31 oct 2011

UN CONCURSO DE ARTES PLÁSTICAS PARA CONMEMORAR O 25 DE NOVEMBRO

O Centro de Información á Muller organizou un concurso de artes plásticas para conmemorar o día 25 de novembro, día da non violencia contra a muller, titulado “Exprésate contra a violencia”.

A temática do concurso é a loita contra a violencia cara a muller e nel podese participar con calquera técnica artística, dende pintura, fotografía, escultura, etc.

Fixáronse tres categorías para os participantes. A primeira para nenos e nenas de 9 a 12 anos; a segunda para rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos e a terceira para maiores de 17 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de dous traballos, aínda que só poderá ser premiado un deles.

No reverso de cada traballo presentado deberá de figurar unha clave ou pseudónimo, o mesmo que deberá figurar no exterior do sobre pechado que o acompañará e que levará no seu interior os datos do autor.

Establécense dous premios por cada categoría, que consistirán o primeiro premio nunha cámara fotográfica dixital e o segundo, nun maletín de pintura.

Os traballos deberán presentarse na oficina do Centro de Información á Muller do Concello antes do venres 18 de novmebro.

O fallo do xurado, así como a entrega de premios farase o martes 22 de novembro na sala de exposicións da casa da cultura, a partir das seis da tarde. Os traballos presentados éste concurso poderanse ver precisamente nesta sala de exposicións dende ese momento ata o 25 de novembro.

O Centro de Información á Muller resérvase o dereito de anular o concurso ou algunha das súas categorías de non existir un mínimo de 5 participantes por categoría.

28 oct 2011

O SINDICATO CC.OO. OFERTA DOUS CURSOS PARA PARADOS

O sindicato CC.OO, en colaboracion con el Concello de Quiroga, oferta dous cursos para parados. Un sobre enerxías renovables e outro sobre rocas ornamentais, este último obligatorio a partir de marzo para traballar en calquera posto dunha explotación pizarreira.

O curso de enexia renovable, organizado para un máximo de 25 alumnos, terá 60 horas de duración. Este curso centrarase na enerxía eólica e desenvolverá temas como a localización do vento e os mapas eólicos, os aeroxeneradores, instalacións eólicas, e montaxe e mantemento de equipos.

O outro dos cursos, sobre rocas ornamentais, denominado Formación preventiva de operador de plantas de beneficio e tratamiento de minerais, organizado tamén para 25 persoas terá 40 horas de duración. Este curso centrarase en temas como as Técnicas preventivas e de protección específicas a cada posto de traballo particular. Os peligros asociados ás tarefas definidas en cada traballo. Equipos de traballo e de protección individual ou medios auxiliares utilizados. Control e vixiancia sobre o lugar de traballo e a súa contorna e interferencias con outras actividades.

As persoas interesadas e para máis información poden pasar polo Centro de Formación Ocupacional Pía Páxaro.


27 oct 2011

FESTA DE HALLOWEEN PARA OS NENOS E NENAS DE QUIROGA

O concello de Quiroga, dende o departamento de Educación, organizou para o vindeiro luns, día 31, unha festa de Halloween.

A festa terá lugar na casa de cultura dende as cinco da tarde ata sete e nela os asistentes poderán disfrutar dunha gran merenda, xogos terroríficos e piñatas con regaliños.

Todas as nenas e nenos do concello están convidados a participar nesta festa.

26 oct 2011

APRÓBANSE OS ORZAMENTOS DO 2011 NUNHA POLÉMICA SESIÓN PLENARIA

A corporación municipal celebrou onte unha polémica sesión plenaria que rematou coa expulsión da sala dos concelleiros da oposición. Neste pleno aprobouse o orzamento xeral da corporación para o exercicio 2011. Este punto aprobouse cos votos en contra da oposición, que criticou o prazo de presentación do orzamento.

Outro dos puntos da orden do día que tamén trouxo polémica foi a modificación das ordenanzas fiscais do imposto sobre construcións, instalacións e obras; a chamada licenza de obra, e de diversas taxas. O BNG acusou ao alcalde de ter ao concello nunha situación de “axfisia fiscal” mentras que o PSOE quixo que constara en acta que ía levar ao xulgado conceptos que o seu entender estanse a cobrar no recibo da auga de xeito ilegal. O PP pola súa banda acusou a oposición de falar só da parte que lle conviña e non explicar que o que realmente se incrementaban as taxas eran uns céntimos.

Modificouse unha das festas de carácter local do concello de Quiroga para o ano 2012: no pleno anterior se fixárase para o 10 de agosto e agora trasladouse definitivamente para o luns 13 de agosto.

Chegados ao punto de rogos e preguntas reavivouse a polémica e a subida de tono dos concelleiros, co que o alcalde presidente do pleno despois de chamar tres veces a orde aos concellerios da oposición, pediulles que abandonaran o salón de plenos.

O útimo punto da sesión plenaria foi o sorteo das mesas electorais para as eleccións xerais que terán lugar o día 20 de novembro e que xa se realizou soamente cos concelleiros do PP na sala.

