucedo chegarán ata as piscinas municipais onde remata o recorrido.

Ó tratarse dunha ruta de carácter non competitivo faranse reagrupamentos en varios puntos, contando ademais con puntos de avituallamento.

Nas Piscinas, cada participante poderá asearse, e disfrutar dos pinchos e bebidas preparados como remate deta ruta de Mountainbike.

26 jul 2010

ESTA MAÑÁ COMENZARON AS OBRAS DE CONSTRUCCIÓN DAS DUAS PISTAS MULTIDEPORTIVAS QUE ENTRARÁN EN FUNCIONAMENTO COINCIDINDO COS CAMPIONATOS DAS FESTAS DE VERÁN

Esta mañá comenzaban as obras de construcción das duas pistas polideportivas ó aire libre ubicadas unha no parque da Constitución e a outra entre o Colexio de Infantil e Primaria e o Auditorio Municipal.

Esta mañá traballábase na perforación dos lugares nos que se colocarán os postes que suxeitarán a malla metálica, para continuar recubrindo cunha planchada especial o cemento existente. As pistas son descubertas e contarán con peches metálicos de catro metros de altura, de tal xeito que se poidan practicar sen problemas deportes como tenis, baloncesto, balonmán ou voleibol.

 A situada entre o colexio e o Auditorio centrarase preferentemente na práctica do tenis, polo que se dotará de alumeado para que poida ser utilizada incluso de noite.

Con esta distribución nos dous estremos da vila quiroguesa dende o concello pretenden que todos os veciños teñan preto dos seus domicilios as infraestructuras necesarias para a práctica destes deportes.

A dotación destes dous espacios supón unha inversión de 120.000 €, inversión para a que o concello contará coa colaboración da Xunta de Galicia.

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, agarda que estas novas dotacións deportivas entren en servicio para o venres dia 6 de agosto, coa celebración das distintas competicións deportivas organizadas pola área de deportes dentro dos actos das festas de verán.

24 jul 2010

MILLADOIRO E RÚA ACTIVA NAS FESTAS DE VERÁN

O Concello de Quiroga organizou para o sábado das festas de verán, co patrocinio do Xacobeo e da Xunta de Galicia, un espectáculo infantil na praza de España a cargo de Rúa Activa; e un concerto do grupo folk galego Milladoiro na rúa Real.



21 jul 2010

PUBLICADA A LICITACIÓN DAS OBRAS DE REHABILITACIÓN DA CAPELA DE SAN XOÁN DA IGREXA DE HOSPITAL

A Consellería de Cultura e Turismo publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio de licitación, por procedemento aberto, do contrato das obras de acondicionamento da Capela de San Xoán na igresa de San Salvador de Hospital.

O proxecto que conta cun presuposto de 92.226 €, cofinanciados nun 70% con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e o 30% restantes co FCI (Fondo de Común Inversión) e conta cun prazo de execución de catro meses a partir da súa adxudicación. Aínda que nun primeiro momento contemplouse a rehabilitación da capela de San Xoán e a restauración do retablo maior; as obras que se realizarán neste proxecto serán as centradas na capela, a parte máis antiga do templo.

Entre as actuacións previstas no exterior da Capela de San Xoán, o proxecto contempla traballos de mellora na fachada norte co levantamento dun novo muro de pedra de mampostería, o enterramento da acometida eléctrica, a pavimentación da rampla exterior de acceso, a intervención sobre a cuberta e, por último, a pintura de todos os paramentos exteriores. No interior acometeranse actuacións sobre os paramentos da Capela, o retiro da imaxe de San Xoán da ventá actual deixando o oco libre do ventanal, a recolocación das laudas blasonadas no chan e o levantamento de tapas dos dous sarcófagos existentes para proceder á limpeza e retirada de escombros, todo elo co seu debido control arqueolóxico. Tamén destaca a colocación dun novo caixón e tapa de madeira ao sarcófago correspondente a Don Xoán de Losada e a súa muller Violante de Rivadeneyra, a colocación no nicho libre o frontal de pedra de Don Andrés de Losada e Prada, a colocación de dous focos de luz sobre cada cornixa lateral da bóveda e a recuperación de policromías dos parámetros laterais do altar así como as pezas do azulexo da parte frontal do mesmo.

