31 mar 2017

PRESENTADAS AS TAPAS QUE PARTICIPAN NO 6º QUIROGA DE TAPAS

     Os dezasete establecementos que este ano participan na 6ª edición do Concurso "Quiroga de Tapas" organizado a través da Área de Xuventude, xa presentaron a tapa coa que van participar:

A Pedra: Saquiños de filloa recheos de bechamel, espinacas, piñóns e crujiente de bacon
Adega da María: O meu pensamento
Ruxe-Ruxe: “Sen florituras”
Ferreiriño: Torre do Castelo con mousse de piquillo
As Palmeras: “Bikos”
O Portón: Revolto de pemento con galiña trufada
Casa Torres: “Un guiño asiático”
Chapakuña 3: De toda a vida e para toda a vida
Bar Raposo: Feixó recheo de grelos de Quiroga, queixo de Arzúa e polo da casa
O Roxo Vivo: Blanqueta de carrilleiras con puré de castañas e verduriñas
O Recuncho do Dino: Tartar vexetal con langostinos
Dimar: Delicias de solombo con castañas e mel
Quiper: “Tudo Gustoso”
Dakar:  Espetada Dakar
Taberna: Petisco da Taberna
Lago: Lombo de porco regado con salsa de cogumelos acompañado de patacas     onduladas
Félix: Feitizo.
O concurso estará aberto dende o día 6 ata o 14 de abril.

Cóntase con numerosos premios para as persoas que completen o circuito e emitan o seu voto á mellor tapa entre todas as participantes. Tamén o establecemento gañador da mellor tapa terá premio, xa que recibirá 100,00€ e unha praca conmemorativa.

22 mar 2017

O DÍA 1 DE ABRIL CELEBRARASE A CATA DOS VIÑOS PARTICIPANTES NA XXXV FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA A CARGO DA CONFRARÍA DO VIÑO DE QUIROGA

    Dentro dos asuntos que tratou recentemente a comisión organizadora da XXXV edición da Feira do Viño, foi o de elexir data para a cata dos viños que se inscribiron o certame vitivinícola e que correrá a cargo dos membros da Confraría do Viño.

Deste xeito o acto de cata dos nove viños inscritos no certame, fixouse para o sábado día 1 de abril co seguinte programa:

-Ás 12:15 h: reunión dos confrades na Casa do Concello de Quiroga.

-Ás 12:30 h: desfile dos confrades dende a Casa do Concello ata a sala de catas do Museo Etnográfico de Quiroga.

-Ás 13:00 h: cata dos viños aspirantes á XXXV Feira do Viño de Quiroga.

-Ás 14:00 h: a Confraría celebrará unha asamblea anual na que se presentarán as contas e convocaranse as eleccións a renovar a directiva.

Os viños que non pasen o examen do panel de cata e outra serie de analíticas que se realizan nun laboratorio especializado non poderán acudir cos seus caldos o certamen.



O CENTRO DE INFORMACIÓN A MULLER ORGANIZA UN CURSO DE COCIÑA CREATIVA PARA O VINDEIRO MES DE ABRIL

O  Centro de Información á Muller, dependente da Area de Igualdade do Concello, vai levar a cabo o vindeiro mes de abril un Curso de Cociña Creativa para ocasións especiais.
O curso estará impartido polo cociñeiro José Luis Lemos Páez, e desnvolverase nas instalacións da cociña do CEIP de Quiroga, tódolos xoves do mes de abril, dende as cinco as sete da tarde.
 As persoas interesadas, tanto mulleres como homes, poden anotarse no CIM ou na Casa do Concello, nos teléfonos 982 43 89 51 e no 982 42 80 01, tendo de prazo ata o vindeiro 25 de marzo.

