26 nov 2018

O MUSEO XEOLÓXICO SACA A VENDA PRODUCTOS DE PROMOCIÓN


O Museo Xeolóxico de Quiroga acaba de sacar unha serie de produtos de promoción que xa ten á venda no propio museo. Todos eles levan un logo personalizado, deseñado expresamente para os produtos. Trátase da pegada e da silueta dun oso das cavernas, peza máis emblemática do museo.

O “merchandising”  está composto por camisetas, cuncas, gorras, imáns e mochilas de cordóns, todo a prezos moi accesibles pensando en que os visitantes poidan levar todos os produtos de recordo.  Os prezos oscilan entre os 2’50 € que costa un imán ata os 8€ das camisetas en talla adulto.

Esta fin de semana cumprirase o sétimo aniversario da inauguración do Museo  Municipal  de  Xeoloxía e Paleontoloxía  de  Quiroga no que teñen cabida todos os contidos xeolóxicos máis representativos da zona.  Este Museo recibiu no 2016 un dos premios Santa Bárbara, concedidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, na categoría de comunicación, por poñer de manifesto a importancia do sector mineiro para o tecido industrial galego e o desenvolvemento da sociedade.
Desde a súa apertura, o centro recibe cada ano un maior número de visitantes, entre os que destacan as visitas escolares. Os percorridos que pasan polo Museo están entre os máis solicitados polos centros educativos que participa no Proxecto Terra,  promovido polo  Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
O Museo recolle os principais acontecementos xeolóxicos que definen o territorio galego, unha representación da xeoloxía da comarca quiroguesa e unha exposición de restos óseos da fauna cuaternaria da zona; onde chama a atención o esqueleto completo dun oso das cavernas, que serviu de inspiración para crear o logo dos produtos promocionais.

A acción dos xeos glaciares, mostras sobre as primeiras ocupacións humanas da zona, e a actividade mineira dende os romanas ata a actualidade, completan as instalacións do Museo que se vai ampliar con tres novas salas, unha delas acollerá a reconstrución da faciana de  Elba, a primeira pastora mesolítica estudada en España e cuxos restos se atoparon no Courel.

Ademáis de todo esto, o Museo Xeolóxico é o punto de partida do proxecto Xeoparque Montañas do Courel. O sinclinal do Caurel, as zonas mineiras, os vales glaciares da Seara e Vieiros, os restos fósiles e as primeiras testemuñas da presenza humana nesta zona, conforman o futuro Xeoparque.

O museo Xeolóxico abre as súas portas ao público de luns a venres dende ás once e media da mañá ata a unha da mediodía. Os sábados, domingos e festivos o horario de apertura é de doce da mediodía a unha. Aparte conta co servizo de cita previa para visitas guiadas de máis de dez persoas.
.

21 nov 2018

TERREOS ABANDONADOS DE BENDOLLO PREPARARANSE PARA A PLANTACIÓN DE OLIVEIRAS


Unhas 30 hectáreas de terreos abandonados en Bendollo formarán parte do programa “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial”, que impulsa a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O Subdirector  de  Mobilidade do Banco de Terras de Agader, Alejandro Ignacio Sánchez  de  Dios, foi o encargado de presentarlle este proxecto aos veciños de Bendollo, nunha xuntanza no Centro Social do pobo. Á xuntanza tamén acudían o alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, o secretario xeral de Agader, Severino Alvarez Monteserín, e técnicos do concello e de Agader.

Nestas 30 hectáreas, maioritariamente en terreos en man común, o proxecto da Xunta contempla a plantación de oliveiras de variedades autóctonas.

Nun primeiro momento os veciños amosáronse de acordo co proxecto de mobilidade de terras, polo que os técnicos de Agader continuarán coa identificación dos terreos situados en dúas zonas diferentes do núcleo. Unha vez identificadas as fincas comezarase co acoutado dos terreos para posteriormente rozalos, xa que a Xunta encargarase de limpalas fincas antes de poñelas en arrendamento. Tamén se fixará o prazo e o prezo de arrendamento.

