28 feb 2011

MAÑÁ DÍA 1 DE MARZO COMENZAN A PRESTAR SERVIZO OS TRABALLADORES SELECCIONADOS POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO DO PLAN LUGO EMPREGA

Esta mañá tiña lugar na casa consistorial a firma de contratos dos 9 traballadores seleccionados pola Deputación do plan Lugo Emprega, para o Concello de Quiroga.


O grupo de traballadores que resultaron beneficiarios do plan comezarán a traballar mañá día 1 de marzo, vestidos con funda verde e co anagrama da Deputación Provincial de Lugo, prestarán os seus servizos durante seis meses en labores de mantemento, conservación e mellora dos servizos públicos de carácter municipal.

24 feb 2011

PROGRAMACIÓN CULTURAL PARA OS MESES DE FEBREIRO A XUÑO

O Concello  de Quiroga   acaba de editar o folleto de presentación da  programación cultural para os meses de febreiro a xuño. As actividades aquí recollidas son  as alternativas que ofertamos aos veciños e veciñas de Quiroga  para o tempo de ocio e lecer  froito da  coordinación entre os distintos servicios municipais encargados cada un deles dun sector poboacional: muller, xuventude, infancia, terceira idade, etc.

 Obradoiros de distintas disciplinas,   teatro , animación infantil, animación á lectura participando no Programa “Letras Vivas” da Consellería de Cultura,  cursos de formación, actividades  deportivas para todas as idades, música, baile etc.;  un amplo abano de posibilidades para todos os  quirogueses durante os meses de outubro, novembro e decembro.

Cabe salientar no eido deportivo,  a intensa labor  das Escolas Deportivas Muncipais, tanto nos seus entrenamentos ao longo da semana coma na participación en  competicións tales como  o Programa “ Xogade” da Xunta de Galicia. Resaltar tamén no  ámbito deportivo a VII Carreira Popular Feira do Viño de Quiroga.

Na  Área de Infancia, destacamos  a  Ludoteca,  que oferta  actividades os martes e xoves  e na que participan nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos.
Así mesmo, reseñamos a importancia  da continuidade  das actividades formativas  enmarcadas no  “Proxecto de Apertura de Centros Educativos Fóra de Horario Lectivo”, cofinanciado pola Consellería de Educación e Ordenación Univeristaria, tanto polo número de obradoiros ( informática, inglés, técnicas de estudio, teatro) coma polo amplo sector da poboación que abarcan xa que están dirixidos a nenos e nenas  dende infantil, primaria e secundaria  ata  pais e nais.

Dentro  das actividades dirixidas aos nosos maiores: baile, manualidades, ximnasia, sendeirismo e saídas culturais ,etc organizadas no Centros Social da Terceira Idade.

Pola súa banda o  CIM,  a maiores de  rutas sendeirismo “COÑECE O TEU CONTORNO”,  da organización de  exposicións, e xornadas de cata,  co gallo da comomemoración do “Día Internacional de Muller   levará a cabo dúas iniciativas:

Unha exposición de Mulleres Pintoras, entre o día 5 e o 19 de marzo e Obradoiros de Igualdade  no CEIP  de Quiroga.

23 feb 2011

O C.I.M. ORGANIZA UN OBRADOIRO DE RISOTERAPIA

O Concello de Quiroga organiza para este sábado día 26 un obradoiro de risoterapia no que poderán participarn mulleres de toda a comarca. A sesión desenvolverase no ximnasio municipal, dende as 5 ata as 7.

Para participar é preciso inscribirse no Centro de Información á Muller, ubicado na casa do concello ou nos números de teléfono 982 438 951 e 982 428 001. As interesadas teñen de prazo ata o venres día 25.

O número de prazas está limitado a quince persoas. En caso de excederse esta cifra, primará a orde de inscrición dás solicitantes.

17 feb 2011

NOVA ACTIVIDADE DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA: XINCANA "O CLAN DA LOBA".

O Concello de Quiroga está a participar en varias actividades de dinamización ligüística organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así no mes de decembro desenvolveuse o obradoiro “Detrás da Canción”, no mes de xaneiro os obradoiros de escrita e creativa “Palabras no Ar” e o vindeiro luns, día 21, a partir das 12:30h., no Polideportivo Municipal; terá lugar a “Xincana o Clan da Loba”. Os destinatarios desta proposta son rapaces e rapazas entre os 12 e os 16 anos, que participarán neste interesante proxecto grazas a colaboración do IES DE QUIROGA.

Esta actvidade está pensada para introducir aos rapaces/zas na lectura, neste caso a través da triloxía da Guerra das Bruxas de Maite Carranza.

