30 jun 2011

22 RAPACES QUIROGUESES DESFRUTAN HOXE DUNHA VISITA AO ZOO DE MARCELLE

22 rapaces saíron esta mañá dende a Casa da Cultura para visitar o zoo Marcelle Natureza, nunha excursión organizada pola área de Educación e Xuventude do Concello en colaboración coa Deputación de Lugo.

Os rapaces, que ían acompañados de dúas monitoras, desfrutarán dunha visita guiada e coñecerán as distintas especies animais que existen no parque, onde se lles explica as características e as curiosidades de cada unha.

Os rapaces poden entrar en contacto directo con algúns dos animais que viven neste parque en semiliberdade. Durante un par de horas poderán coñecer os guanacos, llamas e ñandús sudamericanos, os bisontes e uapitís norteamericanos, os axis e sasins asiáticos, os emús e canguros australianos, as cebras e elands africanos e especies europeas como o muflón ou incluso o lince boreal.

Ademais pola tarde, os rapaces participarán nunha actividade de tiro con arco.

Sobre as sete da tarde está previsto que os nenos estean de volta en Quiroga.

29 jun 2011

OS RAPACES DE QUIROGA PODERÁN PARTICIPAR NUN CAMPUS DE FÚTBOL

A área de Deportes do Concello de Quiroga organizou o 5º Campus de fútbol-Concello de Quiroga que se levará a cabo dende o 4 ata o 15 de xullo.

O campus desenvolverase os luns, os mércores e os venres dende as dez e media da mañá ata a unha do mediodía. Entre as dez e media e as doce faranse adestramentos e disputaranse partidos no campo de fútbol San Martiño e dende as doce á unha as actividades trasladaranse ata a piscina municipal.

Está previsto ademais que algún día se cambien as actividades deportivas e se inclúa mountainbike.

Os rapaces e rapazas, de 6 a 17 anos de idade, que queiran participar deberán cubrir previamente unha folla de inscrición na Casa da Cultura.

28 jun 2011

A SALA DE EXPOSICIÓNS ACOLLE A EXPOSICIÓN "ELAS FAN CAMIÑO"

Esta tarde, a partir das oito do serán, abrirase ao público a exposición “Elas fan Camiño”, na sala de exposicións da Casa da Cultura.

Esta mostra rende homenaxe ás mulleres peregrinas e a todas aquelas que participaron na conservación e na promoción do Camiño de Santiago ao longo da historia.

A Secretaría Xeral de Igualdade quixo dar protagonismo ás mulleres no Camiño, querendo lembrar o papel que, a través dos camiños a Santiago, xogaron moitas mulleres, tanto mulleres coñecidas e famosas -raíñas, santas- como mulleres anónimas que chegaron ata Santiago percorrendo con dificultades os camiños para pregar ante o Apóstolo.

24 jun 2011

NOMÉANSE OS REPRESENTANTES MUNICIPAIS EN ÓRGANOS COLEXIADOS

A Corporación Municipal celebrou onte a primeira sesión extraordinaria do pleno tras a toma de posesión da nova corporación.

Nesta sesión deuse conta das persoas que exercerán como portavoces de cada un dos grupos políticos: Julio Álvarez exercerá de portavoz do PP, Ángel Rodríguez do BNG e José Luis Del Pont do PSOE.

Coa abstención da oposición creáronse as Comisións Informativas que estarán compostas polo alcalde como presidente, por tres concelleiros do PP, por un concelleiro do BNG e outro do PSOE.

Nomeáronse os representantes en órganos colexiados externos: no consello escolar do IES estará Ana Núñez; no consello escolar do CEIP e no Consorcio de Igualdade e Benestar-Escola Infantil de Quiroga, Loli Sánchez; no Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, José Luis Rivera; no grupo de Desenvolvemento Rural Río Lor e no Pacto Territorial de Emprego de Lemos, José Enríquez; e na Cruz Vermella, Julio Álvarez.

