26 mar 2019

O XOVES ABRESE O PRAZO PARA PARTICIPAR NA XIX MOSTRA DO ACEITE


A  Comisión Organizadora da  Mostra do Aceite de Quiroga fixou o prazo e as condicións para participar na XIX edición desta festa de interese turístico que terá lugar o 12 de maio.
Este xoves día 28 de marzo ábrese o prazo para que os colleiteiros que queiran participar formalicen as súas inscricións nas oficinas xerais da casa consistorial. O prazo permanecerá aberto ata o día 3 de abril.
Tendo en conta que o número de colleiteiros participantes está limitado en seis, a súa selección farase por orde de inscrición no rexistro de entrada das oficinas municipais e obtendo un resultado aceptable no análise químico e organoléptico que realizará un laboratorio especializado do aceite que presenten.
Para poder participar esixirase ter unha colleita mínima de 200 litros de aceite e aboar 100 € de inscrición ou facilitar a cantidade equivalente en aceite.
No momento de formalizar a inscrición é obrigatorio presentar unha mostra de 1 litro en envase de cristal para enviar ao laboratorio que se encargue das análises e outra mostra de 250 cl para a cata previa á mostra que farán expertos na materia.
A Comisión Organizadora tamén se encargará o propio día da Mostra de recoller botellas azar dos aceites participantes para a súa cata.

24 mar 2019

COMEZAN AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DO MUSEO DE XEOLOXÍA E PALEONTOLOXÍA DE QUIROGA


Comezaron as obras de ampliación do Museo de Xeoloxía e Paleontoloxía de Quiroga.  A ampliación permitirá exhibir unha ampla serie de pezas que agora non poden mostrarse ao público por falta de espazo.  As obras permitirán o ensanche do museo polos dous laterais e tamén pola parte traseira, polo que todas as súas salas terán maior amplitude. Ademais crearase unha nova sala que servirá para proxeccións audiovisuais.
O proxecto de ampliación está orzamentado en 71.000 euros, cantidade que será sufragada en gran parte  polos fondos Leader que manexa o GDR Ribeira Sacra-Courel. A parte da obra que comezou e foi supervisada polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e polo enxeñeiro municipal, esta a realizala unha empresa local. Outra parte será acometida polos traballadores do obradoiro SilLor.
A primeira das cinco salas do museo está dedicada a formación do territorio de Galicia, coa análise do pregamento de Campodola-Leixazós. O contido desta tamén conta cunha colección de minerais e  rochas procedentes da bisbarra, que pretende ampliarase.

A segunda sala centrase na historia paleontolóxica. Aquí amósanse diferentes fósiles animais todos eles poboadores da nosa serra, entre os que destacan o esqueleto completo dun oso das cavernas. O proxecto de ampliación contempla que acolla a colección de fósiles recollida en diferentes puntos da comarca polo biólogo Manuel García Ávila e cedida ao concello.

 A terceira sala é a da idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, que se ampliará coa estalagmita da Cova de Arcoia, que permitiu estudar a secuencia climática.

 A cuarta das salas centrase nas primeiras ocupacións humanas da zona. Nesta sala pódense ver dez cranios dos primeiros humanos e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida e na que se contempla albergar a reconstrución da muller prehistórica coñecida como Elba (a pastora do Courel), cuxos restos foron descubertos hai anos nunha cova da serra do Courel.

 Finalmente a última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais collidos na zona, representa a parte da nosa minería, tamén se ampliará.


