26 mar 2014

OFERTASE NOVAMENTE O MERCADO DE SEGUNDA MAN PARA O DOMINGO 6 DE ABRIL

O Concello de Quiroga oferta novamente para o domingo 6 de abril, un mercado de produtos de segunda man.  Este mercado de ocasión situarase na praza Maior, e desenvolveríase mensualmente unha vez, os primeiros domingos de cada mes, sempre e cando non coincida con outros eventos ou coa feira tradicional. Neste caso pasaría para o seguinte domingo. O horario de venta será dende as nove da mañá ata as duas da mediodía.
       As persoas interesadas en poñer un posto nesta feira deben solicitalo previamente na casa consistorial. Para cada edición solicitarase e o Concello realizará novo procedemento de asignación. O Concello dará preferencia aos solicitantes empadroados en Quiroga. O prazo para presentar solicitudes pecharase 4 días antes da celebración do mercado.
        Os artigos susceptibles de venta ou cambio serán aqueles, que pola súa natureza, poidan ser trocados ou vendidos en condicións máis vantaxosas que no comercio habitual. Serán de segunda man ou artesanais e que non comporten ningún risco ou dano para o adquirente.
      O Concello establece varias especialidades como cadros e artigos de decoración; roupa en xeral e produtos téxtiles; libros, revistas e coleccionables orixinais; mobiliario e antigüidades; artigos informáticos e fotográficos, sempres que sexan orixinais; así como ferramentas, cerámica, cristal, pequena maquinaria e produtos similares; e pequeno material de labranza, tanto antigo como moderno. 

    Os vendedores dos produtos serán únicos responsables da lícita procedencia dos mesmos. Así mesmo, a venta de artigos artísticos deberá estar de acordo ou en consonancia coa Lei de Patrimonio de Galicia.

NOVO CONCURSO DE CAMISETAS NA FEIRA DO VIÑO

          Dentro das actividades organizadas polo concello con motivo de XXXII Feira do Viño de Quiroga, inclúese novamente o concurso de camisetas o sábado día 19 de abril.
         Neste concurso poden participar todos os grupos e colectivos a partir de catro integrantes, que o desexen.
     A temática reflexada no diseño e o lema das camisetas estarán relacionados coa Feira do viño. Non se admitirán a concurso camisetas que denigren a personas, grupos ou colectivos, tanto públicos coma privados.
          Os participantes deben inscribirse na casa da cultura antes 16 de abril; ou o propio día da feira no recinto, na caseta de información municipal, antes das sete da tarde.
          Un representante de cada grupo anotado a concurso deberá acceder ao lugar do pregón, para expoñer a súa camiseta diante do público e do encargado de escoller ao gañador, que será a propia pregoeira da feira.

          O gañador do concurso recibirá un trofeo e 100€ en metálico.

25 mar 2014

CRISTINA CASTAÑO, PREGOEIRA DA XXXII FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

     A pregoeira da XXXII edición da Feira do Viño de Quiroga será a actriz, Cristina Castaño. Nacida o 30 de outubro do ano 1978 no municipio de Villalba (Lugo).

      Os seus primeiros traballos tiveron lugar na televisión autonómica galega, sendo dende un principio moi coñecida na nosa comunidade grazas ao seu papel na serie "Pratos combinados", na que encarnaba a Paula Barreiro.

   O salto a nivel nacional deuno no ano 2000, cando se incorporou á repartición da serie xuvenil "Al salir de clase", onde permaneceu ata o ano 2002.
      No mesmo ano 2000 participou tamén na montaxe teatral da obra "Las manzanas del viernes", dirixida por Francisco Marsó e escrita por Antonio Gala, na cal compartiu cartel con Concha Velasco. Nos escenarios púidoselle ver, a partir de entón, con obras como "Fama, o musical,", e mesmo con algúns clásicos, como "Tartufo".
     
        Na televisión interveu en capítulos de series tan famosos como "7 vidas" ou "Hospital central". No ano 2005 volveu á televisión galega, coa serie "4º sen ascensor", que narra as aventuras e desventuras duns novos estudantes que comparten piso.


     No ano 2007 incorporouse ao equipo de "Herederos", interpretando o personaxe de Rocío Urquijo, e no ano 2008 empezou a dar vida a Sara Ruiz, a moza forense da serie "El comisario", serie na que permaneceu ata o seguinte ano.

      A súa popularidade aumentou enormemente a partir da súa incorporación na serie "La que se avecina", na que fai o papel de Judith Becker, unha nova psicóloga que vive na comunidade de veciños de Miradoiro de Montepinar.

En canto ao cine, participou nalgúns curtos, como "Alzheimer", No tocar", "Lengua de gato", "Sen chumbo" ou "No apartamento". Participou ata o momento en poucas longametraxes, entre os cales se contan "XXL", dirixida por Julio Sánchez Valdés, ou "Días azules", de Miguel Santesmases.

A actriz probou tamén sorte na canción, chegando a actuar nalgúns concertos en directo con Carlos Núñez. Ademais, é de destacar que foi a representante española, no ano 2001, no Festival Internacional da Canción de Viña do Mar.

Gañou o Premio do Xurado do Festival de Cans (un festival de curtos que ten lugar en Galicia) polo seu papel na curtametraxe "Senchumbo". Conseguiu tamén o Premio do Publico TV á mellor actriz de repartición pola súa intervención en "La que se avecina".

11 mar 2014

A COMISIÓN ORGANIZADORA DA XXXII FEIRA DO VIÑO PON DATA PARA A CATA DOS VIÑOS INSCRITOS

A comisión organizadora da Trixésimo Segunda Feira do Viño de Quiroga que terá lugar os días 19 e 20 de abril, reuniuse novamente na casa consistorial.
          Este ano a ubicación do recinto feiral será na parte baixa da rúa Real, xa que se segue un orden alternativo entre as duas partes da rúa Real.
          A comisión organizadora, despois de finalizar o prazo de inscrición dos colleiteiros interesados para participar na feira, decidiu proceder á recollida de mostras para envialas ao laboratorio e realizar as súas análises organolépticos.


