26 feb 2010

PROTECCION CIVIL RECOMENDA PRECAUCIÓN ANTE O AVISO DE TEMPORAL

Ante a alerta vermella que MeteoGalicia decretou para toda Galia a partir desta noite pola posible chegada dun ciclón extratropical con ventos que poderían superar os 130km hora, Protección Civil de Quiroga fai unha serie de recomendacións ós veciños:
· Pechar e asegurar portas, fiestras e toldos.
· Retirar macetas e todos aqueles obxetos que poidan caer á rúa e provocar un accidente.
Se se atopan na rúa ou no campo
· É conviente alonxarse de cornisas, muros ou árbores, que poidan chegar a desprenderse e tomar precaucións diante de edificaciones en construcción ou en mal estado.
· Absterse de subir andamios, sen as adecuadas medidas de protección.
Se vai viaxar
· Ante a predicción de vendavais hai que procurar evitar os desprazamentos por estrada e se é preciso facelos, extremar as precaucións pola posible presencia de obstáculos na vía.
· En todo caso, infórmarse das condiciones meteorolóxicas da zona á que se dirigen.
Protección Civil recorda que as medidas de prevención axudan a reducir o dano que poida derivarse dos desastres e que en caso de emerxencia, coñecer algunhas pautas de autoprotección, axuda a tomar decisións que poidan favorecer tanto a seguridade persoal como a dos demáis.

25 feb 2010

CATA POPULAR DAS MOSTRAS DA FEIRA DO VIÑO

O vindeiro sábado, o museo Etnográfico acollerá a tradiconal cata das mostras do viño recollidas entre os once participantes inscritos na Vixésimo oitava Feira do Viño. Entre as doce e media da mañá e as dúas da tarde, unha comisión de catadores probarán e valorarán os once viños tintos e os once brancos que xa foron remitidos a un laboratorio especializado para a súa análise.

Os viños que se catarán corresponden a:.-Gaspar Álvarez Nogueira, das Medas..-Guillermo Nogueira Veloso, de Bendilló..-Francisco Javier Mendoza Teijeiro, de Quiroga..-Ramón Ramos Fernández, de Montefurado..-Antonio García Alvarez, de San Xulián de Abaixo..-Lorenzo Mateo Cao, de Montefurado..-Alfonso Nuñez Calvo, dos Novaes..-Antonio Castro Alvarez, de San Vitoiro..-Gerardo Vázquel López, de San Xulián de Arriba..-Ceferino González, de Bendilló..-José Luis Rodríguez Lago, de San Xulián de Abaixo.

Para participar nesta feira o concello esixía uns requisitos mínimos ademáis de superar esta cata popular e a análise organoléptica; como eran ter unha graduación alcohólica mínima de 12 graos no caso do viño branco e de 11 e media para o tinto; e unha acidez volatil máxima permitida de 0,5 gr. acético/litro para os brancos e de 0,6 gr. acético/litro para os tintos.

24 feb 2010

NOVA SESIÓN PLENARIA ORDINARIA

A corporación municipal celebrará mañá unha nova sesión plenaria ordinaria a partir da unha da mediodía.
Os puntos que forman parte da orden do día son:
1.- Aprobación se procede da acta da sesión do 30 de decembro.
2.- Unha moción do grupo municipal do partido popular instando ó goberno central a rectificar a súa intención de recortar as achegas do Estado para o financiamento dos concellos.
3.- Unha moción do grupo municipal do partido popular en relación co sistema de pensións.
4.- Unha moción do grupo municipal do partido popular de adhesión ó manifesto Galicia Ten Dereito.
5.- Unha moción do grupo municipal do partido popular relativa ó mantemento e reforzo da área sanitaria de Monforte de Lemos.
6.- Unha moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE relativa á realización de autopsias nos hospitais comarcais de Monforte de Lemos e Burela.
7.- Participación do concello de Quiroga no Padroado de Turismo da Provincia de Lugo.
8.- Resolucións da Alcaldía.
9.- Rogos e preguntas.

