3 feb 2016

AS COMPARSAS DE ENTROIDO SERÁN UN ANO MÁIS QUEN DECIDAN SE O DESFILE SE CELEBRA O DOMINGO

         A comisión das festas de Entroido reuniuse onte nunha mesa técnica para organizar o desfile de comparsas de entroido, que terá lugar este domingo día 7 de febreiro.
          Na xuntanza falouse de dous temas importantes, a seguridade durante o desfile e as predicións meteorolóxicas para a xornada do domingo.
          En canto á seguridade, voluntarios de protección civil e persoal do grupo municipal de emerxencias encargaranse de cortar os cruces de acceso a rúa Real, por onde desfilarán as carrozas. Tamén a Policía Local, que xa anunciou a prohibición de estacionar nesta rúa dende as catro e media da tarde ata o remate do desfile de comparsas, acompañará á comitiva.
          Outro dos puntos tratados foron as predicións meteorolóxicas. A comisión decidiu que sexan os propios integrantes das comparsas os que decidan na xuntanza que terán o venres pola noite, os que decidan se en caso de choiva pospoñen o desfile.
          Nos dous últimos anos, as comparsas participantes, e dadas as adversas condicións meteorolóxicas, decidiran pospoñer o desfile e celebrarlo ao domingo seguinte. Nas duas ocasións foi un acerto xa que o tempo acompañou ao colorido desfile.
          Durante a xornada de mañá aínda estará aberto o prazo para formalizar as incripcións tanto de comparsas como de disfraces individuais.  Este ano están establecidos tres premios: un primeiro premio de 500 €, o segundo de 300 € e un terceiro  premio de 150 €. O  resto das comparsas participantes recibirán 60 €. Na modalidade de disfraces individuais, haberá un único premio de 60 €.
        O desfile de comparsas non será a única actividade relacionada co entroido, o luns día 8 de febreiro, terá lugar unha Festa Infantil de disfraces, a partir das cinco da tarde no disco pub Yoya.   
        Este mesmo día, os mozos e mozas poderán acudir a Salcedo nunha excursión organizada dende o departamento de Xuventude, para ver a saída do Oso. A saída será dende a casa da cultura ás catro da tarde. As persoas interesadas en participar deberán de inscribirse previamente na casa da cultura, no tfno. 982.43.51.25 e desenvolsar 5€.
           Tamén o Centro Social terá actividades de entroido. O sábado día 6, terá lugar a xornada de animación e convivencia social na que os socios están convidados a degustar os doces típicos de entroido  e  sangría para beber. E o martes día 9, organiza un baile de disfraces aberto para todas as persoas adultas sexan socios ou non do Centro.
          E Campos de Vila temén celebra estas festas e farao o sábado. A partir das duas da mediodía celebrarán un xantar popular no local social do pobo, a base de cocido de porco. Para acudir ao xantar é preciso sacar previamente a invitación. E pola tarde, a partir das seis e media haberá un baile de disfraces amenizado polo Trio Salero.

No hay comentarios:

Publicar un comentario