31 ago 2011

O CONCELLO TENTA QUE O PREGAMENTO DE CAMPODOLA SEXA DECLARADO MONUMENTO NATURAL

Técnicos da Consellería de Medio Rural achegáronse onte ata Quiroga para entrevistárense co alcalde, Julio Álvarez, sobre a declaración do pregamento de Campodola como Monumento Natural.

Nesta xuntanza establecéronse os límites da zona que vai quedar dentro da protección do Monumento Natural e, para iso, tratouse de acoutar unha zona que prexudique o menos posible os veciños que poidan levar a cabo algún aproveitamento do monte. Así o 90% da zona delimitada é unha parede completamente vertical que non permite ningún tipo de uso.

Tras o acordo acadado onte entre o Concello de Quiroga e a Xunta de Galicia en canto aos límites e á declaración, agora será a Xunta a que aprobe definitivamente este título.

O Concello de Quiroga comezou no ano 2005 os trámites para acadar a declaración de Monumento Natural do pregamento, coa intención de darlle unha figura de protección e un valor engadido en canto á súa divulgación.

De acadar esta protección, o pregamento de Campodola sumaríase aos sete espazos que contan con este amparo en toda Galicia, entre os que se atopan a praia das Catedrais ou o souto de Rozabales.

30 ago 2011

O 9 DE ABRIL E O 10 DE AGOSTO FESTAS LOCAIS PARA O ANO 2012

A corporación municipal celebrou onte unha nova sesión plenaria na que se aprobaron varios puntos, entre eles a determinación das festas de carácter local do Concello de Quiroga para o ano 2012. 

Así quedaron fixadas o día 9 de abril, luns de Pascua (como en anos anteriores), e o 10 de agosto que substitúe ao 11 de novembro, data habitual  da festa de Quiroga por ser o día do seu patrón, San Martiño, que o vindeiro ano será domingo.

A corporación municipal decidiu a data do dez de agosto por coincidir coa celebración da Mostra do Mel e coas festas de verán.

25 ago 2011

QUIROGA ACOLLE ESTE SÁBADO O XIII ENCONTRO DE POETAS

Este sábado, día 27, a partir das 11.00 h na Casa da Cultura, terá lugar o XIII Encontro de Poetas no Val de Quiroga. A este acto acoden cada ano máis poetas, tanto da nosa Comunidade coma doutras da xeografía española, todos eles co afán de potenciar este xénero literario.

Nesta edición, que presentarán Pepe Pol e Xesús Galán, será pregoeira Dna. María Outes Velai. No acto recitarán unha trintena de poetas, algúns que xa veñen participando dende a primeira edición deste certame e outros que se incorporan por primeira vez.

Con este Certame o Concello de Quiroga quere fomentar o interese pola literatura en xeral e pola poesía en particular, ademais de ofrecer a posibilidade de desenvolvemento da creatividade de todos os poetas, algúns ata este intre no anonimato, que atopan neste tipo de eventos o lugar axeitado para expresar e mostrar a súa obra.

Unha vez rematado o recital todos os participantes desta edición xuntaranse nunha comida de confraternidade.

24 ago 2011

QUIROGA CONTA DENDE ONTE CUNHA NOVA CENTENARIA

O Concello de Quiroga conta dende onte cunha nova centenaria, xa que a Sra. Consuelo Martínez Veiga cumpriu onte un século de vida.

Consuelo Martínez naceu no ano 1911 en Paradapiñol pero tras casar foi vivir para Paradaseca, onde permaneceu ata hai uns anos en que se trasladou á Residencia da Terceira Idade de Quiroga.

Onte celebrou o seu aniversario rodeada de dúas das súas fillas, numerosos netos e parte dos compañeiros da residencia, que lle cantaron o "cumpreanos feliz" mentres apagaba as velas da súa tarta. Tarta da que deu boa conta xa que recoñeceu ser moi lambona.

Consuelo Martínez conta con boa saúde tanto física como mental, aínda que no último ano tivo dificultades para andar e vai en cadeira de rodas, e recoñece que non ve moi ben xa que lle dixo o médico que ten a vista un pouco cansada.