22 feb 2010

JIMMY GIMÉNEZ ARNAU PREGOEIRO DA FEIRA DO VIÑO

Jimmy Giménez Arnau, escritor, periodista e comentarista da prensa do corazón, será o pregoeiro da vixésima oitava Feira do Viño de Quiroga, que se celebrará os días 3 e 4 de abril.
Jimmy Giménez Arnau é un novelista, poeta e periodista español nado o 14 de setembro de 1943. Fillo de diplomático e escritor licenciouse en dereito e diplomouse en periodismo. Durante a súa xuventude practicou a nivel afeccionado fútbol e boxeo.
Como periodista, foi corresponsal de guerra e cofundador da revista Hermano Lobo. No ano 1980 escribiu e dirixiu a película Cocaína, unha película na que ademais tivo unha participación como actor. No 1983 creou a televisión clandestina Onda Blúmini.
Como escritor, comezou facendo poesía, e en 1977 escribiu a súa primeira novela, Las islas transparentes, coa que quedou finalista do Premio Nadal. Outras novelas súas son: Yo, Jimmy; Mi vida entre los Franco; Neón en vena; Enfermos en el paraíso; Las malas compañías; Hipótesis íntimas sobre la muerte de los marqueses de Urquijo; Como forrarse y flipar con la gente guapa; Camaleones y lagartas; Zelos e España me pone.
Debido o seu matrimonio cunha neta de Franco, Jimmy Giménez Arnau converteuse nunha personaxe popular. Tras a disolución do seu matrimonio colocouse inmediatamente no punto de mira da prensa do corazón, coa que dende entón ven colaborando. Nos últimos anos pasou a formar parte indiscutible de programas como ¿Donde estás corazón? e actualmente La noria.

Os organizadores da feira do viño decidiron finalmente que o pregón, se as condicións meteorolóxicas o permiten, terá lugar ao igual que todos os anos no recinto feiral e non no Auditorio Municipal como se barallou nun primeiro momento. Será o sábado día 3 de abril unha vez rematen as actuacións do Auditorio.

19 feb 2010

O PP LOCAL PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA O MANTEMENTO E REFORZO DO HOSPITAL COMARCAL

O Partido Popular de Quiroga presentará na vindeira sesión plenaria unha moción para pedir o mantemento e o reforzo da área sanitaria de Monforte.

O PP afirma que os veciños do sur lucense están sendo obxeto dun intento de engano masivo, xa que as forzas políticas integrantes do anterior bipartito pretenden xerar un falso debate en relación co modelo de xestión da sanidade pública. Os populares afirman que se está asistindo a un gravísimo episodio de manipulación e distorsión da realidade, que obedece tan só a intereses políticos, e polo que se pretende confundir á cidadanía e ós profesionais do sistema sanitario, xerando alarma social e empregando para elo un tema tan sensible como é o da saúde.

Os populares reiteran o compromiso de potenciar e seguir mellorando os servicios existentes no Hospital de Monforte en beneficio dos cidadáns desta comarca.

Os populares locais na súa moción instan á Xunta de Galicia a:
1.- Manter o mapa sanitario de Galicia no que atinxe á área sanitaria de Monforte, conservando todas as competencias que ten na actualidade.
2.- Ampliar o catálogo de servicios que ofrecen na citada área sanitaria.
3.- Integrar na área sanitaria de Monforte de xeito coordinado os distintos centros de atención primaria.

De aprobarse esta moción na vindeira sesión plenaria, trasladaríaselle este acordo o presidente da Xunta de Galicia, á Conselleira de Sanidade, á dirección provincial do SERGAS e á Deputación Provincial, así como ós grupos políticos con representación na cámara galega.

ULTIMADO O PROGRAMA DA MOSTRA DO ACEITE

O Concello de Quiroga xa ultimou o programa da X Mostra do Aceite que se celebrará o vindeiro 7 de marzo no lugar das Farrapas en Bendilló.

A mostra inaugurarase ás once da mañá, para media hora despois poñer en funcionamento o muiño no que se realizará unha demostración da elaboración tradicional do aceite. O primeiro paso é moer as aceitunas, para o que se pon en funcionamento o muiño movido por un burro ata triturar totalmente o froito. A pasta das aceitunas recóllese do muiño e vaise colocando nos capachos, que son esteiras de esparto, votándolles auga quente. Os capachos colócanse uns enriba doutros á espera de ser prensados. O líquido sae ó sometelo á forza da prensa, onde pola súa propia densidade se irá separando o aceite da auga.

Sobre as doce e media da mediodía está previsto que comencen as actuación de música e danza tradicional galega que correrán a cargo das agrupacións locais: Banda de gaitas San Martiño, grupo de gaitas O Recanto e o grupo de danzas San Martiño.

