31 may 2011

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS DA 2ª FASE DA ARI

Tras a publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases para a concesión de subvencións dentro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da zona da Praza Maior e Pacios de Mondelo, todos os interesados xa poden solicitar estas axudas na oficina que funciona no Centro de Formación Ocupacional Pía Paxaro ata o 30 de setembro, en horario de mañá, de nove a dúas, de luns a venres.

Estas axudas concédense ao abeiro do convenio asinado a principios de maio, entre o Concello de Quiroga, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Ministerio de Fomento. O convenio, que terá vixencia ata o ano 2014, supón o investimento de 1 250 000 € para realizar diversas intervencións de mellora na área de rehabilitación integral. Destas axudas, unha parte destinarase a financiar a mellora dos espazos públicos e os equipamentos urbanos nesta parte da vila e o resto será para realizar 22 actuacións en vivendas particulares.

En canto ás vivendas, atenderase prioritariamente a mellora das condicións de habitabilidade e os elementos comúns das edificacións como tellados, fachadas, ascensores e accesos para minusválidos. As axudas económicas previstas terán o carácter de subvención a fondo perdido e poden cubrir ata o 80% do presuposto das obras de rehabilitación que se realicen.

Os requisitos esixidos para optar a esta segunda fase de axudas son que as edificacións ou vivendas deberán ter un uso residencial unha vez finalizadas as actuacións. Ademais, os inmobles deberán ter unha antigüidade maior de dez anos, agás cando se trate de adaptacións para o uso de persoas con discapacidade. Poderán ser beneficiarios destas axudas os propietarios, titulares ou arrendatarios das vivendas cando constitúan o seu domicilio habitual e permanente, e os titulares de vivendas desocupadas sempre que a solicitude leve parello o compromiso de ocupalas ou arrendalas.

O primeiro paso para optar a estas axudas é presentar unha solicitude na oficina situada no Centro de Formación Ocupacional, para que se realice unha inspección técnica previa ao inicio das obras.

25 may 2011

A ASOCIACIÓN SAN BARTOLOMÉ ORGANIZA A VI FESTA DO PEREGRINO

A Asociación Cultural San Bartolomé do Hospital organizou a VI Festa do Peregrino para o vindeiro sábado día 28 de maio. A Deputación provincial e o Concello de Quiroga colaboran coa Asociación San Bartolomé para a realización desta festa.

Os peregrinos participantes xuntaranse no campo da festa da Ribeira ás cinco e media da tarde para saír cara ao castelo de Torrenovaes, onde comezará o percorrido polo Camiño Real ás seis e media.

Unha hora máis tarde teñen previsto chegar á igrexa do Hospital, onde se oficiará a misa do Peregrino. Ao seu remate seguirán ata a ponte da Vergaza,  final do camiño dentro da mesma parroquia.

A xornada rematará cuns petiscos para os participantes no adro da igrexa parroquial.

24 may 2011

NO MES DE XUÑO RETÓMASE O SENDEIRISMO DE LIMPEZA POLO RÍO QUIROGA E AS NOITES ALTERNATIVAS

A Área Social do Concello de Quiroga, en colaboración coa Deputación de Lugo, organiza novamente o “Sendeirismo de limpeza polo río Quiroga”, dirixido a rapaces e rapazas de 10 a 12 anos.

Esta actividade terá lugar os luns de xuño de 18.00 a 20.00 horas, a partir do luns día 6, e consistirá en limpar as beiras do río Quiroga. Os rapaces irán acompañados de dous monitores, ao mesmo tempo que coñecerán a flora e a fauna existente no lugar. Polo traballo realizado aos participantes recompensaráselles coa merenda.

Ademais como premio polo traballo realizado todos/as os/as participantes terán unha camiseta e unha mochila do concello, ademais de desfrutar dunha viaxe ao zoo de Marcelle. Para apuntarse poden facelo na Casa de Cultura, teléfono 982 435 125.

Tamén para o mes de xuño, e dende a Oficina de Xuventude en colaboración coa Xunta de Galicia, ofértanse para todos os venres e os sábados das dez da noite ata a media noite as NOITES ALTERNATIVAS na Casa de Cultura.

Nelas poderán participar persoas de entre 12 e 31 anos e non será necesario inscribirse. Desta maneira, todos aqueles que o desexen poderán participar das distintas actividades: lectura, xogos de mesa, futbolín, scalextric dixital e internet.

Ademais, como estas actividades van dirixidas, entre outras persoas, a nenos e nenas a partir de 12 anos, contarase cun monitor para levar adiante todo o traballo coa atención que merecen.