17 mar 2017

VI EDICIÓN DO CONCURSO "QUIROGA DE TAPAS"

O Concello de Quiroga a través da Área de Xuventude, convoca a 6ª edición do Concurso "Quiroga de Tapas" que este ano se desenvolverá entre os días 6 e 14 de abril.
Este ano participan os seguintes establecementos da vila:
Adega de María, Bar as Palmeras, Bar o Portón, Bar Raposo, Bar Quiper,  A Taberna, Pub Ruxe-Ruxe ,  Bar Lago, Bar Félix, Restaurante o Roxo Vivo , Casa Torres, Bar Chapakuña 3 , O Recuncho de Dino, Mesón Ferreiriño, Ciber-Café A Pedra, Restaurante Dimar,  Bar Dakar.
Na presente edición cóntase con numerosos premios para as persoas que completen o circuito e emitan o seu voto á mellor tapa entre todas as participantes.
Os premios aos que poden optar son os seguintes:
- 300 euros en metálico.
- Circuito termal, estancia, almorzo e comida para 2 persoas no balneario de Augas Santas (Pantón)
- Estancia e almorzo para dúas persoas en Hospedería Ferrería de Quintá (Quiroga)
- Estancia para 4 persoas nunha casa completa na aldea rural “O Busto” (Pobra do Brollón)
- Estancia e almorzo para dúas persoas na Ferrería de Rugando (Quiroga)
- Estancia para 2 personas en Molinos de Antero (Monforte)
- Un almorzo para 2 persoas en “Jardín de las Delicias” (Monforte)
- Unha comida para dúas persoas en “El Convento” (Monforte)
- Cea para 2 persoas en “Chapakuña 3” (Quiroga)
- Cea para 2 persoas no restaurante-tapería “La Fábrica” (Monforte)
- Produtos típicos de Caurelor, Lar de Ricobao, Porvide e Morriña.
Pola súa banda o local gañador da mellor tapa da presente edición recibirá 100,00€ e unha praca conmemorativa.

15 mar 2017

O CONCELLO ORGANIZA O CONCURSO DE CAMISETAS DA XXXV FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

      Dentro das actividades organizadas polo Concello de Quiroga con motivo de XXXV edición da  Feira do Viño de Quiroga, inclúese novamente o concurso de camisetas o sábado día 15 de abril.

         Neste concurso poden participar todos os grupos e colectivos a partir de catro integrantes, que o desexen.

     A temática reflexada no diseño e o lema das camisetas estarán relacionados coa Feira do viño. Non se admitirán a concurso camisetas que denigren a personas, grupos ou colectivos, tanto públicos coma privados.

          Os participantes deben inscribirse na Casa da Cultura antes do  12 de abril; tamén no facebook da OMIX de Quiroga e incluso o  propio día da feira no recinto, na caseta de información municipal, antes das sete da tarde.

          Un representante de cada grupo anotado a concurso deberá acceder ao lugar do pregón, para expoñer a súa camiseta diante do público e do encargado de escoller ao gañador, que será a propia pregoeira da feira.

         En canto ó premio deste concurso estabreceuse un só premio, que consiste nun trofeo e 100 € en metálico.

          E por último a participación no concurso supón a aceptación das presentes bases.


9 mar 2017

O CONCELLO ORGANIZA EN COLABORACIÓN COA DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE O XEOCAMPO DE TRABALLO "RUTA DA ENCOMENDA"