20 oct 2011

REALÍZANSE AS CATAS PARA O INICIO DA RESTAURACIÓN DO RETABLO DA IGREXA DE HOSPITAL

O retablo maior da igrexa do Hospital comenzará en breve a ser restaurado. Na tarde de onte a restauradora encargada de realizar estes traballos realizaba xa as catas previas ao inicio dos traballos.

A restauración do retablo, presupostada en preto de 30 000 €, foi tramitada pola Asociación San Bartolomé do Hospital a través do GDR Ribeira Sacra.

O retablo maior da igrexa do Hospital é de estilo barroco, de finais do século XVII ou algo posterior. A súa estrutura, que cobre toda a bóveda, é de gran riqueza artística xa que na mesma obra poden atoparse diferentes elementos e técnicas.

 Os traballos a realizar, que a restauradora  fixou en dous ou tres meses de traballo, consistirán na fixación da policromía. Posteriormente, procederase á eliminación de elementos que deterioren o soporte e revisaranse as ancoraxes. A consolidación da madeira mediante a inxección ou impregnación de resinas acrílicas será o seguinte paso. Ademais reconstruiranse os volumes perdidos. Para devolver a luminosidade das cores empregadas en orixe realizarase unha limpeza química a base de diferentes disolventes e, finalmente, a protección final con vernices de resinas de orixe sintética protexerá a obra de posteriores agresións

17 oct 2011

A SAÚDE EN FEMININO, NOVA ACTIVIDADE DO C.I.M.

O Centro de Información á Muller de Quiroga organizou unha nova actividade denominada A saúde en Feminino. Dentro desta activiade recóllese unha camiñata para conmemorar o día mundial contra o cancro de mana e duas charlas, unha sobre a osteoporose e outra sobre o cancro de mama e o virus do papiloma.Estas duas charlas están abertas a todo o público interesado nestes temas.


Esta mañá un gran lazo rosa lucía no balcón da casa consistorial como apoio ao día que se celebra mañá. Ademáis deste lazo persoal do CIM colocará tamén mañá lazos rosas aos participantes na II andaina solidaria no día Mundial contra o canro de mama. Esta camiñata ao igual que o pasado ano sairá dende o auditorio municipal ás seis e media da tarde para dirixirse ao paseo fluvial. Esta actividade vai dirixida a todolos públicos.

A primeira das charlas terá como tema principal o cancro de mama e o virus do papiloma. Nesta ocasión a charla correrá a cargo do xinecólogo Domingo Latorraca González. e celebrarase na casa da cultura o martes día 25 apartir das seis da tarde.

As segunda das charlas sobre a saúde feminina será o xoves día 27 coa Osteoporose como tema. A especialista en medicina de familia do centro de sáude de Quiroga, a doutora Eva Rodríguez Macía, será a encargada desta charla que comenzará as seis e media na casa da cultura.

7 oct 2011

A OFICINA DE XUVENTUDE ORGANIZA O VII CERTAME DE RELATO CURTO


Dende a Oficina de Xuventude organizase o VII Certame de Relato Curto, coas seguintes bases:

1.- Poden participar todas as persoas co desexen con tantos relatos curtos como queiran.

2.- Tema: libre.

3.- Os relatos poden estar escritos en castelán ou en galego cunha extensión máxima de vinte folios e mínima de dous, mecanografados ou a ordenador por unha sóa cara, por duplicado e sen firma.

4.- Os datos do autor/a, dirección e teléfono presentaránse dentro dun sobre pechado. No exteriror figurará o título do relato e a categoría na que participa.

5.- Categorías:

a) Xuvenil: menores de 18 anos.b) Adultos: maiores de 18 anos.

6.- Premios: Categoría a) e Categoría b)

1º premio; placa conmemorativa e máis unha obra de relatos.

2º premio; placa conmemorativa.

3º premio; placa conmemorativa.

7.- Os traballos pódense enviar por correo ou entregalos persoalmente na Casa de Cultura de Quiroga ou na Oficina de Información Xuvenil.

8.- Data límite 30 de novembro de 2011.

9.- O fallo do xurado será inapelable. Comunicaráselles ós gañadores a data fixada polo Concello para a entrega dos premios.

Todas estas actividades están dirixidas pola concelleira de Xuventude, Dna. Rosa Mª Arza Rodríguez e subvencionadas pola Xunta de Galicia e o concello de Quiroga.

5 oct 2011

DENDE A OFICINA DE XUVENTUDE ORGANÍZASE UN CURSO BÁSICO DE PHOTOSHOP E UNHA VIAXE AO AQUARIUM FINISTERRAE

Dende a oficina de xuventude, organízase para este mes de outubro un curso básico de PHOTOSHOP que comezará o luns día 10 e se desenvolverá todos os martes e xoves de outubro entre as 20 e as 22 horas. O custo será de 10 € para a xente empadroada en Quiroga, e 15 € para os non empadroados.

Tamén o sábado 22 de outubro, terá lugar unha viaxe ao Aquarium Finisterrae da Coruña, dirixida aos mozos e mozas de máis de 13 anos, con visita ao acuario, comida e horas libres. O autobús será gratuíto e a comida e a entrada ao acuario correrá por conta propia.