Por outra banda, dende o Concello, en colaboración cos pubs e cos grupos musicais de Quiroga, levaranse a cabo concertos e o primeiro deles terá lugar o sábado 28 ás 00.30 h no Pub Kata a cargo do grupo Lethal Chains.

23 may 2011

JULIO ÁLVAREZ NÚÑEZ REPITE COMO ALCALDE TRAS ACADAR NOVAMENTE A MAIORÍA ABSOLUTA CON OITO CONCELLEIROS

Julio Álvarez Núñez repetirá como alcalde de Quiroga durante outros catro anos no que será xa o seu sétimo mandato. O Partido Popular seguirá gobernando no Concello de Quiroga unha vez máis con maioría absoluta ao acadar oito concelleiros. Os dous grupos da oposición conservan o mesmo número de edís, pero repartidos doutro xeito: o BNG pasa de un a dous concelleiros e o PSOE de dous baixa a un.

Así o decidiu a maioría dos 2664 quirogueses, un 81,74% dos que tiñan dereito a voto, que na xornada de onte acudiron ás urnas para elixir o seu representante para os vindeiros catro anos. A participación nestes comicios foi case dous puntos superior á de hai catro anos cando o nivel de abstención foi do 20%.

Tras o escrutinio dos votos acadáronse os seguintes resultados: o PP acadou 1793 votos, o 67,30%; o BNG 407 votos, o 15,27% e o PSdeG-PSOE con 395 votos acadou un 14,82%. Ademais corenta votos foron nulos e 29 en branco. Isto traducido en concelleiros dá unha nova corporación formada por:

* 8 concelleiros do PP:
Julio Álvarez Núñez
Ana Mª Núñez García
José Luis Rivera Castro
Rosa Mª Arza Rodríguez
José Enríquez Álvarez
María Dolores Sánchez Durán
José Ángel Rodríguez Raposo
Manuel Mondelo Rodríguez

* 2 do BNG:
Ángel Rodríguez Losada
Xavier Castro Martínez

* 1 do PSdeG-PSOE:
José Luis Del Pont Losada.

No municipio de Quiroga unha vez máis constituíronse sete mesas electorais: na mesa situada en Vilar de Lor votaron os veciños censados no Lor Alto e no Lor Baixo. Dun censo de 306 veciños emitíronse 253 votos, un 82,67%; deles 174 para o PP, 41 para o PSdeG-PSOE; 33 para o BNG; 4 votos foron nulos e 1 voto foi en branco.

Na mesa de Montefurado, cun censo de 239 votaron 198, un 82,84%; destes 145 foron para o PP; 25 para o PSdeG-PSOE; os mesmos que para o BNG; 2 votos foron nulos e un en branco.

Na mesa de Sequeiros, cun censo de 248 votantes, exerceron este dereito 208, o que supón un 83,87%. Nesta mesa o PP acadou 167 votos, o PSOE 27 e BNG 13. Ademais houbo un voto en branco.

Na mesa situada na Casa da Cultura, que acollía os veciños das parroquias da Ermida e do Nocedo, dun censo de 222 votaron 186, un 83,78%: destes votos 122 foron para o PP, 26 para o PSdeG-PSOE, 36 para o BNG e 2 nulos. Nesta mesa foi onde se produciron as pequenas incidencias rexistradas na xornada.

Na primeira mesa do Centro Social, na que votaban os veciños censados na parroquia de San Martiño con apelidos comprendidos entre o A e o J, dun censo total de 665 recibiu 526 votos, un 79,09%. Por partidos políticos, o PP acadou 348, o PSdeG-PSOE 67, o BNG 93, 14 votos foron nulos e 4 en branco.

Na segunda mesa situada no Centro Social, onde votaban os apelidos dende o J ata o Z, a máis numerosa de todas, cun censo de 930 acadáronse 743 votos, o que supón un 79,89%. Nesta mesa o PP acadou 476 votos, o PSdeG-PSOE 101, o BNG 141, 7 votos foron nulos e 18 en branco.

Finalmente, na mesa situada na escola de Santa Cubicia, onde votaron os veciños comprendidos entre as parroquias do Hospital e A Seara, cun censo de 649 persoas, recolleu un 84,74%, 550 votos. O PP acadou 361, o PSdeG-PSOE 108, o BNG 66, ademais de 11 nulos e 4 en branco.