O Concello de Quiroga organiza en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude o Xeocampo de traballo  "Ruta da  Encomenda".
No Xeocampo de traballo  poden  participar moz@s  de todo o mundo con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e vaise a por en marcha entre os días  1 e 12 de xullo. @s participantes aloxaranse no Albergue Municipal de Quiroga.
Tendo en conta o Proxecto de Xeoparque Montañas do Courel no que participan os concellos da Comarca de Quiroga (Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga), o  Concello de   Quiroga pretende con este campo dinamizar unha das súas rutas máis emblemáticas no entorno da capitalidade municipal e que pode interpretarse dende diferentes e interesantísimos puntos de vista: historia, arte, xeoloxía, xeografía, fauna, flora, etnografía, arqueoloxía etc.
Pensouse na denominada Ruta da Encomenda porque, como se sinalaba, está no contorno da vila de Quiroga, ademais unha boa parte do seu percorrido coincide coa ruta oficial de peregrinación a Compostela denominada "Camiño de Inverno" ou "Ruta Sur a Santiago de Compostela", agachando multitude de valores que sen dúbida enriquecerán aos participantes no Campo de Traballo e os futuros visitantes que se metan nela.
A máis antiga das múltiples rutas que ten na actualidade o Concello de Quiroga, empeza nos Novaes e remata na Ermida despois de percorrer 6'7 Km de baixa dificultade polos vales dos ríos Sil, Quiroga e Ferreiriño; pero tamén pode iniciarse e rematarse en Quiroga (11 Km), pasando por lugares tan emblemáticos como o Castelo dos Novaes (que xa fora obxecto dun campo de traballo xuvenil no ano 2016), o Conxunto Histórico-Artístico do Hospital, o Santuario da Virxe do Remedios na Ermida (berce dunha das primeiras comunidades de cristiáns da Comunidade de Galicia) e o Camiño de Inverno a Santiago de Compostela (obxecto dun campo de traballo xuvenil no ano 2015).
As intervencións previstas son as seguintes:
-Limpeza, acondicionamento, sinalización e dinamización da ruta.
-Creación dunha paxina web e unha ruta virtual onde se amosará: cartografía, planimetría e perfil da ruta. Códigos QR xeolocalizados con información sobre flora, fauna e puntos de interese.
-Limpeza e montaxe de varanda de madeira na Ponte do Rego do Castelo nas inmediacións do Castelo dos Novaes.

-Actividades de dinamización dos participantes dentro Proxecto de Xeoparque Montañas do Caurel con visitas aos vestixios culturais máis importantes da Comarca de Quiroga. 

ABERTOS OS PRAZOS DE ADMISIÓN DE ALUMNADO DO CEIP DE QUIROGA E DA ESCOLA INFANTIL GALIÑA AZUL


    O Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga ten aberto o prazo de admisión do alumnado para o curso académico 2017-2018.
O prazo de presentación de solicitudes de admisión para o novo alumnado estará aberto ata o día 20 de marzo.
O horario de atención para formalizar esta matrícula será de luns a xoves, de dez da mañá a once menos cuarto e de unha menos cuarto do mediodía a unha e media.Os venres o horario será de once e media da mañá as doce e media.
   Por outra banda, a Dirección da Escola Infantil Galiña Azul de Quiroga, dependente do Consorcio e da Axencia Galega de Servicios Sociais da Consellería de Política Social informa que está aberto o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantis para nenos con idades comprendidas entre  0 a 3 anos ,para o curso escolar 2017-18.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto  dende o 9 de marzo e permanecerá aberto ata o 10 de abril ambos incluidos tanto para renovación como para novo ingreso.

Para formalizar a matrícula ou pedir máis información, os interesados poden pasar polas instalacións da Escola Infantil en horario de  10 a 11 horas e de 15 a 16 horas de luns a venres.

O centro educativo de Quiroga  conta con 19 prazas , 10 son de renovación e quedarían para novo ingreso 9. O curso comezará o 5 de setembro do 2017.

7 mar 2017

A COMISIÓN ORGANIZADORA DA XXXV FEIRA DO VIÑO FIXO PÚBLICO O CARTEL PARA ANUNCIAR ESTA NOVA EDICIÓN

Os días 15 e 16 de abril de 2017 celébrase a XXXV Feira do Viño de Quiroga.

Para participar neste certame están anotados un total de 10 colleiteiros que reunían as características esixidas pola convocatoria; agora os viños presentados pasarán os pertinentes análises  químicoorganolépticos e someteranse o exame de cata da Confraría do Viño de Quiroga o sábado 1 de abril de 2017.

A Comisión Organizadora fixo público o cartel para anunciar esta nova edición da feira e continúan a traballar para perfilar o programa de actos que terán lugar durante a fin de semana do 15 e 16 de abril e durante a semana previa.