En total foron 11 os colleiteiros interesados en participar nesta edición, e que cumpren os requisitos necesarios para participar: Contar cunha cantidade  mínima de 200 botellas de viño branco e 250 botellas de viño tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega. Unha graduación alcohólica mínima de 12 º para o viño branco e de 11,5 º  para o viño tinto. E unha acidez volátil máxima permitida de 0,5 gr. acético/l. para o viño branco; e de  0,6 gr. acético/l. para o viño tinto.
        Unha vez recibidas as análises organolépticas destes caldos, realizarase a cata dos 11 viños inscritos nesta edición, por parte da comisión de cata formada polos 23 confrades da confraría do Viño de Quiroga. Os confrades, ademais de aprobar os viños inscritos, participarán noutros actos da Feira do Viño. O día fixado pola comisión para a cata é o día 5 de abril, ás 13 h., na sala de catas do Museo Etnográfico.

ESTA TARDE COMEZA O CURSO DE INICIACIÓN A CATA DO VIÑO ORGANIZADO POLA CONFRARÍA DO VIÑO DE QUIROGA

A Confraría do Viño de Quiroga, en colaboración co concello quirogués e a Deputación Provincial de Lugo, organizou un curso de iniciación á cata do viño, que comeza esta tarde.

Neste curso os participantes aprenderán as habilidades básicas da cata de viños, adquirirán coñecemento da técnica de Cata, comprenderán a elaboración dos distintos tipos de viños galegos e coñecerán os viños da cinco denominacións galegas e as súas variedades de uva.

O curso estará impartido por un enólogo da adega Alan de Val e desenvolverase  na sala de catas do museo Etnográfico dende hoxe ata o venres, en horario das seis e media da tarde ata as nove e media.


3 mar 2014

O CONCELLO DE QUIROGA PON EN MARCHA ESTE DOMINGO O MERCADO DE SEGUNDA MAN

 O Concello de Quiroga poñerá en marcha este domingo, día 9 de marzo, un mercado de produtos de segunda man.  Este mercado de ocasión situaríase na praza Maior, e desenvolveríase mensualmente unha vez, os primeiros domingos de cada mes, sempre e cando non coincida con outros eventos ou coa feira tradicional. Neste caso pasaría para o seguinte domingo. O horario de venta será das 9 ás 16 horas.
          As persoas interesadas en poñer un posto na feira deben solicitalo na casa consistorial. Para cada edición solicitarase e o Concello realizará novo procedemento de asignación. O Concello dará preferencia aos solicitantes empadroados en Quiroga. O prazo para presentar solicitudes pecharase 4 días antes da celebración do mercado. O Concello asignará os postos 3 días antes do sinalado para a celebración do mercado de segunda man.
          Os artigos susceptibles de venta ou cambio serán aqueles, que pola súa natureza, poidan ser trocados ou vendidos en condicións máis vantaxosas que no comercio habitual. Serán de segunda man ou artesanais e que non comporten ningún risco ou dano para o adquirente.
          O Concello establece varias especialidades como artigos de decoración, roupa en xeral e produtos téxtiles, libros, revistas, mobiliario e antigüidades, artigos informáticos e fotográficos, así como ferramentas, cerámica, cristal, pequena maquinaria e produtos similares. 

          Os vendedores dos produtos serán únicos responsables da lícita procedencia dos mesmos. Así mesmo, a venta de artigos artísticos deberá estar de acordo ou en consonancia coa Lei de Patrimonio de Galicia.

1 mar 2014

AS COMPARSAS DECIDEN APRAZAR O DESFILE DE ENTROIDO PARA O DOMINGO DÍA 9

           As comparsas inscritas no desfile de comparsas de entroido reuníronse onte venres, na Casa de Cultura, para decidir se saían no desfile previsto para o domingo ante a previsión de choivas ou se pola contra o deixaban para o domingo día 9. Finalmente as comparsas decidiron sair o domingo día 9.
 O desfile terá lugar a partir das cinco da tarde. As comparsas participantes recorrerán a Rúa Real dende a confluencia desta coa Rúa Piscinas para rematar no Concello onde o dúo Fondo Tropical amenizará un baile de disfraces.
O que si se mantén é a festa infantil do luns, día 3 de marzo, a partir das 17:00 na Discoteca Lor organizada pola Área de Educación e a Discoteca Lor.
 Tamén, o departamento de xuventude organizou  unha excursión para ver a tradicional saída do “Oso de Salcedo”.  Esta excursión, sería o luns de entroido, día 3 de marzo. Os participantes sairán as catro da tarde dende a Casa da Cultura, previo pago de 5€.

O martes, día 4 de marzo, o Centro Social celebra o martes de Entroido cunha  xornada  gastronómica de animación e convivencia social, gratuita para os seus socios. Sobre as 18:30 h., comezará o baile de disfraces, animado con música en directo ao que poden asistir todas as persoas que o desexen.


Con motivo destas festas o concello lembralles a todos os cidadáns a normativa para a venda e mailo uso de artificios de pirotecnia recreativa que debe ceñirse á normativa vixente. Polo tanto prohíbese o uso dos produtos pirotécnicos nas vías e espazos públicos, evitándose que a súa utilización produza unha perturbación por ruídos para a veciñanza, evitable coa observancia dunha conduta cívica normal, e atenderase en todo momento ás indicacións que fagan os axentes da Policía Local, que poderán requisar os mesmos.