O Subdirector  de  Mobilidade do Banco de Terras de Agader remarcoulle aos asistentes á reunión catro puntos importantes para os propietarios dos terreos que entren no banco de terras: a titularidade dos terreos segue sendo dos propietarios, estes terreos dedicaranse exclusivamente á plantación de oliveiras, se o arrendatario non paga a Xunta farase cargo dos pagos e por último, os terreos devolveranse finalizado o prazo fixado de arrendamento en mellores condicións das que se atopaban inicialmente.

O proxecto de mobilidade de terras ten  por obxectivo loitar contra o abandono poñendo en produción terras de cultivo que foron abandonadas á vez que se axuda á loita contra os incendios forestais.

16 nov 2018

O CONCELLO NON LEVARÁ DIRECTAMENTE A XESTIÓN DO CENTRO DE DÍA


Reuniuse por segunda vez a Comisión de Estudio para poñer en marcha o Centro de Día da Ribeira. A comisión está presidida pola tenente de alcalde, Ana Núñez, e conta con  representantes de todos os partidos políticos da corporación municipal de Quiroga.
No prazo de dous meses dende a súa posta en marcha o 30 de outubro, esta comisión ten que elaborar unha memoria xustificativa  na que se recollan as condicións máis idóneas para poder abrir este centro, como se aprobou por unanimidade na pasada sesión plenaria.
Nesta segunda xuntanza da comisión aprobouse que a xestión do centro sexa indirecta, é dicir que non a xestione o concello directamente se non que se saque a concurso para que sexa outra entidade quen a xestione.
Tras esta decisión agora a comisión traballa na elaboración dun regulamento interno para deixar para o final a elaboración dunhas bases de licitación polas que este servizo poida saír a concurso.  
O Centro de Día ocupa a primeira planta do edificio polivalente da Ribeira. Na súa planta baixa atópase o centro social da Ribeira. E contémplase que na segunda planta serva de lugar de acollida temporal para persoas en risco de exclusión social. O Centro de Día de atención a persoas maiores, ao que poderán ter acceso 25 persoas maiores, está rematado e equipado dende a pasada primavera e agora esta comisión traballa para a súa posta en funcionamento.

9 nov 2018

UN CONVENIO ENTRE O CONCELLO E A DEPUTACIÓN PERMITIRÁ ARRANXAR O ACCESO A 17 NÚCLEOS DE QUIROGA

O Concello de Quiroga e a Deputación Provincial de Lugo asinaron na mañá de onte un convenio de cooperación para a reparación e a mellora de camiños de acceso a varios núcleos do municipio.
O alcalde, Julio Álvarez, e o Deputado da área de goberno Interior e Relacións Institucionais, Álvaro Santos,  asinaron un convenio de 70.000 € para o arranxo de accesos a 17 núcleos do noso municipio. A finalidade do convenio, en palabras dos asinantes, é axudar aos que viven no rural que son máis desfavorecidos e favorecer a accesibilidade e a mobilidade dos veciños e veciñas destas zonas.

 Tras a firma do convenio achegáronse ata a pista de  Pacios da Serra, un dos camiños que vai ser obxecto das melloras e que nestes momentos é dos que se atopa en peor estado.

Ademais do acceso a Pacios da Serra con este presuposto de 70.000 € tamén se van mellorar os accesos a Vilanuide, San Martiño, Ferreira, Centeais, Montefurado, Aldea, O Ivedo, Vilaster, Chao da Casa, Bendollo, Paradapiñol, Cereixido, A Barca, Penarrubias, A Vergaza e Fisteus. 

7 nov 2018

CONTINÚASE A TRABALLAR PARA OBTER A MARCA DE CALIDADE PARA O ACEITE DE QUIROGA


Esta semana o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, reuníase co conselleiro do Medio Rural, José González, en Santiago para exporlle as súas demandas e suxestións en relación co agro deste municipio lucense.  Ambos abordaron, entre outras cuestións, a posta en valor da produción de aceite neste concello e a mobilización de terras para a plantación de oliveiras.

