31 ene 2017

ABERTO O PRAZO PARA ANOTARSE NO DESFILE DE COMPARSAS QUE SE CELEBRARÁ O 26 DE FEBREIRO

O Concello de Quiroga co gallo da celebración do Entroido ten organizado para o domingo día 26  de febreiro, un concurso de disfraces para comparsas e participantes individuais.
      Neste desfile no que poden participar todas as comparsas que o desexen tanto deste Concello coma doutros, integradas por dez membros como mínimo e disfraces individuais.
    Os premios establecidos son un primeiro premio de 500,00 €, un segundo premio de 300,00 € e un terceiro premio de 150,00 €.
    Ademais cada comparsa participante recibirá 60€ e no caso de disfraces individuais establéceuse un único premio de 60,00 €.
   O Xurado estará integrado por un membro de cada comparsa participante que despois de asistir ao desfile valorará a cada comparsa menos á que representa. Valorarase especialmente a orixinalidade dos disfraces, a coreografía e a escenografía.
     Dende a comisión organizadora lembran que para poder participar neste Concurso de Comparasas, hai que cumprir ditas bases.
    A saída do desfile terá lugar dende a Rúa das Piscinas, o domingo día 26 ás cinco da tarde, continuando pola Rúa Real ata a Casa da Cultura.
      A entrega de premios terá lugar diante do Concello, no baile de disfraces amenizado polos grupos de gaitas locais  Os do Recanto e os Palletas, que serán os encargados de rematar a festa cunha gran alborada polos bares da vila.
      Tamén dentro do Entroido se organizou para o luns día 27, festa local na vila, unha Festa Infantil, na Discoteca YOYA, a partir das cinco da tarde.
  E desde o Centro Social tamén se organizou unha actividade para conmemorar estas datas,será o martes día 28, a partir das seis, xornada de degustación de postres típicos do Entroido e sangría para todos os socios e deseguido baile de disfraces.

24 ene 2017

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS DO BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL DO PLAN REHABITA DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE,TERRITORIO E INFRAESTRUCTURAS DA XUNTA DE GALICIA

O concello de Quiroga está adherido ao programa do Bono de Alugueiro Social do Plan RehaVita da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras  da Xunta de Galicia.
 A Xunta ten aberto o prazo de solicitude de axudas deste bono tras a publicación o 30 de decembro no Diario Oficial de Galicia (DOG) da convocatoria pola que se poden solicitar estas subvencións. Dado que as axudas teñen carácter plurianual, os fondos destinados a estas axudas distribúense en tres anos.
 As  axudas, cun importe de 150 euros mensuais, concédense por un período de ata 12 meses, que poderá prorrogarse, previa solicitude do interesado, por un período igual ao da concesión inicial ata un máximo de dous anos.
 A maiores, o programa contén unha axuda adicional de 450 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de permanecer na mesma vivenda, para atender pagos pendentes.
 O obxectivo do Bono de Alugueiro Social é atender as necesidades das familias con dificultades para o pago do alugueiro, establecendo a orde de convocatoria para 2017 que están dirixidas aos seguintes colectivos:
 a)Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron a interposición pola persoa arrendadora, dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas ou por unha resolución xudicial de terminación dun procedemento da mesma natureza.
 b)As vítimas de violencia de xénero con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude, se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscritos a unha administración pública.
 c)Aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privados da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
 No caso de desafiuzamento por impago do alugueiro o contrato de arrendamento que motivou o procedemento deberá ter unha duración non inferior a 12 meses.
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da pu­blicación desta orde no DOG e rematará cando se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 20 de novembro de 2017.
Para solicitar as subvencións ou para máis información, poden pasar pola oficina da vivenda ubicada no edificio da antiga cárcere ou chamar o teléfono 982.42 83 97. 

A OFICINA DE XUVENTUDE ORGANIZA O XIV CONCURSO DE CARTAS DE AMOR "VILA DE QUIROGA"

O Concello de Quiroga, dende a Oficina de Xuventude, organiza o XIV Concurso de Cartas de Amor “Vila de Quiroga”.
Todas as persoas que desexen participar deberán escribir unha ou varias cartas que teñan por tema principal o sentimento do amor, a extensión máxima destas cartas será de dous folios mecanografiados por unha sóa cara e poderán estar en galego ou castelán.
            Os datos do autor/a, así como a súa dirección e o seu teléfono, presentaránse dentro dun sobre pechado indicando o título da carta e a categoría na que participa no exterior deste. As categorías son:

a)     Categoría Xuvenil, ata 30 anos
b)     Categoría Senior, a partir de 31 anos

Os gañadores de cada categoría recibirán os seguintes premios:

                        1º Premio: Libro electrónico
                        2º Premio: Lote de Libros
                        3º Premio: Placa conmemorativa


            Os traballos pódense enviar por correo, entregar persoalmente na Casa de Cultura. A data límite é o 6 de Marzo e o fallo do xurado será inapelable. Comunicaráselles ós gañadores a data fixada polo Concello para a entrega dos premios e os seus traballos quedarán en propiedade do Concello para as publicacións de “Cartas de amor, Vila de Quiroga”.

ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NA XXXV FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

Xa está aberto o prazo  para participar  na   XXXV Feira do Viño de Quiroga, que terá lugar os días 15 e 16 de abril do 2017.

Así os colleiteiros interesados en participar nesta nova edición teñen que dirixirse ó Concello para inscribirse antes do 7 de febreiro.

Os requisitos necesarios para poder participar son:

- Cantidade  mínima: 200 botellas de viño branco e 250 botellas de viño tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega.