20 may 2011

O CONCELLO DE QUIROGA COLOCA CINSEIROS E COBRE OS ALCORQUES DAS ÁRBORES DA VILA

Esta mañá comezaron a instalarse na vila de Quiroga os cinseiros que o concello vai colocar diante dos establecementos de ocio e que forman parte do "Plan de ornamentación e limpeza" da vila.

Con estes máis de 30 cinseiros preténdese, en palabras do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, mellorar a imaxe da vila. Os cinseiros están realizados en material acorde co mobiliario urbano xa instalado e locen na súa fronte o escudo de Quiroga.

Deste mesmo plan forma parte a decisión do goberno municipal de cubrir os alcorques das árbores das beirarrúas con grava ornamental. Trátase de grava compactada e selada que evita que se desprendan as pedras.

O rexedor local, Julio Álvarez, apuntou que este novo sistema ten como fin protexer os péons de posibles tropezóns ao pasaren preto dos alcorques das beirarrúas.

3259 QUIROGUESES PODERÁN VOTAR ESTE DOMINGO NAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

O domingo celébranse unhas eleccións municipais nas que están chamados ás urnas 3259 quirogueses, que serán os que elixan os concelleiros que despois elexirán, á súa vez, o alcalde do municipio por un período de catro anos.

Sete mesas electorais deberán quedar constituídas ás nove da mañá cos seus correspondentes presidentes e vogais para que os veciños maiores de 18 anos poidan exercer o seu dereito a votar ata as oito do serán, momento no que se pecharán oficialmente as mesas.

Na mesa A do Centro Social poderán votar 665 persoas, na mesa B, 930. En Santa Cubicia poderán exercer este dereito 649 veciños e en Soldón, 248. 239 poderano facer en Montefurado e 306 en Vilar de Lor. Finalmente, 222 votantes poderán depositar o seu voto na Casa da Cultura.

Tres grupos políticos presentaron a candidatura para estes comicios: o BNG, encabezado por Ángel Rodríguez Losada; o PSdeG-PSOE, encabezado por José Luis Del Pont Losada; e o Partido Popular con Julio Álvarez Núñez como candidato á alcaldía.

AS ESCOLAS DEPORTIVAS DE TENIS DAN PASO ÁS DE BALONCESTO

As escolas deportivas de tenis remataban na tarde de onte coa celebración dun campionato de clausura no que participaban os 18 nenos inscritos nesta escola.

As clases comezaron no mes de marzo e impartíanse os luns e os xoves dende as seis e media da tarde ás sete e media. Este ano participaban nenos dende os sete ata os catorce anos, divididos en tres categorías.

Como remate ao campionato, os rapaces gañadores de cada categoría recibiron camisetas e un balón de mans do rexedor local, Julio Álvarez, e do concelleiro Ángel Rodríguez.

Tras o remate das escolas de tenis puxéronse en marcha as de baloncesto, dirixidas a rapaces de 10 a 14 anos, que se impartirán ata finais do mes de xuño.

Os rapaces e as rapazas interesados en participar nas escolas deportivas de baloncesto deberán de achegarse polo pavillón municipal os xoves a partir das cinco e media da tarde.

A área de deportes do concello ofertou este ano, dentro das Escolas Deportivas, fútbol sala, tenis, aeróbic e agora baloncesto. Esta oferta tentarase ampliar para o vindeiro ano debido á grande acollida por parte dos rapaces.

19 may 2011

O CIM PREPARA UNHA RUTA Á LAGOA DA LUCENZA, AO MONTE FORMIGUEIROS E Á FERVENZA DE VIEIROS

O Centro de Información á Muller do concello organizou catro rutas de sendeirismo dentro do programa “Coñece o teu Contorno”. Nas rutas os asistentes coñecerán as paraxes máis emblemáticas do noso concello como a lagoa da Lucenza, a fervenza de Vieiros, o camiño do Ferradal etc.

A 1ª destas rutas, organizada baixo o nome de “Sen saír do Val: subindo pouco e vendo case todo”, realizouse o pasado domingo.

A 2ª delas, baixo o nome de “Ruta de Montaña”, realizarase o domingo 29 de maio. A ruta inclúe visita á Seara, á lagoa da Lucenza, ao monte Formigueiros e á fervenza de Vieiros, cun total de 15 km.

A ruta prevista comezará na Seara dende onde se partirá para visitar a lagoa da Lucenza e o monte Formigueiros. A comida farase na aldea da Seara. Os participantes decidirán se levan a comida ou se pola contra comen na casa de turismo rural. Pola tarde visitarán a fervenza de Vieiros.

