25 jun. 2018

A ÁREA DE EDUCACIÓN OFERTA DE NOVO O OBRADOIRO DE DEBUXO E CÓMIC


A  Área  de  Educación e Infancia do Concello de Quiroga  organiza un obradoiro de Debuxo e Cómic para os días 26, 27 e 28 de xuño.

Esta actividade , que se celebrará na aula Cemit da Casa de Cultura, vai dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. O obradoiro estará impartido polo ilustrador quirogués, Xosé Manuel Fernández Montes.

Os rapaces que estén interesados en asistir teñen que anotarse canto antes na Casa de Cultura e teñen que saber co material necesario co que deberán acudir será, lapis, rotulador tipo Eding e un bloc.

O CONCELLO DE QUIROGA PORÁ EN MARCHA OS CAMPAMENTOS DE VERÁN 2018 DURANTE OS MESES DE XULLO E AGOSTO


O Concello de Quiroga, a través da Area de Educación e Infancia, porá en marcha novamente os Camapamentos de Verán 2018, durante os meses de xullo e agosto, dende o día 2 de xullo o 31 agosto.

Estes consistirán en variados obradoiros de plástica, xogos de mesa, traballos manuais, repaso escolar, inlés, etc. Realizarán  tamén deportes e contarán  con tempo de lecer nas instalación da piscina municipal onde practicarán natación e diversos xogos e xincanas na auga.

Os campamentos  de verán están dirixidas os rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos con horario de 11 a 2. Os nenos e nenas deberán acudir á casa de cultura a primeira hora onde os agardarán os monitores que estarán con eles durante estes dous meses, os país terán que recollelos as dúas da tarde na piscina. En caso de mal tempo serán avisados para recollelos noutro lugar.

As país, nais, avós interesados en inscribir os rapaces deben pasar pola casa de cultura, onde serán informados de todos os detalles dos campamentos e  así proceder a inscripción. A data límite para poder facelo é ata o día 29 de xuño, en horario de mañá, excepto aquelas persoas que veñan de vacacións a nosa vila que poderán inscribirse en calquera momento.

20 jun. 2018

VARIOS QUIROGUESES ENTRE OS GAÑADORES DA FASE PROVINCIAL DO CERTAME DE NARRACIÓN E DEBUXO "LETRAS GALEGAS 2018"


A Biblioteca Pública de Lugo fará entrega esta tarde dos premios os  gañadores da fase provincial do Certame de Narración e Debuxo “Letras Galegas 2018”. Entre estes  traballos  quedaron  finalistas nesta fase provincial algúns dos que se presentaron na  Biblioteca  Municipal de Quiroga.

Na categoría A, modalidade narración, resultou seleccionado o traballo presentado por Miguel Sánchez Franco, co tereceiro premio.

Na categoría B, modalidade debuxo,  os traballos de Susana Sánchez Suárez de Natalia Álvarez Díaz, co primeiro premio e accésit, respectivamente.

Na categoría B, modalidade narración,  accésit para Estela Ferreiro  Rodríguez.

O acto terá lugar hoxe as seis e media da tarde na  Biblioteca Provincial de Lugo.




TODO LISTO PARA A CELEBRACIÓN DO SAN XOÁN


     O departamento de cultura do Concello de Quiroga, encargado de organizar os actos da festividade de San Xoán , xa ten todo listo para a celebración este sábado día 23 de xuño a partir das nove da noite.

Máis de 100 kilos de sardiñas frescas, típico producto destes festexos en Galicia, asaranse no merendeiro do parque da Constitución para a degustación de todos os veciños e visitantes que se acheguen por alí, acompañadas de pan, viño e refrescos.


    Xa  a media  noite continuarase coa tradición desta noite, acenderase a tradicional fogata para que todos os valentes se animen a saltala para espantar os malos augurios.

12 jun. 2018

QUIROGA CONTA CUNHA AMPLA OFERTA DE ACTIVIDADES PARA OS MESES DE VERÁN


O  Concello  de  Quiroga acaba de editar a programación cultural para este verán na que se inclúe unha ampla oferta de  actividades que teñen como destinatarios todos o sectores da poboación.

Unha boa cantidade de actividades van dirixidas aos máis pequenos, por ser eles os que dispoñen de máis tempo libre no verán. Cabe salientar, entre as actividades dirixidas a este sector,  os  Campamentos de Verán  que se desenvolverán de luns a venres, ao longo da mañá durante os meses de xullo  e agosto. Completan a oferta infantil   espectáculos de maxia ,  animación de rúa “ HAKUNA MATATA” a cargo de Troula animación, obradoiro de cómic, certames e concursos.
 
Exposicións de debuxo, pintura ou fotografía de artistas locais e foráneos ocuparán a sala de exposicións municipal durante  este trimestre.

Para tódalas idades competicións e actividades deportivas entre as que salientamos o xa tradicional Campus de fútbol e como novidade este ano o I Campus de Voleibol Concello de Quiroga, Night Trail Quiroga, IV Torneo de “Stree Soccer” ou a III Torneo Futsal Feminino Val de Quiroga.

A Área de Xuventude desenvolverá un Campo de Traballo Internacional entre  o 1 e o 17 de Xullo, a Festa da Cervexa Artesá e a Festa da Xuventude , entre outras actividades.

A Noite  de  San  Xoán,  as Festas de Verán ,  a Festa da Comunidade e a XXVII Feira do Mel  incrementarán as actividades de ocio e lecer, achegando coa súa programación propia,  actividades deportivas,  lúdicas e musicais  para todos os veciños e veciñas ao longo do verán.




V ENCONTRO DE CORAIS, O DÍA 16 DE XUÑO EN QUIROGA


   A Coral Polifónica de Quiroga, en colaboración co Concello Quirogués,  FECOGA e  a  Consellería  de  Cultura, organiza  o V Encontro de Corais previsto para o sábado 16 de xuño na igrexa parroquial, San Martiño.

   O programa previsto comezará as oito menos cuarto  dende a Casa de Cultura
 cun desfile e pasarrúas  a cargo do  Grupo de Música Tradicional a Rexouba do Centro Social  “Sagrada Familia”de A Coruña.

   As oito do serán dará comezo o Concerto das Corais participantes no interior da Igrexa Parroquial “San Martiño”: En primeiro lugar actuará o Orfeón Valdeorrés composta por 40 membros e dirixido na actualidade por José Ramón Mansilla.

Deseguido  actuará  a Coral  Polifónica Centro Social “Sagrada Familia” de A Coruña,   que  foi  fundada no ano 1990  e na actualidade está composta por 36 voces mixtas, dirixidas  por  Otilia Villar Pampín. Esta formación ten unha gran e dilatada carreira, participando en numerosos actos, oficiales e privados, recibindo numerosos premios polo seu traballo.

Neste quinto Encontro de Corais tamén participará o  Grupo “A Rexouba”  pertencente a este mesmo centro da  “Sagrada Familia” de A Coruña,que nace no ano 2005 como un grupo de música tradicional galega. Un grupo no que non importa a idade, só as gañas de aprender e pasalo ben a través da gaita e a percusión tradicional galega.

Para rematar este concero actuará a Coral Polifónica de Quiroga, organizadora deste Quinto Encontro de Corais no Val de Quiroga.