Fixouse, cos votos en contra da oposición, a periodicidade das sesións ordinarias do Pleno da Corporación, que terán lugar cada dous meses o último xoves do mes á unha do mediodía.

O punto máis debatido da sesión foi a aprobación da dedicación parcial da concelleira de xuventude, Rosa María Arza Rodríguez.

Finalmente aprobáronse os decretos da alcaldía relativos aos membros da Xunta de Goberno, ás delegacións por áreas e servizos e ás delegacións especiais. Así, nomeáronse como membros da Xunta de Goberno local a tres concelleiros: Ana María Núñez García, José Enríquez Álvarez e José Ángel Rodríguez Raposo. Así mesmo tamén se designaron tres tenentes de alcalde: a primeira tenente de alcalde é Ana María Núñez García, o segundo José Enríquez Álvarez e o terceiro José Ángel Rodríguez Raposo.

En canto ás delegacións quedaron do seguinte xeito:
Deportes e piscinas, no concelleiro José Enríquez Álvarez
Atención ao cidadán, no concelleiro José Ángel Rodríguez Raposo
Cultura, na concelleira María Dolores Sánchez Durán
Medio Rural, no concelleiro Manuel Mondelo Rodríguez
Educación, Benestar e Igualdade, na concelleira Ana María Núñez García
Turismo e Eventos, no concelleiro José Luís Rivera Castro
Xuventude, na concelleira Rosa Mª Arza Rodríguez

23 jun 2011

ABERTAS AO PÚBLICO AS PISCINAS MUNICIPAIS

Esta mañá, ás doce do mediodía, abríanse ao público as portas das piscinas municipais para a tempada de verán. Este servizo funcionará no seu horario habitual de todos os veráns, de doce do mediodía a oito do serán ininterrompidamente.

Dende hoxe e ata o domingo, a entrada a estas instalacións municipais será gratuíta. A partir do luns os que queiran utilizar este servizo deberán aboar a entrada correspondente que se mantén como en anos anteriores: os maiores de 15 anos pagarán 1,50€, de 8 a 15 anos aboarán 1€ e os menores de 8 anos terán a entrada gratuíta.

Tamén se poden solicitar bonos por toda a tempada con prezos de 30€ para os maiores de 15 anos e de 21€ para os menores.

O VENRES CLAUSÚRANSE AS ESCOLAS DEPORTIVAS

Mañá venres, a partir das cinco da tarde, clausúranse as Escolas Deportivas municipais 2010-2011 no pavillón polideportivo.

Nesta tradicional festa de fin de temporada disputaranse varios partidos, entre eles, un interesante choque que enfrontará a pais e fillos ás sete da tarde.

A partir das sete e media faranse varios sorteos e entregaranse premios aos integrantes das escolas deportivas.

22 jun 2011

PUBLICADA A PROGRAMACIÓN CULTURAL PARA O VERÁN

O Concello de Quiroga vén de sacar á rúa a programación cultural para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. As actividades aquí recollidas son o resultado do traballo realizado polo Concello de Quiroga coa coordinación entre os distintos servizos municipais encargados cada un deles dun sector poboacional: muller, xuventude, educación, infancia e terceira idade.

Así nos meses de verán, obradoiros, teatro de rúa, animación infantil e actividades lúdicas e deportivas conforman a actividade deste trimestre. Cabe salientar os campamentos de verán para os nenos e as nenas en idades comprendidas entre os 4 e os 12, que se desenvolverán de luns a venres, entre as 10.00 h e as 14.00 h, en distintas instalacións municipais e que inclúen actividades artísticas, deportivas e formativas. Ademais do carácter lúdico-deportivo, os cursos de verán teñen como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Esta actividade conta coa colaboración da Consellería de Educación a través do Programa de Apertura de Centros Escolares fóra de horario lectivo.

Nesta programación a música, en todos os seus estilos, ocupa un lugar importante con numerosas actuacións ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. Así dende xuño a setembro teñen lugar 12 actuacións do programa Música na Rúa, que leva moitos anos funcionando con éxito. Por outra banda, haberá concertos para a xuventude cos grupos xuvenís UTOPÍA, SANTA COMPAÑA E LETAL CHAINS.