Para participar nesta excursión é preciso inscribirse antes do vindeiro mércores no Centro de Información á Muller. Ao ser unha actividade con desprazamento en autobús, xa que se partirá dende a Casa de Cultura ata A Seara neste medio, os participantes deberán aboar unha cota de 10 €.

16 may 2011

COMEZA A RESTAURACIÓN DO RETABLO MAIOR DA IGREXA DO HOSPITAL

A igrexa parroquial do Hospital vai continuar cos seus traballos de restauración. Nesta ocasión vaise traballar na do retablo maior.

A súa restauración, presupostada en 28 792 €, foi tramitada pola asociación San Bartolomé do Hospital a través do GDR Ribeira Sacra, do que é presidente o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

O retablo maior da igrexa do Hospital é de estilo barroco, de finais do século XVII ou algo posterior. A súa estrutura cobre toda a bóveda e é dunha gran riqueza artística, xa que se poden atopar diferentes elementos e técnicas. As columnas son estriadas en forma de ondas e teñen capiteis corintios. A súa ornamentación de tallas vexetais repítese en toda a obra así como as diferentes grilandas de froitas. É dourado e policromado en distintos tons verdes, azuis e terras.

O seu estado de conservación está bastante deteriorado: perda do volume das pezas que o compoñen, as cores primitivas da capa pictórica moi escurecidas, restos de cera por toda a obra, instalación eléctrica cravada na estrutura de madeira...

Co presuposto de preto de 30 000 €, que correrá a cargo do GDR Ribeira Sacra  cunha achega da propia parroquia, realizarase a fixación da policromía. Posteriormente, procederase á eliminación de elementos eléctricos que deterioran o soporte e revisaranse as ancoraxes. A consolidación da madeira será o seguinte paso, mediante a inxección ou a impregnación de resinas acrílicas. Ademais reconstruiranse os volumes perdidos. Para devolver a luminosidade das cores empregadas en orixe realizarase unha limpeza química a base de diferentes disolventes. Finalmente, a protección con vernices de resinas de orixe sintética protexerá a obra de posteriores agresións.

O CONCELLO DE QUIROGA ORGANIZA DIVERSOS ACTOS CON MOTIVO DAS LETRAS GALEGAS

O Concello de Quiroga organiza co gallo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao monfortino Lois Pereiro, os actos que terán lugar mañá martes día 17 de maio.

Ás doce do mediodía, no salón de sesións do concello, haberá unha recepción  aos membros dos colectivos culturais da vila e, a continuación, actuarán a banda de gaitas e grupo de danzas “San Martiño”.

Os actos no concello rematarán coa entrega dos premios do Certame de narración e debuxo, convocados pola Biblioteca municipal na súa fase local. Os gañadores foron:

Na modalidade de debuxo:

Sara Casanova Martínez

Adrián Álvarez Díaz

Telmo Brangança Barradas

Na modalidade de narración:

Marta Campos Mateo

Luis Manuel Arias González

Cristina Nogueira Minguillón

Xa pola tarde, ás 20.00 h, no Auditorio municipal, Barafunda Teatro presenta  "Maxia branca", un espectáculo para o público infantil e familiar. Esta actividade está enmarcada dentro do Programa Letras Vivas Animación patrocinado pola Consellería de Cultura e o Concello de Quiroga.

14 may 2011

A ASOCIACIÓN SOCIOCULTURAL DA COMARCA DE QUIROGA ORGANIZOU UNHA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA QUE SE INSTALOU NA SALA DE EXPOSICIÓNS DA CASA DA CULTURA

A Asociación Sociocultural da Comarca de Quiroga organizou unha exposición fotográfica que se instalará na sala de exposicións da Casa da Cultura. A exposición poderá visitarse dende este sábado día 14 ata o día 22 de maio.

Baixo o título “Asociación Sociocultural da Comarca de Quiroga, un percorrido fotográfico polos vinte anos da súa existencia, a súa xente” preséntanse fotografías dos socios que participaron nas distintas actividades que desenvolveu a asociación ao longo deste período.


12 may 2011

O CENTRO SOCIAL ESTÁ A DESENVOLVER UN OBRADOIRO DE MANUALIDADES DEDICADO AO "REPUXADO CON ESTAÑO"


O Centro Social está a desenvolver por segundo ano consecutivo un obradoiro de manualidades dedicado ás diferentes técnicas de “repuxado con estaño”.