22 ago 2011

OS QUIROGUESES VISITARÁN CELEIRO DENTRO DO PROGRAMA "MAR ACHEGA " DA CONSELLERÍA DO MAR

Os veciños de Quiroga poderán coñecer Celeiro, nunha excursión organizada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o venres 2 de setembro. Esta excursión forma parte do programa Mar Achega co que a Consellería pretende achegar o sistema de extracción e primeira venda dos produtos da pesca artesanal capturados en augas de Galicia á poboación do interior.

A viaxe, totalmente gratuíta, inclúe unha visita á lonxa e ao porto de Celeiro. No concello veciño do Vicedo visitarase unha planta de microcultivo de ourizos e coquinas e participarase na recollida de ostra riza ou de coquina acompañados das mariscadoras. Novamente en Celeiro asistirase a unha demostración de cociña con pratos de peixe e xantarase.

A excursión rematará coa visita ao barrio da Pescadería da vila de Viveiro.

Os participantes, que sairán de Quiroga ás cinco da mañá, deben ser maiores de idade e levar botas de auga para participaren na recollida da coquina.

As persoas interesadas en participar deberán de inscribirse nas instalacións do centro social canto antes, xa que as 48 prazas se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.


19 ago 2011

UN OBRADOIRO DE ORIENTACIÓN LABORAL E UN CURSO DE INGLÉS NOVAS OFERTAS DA OFICINA XUVENIL

Dende a Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga, en colaboración coa Xunta de Galicia, ofértase un Obradoiro de orientación laboral dentro das xornadas de xuventude organizadas dende a Consellería de Traballo e Benestar.

O obradoiro impartirao D. José Manuel Vilaboi Lois e terá lugar o mércores 21 de setembro na Casa da Cultura, coa hora por confirmar cos seus participantes, que deben apuntarse no teléfono 982 435 125 nas próximas dúas semanas.

Tamén para o mes de setembro, a partir do día 12, e en colaboración coa Xunta de Galicia, ofértase un curso de inglés básico que se impartirá na Casa da Cultura os luns e os mércores de 20 a 21 horas. Para poder participar tamén se deben anotar no teléfono 982 435 125.





17 ago 2011

INAUGURADA A EXPOSICIÓN "ENCRUCILHADA" DE PAULA PEREIRA

A sala de exposicións da Casa da Cultura inaugurou onte unha nova exposición. A concelleira de Cultura, Loli Sánchez, foi a encargada de inaugurar a exposición titulada “Encrucilhada”, de Paula Pereira.

Paula Pereira é graduada en Belas Artes pola facultade de Pontevedra e o seu traballo abarca distintos eidos creativos: pintura, deseño, fotografía e cine.

Entre os premios e mencións acadados, recibiu o premio á mellor curta na categoría de menores de 30 anos no 1º Certame Curtas para Rosalía. E a súa obra fotográfica “Amo-te” foi seleccionada no Certame Novos Valores da Deputación de Pontevedra.

Baixo o título “Encrucilhada”, a autora presentounos a súa obra pictórica na que prima a acuarela, aínda que a utiliza xunto con outras técnicas.

11 ago 2011

ÉXITO DE VENDAS E DE PÚBLICO NA XX MOSTRA DO MEL

Quiroga acollía onte unha das mostras do mel máis concorridas dos últimos tempos. Os apicultores conseguiron vender practicamente todo o mel co que acudiron á mostra antes da tarde.

Durante toda a mañá, podíase mercar no recinto da feira mel e outros produtos como pole ou propóleo, ademais doutros típicos da nosa zona. Os prezos do mel que se puxo á venda durante esta xornada quedara fixado polos apicultores participantes en 4 € para o envase de ½ kg e 6 € para o de 1 kg. Segundo os propios apicultores o envase de maior tamaño foi o que máis demandaron os compradores.

Os 10 apicultores participantes neste edición, con mel de diferentes puntos do municipio, coincidiron en apuntar que o seu mel ten en común a calidade, que radica en boa parte en que é de uz e castiñeiro e está libre dos efectos dos insecticidas. Tamén apuntaron que esta non foi unha das mellores colleitas porque ao ser un ano moi seco afectou á cantidade de produción.