A Capela de San Xoán é parte da igrexa de San Xoán da parroquia de San Salvador de Hospital. Foi o xermolo do pobo de San Salvador, xa que ao seu redor construíronse máis casas, nobres e plebeas. A finais do século X fúndase unha igrexa prerrománica dedicada ao apóstolo San Bartolomé, coñecida como a Capela de San Xoán do Hospital. A Capela de San Xoán destinouse aos monxes guerreiros, os seus rezos e as súas cerimonias sagradas de iniciación e xuramentos a mediados do século XIII. Actualmente a Capela é de planta cadrada, de grosos muros con contrafortes que reforzan as bóvedas interiores de medio canón, que descansan sobre arcos torais. Na cabeceira sitúase un altar de pedra con azulexos na súa fronte, no eixe vertical aparecen dous ocos verticais abocinados, cada unha das paredes dispón de dous arcos cegados a modo de arcosolios con estatuas xacentes en sarcófagos do século XV: Capitán D. Antonio de Quiroga. D. Xoán de Losada e Dona Violante de Ribadeneira, D. Rodríguez de Valcarce e posiblemente, o seu pai, D. Rodrigo de Quiroga Losada e Valcarce.

A rehabilitación da igrexa de Hospital iniciouse no ano 2005 cando o concello de Quiroga asumiu a mellora dos accesos á igrexa e a creación dun pequeño espacio para estacionar vehículos. Ademais o concello asinaba un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e o Obispado de Lugo para levar a cabo o primeiro proxecto de restauración desta igrexa parroquial.

Neste primeiro proxecto, que contou cun presuposto de 70.000 €, e no que tamén se incluia a rehabilitación da igrexa de Bendilló, reformouse exteriormente o edificio. Os traballos consistiron en erradicar as filtracións de auga, debido ó mal estado de conservación das cubertas, polo que se realizou un aillamento térmico das paredes para evitar humidades. E levouse a cabo a rehabilitación integral do exterior do monumento, adecuandose a pedra nas portas e fiestra e enlucindo as fachadas.

No ano 2006 realizouse a segunda fase da rehabilitación da igrexa. Cun presuposto de 72.000 €, Patrimonio retirou a vella capa de cal que cubria os muros interiores e sustituiuna por outra nova. Ademais destaparonse antigas estructuras de madeira ó derrubar os falsos teitos.

No ano 2007, nunha terceira fase dotada con 132.893 €, leváronse a cabo diversas reparacións nos muros para evitar filtracións de humidade no interior e a renovación integral da cuberta, así como o arranxo dunha finca colindante coa fachada sur da igrexa, que ameaza con derrubarse sobre o templo. En canto ó interior, renovouse por completo o pavimento de madeira e recolocaronse as intalacións eléctricas e a megafonía. O proxecto comprendeu ademais a realización de varias catas arqueológicas para comprobar se no subsolo do templo se conservaban restos dun antigo campanario e dun suposto cruceiro románico.

O director xeral de Patrimonio, José Manuel Rey Pichel, visitaba no pasado mes de xaneiro este templo, e xa anunciaba que o departamento que el dirixe ía financiar a recuperación da capela de San Xoán.

20 jul 2010

ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA DE GALICIA.

A área de cultura do concello organizou os actos para o conmemorar o 25 de xullo, día de Galicia.

Os actos previstos comenzarán xa o sábado co espectáculo Cigani&Cía, a cargo do grupo Pistacatro Novo Circo. Trátase dun espectáculo inspirado no delicado tema da inmigración e da delicuencia tratado con todo o descaro de tres paiasos.

A música en directo e a particpación directa do público, son os dous compoñentes esenciais deste espectáculo de rúa, que se nutre do clown, da improvisación, dos números cómicos con voluntarios e do que acontece espontáneamente en cada función.

Este espectáculo, enmarcado dentro do programa Camiños de Cultura da Xunta de Galicia; e dirixido a todos os públicos, terá lugar o sábado a partir das oito do serán na praza de España.

O acto central da conmemoración do día de Galicia será o domingo á unha e cuarto da mediodía coa recepción no concello ós colectivos culturais da vila e a actuación do grupo de gaitas O Recanto, que tras actuar diante da casa consistorial fará unha alborada pola rúa Real.

