24 feb 2016

NUMEROSOS PREMIOS PARA O QUIROGA DE TAPAS QUE ARRANCA O 17 DE MARZO

          O Concello de Quiroga a través da Área de Xuventude, convoca o 5ª edición do Concurso "Quiroga  de Tapas" que este ano se desenvolverá entre os días 17 e 25 de marzo.

Nesta edición participan vinte establecementos da vila: Adega de María,  Vinoteca Quiroga, Bar as Palmeras, Bar o Portón, Bar Raposo, Bar Quiper, A Taberna, Pub Ruxe-Ruxe,  Bar Lago, Bar Félix, Restaurante o Roxo Vivo, Casa Torres, Bar Chapakuña 3, O Recuncho de Dino, Mesón Ferreiriño, Mesón Escaleira, Restaurante Dimar,  Parrillada a Barca, Bar Dakar e Mesón da Clara.

Na presente edición hai numerosos premios para as persoas que completen o circuito e emitan o seu voto á mellor tapa entre todas as participantes. Así poden optar a un premio de  300,00€ en metálico; un circuito termal, con estancia, almorzo e comida no Balneario de Augas Santas(Pantón) para dúas persoas; unha estancia e almorzo para dúas persoas na Hospedería Ferrería de Quintá; unha estancia para dúas persoas na Aldea Rural “O Busto” (Pobra de Brollón); unha noite para dúas persoas no Hotel Conde de Lemos (Monforte); varias comidas ou ceas para dúas persoas en diversos establecementos; unha visita ás instalacións e degustación de Viño para catro persoas no Centro doViño Ribeira Sacra; ou un lote de productos  típicos de Caurelor, Lar de Ricobao, Porvide e Morriña.
         
Pola súa banda o local gañador da mellor tapa da presente edición recibirá100 € e unha praca conmemorativa.

          En breves días cada establecemento partipante dará a coñecer a tapa coa que participa no concurso. O Concello distribuirá nos locais participantes cartillas de votación “tapacartóns”, a disposición gratuíta do público consumidor, que será quen determine o gañador do concurso. Ademáis, en todos os establecementos participantes, estarán situadas as urnas oficiais de votación.
         
          A tapa presentada ó concurso, deberá estar exposta de forma destacada, así como a disposición do público consumidor, a un precio de venda ó público de 1,50 €.

          

O TRAIL DO CASTELO DISPÚTASE ESTE SÁBADO EN QUIROGA

           Quiroga Trail Challenge é un trail que se celebra en Quiroga organizado pola empresa Tourgalia. Este evento componse de duas probas en duas datas diferentes que puntúan conxuntamente: O Trail do Castelo e o Trail do Lor.

          O primeiro, o Trail do Castelo, que se disputa este sábado 27 de febreiro, recibe o seu nome por pasar polo Castelo de Torrenovaes. Ten tres distancias. Unha Ultra trail, a novidade desta edición 2016, que acumula 6.500 metros de desnivel en 62 kilómetros, o Trail, de 4.800 metros en 42 kilómetros e o Mini Trail, de 2.600 metros en 23 kilómetros. Un percorrido, na que os participantes sairán en dous turnos, os primeiros, os participantes nos dous recorridos máis longos, ás oito da mañá e os segundos unha hora máis tarde, dende as instalacións do Albergue Municipal. Cada unha das distancias estará identificada cunha cor. O Ultra Trail irá identificado coa cor laranxa, o Trail coa cor Amarela e finalmente o Mini Trail coa cor magenta. Estas cores identifican tanto os dorsais como as sinalizacións no mapa e no circuito.

          O segundo, o Trail do Lor, que se celebrará o 7 de maio, que recibe este nome polos numerosos pasos que hai polo río Lor, é das carreira máis duras de Galicia. Con 6.000 metros de desnivel acumulado en 46 kilómetros e 2.200 metros en 18 kilómetros, os corredores que se atrevan a intentalo deberán superar unha e outra vez a canle do río Lor e as montañas que o rodean.

     Ámbolos dous eventos forman unha soa competición, o Quiroga Trail Challenge, que conta con 450 inscritos. 

22 feb 2016

ESTA TARDE COMEZAN AS CLASES DE ALEMÁN NA CASA DA CULTURA

       Hoxe luns comezan as clases de alemán organizadas dende a área de cultura do concello. Estas clases impartiranse todos os luns dende as cinco menos cuarto da tarde ata as seis menos cuarto.
         Esta actividade que se desenvolve unha hora por semana, ten un custo de 15 € por mes.

