15 jun 2011

O CONCELLO DE QUIROGA OFERTA CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA OS NENOS DE 3 A 12 ANOS

Dende o Servizo de Educación Social do Concello de Quiroga ofértanse para os nenos e as nenas en idade escolar uns innovadores campamentos de verán. Esta actividade ten como finalidade dar un servizo diario aos seus usuarios nunhas datas nas que os máis pequenos desfrutan de tanto tempo de lecer.

As clases consistirán en variados obradoiros: plástica, abelorios, modelado, cociña, feltro, lectura, teatro, medio ambiente, reciclaxe, ciencia, costura, maquillaxe e tatuaxes, ademais dun obradoiro de globoflexia e outro de conservas de peixe, este último a través dun programa da Consellería do Mar, “Ponlle as pilas ao teu bocata”, para infundir unha alimentación sa. Tamén terán clases de inglés e informática, así como deportes, natación, cine e xogos de presentación, distensión, cooperativos, de orientación, populares, estáticos, predeportivos, de carreiras, recreativos e malabares.

O horario para os rapaces de 3 a 7 anos será dende as 10.00 h da mañá ata as  13.00 h do mediodía, e o dos nenos e nenas de 8 a 12 anos dende as 11.00 h ata as 14.00 h do mediodía. Os proxenitores ou os titores deberán levar os alumnos e as alumnas á Casa de Cultura na primeira hora (10 h ou 11 h, dependendo da idade) e recollelos na piscina a última hora (13 h ou 14 h, dependendo tamén da idade). No caso de mal tempo serán avisados para poder recollelos noutro lugar.

Os campamentos de verán teñen un custo por neno para sufragar os gastos de material, así cada pequeno empadroado en Quiroga deberá achegar 20 €uros por mes e os non empadroados 30€. Os irmáns que asistan aos cursos terán un desconto de 5 €uros por irmán.

As persoas interesadas en inscribir os seus fillos ou fillas tan só deben pasar pola Casa da Cultura ou chamar ao número de teléfono 982 435 125, onde serán informados de todos os detalles dos campamentos e poderán anotar os rapaces. A data límite para apuntarse é o xoves 30 de xuño, excepto para aquelas persoas que veñen de vacacións a Quiroga.

No hay comentarios:

Publicar un comentario