Nesta edición, os postos de venda do produto recuperaron o seu antigo emprazamento na rúa Real, en concreto na parte alta da rúa, nas inmediacións da Casa do Concello. Os apicultores amosáronse moi satisfeitos con esta decisión municipal, xa que afirmaron que contribuíu a aumentar as súas vendas.


O CEIP DE QUIROGA INTÉGRASE NO PROXECTO ABALAR

O Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga contará a partir do vindeiro curso cunha aula dixital ao integrarse dentro do proxecto Abalar da Xunta de Galicia.

O obxectivo é que a partir de setembro os alumnos de quinto de primaria conten con computadores portátiles para traballaren na aula en todas as materias. O proxecto ampliarase no seguinte curso, xa que a intención da Xunta é que no 2013 os dous últimos cursos de primaria, é dicir, quinto e sexto, conten con aulas dixitais.

9 ago 2011

QUIROGA ACOLLE MAÑÁ A XX MOSTRA DO MEL

Hoxe, a partir das oito e media do serán, terá lugar na Casa da Cultura unha reunión dos apicultores participantes na vixésima Mostra do Mel de Quiroga que se celebra mañá.

Nesta xuntanza sortearanse os postos de venda e entregaránselles as credenciais aos dez apicultores participantes nesta edición.

Mañá, propio día da mostra, ás 12 horas, celebrarase o acto de inauguración e durante toda a mañá, ata pasado o mediodía, poderán mercarse no recinto da feira mel e outros produtos típicos da zona.

Nesta edición, os postos de venda e exposición do produto recuperarán o seu antigo emprazamento na rúa Real como se xa se fixera durante a maioría das edicións do evento gastronómico, en concreto na parte alta da rúa nas inmediacións da Casa do Concello. Nos últimos anos a mostra trasladárase á praza de España e concentrou alí toda a actividade.

Os prezos do mel que se porá á venda durante esta xornada quedaron fixados en 4 € para o envase de ½ kg e 6 € para o de 1 kg.

Os 10 apicultores participantes neste edición son:

• José Río Espada, de Pacios de Mondelo
• Isabel Marcos López, da Ponte Rodela
• Manuel Macía González, das Estradas
• Ángel Gómez Martínez, de Paradapiñol
• Andrés Campo García, de Fisteus
• Manuel Rodríguez Fernández, de Centeais
• Agripino Ferreira Machado, de Quiroga
• Mª Luisa Fernández Gafo, de Caspedro
• Blanca Carballo Rodríguez, de Quiroga
• Manuel Macía Castiñeira, de Quiroga



OS MOZOS QUIROGUESES DESFRUTARÁN UN DÍA NO AQUAPARK

O Concello de Quiroga organizou unha viaxe ao parque acuático de Cerceda, Aquapark, para este xoves, día 11 de agosto. A viaxe vai dirixida a rapaces maiores de dez anos.

A saída para esta excursión está prevista para as nove e media da mañá diante da cafetería Quiper e o regreso ás sete da tarde, co que se chegará a Quiroga sobre as nove da noite.

Os rapaces irán acompañados de dous monitores e disporán de autobús gratuitamente, soamente deberán pagar a entrada ao parque e levar a comida.

O límite de prazas está fixado en 55, polo que os rapaces interesados en participar deberán anotarse canto antes na Casa da Cultura.





8 ago 2011

QUIROGA ACOLLE UN CURSO DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA A PERSOAS DEPENDENTES

Quiroga acollerá un curso de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (certificado de profesionalidade de nivel 2). Este curso está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo e terá unha duración de 468 horas.

O curso impartirase no centro social de Quiroga. Comezará mañá martes día 9 de agosto e rematará o dous de decembro, en horario de catro da tarde a dez da noite. Durante o mes de novembro realizaranse as prácticas.

Os participantes recibirán unha bolsa de 7 € ao día por asistencia e aqueles que teñan fillos menores de 6 anos ao cargo; ou persoas dependentes ao cargo, recoñecidas legalmente; cando as rendas por persoa no domicilio non excedan de 400 € mensuais, recibirán unha bolsa de conciliación de 13,31 €/día.