As FESTAS DE VERÁN, con actuacións folclóricas, animación infantil, teatro de rúa e actuacións musicais de distintos estilos etc. contribuirán a complementar os moitos atractivos turísticos de Quiroga como lugar de vacacións para toda a familia.

Por outra banda, a promoción de produtos típicos, que está presente no Concello de Quiroga ao longo de todo o ano, enxalza neste tempo o mel, que será o protagonista na celebración da XX MOSTRA DO MEL DE QUIROGA o vindeiro día 10 de agosto.

Polo que respecta ás actividades deportivas hai que destacar a ruta polo val de Quiroga en mountainbike, o campionato de baloncesto 3x3, o torneo de tenis, o torneo “Futsal Cup” e o sendeirismo e as rutas pola natureza.

21 jun 2011

A LUDOTECA REMATA HOXE O CURSO CUNHA FESTA

O servizo de ludoteca, ofertado gratuitamente dende o departamento de Educación do Concello de Quiroga, en colaboración coa Deputación de Lugo, celebrará cunha festa de despedida a fin de curso 2010/2011.

Esta tarde os pequenos e as pequenas que participan destas actividades desfrutarán dunha gran merenda a partir das cinco da tarde ata as sete, xa que ademais da merenda haberá xogos para que os rapaces poidan aproveitar de cheo este último día.

A ludoteca municipal volverá en outubro co comezo do curso 2011/2012 pero, ata entón, todos os rapaces e rapazas en idade escolar que pasen as súas vacacións no val e arredores poderán acudir aos Campamentos de Verán que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto con deportes, xogos, informática, inglés e variados obradoiros en horario de mañá de luns a venres.


 

COGAMI ENTREGA DIPLOMAS AOS PARTICIPANTES NO CURSO DE XARDINERÍA

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, entregoulles onte os diplomas ás 12 persoas que participaron no curso de Iniciación a actividades auxiliares de xardíns e zonas verdes. Ademais do presidente de COGAMI en Lugo, José Luís Celeiro, na entrega de diplomas que tiña lugar na casa consistorial, estivo o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e a concelleira de Educación, Benestar e Igualdade, Ana Núñez.

O curso financiado pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, dirixido a persoas con discapacidade, tentou mellorar as súas posibilidades de emprego, permitíndolles a aprendizaxe das destrezas necesarias para o desenvolvemento da profesión, así como o uso das ferramentas necesarias para o seu desempeño.

Esta acción formativa, cunha duración de dez días e que se impartiu no Centro de Formación Ocupacional Pía Paxaro, desenvolveuse con clases teóricas e prácticas.

O presidente de COGAMI anuncioulles aos asistentes a intención de ofertar outro curso de técnico auxiliar de xardíns mais amplo, coa intención de que poidan traballar en Augasmestas, unha vez se solucionen os problemas para poñer en marcha o proxecto. Pola súa banda, o rexedor local e a concelleira desexaron que Augasmestas se faga realidade canto antes.

20 jun 2011

SARDIÑAS E PAN DE MILLO PARA A NOITE DE SAN XOÁN

O Concello de Quiroga ten organizada para o vindeiro xoves a tradicional sardiñada e a fogueira de san Xoán.

A partir das nove da noite, no merendeiro do parque da Constitución, asaranse 100 quilos de sardiñas que se servirán acompañadas de pan e viño. Este ano, como novidade, o pan será de millo. Todo gratuitamente.

Previamente á merenda, o servizo de infancia e xuventude ten organizados varios xogos populares para os máis pequenos no mesmo parque.

Sobre as once e media da noite acenderanse as fogueiras para os valentes que queiran saltar.

13 ALUMNOS QUIROGUESES SUPERAN O SELECTIVO

13 dos 15 alumnos do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga que se presentaron ao selectivo superaron estas probas de acceso á universidade. Trátase de:

. César Álvarez Bermúdez
. Clara Castro Otero
. Lucía Del Pont Rodríguez
. Iago Enríquez Vara
. José Adrián González Álvarez
. Javier González Calvo
. Manuel González Morillo
. Rita González Núñez
. Alejandro López Álvarez
. Diego Ontiveros Velásquez
. Joel Rodríguez López
. Alba Rodríguez San Martín
. Patricia Santos Díaz.

A partir de hoxe e ata o mércores os alumnos poderán presentar reclamacións en caso de que non estean de acordo coa súa cualificación. Tras un segundo período de revisións, do 27 ao 29 de xuño, o día 30 publicaranse as notas definitivas.

Este ano todas as carreiras galegas, salvo 16, esixen nota de corte.

17 jun 2011

O XOVES ÁBRENSE AS PISCINAS MUNICIPAIS

O goberno municipal vai abrir as piscinas o vindeiro xoves, día 23 de xuño, no seu horario habitual de todos os veráns. Dende o xoves ata o domingo, ambos os días incluídos, a entrada a estas instalacións municipais será gratuíta.

MAÑÁ SÁBADO COMEZAN AS ACTUACIÓNS DO PROGRAMA MÚSICA NA RÚA

O Concello de Quiroga vai poñer en marcha un ano máis o programa de animación nocturna Música na rúa, coa que se pretende animar as terrazas dos bares e cafeterías da zona urbana durante os sábados da época estival.

Un ano máis respectaranse aquelas fins de semana nas que se celebren festas nos lugares de arredor.

As actuacións, que se desenvolverán dende as dez e media da noite ata as doce e media, comezan mañá sábado coa actuación do músico na cafetería A Pedra.

16 jun 2011

IOLANTHEM PRESENTA EN QUIROGA A EXPOSICIÓN "OLEO&PIZARRA"

Esta tarde, a partir das oito e vinte, ábrese ao público, na sala de exposicións da Casa da Cultura de Quiroga, a exposición “Óleo&Pizarra” de Yolanda de Aguilar Calero, baixo a sinatura “Iolanthem”.

Yolanda de Aguilar Calero, residente en Quiroga, é licenciada en Belas Artes,  foi bolseira Leonardo da Vinci en Bruxelas e pertencen ao movemento artístico Eco-Art, que xira ao redor da defensa da natureza e os animais.

Tras abordar máis profundamente o amplísimo terreo da ilustración, especialmente a fusión entre a arte realizada con técnicas tradicionais e a arte dixital, actualmente atópase noutra fase de experimentación do soporte e céntrase na pedra e especialmente na lousa.

A pintora, que comunica o seu sentir a través da pintura, afirma que traballar sobre lousa é moi estimulante porque trastoca todos os parámetros, xa que ao pintar sobre lenzo pártese dun soporte branco onde hai que pintar as sombras mentres que, ao facelo sobre lousa, o ton escuro, case negro, obrígalle a reaprender de novo outras vías de expresión.

Esta exposición poderase visitar na sala de exposicións da Casa da Cultura ata o domingo 26 de xuño.

15 jun 2011

40 SOCIOS DO CENTRO SOCIAL PERCORRERON HOXE O VAL DO RÍO QUIROGA

Un total de 40 socios do centro social participaron esta mañá nunha actividade de sendeirismo polo río Quiroga. Esta actividade gratuíta, considerada de dificultade baixa, tivo un percorrido total de 15,7 km e toda a mañá de duración.

Os socios participantes na denominada “Camiñada polo val de Quiroga: entre pobos e ríos” saíron de Quiroga ás 8 da mañá para realizaren a primeira etapa da ruta cun percorrido de 6 km: dende Quiroga ata Ponte Barreiro, pasando e vendo os lugares de Pacios de Mondelo, A Ermida, Barxa, Arxubín e Lamela.

Dende Barreiro comezaron a segunda etapa ata a ponte Barreiriños, no máis profundo da ruta fluvial, pasando pola Rodela, cun percorrido de 4,7 km. Na ponte Barreiriños fíxose un descanso para repoñer forzas e logo subir un tramo de costa de 1 km, ata coller a estrada de Campos de Vila a Pacios da Serra.

A terceira etapa, cun percorrido de 4 km, foi dende esta estrada ata Campos de Vila, e aquí rematou a ruta sobre a unha do mediodía. En Campos de Vila os sendeiristas foron recollidos en autobús para trasladárense ata o centro social, onde estaban convidados a un viño español e a unhas tapas variadas.

A camiñada, por outra banda, estivo asistida por persoal do centro social e polo coche de protección civil do Concello de Quiroga durante todo o traxecto.

O CONCELLO DE QUIROGA OFERTA CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA OS NENOS DE 3 A 12 ANOS

Dende o Servizo de Educación Social do Concello de Quiroga ofértanse para os nenos e as nenas en idade escolar uns innovadores campamentos de verán. Esta actividade ten como finalidade dar un servizo diario aos seus usuarios nunhas datas nas que os máis pequenos desfrutan de tanto tempo de lecer.

As clases consistirán en variados obradoiros: plástica, abelorios, modelado, cociña, feltro, lectura, teatro, medio ambiente, reciclaxe, ciencia, costura, maquillaxe e tatuaxes, ademais dun obradoiro de globoflexia e outro de conservas de peixe, este último a través dun programa da Consellería do Mar, “Ponlle as pilas ao teu bocata”, para infundir unha alimentación sa. Tamén terán clases de inglés e informática, así como deportes, natación, cine e xogos de presentación, distensión, cooperativos, de orientación, populares, estáticos, predeportivos, de carreiras, recreativos e malabares.

O horario para os rapaces de 3 a 7 anos será dende as 10.00 h da mañá ata as  13.00 h do mediodía, e o dos nenos e nenas de 8 a 12 anos dende as 11.00 h ata as 14.00 h do mediodía. Os proxenitores ou os titores deberán levar os alumnos e as alumnas á Casa de Cultura na primeira hora (10 h ou 11 h, dependendo da idade) e recollelos na piscina a última hora (13 h ou 14 h, dependendo tamén da idade). No caso de mal tempo serán avisados para poder recollelos noutro lugar.

Os campamentos de verán teñen un custo por neno para sufragar os gastos de material, así cada pequeno empadroado en Quiroga deberá achegar 20 €uros por mes e os non empadroados 30€. Os irmáns que asistan aos cursos terán un desconto de 5 €uros por irmán.

As persoas interesadas en inscribir os seus fillos ou fillas tan só deben pasar pola Casa da Cultura ou chamar ao número de teléfono 982 435 125, onde serán informados de todos os detalles dos campamentos e poderán anotar os rapaces. A data límite para apuntarse é o xoves 30 de xuño, excepto para aquelas persoas que veñen de vacacións a Quiroga.

13 jun 2011

A NOVA CORPORACIÓN MUNICIPAL COMEZOU O SÁBADO A SÚA LEXISLATURA

A nova corporación municipal comezou o sábado a súa lexislatura ás doce do mediodía, na celebración do pleno de toma de posesión. Na sesión plenaria, presidida por Manuel Mondelo Rodríguez, como concelleiro electo de maior idade, xuraron ou prometeron o seu cargo os once concelleiros que xa forman parte da nova corporación de Quiroga.


Unha vez que cada un deles xurou o seu novo cargo como concelleiro, procedeuse á votación, a man alzada, para elixir o cabeza de lista que exercerá como alcalde-presidente. Julio Álvarez Núñez foi elixido como alcalde por oito votos a favor.


Tras a súa elección, Julio Álvarez xurou novamente a Constitución, neste caso xa como alcalde-presidente, e recibiu o bastón de mando de mans do presidente do pleno nese momento para, a continuación, pasar xa a ocupar o seu lugar na presidencia.


Logo da toma de posesión, o alcalde, Julio Álvarez, no seu discurso de investidura fixo referencia a unha campaña cruel e vil que rematou e deu paso a catro anos de traballo nos que van cumprir o programa electoral e, tamén, falou dun plan de sustentabilidade para Quiroga.



10 jun 2011

A NOVA CORPORACIÓN TOMA POSESIÓN MAÑÁ SÁBADO

A nova corporación municipal comezará mañá a súa lexislatura ás doce do mediodía, na celebración dun pleno de toma de posesión.

A nova corporación estará constituída por:

* 8 concelleiros do PP:
Julio Álvarez Núñez
Ana Mª Núñez García
José Luis Rivera Castro
Rosa Mª Arza Rodríguez
José Enríquez Álvarez
María Dolores Sánchez Durán
José Ángel Rodríguez Raposo
Manuel Mondelo Rodríguez
* 2 do BNG:
Ángel Rodríguez Losada
Xavier Castro Martínez
* 1 do PSdeG-PSOE:
José Luis Del Pont Losada

O Partido Popular seguirá gobernando no Concello de Quiroga unha vez máis con maioría absoluta ao acadar oito concelleiros dos once que compoñen a corporación. Unha vez que cada un deles xure ou prometa o seu novo cargo como concelleiro do Concello de Quiroga durante catro anos, designarán por medio de votación  o cabeza de lista que exercerá como alcalde-presidente.

8 jun 2011

15 ALUMNOS DO IES DE QUIROGA INICIARON HOXE AS PROBAS DE SELECTIVIDADE

15 alumnos do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga comezaron hoxe as probas de acceso á universidade. Os exames realízanse, como é habitual desde hai algúns anos, no instituto Cosme López Rodríguez da Rúa.

Os alumnos que realizarán os seus exames entre hoxe e o venres son:

. Álvarez Bermúdez, César
. Castro Otero, Clara
. Del Pont Rodríguez, Lucía
. Enríquez Vara, Iago
. González Álvarez, José Adrián
. González Calvo, Javier
. González Morillo, Manuel
. González Núñez, Rita
. López Álvarez, Alejandro
. López Mendoza, Beatriz
. Ontiveros Velásquez, Diego
. Rodríguez Bascoy, Soraya
. Rodríguez López, Joel
. Rodríguez San Martín, Alba
. Santos Díaz, Patricia

Este ano porase en marcha por segunda vez o sistema que permite aos aspirantes á universidade realizar exames opcionais das materias relacionadas co grao ao que queiran optar, cos que poderán subir ata catro puntos a súa nota.

Outra das novidades do sistema, que se implantou por primeira vez o ano pasado, é que permite, a quen queira mellorar a súa puntuación, repetir unicamente os exames das materias opcionais en lugar de facer os exames completos.

O día 17 publicaranse as notas provisionais, nas que se poderá obter un 14 de cualificación máxima.

6 jun 2011

UN VECIÑO DA RIBEIRA FALTA DA SÚA CASA DENDE HAI UNHA SEMANA

Efectivos da Garda Civil e de Protección Civil buscan dende mediados da semana pasada a Miguel Arias Figueroa, de 68 anos e veciño da Ribeira, que desapareceu da súa vivenda entre o luns e o martes. Tras percorrer os lugares próximos á súa casa e ao río, familiares e veciños temen que o home, que vive só e é de carácter moi retraído, marchase de forma voluntaria a Lugo ou a Monforte.

As forzas da orde e os achegados seguen co operativo de busca e percorren a diario varias rutas que puido seguir o home. O sábado a procura centrouse pola beira do río Sil, dende a desembocadura do río Quiroga ata As Medas, pero esta mañá aínda non se conseguira localizar ningunha pista que indicara o seu paradoiro.
Porén, cada día que pasa cobra máis forza a hipótese da marcha voluntaria. Algunhas testemuñas apuntaron que o viron o luns a primeira hora na estación de tren de San Clodio. Pero é unha conxectura, xa que outros veciños din que o viron máis tarde, pero hai confusión entre os días e as horas.

