24 mar 2019

COMEZAN AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DO MUSEO DE XEOLOXÍA E PALEONTOLOXÍA DE QUIROGA


Comezaron as obras de ampliación do Museo de Xeoloxía e Paleontoloxía de Quiroga.  A ampliación permitirá exhibir unha ampla serie de pezas que agora non poden mostrarse ao público por falta de espazo.  As obras permitirán o ensanche do museo polos dous laterais e tamén pola parte traseira, polo que todas as súas salas terán maior amplitude. Ademais crearase unha nova sala que servirá para proxeccións audiovisuais.
O proxecto de ampliación está orzamentado en 71.000 euros, cantidade que será sufragada en gran parte  polos fondos Leader que manexa o GDR Ribeira Sacra-Courel. A parte da obra que comezou e foi supervisada polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e polo enxeñeiro municipal, esta a realizala unha empresa local. Outra parte será acometida polos traballadores do obradoiro SilLor.
A primeira das cinco salas do museo está dedicada a formación do territorio de Galicia, coa análise do pregamento de Campodola-Leixazós. O contido desta tamén conta cunha colección de minerais e  rochas procedentes da bisbarra, que pretende ampliarase.

A segunda sala centrase na historia paleontolóxica. Aquí amósanse diferentes fósiles animais todos eles poboadores da nosa serra, entre os que destacan o esqueleto completo dun oso das cavernas. O proxecto de ampliación contempla que acolla a colección de fósiles recollida en diferentes puntos da comarca polo biólogo Manuel García Ávila e cedida ao concello.

 A terceira sala é a da idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, que se ampliará coa estalagmita da Cova de Arcoia, que permitiu estudar a secuencia climática.

 A cuarta das salas centrase nas primeiras ocupacións humanas da zona. Nesta sala pódense ver dez cranios dos primeiros humanos e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida e na que se contempla albergar a reconstrución da muller prehistórica coñecida como Elba (a pastora do Courel), cuxos restos foron descubertos hai anos nunha cova da serra do Courel.

 Finalmente a última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais collidos na zona, representa a parte da nosa minería, tamén se ampliará.


No hay comentarios:

Publicar un comentario