Por outra banda o Instituto de Calidade Alimentaria da Xunta, dependente da Consellería de Medio Rural, continúa a traballar co Concello de Quiroga de cara a tentar unha marca distintiva para o aceite de Quiroga. Unha das funcións deste Instituto é promocionar e protexer a calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.

Nestes momentos o  Concello xa ten rexistrado o nome de “Aceite de Quiroga” con dous principais fins: Certificar as características do produto de forma que quen queira utilizar esta marca deberá cumprir certos requisitos tanto na produción e elaboración como comercialización do aceite. E regular e ordenar as plantacións de oliveiras.

Para que os aceites poidan levar a etiqueta co nome de “Aceite de Quiroga” é requisito necesario que a materia prima proceda integramente da zona delimitada pola Comisión e aceptada en última instancia polo propietario da marca. Ademais a súa elaboración tamén se realizará no noso territorio e exclusivamente con oliveiras das variedades aceptadas pola Comisión creada para o seu cumprimento.

Co fin de evitar fraudes o concello leva un rexistro de Plantacións de Oliveiras cos datos do seu titular e da plantación e un rexistro dos muíños existentes que poidan optar ó uso da marca rexistrada.

Dende o concello séguese a pelexar por un aceite único e xenuíno e trabállase co Instituto de Calidade Alimentaria en colaboración cos olivicultores da zona para acadar a marca de calidade para o aceite e incluso poder chegar a unha denominación de orixe.



5 nov 2018

PRESENTADO O OBRADOIRO DE EMPREGO SILLOR V


Hoxe comezou un novo Obradoiro de Emprego do que se benefician os concellos de  Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga.
O quinto obradoiro Sil Lor, financiado pola Consellería de Economía con 290.000 €, foi presentado esta mañá polo delegado territorial, José Manuel Balseiro,  en San Clodio. Á presentación acudiron representantes municipais dos tres concellos implicados.
20 alumnos comezan neste obradoiro que se prolongará durante nove meses e no que recibirán formación teórica e práctica en especialidades relacionadas coa albanelaría e a construción.
O obradoiro terá a súa sede no Concello de Ribas de Sil e contará con dúas especialidades: Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, con 7 alumnos/-as no concello de Folgoso do Courel; e Operacións auxiliares de albanelaría, de fábricas e cubertas, no que estarán 6 persoas do concello de Ribas do Sil e 7 persoas do concello de Quiroga.
Este proxecto Sil Lor V contempla varias obras a realizar nos tres concellos implicados. En Ribas de Sil construirase o Museo da Minaría Romana. En Folgoso do Courel rehabilitaranse as escolas de A Teixeira e O Carballal e os seus espazos dianteiros para centros sociais e remataranse os interiores do centro social de Sobredo.
En Quiroga as obras nas que se traballará son a segunda fase de ampliación do museo xeolóxico e a reforma interior do pavillón polideportivo municipal. No caso do museo xeolóxico construiranse dúas novas salas. A reforma interior do pavillón municipal consistirá na ampliación dos vestiarios e no cambio de localización dos baños.

2 nov 2018

BIONDAS E NOVO ASFALTO NO TRAMO MÁIS PERIGOSO DA ESTRADA DE PONTE BARREIRO - VILARBACÚ


Estase a traballar na rexeneración da estrada LU-P-5001, dende Ponte Barreiro ata Vilarbacú. Nesta estrada estase a votar un novo aglomerado en quente no tramo de un km aproximadamente á altura do Val de Seceira, na zona de máis curvas da estrada.
Neste tramo tamén se colocarán “biondas” ou “quita medos” para dar maior seguridade á esta vía. No resto da estrada estanse tapando fochancas. Unha vez rematados estes traballos pintarase novamente o firme da estrada.
Na tarde de onte o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, achegouse ata esta zona para comprobar a marcha dos traballos que están subvencionados pola Deputación Provincial de Lugo, titular da vía, con 88.000 €.