- Graduación alcohólica mínima:             12 º para o viño branco.
                                                             11,5 º  para o viño tinto.
- Acidez volátil máxima:                0,5 gr. acético/l. para o viño branco.
                                                    0,6 gr. acético/l. para o viño tinto.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, procederase a recollida das mostras para realizar os análises organolépticos dos caldos. 
Os  colleiteiros  que teñan seleccionado o seu viño para participar na feira debe abonar a cantidade de 100 euros, o número máximo de colleiteiros nesta edición quedou fixado en 12.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, procederase a recollida das mostras para realizar os análises organolépticos dos caldos. 

20 ene 2017

O CONCELLO, A TRAVÉS DA ÁREA DE XUVENTUDE, VAI DESENVOLVER UN CURSO DE MONITOR DE TEMPO LIBRE

      O Concello de Quiroga, a través da Área de Xuventude  vai desenvolver un novo Curso de Monitor de Tempo Libre,  nos meses de  febreiro, marzo, abril e maio que está dirixido a persoas maiores de dezaoito anos que deberán ter o graduado en ESO ou similar.

O curso que terá unha duración de 200 horas lectivas presenciais, desenvolverase  na Casa da Cultura, en horario  de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 os fins de semana,   dende  o día 11 de febreiro ao 7 de maio. De estas horas os alumnos poderan ausentarse un máximo de 20% (40 h).

Para adquirir o título de Monitor de Tempo Libre, ademáis desta formación teórica homologada pola Xunta de Galicia; o alumno/a realizará unha fase práctica de 150 horas que a empresa encargada de impartir o curso, Escola Rural de Tempo Libre, lles facilitará igual que  a inclusión na bolsa de traballo.

O curso ten un custo de 215€, que no caso dos alumnos/as empadroados no Concello de Quiroga será de 110€, por asumir o resto do gasto o propio Concello fomentado deste xeito a formación entre os seus habitantes.


Os interesados deberán anotarse na Casa na da Cultura canto antes, por ser  as prazas limitadas que se cubrirán por orden de inscrición.

O CONCELLO OFRECE UN PROGRAMA DE AXUDAS PARA SUFRAGAR GASTOS DE TRANSPORTE AOS ESTUDANTES UNIVERITARIOS E DE FP

O Concello de Quiroga, dende a Área  de Xuventude, con ánimo de contribuir á formación dos mozos e mozas do municipio, ofrece un programa de axudas para sufragar gastos de transporte  aos estudantes universitarios e de formación profesional que por mor dos seus estudos teñan que desprazarse a outros lugares.

      A esta finalidade o Concello destina un total de CINCO MIL EUROS (5000 €), a repartir entre as solicitudes aceptadas.

     As bases que rexen esta convocatoria están expostas no taboleiro de anuncios do Concello de Quiroga  e a disposición dos interesados na Casa da Cultura.

     Para poder ser beneficiario destas axudas os xoves  han de cumprir unha serie de requisitos tales como  estar empradroados no noso concello, ter entre 16 e 30 anos, non ter ingresos, etc.


      O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e rematará o 3 de marzo, debendo entregar as solicitudes na Casa da Cultura, onde tamén poden recoller o modelo oficial de solicitude e recabar máis información.


13 ene 2017

41 FAMILIAS FORON AS BENEFICIADAS DA CAMPAÑA SOLIDARIA "OPERACIÓN QUILO SOLIDARIO"

     Dende o Concello de Quiroga, baixo o lema "Operación Quilo Solidario",
un total de 41 familias con escasos recursos económicos do municipio foron  as beneficiadas da Campaña Solidaria de recollida de alimentos posta en marcha polo Centro Social do Concello de Quiroga e coa colaboración da Área de Deportes do Concello e do IES de Quiroga.

    Con esta campaña, pediuse a colaboración da cidadanía, coa aportación de polo menos un quilo de calquera produto de alimentación non perecedoiro.

    A recollida de alimentos,  tivo lugar durante todo o mes de decembro, no bar do Centro Social da vila, así coma en duas actividades deportivas, Fitness Day e na III Carreira San Silvestre, actividades gratis coa aportación de dous quilos de alimentos.  Así mesmo,  subliñar o apoio do IES de Quiroga, que este ano quixo unirse a esta iniciativa, recollendo tamén, alimentos non perecedoiros durante todo o mes de decembro.

   A selección das familias seguiu os  criterios de necesidade económica, establecidos previamente por Servicios Sociais.

  Dende os Servicios Sociais do Concello de Quiroga, agradecen a voluntaria colaboración das persoas que participaron na Campaña, ca súa xenerosidade e solidariedade, xa que este ano acadouse case media tonelada de alimentos para persoas que se atopan en serias dificultades económicas.


4 ene 2017

OS REIS MAGOS VISITAN QUIROGA A TARDE DO 5 DE XANEIRO

Na xornada do xoves, día 5 ,o Concello de Quiroga ten  previsto que visiten Quiroga as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.

A primeira visita da súa estancia en Quiroga será ao Concello onde lle entregarán agasallos aos nenos e nenas  das familias máis desfavorecidas. De seguido trasladaranse  á Residencia da 3ª Idade, onde lles entregarán presentes  traídos de Oriente a todos os residentes.

Sobre as 19:30 h sairán dende a Rúa Quiroga de Arxentina, acompañados por unha  ampla comitiva formada por paxes voluntarios e por a Banda de Gaitas  San Martiño ; para percorrer a rúa Real ata o Auditorio Municipal, alí serán recibidos polas autoridades locais.
No Auditorio Municipal,   os nenos e nenas  que o desexen   poderán lembrarlles  aos Reis  cales foron as súas peticións para esa noite.

Como remate da xornada terá lugar unha festa infantil no Albergue Municipal para todos os nenos e nenas queiran participar.