23 may 2011

JULIO ÁLVAREZ NÚÑEZ REPITE COMO ALCALDE TRAS ACADAR NOVAMENTE A MAIORÍA ABSOLUTA CON OITO CONCELLEIROS

Julio Álvarez Núñez repetirá como alcalde de Quiroga durante outros catro anos no que será xa o seu sétimo mandato. O Partido Popular seguirá gobernando no Concello de Quiroga unha vez máis con maioría absoluta ao acadar oito concelleiros. Os dous grupos da oposición conservan o mesmo número de edís, pero repartidos doutro xeito: o BNG pasa de un a dous concelleiros e o PSOE de dous baixa a un.

Así o decidiu a maioría dos 2664 quirogueses, un 81,74% dos que tiñan dereito a voto, que na xornada de onte acudiron ás urnas para elixir o seu representante para os vindeiros catro anos. A participación nestes comicios foi case dous puntos superior á de hai catro anos cando o nivel de abstención foi do 20%.

Tras o escrutinio dos votos acadáronse os seguintes resultados: o PP acadou 1793 votos, o 67,30%; o BNG 407 votos, o 15,27% e o PSdeG-PSOE con 395 votos acadou un 14,82%. Ademais corenta votos foron nulos e 29 en branco. Isto traducido en concelleiros dá unha nova corporación formada por:

* 8 concelleiros do PP:
Julio Álvarez Núñez
Ana Mª Núñez García
José Luis Rivera Castro
Rosa Mª Arza Rodríguez
José Enríquez Álvarez
María Dolores Sánchez Durán
José Ángel Rodríguez Raposo
Manuel Mondelo Rodríguez

* 2 do BNG:
Ángel Rodríguez Losada
Xavier Castro Martínez

* 1 do PSdeG-PSOE:
José Luis Del Pont Losada.

No municipio de Quiroga unha vez máis constituíronse sete mesas electorais: na mesa situada en Vilar de Lor votaron os veciños censados no Lor Alto e no Lor Baixo. Dun censo de 306 veciños emitíronse 253 votos, un 82,67%; deles 174 para o PP, 41 para o PSdeG-PSOE; 33 para o BNG; 4 votos foron nulos e 1 voto foi en branco.

Na mesa de Montefurado, cun censo de 239 votaron 198, un 82,84%; destes 145 foron para o PP; 25 para o PSdeG-PSOE; os mesmos que para o BNG; 2 votos foron nulos e un en branco.

Na mesa de Sequeiros, cun censo de 248 votantes, exerceron este dereito 208, o que supón un 83,87%. Nesta mesa o PP acadou 167 votos, o PSOE 27 e BNG 13. Ademais houbo un voto en branco.

Na mesa situada na Casa da Cultura, que acollía os veciños das parroquias da Ermida e do Nocedo, dun censo de 222 votaron 186, un 83,78%: destes votos 122 foron para o PP, 26 para o PSdeG-PSOE, 36 para o BNG e 2 nulos. Nesta mesa foi onde se produciron as pequenas incidencias rexistradas na xornada.

Na primeira mesa do Centro Social, na que votaban os veciños censados na parroquia de San Martiño con apelidos comprendidos entre o A e o J, dun censo total de 665 recibiu 526 votos, un 79,09%. Por partidos políticos, o PP acadou 348, o PSdeG-PSOE 67, o BNG 93, 14 votos foron nulos e 4 en branco.

Na segunda mesa situada no Centro Social, onde votaban os apelidos dende o J ata o Z, a máis numerosa de todas, cun censo de 930 acadáronse 743 votos, o que supón un 79,89%. Nesta mesa o PP acadou 476 votos, o PSdeG-PSOE 101, o BNG 141, 7 votos foron nulos e 18 en branco.

Finalmente, na mesa situada na escola de Santa Cubicia, onde votaron os veciños comprendidos entre as parroquias do Hospital e A Seara, cun censo de 649 persoas, recolleu un 84,74%, 550 votos. O PP acadou 361, o PSdeG-PSOE 108, o BNG 66, ademais de 11 nulos e 4 en branco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario