20 ago 2018

O 1 DE SETEMBRO TERÁ LUGAR O XX ENCONTRO DE POETAS NO VAL DE QUIROGA


O Concello de Quiroga organiza o XX Encontro de Poetas no Val de Quiroga que terá lugar o 1 de setembro na Casa de Cultura de Quiroga.

O encontro contará cun recital poético, actuacións musicais e entrega de medallas aos participantes; desenvolverase a partir das sete e media da tarde no salón de actos Anxel Fole da Casa de Cultura.

As persoas interesadas en participar neste recital poden anotarse na Casa de Cultura ata o día 30 de agosto, ben persoalmente ou no teléfono 982.43.51.25.

17 ago 2018

O PÁRROCO JESÚS RÍO RAMILO PRESENTA A SEGUNDA EDICIÓN DO LIBRO "TIERRAS DE QUIROGA.NOTAS PARA LA HISTORIA DE LA COMARCA"


A  Igrexa  Parroquial  de Santa  María  da  Ermida, acollerá o sábado 25 de agosto, a partir das oito do serán,  a presentación da segunda edición do libro
 “ Tierras de Quiroga. Notas para la historia de la Comarca” de Jesús Río Ramilo.

A obra recolle un estudo da comarca que inclue os municipios de Folgoso de Caurel, Ribas de Sil e Quiroga. Neste tomo o autor, o párroco Jesús Río, fai un percorrido polas súas xentes e os productos da comarca.

A obra iniciase cunha  análise  da evolución da poboación dende a Idade Media ata a actualidade e continúa cun estudo da produción agrícola e gandeira. Neste punto fai fincapé nos productos da zona, como o viño e o aceite. Así como doutros máis exóticos como a seda. Tamén se abordan as feiras nas que estes artículos se adquirían.

O autor tamén  repasa os ríos e as montañas como fonte de recursos de pesca e hidroeléctrica. Fálase ademais dos minerais como o ferro, a lousa e metais preciosos como o ouro e a prata.

16 ago 2018

O VINDEIRO 20 DE AGOSTO ORGANIZASE UNHA XORNADA DE DIFUSIÓN DO PATRIMONIO XEOLÓXICO E DO PATRIMONIO GASTRONÓMICO DENTRO DO PROXECTO XEOPARQUE MUNDIAL DA UNESCO MONTAÑAS DO COUREL


Dentro do Proxecto do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, organízase unha xornada de difusión do patrimonio xeolóxico e gastronómico que terá lugar o vindeiro luns día 20 de agosto na Casa de Cultura de Quiroga.

O acto comezará a partir das oito do serán coa intervención de Enrique Díaz Martínez, quen falará de que é, para que serve e onde atopar o patrimonio xeolóxico. Deseguido será o investigador Daniel Ballesteros quen tratará As rochas das Montañas do Courel, os nosos recursos máis sólidos.

As nove e media terá lugar a presentación do libro Las Montañas de o Courel: una geología muy humana. A xornada rematará cunha cata de viños xeolóxica.


Todo aquel que desexe  participar nesta xornada pode  anotarse canto antes, xa que o límite de prazas está pechado a 50 persoas. As inscricións poderanse facer no correo grupogdr8@yahoo.es ou tamén no número de WhatsApp 609 81 49 25.




OS VECIÑOS DE MARGARIDE CELEBRAN A SÚA VIII FESTA DO OURO


 Margaride do Lor celebra a súa VIII Festa do Ouro que organiza a Asociación de veciñ@s de Margaride.

 Os actos comezarán ás 12 cunha visita ás adegas romanas, ás dúas  haberá unha misa en latín que dará paso ao xantar no campamento castrexo-romano, cun menú composto por polbo e máis churrasco.

 Xa pola tarde haberá xogos infantís e ás 19h a festa contará coa presenza de José Epinosa, presidente de AMIAQUIGAL e profesor titular de Bioloxía e Xeoloxía que ofrecerá unha conferencia sobre a Traxectoria e evolución da olivicultura en Quiroga.

 Para pechar o programa haberá festa, unha cea no campamento ás 22h e verbena a medianoite; ás once da noite  realizaranse rituais celtas como o da boa sorte, sacrificio humano, ruta seguindo as estrelas, queimada e voda e bautizo.

QUIROGA ACOLLE ESTE SÁBADO O V QUI-ROMA, ¡¡¡ VOLTA O ESPECTÁCULO!!!



Quiroga acollerá mañá  sábado 18 de agosto a V Festa Castrexo Romana, o Qui-Roma.
       
  Este ano contarase de novo coa  "II Ruta de Cabalos Qui-roma", organizada polos Cabaleiros do Val, que comezará ás dez da mañá. Ás once abrirase o mercado Qui-romano. A partir das once e media comezarán os desfiles a cargo da Garda romana  Lucus  Equites e dos castrexos Wyrdamur  pola rúa Real. As doce en punto do mediodía dará comezo unha alborada a cargo dos gaiteiros romanos Os Palletas na Praza Maior.

      Como todos os anos haberá   paseos en burro para os nenos e nenas  ao  longo de toda a mañá e tamén se contará con demostracións artesanais en coiro.

     Pola  tarde haberá escola de gladiadores para os máis pequenos con loitas e xogos tantos infantís como para adultos.

Sobre as seis dará comezo unha gran batucada a cargo de XITUME de Xinzo de Limia que animarán o V Qui-Roma.

As oito e media está previsto o desfile Quiromano a cargo de ARDE LOUCOS ao longo de toda a rúa Real e o seu remate a loita de gladiadores. E tras a cea-castrexo-romana, sobre as once e media dará comezo un espectáculo nocturno a cargo de Wyrdamur chegados dende Murcia. Unha vez que rematen comezará a festa animada pola Disco-móvil FABRIK.

2 ago 2018

SEIS APICULTORES PARTICIPARÁN NA XXVII MOSTRA DO MEL DE QUIROGA

  O vindeiro día 10 de agosto, coincidindo coa feira mercado máis importante do ano e coas Festas de Verán 2018,  terá lugar en Quiroga a celebración da  XXVII Mostra do Mel de Quiroga organizada polo Concello.

   Os/as apicultores/as participantes serán seis: Isabel Marcos López (A Ponte Rodela), Manuel Macía González (As Estradas), Ángel Gómez Martínez (Paradapiñol), Pedro Soto Losada (O Ibedo), Manuel Macía Castiñeira (Quiroga) e Rubén Figueroa López (Sequeiros).

   O xoves 9 de agosto ás 20:30 h, na Casa da Cultura de Quiroga, terá lugar o sorteo de postos de venda e a entrega das credenciais aos/ás apicultores/as participantes.

  Os postos de venda, emprazados na Rúa Real, estarán abertos ao público dende primeiras horas da mañá e a maiores do mel  e outros produtos apícolas como xelea, própole, pole; tamén se poderán adquirir outros produtos típicos da zona. A inauguración oficial do recinto feiral será ás 12:00 h.
Ao longo da mañá, o recinto da feira estará amenizado polo grupo de gaiteiros  “ Os Palletas”.

   As especiais condicións climatolóxicas do Concello de Quiroga determinan unha rica e variada flora que permite a produción das distintas variedades de mel como o mel mil flores ou monofloral de castiñeiro ou queiruga. Todo de excelente calidade así un 80% da produción total  está considerado como mel ecolóxico.

1 ago 2018

A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ARTÍSTICA " AMERICA UNTITLED" DE ADRIAN OTERO VILA, INAGURARASE O 3 DE AGOSTO NA SALA DE EXPOSICIÓNS


A  sala de exposicións “Manuel María” do Concello de Quiroga acollerá entre o 3 e o 17 de agosto unha exposición  fotografía artística “America Untitled”  de Adrián Otero Vila. A inauguración da mostra  terá lugar este venrres día 3 ás 12 do mediodía.

“America Antitled ” é unha colección de imaxes feitas no oeste americano, por Adrián Otero Vila. O traballo naceu do amor polas paisaxes do oeste dos Estados Unidos, unha admiración que empurrou ao fotógrafo ata o cume de volcáns, desertos remotos, a camiñar centos de quilómetros por bosques, a camiñar en lagos conxelados, e a refuxiarse no coche no medio de grandes tormentas de neve. Sen importar a situación, e sempre cunha cámara ao lado, “America Antitled ” é o resultado de anos de traballo e esforzo, así como miles de millas na estrada nos vastos espazos que un se atopa en sitios coma Oregón,  Idaho  ou Arizona, ata un total de 25 estados.

“America Untitled” é un traballo de 45 imaxes, feitas cunha cámara analóxica
tradicional e empregando película en branco e negro. Unha estrita selección de
entre os 250 rollos de formato medio empregados.

Adrián Otero é natural de  Monforte de Lemos, aínda que  viviu os primeiros anos da súa vida en  Quiroga. Tras pasar uns anos en Estados Unidos, está a mostrar o seu traballo American Antitel  por toda Galicia, empezando na Casa da Cultura de Quiroga.

O 9 DE AGOSTO CELEBRASE A II EDICIÓN DA FESTA DA XUVENTUDE E DA CERVEXA ARTESÁ


O  Concello  de  Quiroga, a través da Área de Xuventude, porá en marcha un ano máis a Festa da Xuventude, na que de novo se incluirá a Festa da Cervexa Artesá de Quiroga e no que este ano cumple a súa segunda edición.

Novamente  esta  festa  instalarase  no  recinto  ubicado  na  Praza de España o xoves 9 de agosto, coincidindo ca segunda xornada das Festas de Verán, xa que este ano a comisión organizadora decidiu ampliar estes festexos ao mércores día 8 de agosto coa actuación da afamada orquestra Panorama.

O horario da Festa da Cervexa será entre  as sete da tarde e as dúas da madrugada, onde a música non faltará ao longo de toda a xornada, xa que a partir das sete da tarde comezará a actuación do DJ Michel, as once da noite teremos un animado concertó coa Banda Folk de Ribas de Sil, e partir das doce e media da noite actuación do grupo pop, Carta de Ajuste, que versionará temas dos anos 80 e 90 e que será imposible non cantar porque todos os bailamos alguna vez.

Dentro das bases para a participación nesta festa está recollido que no  recinto da festa non estrá  permitida a venda de cervexa que non sexa artesá como tampouco ningún outro tipo de bebida alcohólica. O prezo fixado para a caña é de 1,50€.

As persoas interesadas en inscribirse, poden solicitar o formulario de solicitude na casa de cultura ou senón tamén poden chamar o seu número, onde serán informados de todos os detalles da festa. Dado que o número de participantes está limitado a 8 e dando preferencia aos cervexeiros locais, a admisión de participantes farase por orden de rexistro de entrada. O prazo de presentación de instancias  remata o 2 de agosto.

QUIROGA CONTARÁ CON DOUS ESPECTÁCULOS DENTRO DO CIRCUÍTO CULTURA NO CAMIÑO


    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xunto con Turismo de Galicia puxeron en marcha a principios de ano  a sexta edición do circuíto Cultura no Camiño, unha programación cultural destinada aos concellos polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago que se desenvolverá entre o 15 de abril ao 30 de setembro.

A configuración deste  programa componse dun amplo  catálogo de espectáculos e concertos  para que todas as compañías e grupos interesados poidan inscribir os seus espectáculos e concertos dentro desta oferta.

Poderán rexistrarse espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo, maxia e concertos de música de calquera modalidade, producidos e distribuídos por empresas dedicadas profesionalmente ás artes escénicas ou musicais e con sede na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídas desta convocatoria as asociacións culturais e restantes entidades sen fins de lucro. Unha vez que remata o proceso Agadic ofertallo os diferentes concellos para que a inclúan nas súas diferentes ofertas culturais.

 Dentro destas ofertas,  a Area de Cultura do Concello  de  Quiroga, colleu dous espectáculos , trátase de un de circo de rúa e o outro de maxia. O espectáculo de animación de rúa correrá a cargo da compañía Troula Animación, que nos traerá as rúas de Quiroga un colorido circo con HAKUNA MATATA,o sábado 11 de agosto a unha do mediodía ao longo de toda a rúa Real.

E o domingo, 12 de agosto, a partir das nove da noite, na Praza España, espectáculo de maxia, a cargo de Fani Triana e Martín Camiña, en ENCANTAMENTOS DE RÚA.