Pola noite, a partir das dez e media, terá lugar unha nova actuación do programa Música na Rúa, nesta ocasión entre os bares Cine e Lago.


16 jul 2010

MERENDA POPULAR E CAMPIONATO DE TUTE COMO INICIO DAS FESTAS DE VERÁN

O concello de Quiroga organizou, dentro das actividades programadas para as festas de verán, unha merenda popular e un campionato de tute.

O venres, 6 de agosto, como inicio das festas terá lugar a IV Merenda Popular no parque da Constitución a partir das nove da noite. As persoas interesadas en participar deberán de sacar previamente un vale, á venda nos bares e cafeterías da vila, antes do día 4 de agosto. A cantidade que deberán abonar por cada vale é de 3 € para poder degustar a merenda cun menú que non variará con respecto a edicións anteriores.

O concello tamén organizou un campionato de tute que se desenvolverá nos bares de Quiroga o día 24 de xullo a partir das cinco da tarde. A gran final deste campionato desenvolverase nas instalación do Centro Social o día 31 de xullo a partir das seis da tarde. Durante a celebración da fase final haberá pinchos para os participantes.

Os intersados en participar no campionato deberán de inscribirse no bar onde queiran xogar, previo pago dunha inscripción por parella de 20 €. Os premios deste campeonato serán 200 € para a parella gañadora, 100 para a segunda clasificada e 50 para a terceira.

15 jul 2010

ORGANIZADO O PROGRAMA DAS FESTAS DE VERÁN DE QUIROGA

Onte reuniuse na casa consistorial o equipo encargado de organizar as festas de verán de Quiroga, que se celebrarán os días 6, 7 e 8 de agosto. Nesta xuntanza quedou organizado o que será o programa que recolle todalas actividades organizadas para estes días.

As actividades comenzan xa o xoves día 5 coa inauguración dunha exposición de humor gráfico de José Manuel Fernández Montes, no museo etnográfico. E a partir das dez e media da noite unha nova actuación do programa Música na rúa, nesta ocasión diante do bar Chapakuña.

O venres disputarase a final do torneo de fútbol sala festas de verán e o primeiro torneo de fútbol sala femenino no pavillón municipal. A partir das nove da noite no parque da Constitución terá lugar unha merenda popular amenizada polo dúo local Fondo Tropical. A partir da unha da noite na zona dos pubs haberá un concerto para os máis novos.

O sábado a banda de música de Antas de Ulla ofrecerá un pasarrúas e un concerto. A partir das sete da tarde disputarase un torneo de 3x3 de baloncesto nas categorías alevín, infantil e senior na praza de España. Media hora máis tarde terá lugar o espectáculo infantil rúa Activa. As dez da noite comenzará a festa popular coa orquestra Limón e a media noite o grupo de flock galego Milladoiro ofrecerá un concerto na rúa Real.

O domingo as doce da mediodía desenvolverase o espectáculo de rúa “Os cómicos do auto”. A unha e media actuarán o grupo de gaitas e danzas San Martiño. Pola tarde a partir das sete e cuarto disputarase o terceiro trofeo de fútbol veteranos e na praza de España os máis cativos disfrutarán dun concurso de pinta con tiza e do xogo do scalextric. A partir das nove e media da noite festa popular coas orquestras La Oca e Costa Oeste.

Previamente as festas disputarase, como novidade este ano, un campeonato de tute nos bares de Quiroga. E como remate das festas e tras un día de descanso, Quiroga acollerá a XIX Mostra do Mel.

13 jul 2010

COMENZARON AS OBRAS DE CONSTRUCCIÓN DE DUAS NOVAS ISLETAS ECOLÓXICAS QUE SERÁN UTILIZABLES A PARTIR DA VINDEIRA SEMANA

Esta mañá comenzaban as obras de construcción das novas isletas ecolóxicas, con que se vai dotar a vila de Quiroga. As isletas estarán situadas unha na rúa Anxel Fole, ó lado do parque da Constitución; e a outra na recén remodelada zona dos pubs.