O colectivo prioritario ao que vai destinado é o de persoas desempregadas inscritas na oficina de emprego como demandantes. Tamén poden participar traballadores en activo. Esixiranse uns requisitos mínimos de acceso: ter a ESO, FP1 ou certificado de profesionalidade da rama sanitaria e nivel de galego acreditado CELGA 2 ou iniciación.

5 ago 2011

ESTA TARDE DISPÚTASE A GRAN FINAL DO TORNEO DE FÚTBOL 7

Hoxe dispútase a gran final do torneo de Fútbol 7 festas de verán, que se iniciou o pasado luns, no campo de fútbol San Martiño.

A partir das seis disputarase o 3º e 4º posto entre o Ribeira e os Cadetes. Ás sete haberá un partido feminino, onde as rapazas quiroguesas se enfrontarán ao Monteforte de Monforte, e ás oito disputarase a gran final deste torneo, enfrontando aos Pablitos contra A Plaza.

Pero estes non serán os únicos deportes que se organizaron con motivo das festas de verán xa que mañá sábado pola mañá, a partir das doce do mediodía na pista de tenis municipal, disputarase o 1º Open de Tenis nas categorías infantil e alevín.

O sábado pola tarde no pavillón municipal disputarase o III Basket 3X3 a partir das seis da tarde.

E o domingo, ás sete e cuarto da tarde, terá lugar a presentación do novo equipo de fútbol de Quiroga que disputará un partido no campo do San Martiño contra o Chantada Atlético.

4 ago 2011

A OFICINA DO ARI RECIBE 45 000 €

Un total de 32 concellos recibirán da Consellería de Medio Ambiente 2 millóns de euros para financiar oficinas de rehabilitación que informen sobre as axudas a vivendas.

A tenente de alcalde, Ana Núñez, desprazouse ata Santiago de Compostela para asinar este convenio co conselleiro Agustín Hernández, polo que Quiroga recibirá 45 600 € para os gastos de mantemento da oficina situada no Centro de Formación Ocupacional que tramita as axudas da Área de Rehabilitación Integral de Quiroga (ARI).

HOXE COMEZAN AS FESTAS DE QUIROGA

Hoxe xoves unha nova actuación do programa Música na rúa dá o pistoletazo de saída a 4 días de festa na vila. A actuación será diante do bar Chapakuña a partir das once da noite.

Xa á unha da madrugada os actos trasladaranse á zona dos pubs onde dará comezo a festa da xuventude coa actuación dos grupos locais: Lethal Chains, Santa Compaña e Utopía. Ao inicio desta festa farase entrega dos premios aos gañadores do concurso de fotografía. Neste concurso, no que houbo unha vintena de fotos participantes, a foto gañadora foi “A PONTE DO FRADE”, presentada por Aura Pacheco Velásquez. Como premio, a gañadora recibirá unha cámara e ademais haberá un detalle para todos os participantes.

O venres dentro das actividades festivas, ás doce do mediodía, a banda de gaitas San Martiño fará unha alborada e á unha, xunto co grupo de danzas, actuará entre o bar Zorro e a cafetería Félix. A partir das nove da noite dará comezo o prato forte da xornada coa celebración da VI Merenda Popular da Comunidade de Montes da Conchada, no parque da Constitución.

Nesta edición a merenda-cea estará composta por codillo con guarnición de arroz, empanada, viño e refrescos. As persoas interesadas en participar deberán sacar previamente un vale, á venda nos bares Compañía, Quiper, Cine, Portón, Félix, Zorro, Lago, Palmeras, Chapakuña e finalmente no centro social. Tamén o día 5 no propio recinto da festa poderan adquirirse a un prezo de tres euros.

Tras o remate da merenda, comezará a festa que estará animada polo dúo local Fondo Tropical.