Aínda que o inicio é esta tarde, as persoas interesadas aínda poden inscribirse dirixíndose á casa da Cultura, persoalmente ou a través do teléfono 982.43.51.25, onde tamén recibirán máis información.

19 feb 2016

CIRCUITOS TERMAIS NO BALNEARIO DE AUGASANTAS TODOS OS MÉRCORES

          O Concello de Quiroga, organiza dende hai varios anos o Programa de Ocio Saudable que vai poñer novamente en marcha.
Así ao longo de seis semanas nos meses de marzo e abril,  unha tarde por semana organizase a viaxe e a realización dun circuito termal de duas horas no Balneario de Augasantas, en Ferreira de Pantón. Este ano, o día da actividade será os mércores entre as catro e media da tarde, hora de saída dende Quiroga ata as oito do serán, hora de chegada.
        As persoas interesadas poden anotarse na Casa da Cultura  ata o vindeiro día 22 de febreiro, onde tamén recibirán máis información. Dado que as prazas son limitadas os interesados deberán facer a inscrición canto antes.

NOVA ENTREGA DO PROGRAMA "CONTACONTOS EN INGLÉS"

          Este sábado haberá unha nova entrega do progama “Contacontos en Inglés”, que o concello de Quiroga, a través da Área de Educación e Infancia,  puxo en marcha para todos os nenos e nenas  do municipio. 
           O obxectivo desta actividade é contribuír ao achegamento das nenas e dos nenos a unha nova lingua e cultura para lograr a comunicación na lingua estranxeira  de igual xeito que nas linguas ambientais.
 A través dos contacontos, mediante unha metodoloxía lúdica e participativa, trátase de complementar  a formación  académica dos nenos e nenas no tempo de ocio e lecer.

Esta actividade, gratuíta, desenvolveráse  todos os sábados, entre as doce da mediodía e a unha da tarde, no Salón de Actos da Casa da Cultura

12 feb 2016

CURSO HOMOLOGADO DE MONITOR DE TEMPO LIBRE

O concello de Quiroga, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, vai poñer levar a cabo un curso de monitor de tempo libre, homologado pola Xunta de Galicia.
O curso intensivo, terá unha duración de 200 horas e impartirase durante as fins de semana dos meses de marzo, abril e maio. O inicio está previsto para o sábado día 12 de marzo, en horario de nove da mañá a duas da mediodía, e pola tarde, dende as catro ata as nove.
O concello de Quiroga aporta o 50% do prezo da matrícula para os empadroados no noso municipio polo que tería un custo de 110 €; para os demais, o prezo do curso sería de 215 €.

Para máis información ou para formalizar as inscripcións deben dirixirse á Casa da Cultura.

10 feb 2016

A PARTIR DESTE SÁBADO CONTACONTOS EN INGLÉS PARA TODOS OS NENOS

            O Concello de Quiroga, a través da Área de Educación e Infancia,  poñerá en marcha unha nova actividade  dirixida a todos os nenos e nenas  do municipio, Contacontos en inglés. 
           O obxectivo desta actividade é contribuír ao achegamento das nenas e dos nenos a unha nova lingua e cultura  para lograr a comunicación na lingua estranxeira  de igual xeito que nas linguas ambientais.
 A través dos contacontos, mediante unha metodoloxía lúdica e participativa, trátase de complementar  a formación  académica dos nenos e nenas no tempo de ocio e lecer.
Esta actividade, gratuíta, desenvolveráse  todos os sábados, entre as doce da mediodía e a unha da tarde, sendo este sábado, día 13,  a primeira sesión no Salón de Actos da Casa da Cultura

5 feb 2016

CURSO DE INICIACIÓN Á CERÁMICA NO MUSEO ETNOGRÁFICO

       O Museo Etnográfico Municipal acollerá un cruso de inciación á cerámica que se desenvolverá durante os meses de marzo e abril.
O curso está previsto que comece o día 2 de marzo, desenvolvéndose todos os martes e os xoves, en horario de catro e media a seis e media da tarde ou ben de sete da tarde a nove da noite.
          O prezo deste curso será de 37 € por mes, dentro do que se inclúe a formación, os materiais empregados así como as ferramentas e cocións. As pezas realizadas serán para os participantes.
          As persoas interesadas en participar ou en recibir máis información, deberán de dirixirse a Casa da Cultura, persoalmente ou a través do teléfono 982.43.51.25, antes do 29 de febreiro.