No recinto da mostra ademáis do producto estrela, o aceite, poderanse ver e mercar productos típicos da nosa zona.Nesta edición poderase mercar aceite dos cinco colleiteiros habituais neste evento: Inocencio Ogando García, Jesús Bao Mondelo, Luis Vicente Arias Prieto, Guillermo Nogueira Veloso e Manuel Mondelo Rodríguez

11 feb 2010

ULTIMOS PREPARATIVOS PARA O ENTROIDO

Esta mañá reuníase na casa consistorial o persoal encargado de organizar a cabalgata de entroido do vindeiro domingo. Nesta derradeira xuntanza organizáronse sobor de todo todos aqueles aspectos que teñen que ver coa seguridade do tráfico tanto no momento do desfile de comparsas do domingo como no desfile que farán o venres os nenos do Colexio de Infantil e Primaria de Quiroga.

Nesta xuntanza tamén se deu conta das comparsas de entroido que participarán, xa que hoxe mesmo era o último día para inscribirse na casa da cultura. En total inscribíronse 9 comparsas, e unha máis que non concursa, cun total de 300 participantes, será polo tanto o desfile máis numeroso dos últimos anos.

Os desfile de comparsas do domingo comezará ás 17:00h dende a conflunencia da Rúa Real coa Rúa Piscinas para percorrer toda esta rúa ata a Casa da Cultura e rematar no Concello.

Unha vez remate o desfile de comparsar comenzará a festa na rúa, amenizada polo grupo “Luna” e terá lugar o acto de entrega de premios diante do Concello.
O Concello de Quiroga ten importantes premios para os participantes e gañadores: Un primeiro premio de 500 €, un segundo premio de 300 €, e un terceiro preio de 150 €. Ademáis cada comparsa participante recibirá 60 €.

Ademais das comparsas, poden participar disfraces individuais, (nesta modalidade o máximo serán tres membros disfrace), para esta modalidade estableceuse un único premio de 60 €.

Ademáis do desfile de comparsas o concello tamén organizou unha festa infantil de disfraces na Discoteca “Lor”, a partir das cinco e media da tarde. E o centro social tamén celebrará o seu entroido, o luns convidando os seus socios a rosquiñas e sangría e o martes cun baile de disfraces, con premios en metálico á participación.

A TELEVISION MUNICIPAL DE QUIROGA NA INTERNET.

A partir de agora os principais acontecementos da actualidade de Quiroga poderán verse na canle da Televisión Municipal de Quiroga na Internet.


10 feb 2010

EXCURSIÓNS PARA GAÑAR O XUBILEO

O concello de Quiroga e o Centro Social para a Terceira Idade levarán a cabo un programa de excursións a Santiago de Compostela para gañar o xubileo.

As excursións comenzarán a partir do mes de marzo ou abril con prezos especiais e irán dirixidas a todolos veciños sen límite de idade. As viaxes serán de un día, dende as oito da mañá ata as nove da noite.

O programa fundamental será a visita a Catedral para a Misa do Peregrino, pero tamén haberá tempo para visitar a Catedral e os seus arredores; así como o Museo do Pobo Galego, museo etnográfico que recolle a cultura, a historia e a arte de Galicia.

O prezo será especial para todalas persoas que participen. Para máis información ou para incribirse poden chamar ó teléfono do centro social, 982.43.51.76 ou o do concello 982.42.80.01.

8 feb 2010

NOVIDADES NA FEIRA DO VIÑO

Os organizadores da Vixésimo Oitava Feira do Viño reuníronse novamente na casa consistorial, para continuar cos preparativos para a cita que terá lugar os días 3 e 4 de abril.

Nesta xuntanza continuouse perfilando o programa que inclue varias novidades con respecto a anos anteriores. Unha das novidades ten que ver co pregón, que se realizará no Auditorio Municipal o sábado, en vez de no recinto feiral como era habitual. O nome do pregoeiro ou pregoeira aínda segue sendo unha incógnita.

Co traslado do pregón para o Auditorio Municipal trasládanse tamén as actuacións da banda de gaitas e danzas san Martiño que se achegarán ata o recinto feiral o domingo pola mañá.

Tamén o domingo pola mañá e dentro do recinto feiral terá lugar unha demostración do fiado e tecido da la, que correrá a cargo de mulleres da comarca, que representarán o proceso da la unha vez sacada das ovellas ata o seu tecido.

5 feb 2010

SEGUEN OS PREPARATIVOS DA MOSTRA DO ACEITE

Os organizadores da X Mostra do Aceite reuníronse onte a mediodía na casa consistorial, para continuar cos preparativos para a cita que terá lugar o vindeiro 7 de marzo.