 
As isletas ecolóxicas son un sistema de contenedores soterrados que consiste en aloxar baixo o solo da vía pública os contenedores de residuos que na actualidade están na superficie, aportando solución ó urbanismo ambiental, en especial ás novas tecnoloxías de recollida que permitan un menor impacto urbanístico e optimizar os métodos de recollida.
O sistema está dotado dunha plataforma hidráulica sobre a que se colocan os contenedores. Esta plataforma aloxase no interior dunha estructura de hormigón prevista da resistencia necesaria para soportar os esforzos ós que se poida someter o conxunto na vía pública. Precisamente na excavación para a colocación desta estructura de formigón é na que se traballaba esta mañá.

A nivel de rúa ubícanse os buzóns. Existe un por cada tipo de residuo e distinguense pola súa cor e o anagrama que indica a súa utilización. O caixón onde se introduce a bolsa de lixo, fabricado en aceiro inoxidable, posue un mecanismo de retención que lle obliga a estar pechado de forma continua; proporcionando un aillamento á auga e os olores.

A corporación municipal agarda que estas isletas ecolóxicas poidan estar xa ó servicio dos veciños a vindeira semana, xa que contan que esta obra dotada dun presuposto de máis de 50.000 €, esté rematada o venres.

12 jul 2010

QUIROGA SUFRIU E CELEBROU COMO NUNCA O TRIUNFO DA VERMELLA NO MUNDIAL

De xeito agónico, como non podía ser doutro xeito, na prórroga, cun gol de Andrés Iniesta, España foi recompensada polo fútbol logo de case un século e alcanzou a anhelada gloria do título mundial ao imporse a unha Holanda afastada do seu fútbol habitual.

España foi mellor, sen discusión. Puido gañar antes, moito antes, pero tamén puido ter perdido xa que a sorte parecía non estar da súa parte. Quedaban catro minutos, máis a prolongación, pero Holanda, sen capacidade, botada toda a perder na destrución, foi incapaz de arrebatar a gloria a unha España que foi sen discusión mellor e proclamouse máis que digna campiona do mundo.

Foron 116 minutos nos que os quirogueses sufriron, e sufriron moito do mesmo xeito que toda España, cando todo anunciaba que o mundial se decidiría na tanda de penaltis. O gol de Iniesta fixo saltar a todos os quirogueses que xa non aguantaban máis o sufrimento pegados a unha pantalla de televisión, pero todo ese sufrimento quedou esquencido neses segundos e soamente houbo que aguantar os catro minutos que quedaban para que o arbitro pitara o final do encontro e España se convertira na gañadora do mundial.

E tras o remate do partido, os quirogueses seguiron celebrando unha victoria que uniu a todos os españoles, nunha noite en que se esquenceu se se era catalán, andaluz ou galego, soamente se era español e se defendía a cor vermella.

9 jul 2010

O CONCELLO DE QUIROGA DONOU 50 LITROS DE ACEITE A DIÓCESIS DE LUGO

Esta mañá , as 12 do mediodía no Palacio Episcopal , o alcalde de Quiroga , Julio Álvarez Núñez acompañado do concelleiro delegado de medio rural , Manuel Mondelo Rodríguez , en nome do Concello , entregaba o Obispo de Lugo , Alfonso Carrasco Rouco , unhos 50 litros de aceite puro de oliva de Quiroga que se repartirán entre todas as parroquias da Diócesis para ser empregados como Santo Crisma na administración dos sacramentos o longo do ano.


O aceite de oliva, mesturado con bálsamo, emprégarase para elaborar os santos óleos que se utilizan nos sacramentos do bautismo, a confirmación, a ordenación e a unción de doentes. Estes óleos, que só poden ser consagrados polo bispo, prepáranse na catedral e serán despois distribuídos en todas as parroquias da diócese polos arciprestes.


O aceite puro de oliva de Quiroga é elaborado seguindo o máxico rito da producción artesanal que se perde na memoria dos tempos e acercanos ata o noso pasado romano.

5 jul 2010

COMENZA O IV CAMPUS DE FÚTBOL

Esta mañá comenzaba no campo de fútbol San Martiño o IV Campus de Fútbol, organizado dende a área de Deportes do Concello, que se desenvolverá durante este mes de xullo.

