29 jul 2018

NOVA EDICIÓN DO CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL


A Área de Infancia do concello organiza un concurso de debuxo infantil para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade.

O debuxo terá como tema “Quiroga en debuxo” e deberá ser orixinal e realizado por calquera medio plástico; lapis, tinta, acuarela, acrílico, óleo, “collage”, gravado ou mixtos. O tamaño será de formato A4. 
   
No reverso do debuxo irán os datos do autor; nome e apelidos, teléfono e dirección.
 O debuxo presentarase na Casa de Cultura dentro dun sobre pechado coa idade e o nome do/a participante no seu exterior, antes do día 9 de agosto.

Existen tres categoría: A) De 3 a 5 anos. B) De 6 a 8 anos. C) De 9 a 12 anos.

A entrega de premios, terá lugar nas Festas de Verán de Quiroga, o sábado día 11 de agosto ás oito do serán na Praza España.

Os traballos quedarán en propiedade do Concello de Quiroga para posteriores exposicións.
A participación deste concurso supón a aceptación das presentes bases.




V CONCENTRACIÓN MOTOTURÍSTICA A CURUXA


O  Moto  Club A Curuxa de Quiroga xa presentou o cartel da que vai ser a quinta edición da  Concentración  Mototurística. Terá lugar nos tres concellos -Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel- e será os días 24, 25 e 26 de agosto.

O programa é moi completo e semellante ao de anteriores edicións:

   O venres día 24 abriranse as inscricións, haberá un obradoiro de camisetas para nenos e nenas e un tatuador profesional, farán unha ruta nocturna e unha homenaxe aos caídos e ademais organizarán unha pancetada e unha queimada. Un concerto de Los Íñigos poñerá a guinda a esta primeira xornada.

   O sábado día 25, despois de almorzar realizarán unha ruta turística con paradas e pinchos e á volta terá lugar a comida no Restaurante Las Vegas, en San Clodio. Tampouco faltará o tradicional A Curuxa Minimoto GP, un circuito en minimoto que este ano incorporará a modalidade infantil, ao término sortearán unha das minimotos. Ao finalizar chegará un dos pratos fortes e unha exhibición que congrega cada ano a centos de quirogueses e quiroguesas: o Stunt Show, con Arrepiado Team e Acuko. A xornada complétase con hinchables para nenos e nenas, touro mecánico, cea no recinto e festa con Armand Deejay.

   O domingo día 26 chegará o momento da despedida. O Proxecto de Xeoparque das Montañas do Courel tamén terá presenza nesta concentración xa que a ruta final consistirá nunha visita ao xeomirador. Unha sesión vermú e alborada moreira acompañados dun grupo de música tradicional, uns pinchos de despedida e sorteos completan o programa.

O 10 DE AGOSTO CELEBRASE A XIII EDICIÓN DA FESTA DA COMUNIDADE


   O venres día 10 de agosto e dentro do programa das Festas de Verán de Quiroga, terá lugar a 13ª edición da Festa da Comunidade.

Como xa  é habitual a festa celebrarase nas inmediacións do parque da Constitución a partir das 21:30 e a ela poden acudir todos os veciños ou visitantes que previamente mercaran os vales que están a venda nas cafeterías e bares da vila, ou o mesmo dia da cea a un prezo de 6 euros.

O menú que se poderá degustar nesta cea vai ser paella e xeado.

          A festa da Comunidade dende hai xa trece anos forma parte dos actos que o concello organiza para celebrar as súas Festas de Verán, sendo deste xeito un atractivo máis dentro do turismo gastronómico da nosa bisbarra.


O programa deste ano contará de novo con música en directo no propio recinto da festa a cargo do duo Camelia unha vez que remate a merenda.

25 jul 2018

AMPLO PROGRAMA DE ACTOS PARA CELEBRAR AS FESTAS DE VERÁN QUIROGA 2018


O Concello de Quiroga xa ten ultimado o programa das festas de verán que se desenvolverán os días 8,9,10,11 e 12 de  agosto.

      As festas abriranse o mércores día 8 coa actuación,  a partir das once da noite nas inmediacións do pavillón municipal, da  afamada orquestra Panorama, que nos ofrecerá o seu amplo e variado repertorio dentro da súa xira Deluxe Tour.