O sábado, ás once da mañá, a alborada virá da man da banda de ANTAS DE ULLA, que ofrecerá un concerto á 1 do mediodía diante da casa do concello. Pola tarde, a partir das seis, os máis cativos da casa poderán participar no III Concurso Pinta con Xiz no chan na praza de España. Unha vez que remate este concurso dará comezo unha gran festa infantil con FANTASÍA ANIMACIÓN. Ás oito e media terá lugar a actuación de dous grupos de danza tradicional: a Asociación LEVAMOS de Monforte e a Asoc. CRUZ DE SANTIAGO de Villanueva de los Infantes. A partir das nove e media da noite comezará a festa coas orquestras Pontevedra e o Grupo Máster.

O domingo día 7, á unha do mediodía, terá lugar un espectáculo de rúa coa Compañía Troula Animación e o seu espectáculo MOULIN ROUGE, ao longo da rúa Real. Ás sete e media, na praza de España, haberá xogos para os máis cativos cun parchís xigante, un scaléxtric dixital e un xogo de enredo. As orquestras do domingo serán Costa Oeste e o Grupo Alkar.

Dentro do programa das festas deste ano o Concello tamén incluíu a XX Mostra do Mel que se inaugurará o mércores día 10 ás 12 do mediodía.



3 ago 2011

A ASOCIACIÓN SOCIOCULTURAL DA COMARCA DE QUIROGA ORGANIZA UNHA EXPOSICIÓN DE PINTURA

A Asociación Sociocultural da Comarca de Quiroga organizou a primeira exposición colectiva de pintura dos seus alumnos, que inaugurará este xoves, día 4, a partir das oito do serán na sala de exposicións da Casa da Cultura.

Nesta exposición pódense ver obras das pintoras: Sara Iglesias, Charo González, Remedios Estévez, Émily González, Mª Carmen Macía, Delia López, Lucía Álvarez e Sara Casanova.

Esta exposición permanecerá aberta dende este xoves ata o 15 de agosto e poderase visitar en horario de dez da mañá a dúas do mediodía e pola tarde dende as catro ata as nove da noite.

1 ago 2011

COMEZAN OS DEPORTES ORGANIZADOS PARA AS FESTAS DE VERÁN

A área de Deportes do Concello organizou un torneo de Fútbol 7 festas de verán. Este torneo, que se disputa en varias categorías, comeza esta tarde no campo de fútbol San Martiño e desenvolverase ata o venres dende as sete da tarde ata as dez da noite.

Esta tarde empezan os partidos na categoría sénior, cos encontros entre Os Cadetes e Os Borja, ás sete da tarde, A Praza e Torcebotas, ás oito e Veteranos contra A Ribeira, ás nove da noite.

Os encontros de categorías inferiores tamén se inician hoxe. Ás sete da tarde realizaranse os sorteos para formar os distintos equipos. Os rapaces que queiran participar deben achegarse a esta hora ao campo de fútbol.

PRETO DE 40 CICLISTAS NA ESPECTACULAR RUTA DE MOUNTAINBIKE VAL DE QUIROGA

O domingo, a partir das dez da mañá, daba comezo na praza de España a IV Ruta Mountainbike "Val de Quiroga". Esta proba de carácter non competitivo, na que participaron preto de corenta ciclistas, discorreu por varias das zonas máis belas do val cun percorrido de aproximadamente uns 35 quilómetros. A participación restrinxiuse a persoas maiores de 18 anos debido á elevada quilometraxe.

A ruta comezou no paseo fluvial ata a zona da Ribeira e desde alí subiron polo Camiño Real ata Caspedro. Aquí empezou a subida máis dura que os levaría dende Castromouco ata a Cruz das Eiras. Neste último punto sería onde se faría o primeiro reagrupamento e avituallamento.

Tras este pequeno descanso, continuaría a ruta ata Bustelo de Fisteus e unha gran baixada levaría aos ciclistas ata A Rodela. Logo comezarían novamente a subir ata Vilaboa, Carballo, Vilañán, O Souto e San Xulián de Arriba, onde novamente se reagruparían os corredores para chegaren todos xuntos ao final da ruta.

Nas piscinas, e tras o esforzo realizado, todos os participantes puideron desfrutar duns petiscos e bebidas que a organización lles tiña preparados antes de entregarlles unhas camisetas como recordo.