Pretende tamén esta actividade ofrecerlles unha proposta dinámica e lúdica arredor da lectura ao tempo que se lles dá unha porta de entrada á páxina web, onde vai ter lugar o resto da actividade.

A guerra das bruxas é unha viaxe lúdica na que, a través dunhas xincanas e unha posterior actividade os rapaces e rapazas se introducen no mundo da bruxería e dos clans.

A lingua e a comunicación son os grandes protagonistas da actividade. Na xincana, realizada pola empresa Reverso, os participantes representan a catro clans que deben pasar varias probas para conseguir portar o cetro do poder.

Máis tarde, a través da web, os mozos e mozas poderán participar en concursos, tests, xogos, propostas de escrita creativa e actividades relacionadas co texto que inspira esa actuación

16 feb 2011

O 6 DE MARZO CELEBRASE O CONCURSO DE DESFILE DE COMPARSAS

O Concello de Quiroga, co gallo da celebración do Entroido, organiza para o día 6 de marzo un concurso de disfraces para comparsas e participantes individuais. 

1.- Poden participar todas as comparsas que o desexen tanto deste Concello coma doutros, sempre e cando estean integradas por dez membros como mínimo.

1.1.- Establécense os seguintes premios para a modalidade de comparsa:

* Un primeiro premio de 500,00 €

* Un segundo premio de 300,00 €

* Un terceiro premio de 150,00 €

* Cada comparsa participante recibirá 60€.

2.- Ademais das comparsas, poden participar disfraces individuais, (nesta modalidade o máximo serán tres membros por grupo).

2.1-Establécese un único premio para esta modalidade de 60,00 €.

3.- O Xurado estará integrado por un membro de cada comparsa participante que despois de asistir ao desfile valorará a cada comparsa menos á que representa.

4.- A saída terá lugar da Rúa das Piscinas, o domingo día 6, ás cinco da tarde, continuando pola Rúa Real ata a Casa da Cultura.

5.- Valorarase especialmente a orixinalidade dos disfraces, a coreografía e a escenografía.

6.- As inscricións faranse na Casa da Cultura ata o día 1 de marzo , ou ben chamando ó teléfono 982435125.

7.- A entrega de premios terá lugar diante do Concello, no baile de disfraces amenizado polo DÚO FONDO TROPICAL.

8.- A participación neste concurso supón a aceptación destas bases.

III ENCONTRO DE CORAIS EN QUIROGA

A Agrupación Coral Polifónica de Quiroga organiza para o vindieiro sábado, día 19 de febreiro, o “ III ECONTRO DE CORAIS EN QUIROGA”. Este certame, no que colaboran co seu patrocinio o Concello de Quiroga e a Deputación Provincial, ten como obxectivo contribuir a difusión cultural, dentro do eido musical, no noso municipio.

Este colectivo está a desenvolver a súa actividade dende o ano 1991, data na que nace no seo da Asociación SocioCultural da Comarca da Quiroga á que pertenecerá ata o ano 1993. A partir dese momento, constitúse como asociación independiente e entra a formar parte da FECOGA.

Ao longo destes 19 anos, a Coral Polifónica de Quiroga, desenvolveu unha gran labor como o demostra a súa participón en varios programas da T.V.G. e da T.V.E.; cantaron na Catedral de Santiago na Misa do Peregrino e en abril de 1997 gravan o seu primeiro CD con doce temas que inclúen música popular galega, música sacra, habaneras e panxoliñas.

Dende sempre, esta agrupación participou activamente na vida cultural de Quiroga en programas culturais promovidos polo Concello e tamén nas programacións culturais da Consellería de Cultura e da Deputación Provincial, á vez que partipa en diversos festivais, certames e intercambios. Froito dos contactos realizados na participación destes eventos é este certame, no que participarán este ano, a maiores dos anfitrións o ORFEÓN TRIVES e a CORAL “ALBRICIAS” DE MACEDA.

A este acto poden acudir todas as persoas que o desexen o vindeiro sábado día 19 no Auditorio Municipal de Quiroga partir das 19:30h.


ARRANXOS NO CEMITERIO DE SAN SALVADOR DE HOSPITAL

Na Xunta de Goberno da Corporación do Concello de Quiroga acordouse a concesión dunha subvención para o acondicionamento dos accesos interiores ás distintas sepulturas do Cemiterio parroquial de San Salvador de Hospital. O concello de Quiroga colaborará economicamente e con man de obra.

O inicio das obras será inmediato.

14 feb 2011

A RADIO MUNICIPAL EMITE O PROGRAMA "PALABRAS NO AR" REALIZADO POR ALUMNOS DO C.E.I.P. E O I.E.S.