QUIROGA SOLICITA A DENOMINACIÓN DE ORIXE PROTEXIDA PARA O SEU ACEITE E FIXA A DATA PARA A XIX MOSTRA DO ACEITE


A casa consistorial acolleu unha xuntanza para organizar a XIX Mostra do Aceite. Nesta xuntanza fixouse a data na que se celebrará esta festa de interese turístico, que será o domingo  12 de maio.
Unha vez máis, o 12 de maio, poñerase en funcionamento o muiño de aceite de Bendilló para amosar como era a elaboración tradicional do aceite. Esta demostración, que atrae a persoas de toda Galicia, serve de complemento á venda do aceite elaborado no noso municipio.
En vindeiras xuntanzas da comisión organizadora deste evento daranse a coñecer as demais actividades organizadas para esa xornada e tamén previas o desenvolvemento desta mostra.
A mostra do aceite que se ven celebrando dende hai 19 anos foi o primeiro paso que se deu dende o concello de Quiroga para a recuperación do aceite de oliva do noso municipio. O último paso dado tivo lugar o xoves 14 de marzo cando o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e un grupo de olivicultores presentou no rexistro da Xunta de Galicia en Lugo a petición de Denominación de Orixe  Protexida (DOP) para o aceite de Quiroga.
Os trámites a seguir a partir de agora será que a Xunta tramite o expediente e o remita ao Ministerio de Agricultura, primeiro, e a Unión Europea despois. Con esta solicitude o concello de Quiroga da un paso importante  na recuperación do aceite de Quiroga, recuperación iniciada no ano 2000 coa celebración da 1ª Mostra do aceite.
O Concello xa ten rexistrado o nome de “Aceite de Quiroga” con dous principais fins: Certificar as características do produto de forma que quen queira utilizar esta marca deberá cumprir certos requisitos tanto na produción e elaboración como comercialización do aceite. E regular e ordenar as plantacións de oliveiras.
Para que os aceites poidan levar a etiqueta co nome de “Aceite de Quiroga” é requisito necesario que a materia prima proceda integramente da zona delimitada pola Comisión e aceptada en última instancia polo propietario da marca. Ademais a súa elaboración tamén se realizará no noso territorio e exclusivamente con oliveiras das variedades aceptadas pola Comisión creada para o seu cumprimento.
Co fin de evitar fraudes o concello leva un rexistro de Plantacións de Oliveiras cos datos do seu titular e da plantación e un rexistro dos muíños existentes que poidan optar ó uso da marca rexistrada.
Para a elaboración do aceite de oliva virxe extra, amparado pola marca de garantía “Aceite de Quiroga” empregaranse olivas das distintas variedades que existen dentro do municipio de Quiroga. Os aceites consideraranse monovarietais cando procedan, a lo menos nun 80%, dunha única variedade de olivas. As variedades que se poden empregar dentro desta marca de garantía son varias: mansa, brava, arbequina, …
 A orixe do rexurdir do aceite galego hai que sitúalo neste val de Quiroga coa recuperación das oliveiras centenarias que hai na comarca, onde se descubriu, grazas ás investigacións do CSIC, que hai variedades autóctonas únicas, como a brava e a mansa, con características organolépticas singulares, que non estaban recollidas no “Banco de Germoplasma Mundial de Variedades de Olivo”, con sede en Granada.
Estas variedades, mansa e brava, son moi abundantes neste val de Quiroga. Según un informe do xeólogo e catedrático emérito da Universidad de A Coruña, Juan Ramón Vidal Romaní, sobre o vínculo das oliveiras de Quiroga coa historia, foron introducidas polos romanos nesta zona, convertida pola historia xeolóxica nun invernadoiro natural. Os romanos plantaron un dos seus cultivos totémicos en terras con sedimentos auríferos,  o que sen dúbida lle da o aceite de Quiroga unha das características distintivas: a súa cor.

11 mar 2019

QUIROGA XA TEN DEFINITIVAMENTE PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL


Quiroga xa ten definitivamente Plan Xeral de Ordenación Municipal. Esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, asinaban a aprobación do Plan de Ordenación de Quiroga.

Tras 13 anos de tramitación, o novo planeamento pon fin ás Normas subsidiarias municipais do ano 1995; e da paso a un plan que en palabras do alcalde de Quiroga está na senda do orden urbanístico, económico e sobre todo ambiental.

A conselleira de Medio Ambiente afirmou que o Pxom representa un novo marco legal para dar resposta á situación do municipio e outorgándolle seguridade xurídica, coherencia coa realidade territorial e un desenvolvemento sostible do  territorio e sobre todo aos máis de 3.200 veciños dun concello que está chamado a crecer.

Con este Plan Xeral de Ordenación Municipal o solo urbano onde se poderá construír directamente auméntase en 368.500 metros cadrados. Amplíase a superficie de solo urbano nas zonas da Campaza e o Regueiral, na recta do Toucedo, na zona do Poboado e nas zonas San Xulián – As Estradas e Carballeira – Hospital. Ademais desaparecen na vila de Quiroga ás Unidades de Xestión (UGAS) que delimitaban a construción.
Para  a elaboración deste plan que comezou no 2006 tivéronse en conta o 90% das alegacións practicadas ou emitidos polos interesados durante o período de información pública, 272 en total.
Sempre que este plan tivo que levarse a sesión plenaria foi aprobado por unanimidade  por todos os grupos políticos con representación municipal. A derradeira aprobación foi na sesión plenaria celebrada no pasado mes de decembro.