       O xoves día 9 terá lugar a festa da xuventude que incluirá dentro do seu programa a II Edición da Festa da Cervexa Artesá na praza de España. A nota musical poñerana a partir das sete da tarde a actuación do DJ Michel, e a partir das once da noite actuará a  Banda Folk de Ribas de Sil e a partir da media noite actuación do grupo Carta de Ajuste.

    Xa o venres pola mañá, a partir das doce do mediodía terá lugar a inauguración da  XXVII Mostra do Mel de Quiroga que estará animada pola música tradicional do grupo de gaitas Os Palletas.
    E pola tarde-noite, nas inmediacións do Parque da Constitución celebrarase a XIII Festa da Comunidade, pero antes terá lugar a actuación dos grupos locais de danza e baile tradicional. Unha vez que remate a merenda comezará un animado baile a cargo do Dúo Camelia.

      O sábado, día 11, pola tarde na praza España  de novo contaremos co Concurso Pinta con Xiz no Chan, e farase entrega de premios  os gañadores do concurso  de Debuxo Infantil.
 A festa popular correrá da man da orquestra Grupo PODIUM, e verbena co grupo ATENAS.

          O domingo a unha e nedia do  mediodía concerto da Banda de Música de Chantada diante da Casa do Concello. 

          Pola tarde-noite , festa popular a cargo do grupo SAMBA. E as doce da noite, o prato forte das festas de verán co concerto do grupo folk, TREIXADURA. E unha vez que remate o concertó pechará os festexos deste verán , de novo, o grupo SAMBA.

    Este amplo e variado programa das festas de verán do 2018 completarse con diversas actividades deportivas, co Torneo Futbol Sala Festas de Verán ; co Torneo de Street Soccer e coa presentación do Quiroga nun encontro o sábado pola tarde no campo do San Martiño.

19 jul 2018

QUIROGA CELEBRA CON DIVERSOS ACTOS O 25 DE XULLO, DÍA DE GALICIA.


      Un ano máis o Concello de Quiroga quere sumarse  aos actos de celebración do Día de Galicia, que se celebra o 25 de xullo.

     Os actos organizados  terán lugar a partir da unha do mediodía cunha recepción a todos os colectivos culturais da vila no salón de actos da Casa do Concello.
 
    Ao seu remate, a unha e cuarto, diante da  entrada  principal  da  Casa  Consistorial,  o grupo local  Os do Recanto , ofrecerán un pequeño recital de temas moi coñecidos que comezará coa interpretación do himno de Galicia.

14 jul 2018

A ÁREA DE DEPORTES ORGANIZA O I CAMPUS DE VOLEIBOL CONCELLO DE QUIROGA


O vindeiro luns dará comezo o  Campus de Verán de Voleibol Concello de Quiroga, que se celebrará durante 5 días, entre o luns 16 e o venres 20 de xullo.

 Neste caso, a primeira parte comezará todas as mañás ás 10:00h no Pavillón Municipal de Quiroga para pasar ás Piscinas Municipais, onde se rematará cada día en torno ás 13:30h.

O prezo é de 20€ e inclúe equipación. Coa creación deste campus a Área de Deportes do Concello de Quiroga aumenta a súa aposta por este deporte, que este ano xa contou con varios equipos quirogueses competindo dentro do programa Xogade.



O DÍA 8 DE AGOSTO EN QUIROGA, ACTUACIÓN DA ORQUESTA PANORAMA


    A afamada  Orquestra  Panorama  actuará  en   Quiroga como prato forte das Festas de Verán 2018. A actuación será o mércores 8 de agosto e terá lugar nas inmediacións do Pavillón Municipal. A actuación será entre as 23:00 e as 2:00 e contará con dous pases.

    A Panorama, dentro da súa xira Deluxe Tour, contará cunha montaxe sobre o escenario totalmente nova, con máis pantallas e iluminación e un deseño ao máis alto nivel, ao que se sumarán un vestiario, un repertorio e unha posta en escena nos que destaca a innovación para crear un espectáculo totalmente sorprendente.

    Nas Festas de Verán tamén actuará o grupo de música tradicional Treixadura ou a Banda Folk de Ribas de Sil. A Festa da Xuventude, a da Cervexa Artesá, a da Comunidade e a edición número 27 da Mostra da Mel, ademais doutras moitas actuacións musicais e de rúa, completarán o amplo programa de festas que confeccionou o Concello de Quiroga e no que aínda están a traballar.