O ano pasado os traballos centráronse na elaboración de repuxados sobre diferentes soportes de madeira e cristal, como caixas, cofres ou bandexas. Nesta etapa os traballos esixen un pouco máis de precisión, xa que se están facendo repuxados con rostros, debuxos de bodegóns e motivos florais. Os dous últimos, ademais, levan aplicación de cor con pinturas apropiadas para o estaño.

O obradoiro, que se desenvolve todos os mércores dende as catro da tarde ata as seis, conta cun grupo de catorce participantes. O taller de manualidades, que se iniciou no mes de marzo, rematará a finais deste mes de maio coa entrega dos traballos aos seus autores.

A ASOCIACIÓN DE MULLERES SAN MARTIÑO ORGANIZOU PARA ESTE SÁBADO UN ESPECTÁCULO DE BAILE TITULADO "RITMOSHOW"


A Asociación de Mulleres San Martiño organizou para o sábado un espectáculo de baile titulado “Ritmoshow”.

Dende as oito do serán, o Auditorio municipal acollerá esta actuación na que os alumnos e os profesores das clases, que imparte a asociación, demostrarán os seus dotes para o baile. Distintas coreografías e bailes de salón entreterán o público asistente durante máis dunha hora.

10 may 2011

O PROFESOR ESPINOSA SÁNCHEZ PRESENTA O VENRES O SEU LIBRO SOBRE O ACEITE DE QUIROGA

Este venres, a partir das oito do serán na Casa da Cultura, presentarase o libro do biólogo e profesor de Ciencias Naturais do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga, José Espinosa Sánchez, titulado “Mito y realidad del aceite en Quiroga”.

O libro, editado polo GDR Ribeira Sacra, recolle un estudo sobre a tipoloxía das explotacións de oliveiras da zona, os tipos de solo nos que se asentan, así como a orientación e a latitude dos terreos.

O libro recolle tamén como conclusións a necesidade, para un desenvolvemento sostible e continuado do aceite, de continuar cunhas bases de ordenación do territorio obxectivas e contrastables.

Tras a presentación servirase un viño de honra con degustación de aceite de Quiroga.

9 may 2011

CASE REMATADO O CENTRO SOCIO CULTURAL DO NOCEDO

A obra de construcción do centro socio cultural do Nocedo está prácticamente rematada, a falta soamente do seu equipamento.

A infraestructura do inmoble que se levantou para uso dos veciños, cun presuposto de 68.000 € con cargo o Plan Canon Hidrolóxico, xa está rematada, agora soamente resta dotalo de mobiliario.

6 may 2011

ARRANCA A CAMPAÑA ELECTORAL

Os partidos políticos deron por empezada a campaña electoral coas rituais pegadas de carteis a medianoite. Esta mañá a vila Quiroguesa xa presentaba os primeiros carteis dos grupos políticos que presentaron candidatura.

Están en xogo os concelleiros que despois do día 22 elexirán ao alcalde do municipio de Quiroga. Para estas eleccións municipais están chamados ás urnas 3.259 quirogueses.

Repartidos en mesas: na mesa A do centro social poderán votar 665 persoas, na mesa B, 930. En Santa Cubicia poderán exercer este dereito 649 veciños e en Soldón 248. 239 poderano facer en Montefurado e 306 en Vilar do Lor. Finalmente, 222 votantes poderán depositar o seu voto na Casa da Cultura.

COMENZAN AS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO DA RÚA RÍO MIÑO

Esta mañá comenzaban as obras de acondicionamento da rúa río Miño. Nesta primeira fase da obra con cargo ao Canon Hidrolóxico e presupostada con 175.000 €, acondicionarase unha zona para vehículos e outra peonil.

Xunto co ensanche da calzada realizaranse as obras para dotar de servizos básicos á zona: saneamento, nova canalización de auga, iluminación e incluso a plantación de árbores.

Nesta primeira fase das obras non se construirán beirarrúas, pero delimitarase o espazo peonil, nas dúas beiras da rúa, por medio do emprego de pivotes.

5 may 2011

O CENTRO DE INFORMACIÓN A MULLER TEN ORGANIZADAS CATRO RUTAS DE SENDEIRISMO DENTRO DO PROGRAMA "COÑECE O TEU ENTORNO"

O Centro de Información a Muller do concello ten organizadas entre o 15 de maio e o 26 de xuño catro rutas de sendeirismo dentro do programa “Coñece o teu Contorno”. Nas rutas os asistentes coñecerán as paraxes mais emblématicas do noso concello como a lagoa de Lucenza, a fervenza de Vieiros, o camiño do Ferradal, etc.