Aínda que a teoría do desprazamento é a principal, a busca de Miguel Arias pola zona continúa porque non todos os elementos encaixan. Para empezar, foise da  casa sen a súa documentación nin o DNI e, ademais, dado que está baixo tutela da familia, non ten facilidades para mover nin retirar en efectivo moito diñeiro, polo que iso complicaría calquera viaxe.

Miguel Arias é un home de 68 anos, de estatura baixa, 1,60 m, e de complexión forte. A súa pel é de cor clara e ten os ollos castaños. Ademais ten pouco pelo e moi canoso. O seu carácter é retraído e tímido.

A familia agradece calquera colaboración cidadá e para iso facilita dous números de teléfono para que se alguén o viu achegue pistas. Os teléfonos son 982.42.84.19 e 646.16.48.32. Ademais pódese avisar ás forzas da orde ou ao Concello de Quiroga.

3 jun 2011

O DÍA 18 COMEZAN AS ACTUACIÓNS DO PROGRAMA "MÚSICA NA RÚA"

O Concello de Quiroga vai poñer en marcha un ano máis o programa de animación nocturna Música na Rúa, coa que se pretende animar as terrazas dos bares e cafeterías da zona urbana durante os sábados da época estival.

Esta mañá estaban convocados os propietarios dos bares e cafeterías para comunicarlles o inicio desta actividade e, á vez, realizar o sorteo no que se decidiu en que lugar actuará o músico cada noite.

Un ano máis respectaranse aquelas fins de semana nas que se celebren festas nos lugares de arredor.

As actuacións, que se desenvolverán dende as dez e media da noite ata as doce e media, comezan o día 18  deste mes coa actuación do músico na  cafetería a Pedra e o 25 entre as Palmeras e o bar Portón.

No mes de xullo, o día 2 actuará no mesón Ferreiriño, o día 9 na Andaluza, o día 23 na Adega de María e o día 30 entre os bares Félix e Zorro.

No mes de agosto as actuacións serán o día 4 no Chapakuña, o día 20 no Recuncho do Dino e o día 27 no Dai-2.

Finalmente no mes de setembro, o día 3 no Cantar Miudiño, o día 10 entre os bares Compañía e Quíper e o día 17, remate desta actividade, entre os bares Cine e Lago.

2 jun 2011

OS SOCIOS DO CENTRO SOCIAL REALIZARÁN UNHA EXCURSIÓN POLO VAL DO RÍO QUIROGA

O vindeiro día 15 de xuño, tal e como estaba programado, o centro social fará unha actividade de aire libre e sendeirismo social.

Baixo o título de “Camiñada polo val de Quiroga: entre pobos e ríos”, os socios do centro social sairán de Quiroga ás 8 da mañá e percorrerán as terras baixas do val quirogués pasando e vendo Pacios de Mondelo, A Ermida –campo da festa-, alto de San Roque, Barxa, Arxubín, Lamela, A Veiguiña, Ponte Barreiro, e A Rodela para rematar no Pontón dos Barreiros no máis profundo do val, como primeira etapa da camiñada.

Despois do descanso, continúase e deberase ascender ata coller a estrada de Campos de Vila a Pacios da Serra, para dirixirse á localidade de Campos de Vila, como segunda e última etapa. Alí os participantes serán recollidos en autobús e irán cara ao centro social onde todos están convidados a un viño español e a unhas tapas variadas.

Os socios que queiran participar nesta actividade gratuíta considerada de dificultade baixa, que ten un percorrido total de 14 km e toda a mañá de duración, pódense inscribir xa no centro social, pois o prazo remata o vindeiro domingo día 12.

A dirección do centro recoméndalles aos socios que participen ir provistos de roupa e calzado axeitado. A camiñada, por outra banda, irá asistida por persoal do centro social e polo coche de protección civil do Concello de Quiroga durante todo o traxecto.