QUIROGA ACOLLERÁ A PRESENTACIÓN DA REEDICIÓN DO LIBRO DE MANUEL MARÍA "SONETOS AO VAL DE QUIROGA"

       O Auditorio Municipal de Quiroga acollerá o venres día 12 de febreiro, a partir das doce e media da mediodía, a presentación da reedición do libro Sonetos ao Val de Quiroga de Manuel María.

No acto, no que participarán todos os alumnos e alumnas dos CEIP de San Clodio e Quiroga e o IES de Quiroga, faráselles entrega de cadanseu exemplar a todos os alumnos.

Esta reedición correu a cargo dos Concellos de Ribas de Sil e Quiroga, coa implicación da Casa-Museo Manuel María, e contou coa participaron de todos os estudantes destes centros realizando os debuxos que acompañan aos orixinais da primeira edición, que foran realizados polo pintor quirogués Xosé Teixelo.

Os responsables de cada un dos centros foron os encargados de seleccionar as ilustracións alusivas que acompañan a cada un dos 30 sonetos compostos polo poeta Manuel María ao que se lle rende homenaxe na edición das Letras Galegas deste ano.

No acto, que sirve como pretexto para facerlle entrega aos rapaces e rapazas do libro, contarase coa colaboración de Antón Laxe da Fundación Manuel María, que terá un recordo para o poeta e a súa forte vinculación coas terras do Val do Sil e explicará o funcionamento da Fundación e a Casa Museo de Manuel María.


3 feb 2016

AS COMPARSAS DE ENTROIDO SERÁN UN ANO MÁIS QUEN DECIDAN SE O DESFILE SE CELEBRA O DOMINGO

         A comisión das festas de Entroido reuniuse onte nunha mesa técnica para organizar o desfile de comparsas de entroido, que terá lugar este domingo día 7 de febreiro.
          Na xuntanza falouse de dous temas importantes, a seguridade durante o desfile e as predicións meteorolóxicas para a xornada do domingo.
          En canto á seguridade, voluntarios de protección civil e persoal do grupo municipal de emerxencias encargaranse de cortar os cruces de acceso a rúa Real, por onde desfilarán as carrozas. Tamén a Policía Local, que xa anunciou a prohibición de estacionar nesta rúa dende as catro e media da tarde ata o remate do desfile de comparsas, acompañará á comitiva.
          Outro dos puntos tratados foron as predicións meteorolóxicas. A comisión decidiu que sexan os propios integrantes das comparsas os que decidan na xuntanza que terán o venres pola noite, os que decidan se en caso de choiva pospoñen o desfile.
          Nos dous últimos anos, as comparsas participantes, e dadas as adversas condicións meteorolóxicas, decidiran pospoñer o desfile e celebrarlo ao domingo seguinte. Nas duas ocasións foi un acerto xa que o tempo acompañou ao colorido desfile.
          Durante a xornada de mañá aínda estará aberto o prazo para formalizar as incripcións tanto de comparsas como de disfraces individuais.  Este ano están establecidos tres premios: un primeiro premio de 500 €, o segundo de 300 € e un terceiro  premio de 150 €. O  resto das comparsas participantes recibirán 60 €. Na modalidade de disfraces individuais, haberá un único premio de 60 €.
        O desfile de comparsas non será a única actividade relacionada co entroido, o luns día 8 de febreiro, terá lugar unha Festa Infantil de disfraces, a partir das cinco da tarde no disco pub Yoya.   
        Este mesmo día, os mozos e mozas poderán acudir a Salcedo nunha excursión organizada dende o departamento de Xuventude, para ver a saída do Oso. A saída será dende a casa da cultura ás catro da tarde. As persoas interesadas en participar deberán de inscribirse previamente na casa da cultura, no tfno. 982.43.51.25 e desenvolsar 5€.
           Tamén o Centro Social terá actividades de entroido. O sábado día 6, terá lugar a xornada de animación e convivencia social na que os socios están convidados a degustar os doces típicos de entroido  e  sangría para beber. E o martes día 9, organiza un baile de disfraces aberto para todas as persoas adultas sexan socios ou non do Centro.
          E Campos de Vila temén celebra estas festas e farao o sábado. A partir das duas da mediodía celebrarán un xantar popular no local social do pobo, a base de cocido de porco. Para acudir ao xantar é preciso sacar previamente a invitación. E pola tarde, a partir das seis e media haberá un baile de disfraces amenizado polo Trio Salero.