No campus, dirixido a rapaces e rapazas de 8 a 17 anos, ademáis do fútbol practicaranse outros deportes como sendeirismo e rutas en montanbike, tamén se inclue a piscina.

Con este campus, a área de deportes municipal, pretende darlle continuidade ás Escolas Deportivas durantes este mes de xullo, xa que nel teñén cabida dende a categoría Benxamín ata a Xuvenil.

O campus desenvolverase no campo de fútbol os luns, mércores e venres. Os luns e mércores adicarase a fútbol e os venres serán deportes alternativos como o sendeirismo e as rutas ciclistas. Os tres días complementaranse con natación e xogos na piscina municipal.

CO ENCENDIDO DO NOVO ALUMEADO DEUSE POR REMATADA A REMODELACIÓN DA ZONA DOS PUBS

O pasado venres co encendido do novo alumeado deuse por inaugurada a recén remodelaza zona dos pubs. Así, dende o venres esta zona xa quedou totalmente aberta á circulación, aínda que esta circulación sufriu cambios con respecto a antes da súa reurbanización, xa que se constituiu como zona semipeatonal.

Unha das novidades máis salientables é que dende a cámara agraria ata correos a rúa é de dirección única de xeito que os vehículos deben vir nesa dirección pero para facer o recorrido inverso deberán utilizar a rúa Anxel Fole. Coa decisión de que estas duas rúas sexan de sentido único permitese aparcar por ambos lados da calzada.  Ós residentes na zona concederonselle tarxetas que lles permiten acceder os seus garaxes por zonas restrinxidas ó paso de vehículos.

A rúa Victorino Nuñez quedou pechada ó tráfico polo que tampouco se pode aparcar na zona e incluso se pechou con pivotes. Precisamente porque esta rúa leva o nome do recén falecido fillo predilecto de Quiroga, a corporación municipal decidiu non facer inauguración oficial como mostra de respeto éste ilustre quirogués.

A zona sufriu unha completa transformación, única na vila quiroguesa, xa que o asfalto convencional cambiouse por un especial e a zona para o paso dos traseuntes está separada por pivotes en vez de construir beirarrúas. Ademais dotouse de mobiliario urbán e farolas acordes co novo estilo da zona.

2 jul 2010

A ESCOLA INFANTIL DESPIDE O CURSO COA ENTREGA DE ORLAS E DIPLOMAS

A escola infantil celebrou hoxe o seu fin de curso cunha festa na que participaron a maioría dos nenos que acudiron o centro durante este curso. Aínda que o centro educativo non pecha durante o verán, e manterá o seu horario de mañá e de tarde; algúns dos rapaces collen vacacións durante estes meses polo que o centro decidiu realizar a festa.

Na celebración, á que acudía o alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, despediuse ós nenos que o vindeiro curso deixará a escola infantil para pasar ó Colexio de Infantil e Primaria, por cumprir os tres anos de idade.

Na festa entregáronselle ós rapaces orlas e diplomas como símbolo de graduación deste curso 2009-2010.

Como remate da festa non faltou unha merenda na que os rapaces deron boa conta das larpeiradas.

1 jul 2010

35 NENOS E NENAS PARTICIPAN NA LUDOTECA DE VERÁN QUE COMENZOU ESTA MAÑÁ

O departamento de Educación Social do Concello de Quiroga puxo en marcha esta mañá a Ludoteca de Verán que se desenrolará nos meses de xullo e agosto. O rexedor local, Julio Alvarez, e a concelleira da área social, Ana Nuñez, inauguraron oficialmente este servicio dirixido os rapaces e rapazas en idade escolar que pasen as súas vacacións no val de Quiroga e arredores.

35 nenos comenzaron hoxe esta actividade, repartidos en dous grupos. 15 nenos con idades entre os 3 e os 7 anos desenvolverán esta actividade en horario de 10:00h. a 13:00h. Os nenos/as de de 8 a 12 anos, 20 en total, terán un horario de 11 da mañá a 2 da mediodía.

As actividades que se ofertan serán os luns informática e manualidades, os martes deportes e sendeirismo, os mércores lectura e xogos, os xoves inglés e manualidades e os venres cine e xogos. Ademaís destas actividades a última hora de cada xornada estará adicada a natación.