A 1ª destas rutas, organizada baixo o nome de: “Sen saír do Val: subindo pouco e vendo case todo”, terá un recorrido de 19 km. e realizaráse o día 15 de maio.

A 2ª ruta, discurrirá polo camiño do Ferradal, entre Ponte Soldón e Rugando coa visita o Souto da Caleira en Cereixido. Cun recorrido de 16 km, está prevista para o 29 de maio.

O 12 de xuño terá lugar a 3ª ruta. Baixo o nome de “Ruta de Montaña” visitarase a Seara, a lagoa de Lucenza e a fervenza de Vieiros, cun total de 15 km.

A 4º e última etapa, prevista para o 26 de xuño, de 25 km, discurrirá entre a Conchada e a Montaña do Lor.

As persoas que queiran participar terán de prazo ata mañá venres 6 de maio para inscribirse no Centro de Información á Muller a través dos teléfonos 982.43.89.51 ou 982.42.80.01.


4 may 2011

O AUDITORIO ACOLLE ESTE SÁBADO A REPRESENTACIÓN DA COMEDIA MUSICAL "LA GRAN FORTUNA"

O Auditorio Municipal acollerá este sábado a partir das sete e media, a representación do musical “La Gran Fortuna”, dirixido por Pablo Varela López .

O grupo Lucus Teatro, representará unha comedia musical que narra a historia dunha familia acaudalada que fará o imposible por conseguir unha herencia...

Unha insinuante, atrevida e descarada farsante; unha solemne lectura do testamento; uns fillos aferrados a súa herencia; unha viuva non tan desconsolada como aparenta e unha xitana disposta a todo por diñeiro; garantizan risas e bo humor.

A BIBLIOTECA CONVOCA O CERTAME LOCAL DE NARRACIÓN E DEBUXO INFANTIL

A Biblioteca pública municipal de Quiroga convoca o certame de narración e debuxo infantil (fase local), de acordo coas seguintes bases:

1.-Poden participar tódolos nenos e nenas con Narracións, en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, ou debuxos, feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4. O tema para os dous certames titúlase: É mentira.

2..-Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe, acompañando cada un deles cunha folla cos seus datos persoais.

3.- Establécense tres categorías: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11 anos; e C, de 12 a 16 anos.

4.- O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 9 de maio, debendo ser entregados polos seus autores na BIBLIOTECA MUNICIPAL.

5.- O xurado, formado por persoas entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos.

6.- Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

7.- O fallo do xurado local farase público o DÍA DAS LETRAS GALEGAS.

2 may 2011

NOVA INVERSIÓN PARA A AREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DE QUIROGA

O Concello de Quiroga asinou un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e co ministerio de Fomento que suporá a inversión de 1.250.000 € para realizar diversas intevenciones de mellora na área de rehabilitación integral da vila (A.R.I.), que comprende as zonas da Praza Maior e Pacios de Mondelo. O convenio, asinado o venres polo alcalde, Julio Alvarez, terá vixencia ata o ano 2014. Destas axudas, unha parte destinarase a financiar a mellora dos espazos públicos e os equipamentos urbanos nesta parte da vila e o resto será para realizar 22 actuacións en vivendas particulares.

O rexedor, por outra banda, afirmou que a recuperación de vivendas na área de rehabilitación está a funcionar «a pleno rendemento» e que o proxecto acabou por ter unha gran aceptación entre os veciños da zona, aínda que nun principio puido espertar certas reticencias.

Tras a firma deste convenio, en breve abrirase o prazo para presentar solicitudes, do que se informará dende a oficina que funciona no Centro de Formación Ocupacional Pía Páxaro.

En canto as vivendas atenderase prioritariamente a mellora das condicións de habitabilidade e ós elementos comúns das edificacións como tellados, fachadas, ascensores e accesos para minusválidos.

Os requisitos esixidos para optar a estas axudas son que as edificacións ou vivendas deberán ter uso residencial unha vez finalizadas as actuacións. Ademais os inmobles deberán ter unha antigüidade mayor de dez anos, agás cando se trate de adaptacións para uso de persoas con discapacidade.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os propietarios, titulares ou arrendatarios das vivendas cando constitúan o seu domicilio habitual e permanente; e os titulares de vivendas desocupadas sempre que a solicitude leve aparellado o compromiso de ocupalas ou arrendalas.

O primeiro paso para optar estas axudas é presentar unha solicitude na oficina situada no Centro de Formación Ocupacional, para que se realice unha inspección técnica previa ó inicio das obras.