Nesta xuntanza falouse de que as mostras de aceite dos cinco olivareiros inscritos na mostra xa se enviaron a un laboratorio que se encargará da súa análise.

Falouse dos traballos a realizar na recinto, como limpalo da maleza existente e repoñer mobiliario onde sexa preciso. Tratouse tamén de como resolver o problema de tráfico para aparcar na zona, tema que se seguirá estudando en vindeiras reunións.

Outro dos temas tratados foi o referente á publicidade do evento, que empezará a facerse a partir da vindeira semana.

No final da xuntanza da organización incorporábase un técnico da consellería de agricultura, para falar sobre cal é o camiño a seguir para que se poida acadar a denominación de orixe para o aceite quirogués, título que o concello trata de conseguir.

4 feb 2010

SENDA VERDE DE QUIROGA Á HERMIDA

Unha senda peonil de máis dun km unirá Quiroga e a hermida a partir desta primavera. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras investirá 231.590€ nun proxecto que inclue ademáis a construcción de beirarrúas en Quiroga e o acondicionamento da rede de saneamento e abastecemento.
As obras darán comezo neste mesmo mes cun prazo de execución de tres meses e afectan exactamente a 1.350 metros das marxes da nova estrada de Quiroga a Folgoso do Caurel.

A senda, que correrá paralela á estrada LU-651 disporá dun firme de zahorra de dous metros de anchura. Ó longo do percorrido plantaranse medio centenar de árbores ornamentais e instalarase unha decena de bancos.

O proxecto da consellería comprende tamén a construción de beirarrúas de Pacios de Mondelo, na zona do límite do centro urbano onde comezará o paseo peonil. As beirarrúas estenderanse por ambas as marxes da calzada ó longo de 250 metros. As obras incluirán ademais a construción dun sistema de recollida de augas pluviais, rede de sumidoiros e abastecemento de augas neste tramo.

Con esta actuación, a consellería pretende reforzar a seguridade dos transeúntes que percorren a pé o traxecto entre o centro urbano e o pobo da Ermida, moi frecuentado na época de celebración da novena da Virxe dos Remedios, ofrecendo ademais ós veciños da zona un «paseo saudable e sinxelo, apto para persoas de todas as idades».

3 feb 2010

PREMIO POSTUMO Á COCIÑEIRA DE RIO LOR

Este venres o concello de Lalín celebra a gala gastronómica de Galicia, gala que serve de preámbulo o día grande da Feira do Cocido deste municipio. Nesta gala faise entrega dos premios á gastronomía de Galicia e ó xornalismo gastronómico Alvaro Cunqueiro.

Dentro deste acto vaiselle facer entrega do premio a mellor cociñeira, a título póstumo, a Dona María Rodríguez Amboague, do restaurante Río Lor de Quiroga.

A gala retrasmitirase en directo pola TVG, nun programa especial a partir das nove da noite do venres, presentado por Xosé Ramón Gaioso.

2 feb 2010

11 COLLEITEIROS NA FEIRA DO VIÑO

Onte remataba o prazo aberto polo concello para participar na vixésimo oitava Feira do Viño de Quiroga, que se celebrará os días 3 e 4 de abril.
Nesta ocasión inscribíronse once colleiteiros:
.- Gaspar Álvarez Nogueira, das Medas.
.- Guillermo Nogueira Veloso, de Bendilló.
.- Francisco Javier Mendoza Teijeiro, de Quiroga.
.- Ramón Ramos Fernández, de Montefurado.
.- Antonio García Alvarez, de San Xulián de Abaixo.
.- Lorenzo Mateo Cao, de Montefurado.
.- Alfonso Nuñez Calvo, dos Novaes.
.- Antonio Castro Alvarez, de San Vitoiro.
.- Gerardo Vázquel López, de San Xulián de Arriba.
.- Ceferino González, de Bendilló.
.- José Luis Rodríguez Lago, de San Xulián de Abaixo.
Para participar nesta feira o concello esixía cumprir varios requisitos:
* Ter unha cantidade mínima de 200 botellas de viño branco e 250 de viño tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega.
* Que os viños tivesen unha graduación alcohólica mínima de 12 graos no caso do viño branco e de 11 e media para o tinto.
* E unha acidez volatil máxima permitida é de 0,5 gr. acético/litro para os brancos e de 0,6 gr. acético/litro para os tintos.
Agora os colleiteiros inscritos deberán de entregar mostras para o seu análise químico que deberá resultar favorable e ademáis deberán de pasar unha cata popular.