No pasado mes de xaneiro tiña lugar na casa da cultura o programa de dinamización linguística " Palabras no Ar" patrocinado pola Secretaria Xeral de Política Linguística coa colaboración do Concello de Quiroga.

Nestes obradoiros participaron alumnos do CEIP e do IES de Quiroga, que desenvolveron estratexias lúdicas e creativas para fomentar o uso do galego como vehículo de comunicación.

Estes obradoiros de escrita e creativa tiveron como eixo motivador uns contos e adiviñas nos cales se potenciou a imaxinación e a creatividade dos rapaces. Un feixe de refráns do lobo, do monte e da neve que a imaxinación dos máis pequenos transformou nun enredo de adiviñas.

Os traballos realizados estes días polos rapaces do colexio e o instituto, podédelos escoitar na Radio Municipal de Quiroga, dende hoxe ata o venres 18 a partir das 6 da tarde sintonizando o 107.3.

10 feb 2011

REPRESENTACIÓN DA OBRA TEATRAL "BON APPETIT " A CARGO DOS ALUMNOS DO OBRADOIRO DE TEATRO

Ao longo do ano o Concello de Quiroga ten en marcha o ambicioso “PROXECTO DE APERTURA DE CENTROS EDUCATIVOS PÚBLICOS FÓRA DE HORARIO LECTIVO” no que colabora a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a través do que se están a impatir informática para nenos e adultos os martes e os xoves; técnicas de estudio os xoves; clases de inglés os mércores e teatro os sábados pola mañá.

Os alumnos e alumnas de teatro, froito do traballo realizado nas súas clases; represetarán o vindeiro sábado, día 12 as 19:00h. a obra “ BON APPETIT”, no Auditorio Municipal.

4 feb 2011

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NA XXIX FEIRA DO VIÑO

Nesta semana reuniuse a Comisión Organizadora da XXIX Feira do Viño de Quiroga, presidida polo mandatario local, Julio Álvarez. Nesta reunión perfiláronse os requisitos para participar na XXIX edición, que terá lugar os días 23 e 24 de abril:

- Cantidade mínima: 200 botellas de viño branco e 250 botellas de viño tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega.

- Graduación alcohólica mínima: 12 º para o viño branco.

11,5 º para o viño tinto.

- Acidez volátil máxima: 0,5 gr. acético/l. para o viño branco.

0,6 gr. acético/l. para o viño tinto.

A data límite para que os colleiteiros interesados en participar cos seus caldos o comuniquen a comisión organizadora é o día 11 de febreiro.

Unha vez rematado dito prazo, procederanse a realizar os análises organolépticos dos caldos.

1 feb 2011

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NAS ACTIVIDADES DE FORMACIÓN BÁSICA DE ADULTOS DO CONCELLO DE QUIROGA.

Dende o día 2 ata ó 28 de febreiro está aberto o prazo para participar nas actividades de Formación Básica de Adultos do Concello de Quiroga, para os niveis I e II; como paso previo á preparación das probas oficiais para a obtención de titulacións oficiais como o Graduado en E.S.O.
Os interesados poden anotarse ou solicitar máis información nas Oficians dos Servizos Sociais do Concello de Quiroga, en horario de 10 a 13 horas de luns a xoves, ou chamar aos teléfonos 982428001/982435125.
A data de inicio do curso será o día 1 de marzo e rematará o día 30 de setembro, cun total de 262 horas lectivas.
Esta actividade é gratuíta e está organizada polo Concello de Quiroga coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

O CONCELLO DE QUIROGA PROMOVERÁ O SEUS PRODUTOS NO SALÓN "XANTAR" DE EXPOURENSE.

Quiroga promoverá os seus productos típicos no 12º Salón Galego de Gastronomía e Turismo “Xantar”, que se celebra no recinto de Expourense entre os días 2 e 6 de febreiro de 2011.
A presenza do Concello de Quiroga neste evento servirá para promover a Mostra do Aceite de Quiroga, a Feira do Viño e a Mostra do Mel; citas que foron acadando ao longo do tempo o seu sitio no panorama gastronómico.
Produtos como o viño, o aceite, o mel e as castañas, que sempre estiveron presentes no xeito de vida das xentes do val, están a consolidar unha importancia que xa transcende dos límites da Comunidade Galega.
Xantar é un salón de carácter singular e de prestixio, vinculado a unha das principais motivacións polas que se visita Galicia: a gastronomía.
Na actualidade é unha cita consolidada na Península Ibérica. A alta valoración dos visitantes, a asistencia dun 35 % de público relacionado co sector, e a difusión en máis de 100 medios de comunicación, converten Xantar nun escaparate ideal para a promoción como destino turístico e gastronómico.