31 oct 2018

CREASE A COMISIÓN DE ESTUDIO PARA POÑER EN MARCHA O CENTRO DE DÍA


Na tarde de onte celebrouse a primeira xuntanza da Comisión de Estudio para poñer en marcha o Centro de Día da Ribeira. A comisión, presidida polo alcalde e conta con  representantes de todos os partidos políticos da corporación municipal de Quiroga, ten como obxetivo poder abrir canto antes este servizo.

No prazo de dous meses esta comisión terá que elaborar unha memoria xustificativa  na que se recollan as condicións máis idóneas para poder abrir este centro, como se aprobou por unanimidade na pasada sesión plenaria.

Este centro ocupa a primeira planta do edificio polivalente da Ribeira. Na súa planta baixa atópase o centro social da Ribeira. E contémplase que na segunda planta serva de lugar de acollida temporal para persoas en risco de exclusión social. O centro de día de atención a persoas maiores, ao que poderán ter acceso 25 persoas maiores, está rematado e equipado dende a pasada primavera.

DIVERSOS USOS PARA A ZONA QUE OCUPARON AS ANTIGAS CASAS DOS MESTRES


      Comezaron as obras  nos  terreos  lindeiros co  albergue municipal, onde estiveron asentadas as antigas vivendas dos mestres

Limparanse e acondicionaranse os máis de 1800 metros cadrados cos que conta a parcela, e levarase a cabo a construción dunha gabia con pavimentación.  Este espazo terá dúas partes diferenciadas, unha zona de céspede e outra pavimentada de grava.

A zona de grava servirá para  múltiples usos, utilizándose habitualmente como aparcadoiro. A parte de céspede dotarase  de mobiliario público urbano, bancos e papeleiras.

O acondicionamento da zona rematarase coa colocación dunha varanda de ferro forxado na parte de acceso o aparcadoiro dos buses escolares.

Na xornada de onte o rexedor local, Julio Álvarez,  xunto coa arquitecta do concello, achegouse  á praza para comprobar a marcha destas obras que forman parte do Plan Único 2018 da Deputación Provincial de Lugo e conta tamén cunha axuda económica da Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

29 oct 2018

OS BOIS DE MARIO NOGUEIRA NO LUAR DA TVG


A gandería de Mario Nogueira é cada vez máis “famosa” e volve conquistar popularidade na pequena e gran pantalla. Os seus  bois apareceron agora no programa Luar da TVG. Bonito e Boneco, estes tranquilos exemplares de 800 kilos volveron a pasearse por un estudio de televisión.
Estes  impoñentes exemplares xa están máis que acostumados aos focos e as cámaras non en van participaron na rodaxe da serie “Al final del Camino”, interviñeron nun capítulo de serie “Doutor  Who” e, na película “Elisa e  Marcela”, da directora Isabel Coixet. Ademais da campaña publicitaria de  Gucci.
Tamén ten vacas nesa explotación e tamén saíu algunha famosa como “Juanita”, a vaca do concurso televisivo de Gran Hermano de Tele5. Ademais a súa dona Cristina Gómez recibiu o premio a mellor manexadora de bois no pasado mes de agosto en Chantada.
Mario Nogueira é posiblemente o home que máis bois move hoxe en España, na súa explotación de Chao da Casa conta actualmente cuns 60 exemplares. Algunhas parellas destes bois participan en romarías, outros destínanse a carne e outro grupo vendese ao País Vasco para o deporte de Arrastre.
Estes animais que viven ceibes nos montes de Chao da Casa, poden chegar a comer uns 10 quilos diarios de pienso, ademais de fariñas e forraxes.

26 oct 2018

XORNADAS DIVULGATIVAS SOBRE OS GLACIARES

O  GDR Ribeira Sacra  desenvolveu a pasada fin de semana unhas xornadas de divulgación sobre os efectos dos glaciares no relevo e a paisaxe.
50 persoas participaron nun programa de actividades que comprendía tres conferencias e incluían unha visita guiada a lugares da serra do Courel onde se aprecian as pegadas dos antigos glaciares, especialmente visibles en paraxes como a lagoa de Lucenza e o val da Seara.
As conferencias corrían a cargo de Augusto Pérez Alberti, profesor de xeografía física da  Universidade de Santiago e que  trataba sobre «Glaciarismo e  periglaciarismo das montañas do Courel».
Outro relatorio abordaba as pegadas dos glaciares na cordilleira Cantábrica e estaba impartido por Jesús Ruiz Fernández, investigador da Universidade de Oviedo. A terceira conferencia corría a cargo de Marc Olivas, investigador da  Universitat de Barcelona e versaba sobre os glaciares de Sierra Nevada.
Augusto Pérez Alberti aproveitou a conferencia para presentar o seu libro “Xeomorfoloxías das Montañas do Courel” co que se agasallou a todos os participantes. No libro, dirixido a todos os públicos, detállase o mapa xeomorfolóxico da Serra. Case metro a metro, explícase como se chegou a formar a paisaxe da que podemos gozar hoxe en día ao percorrer O Courel.  Devesas, antigos glaciares, pregamentos de centos de millóns de anos e un patrimonio cultural que agora opta a converterse en Xeoparque Mundial da Unesco.
O autor, que participou no informe presentado á Unesco no proxecto do Xeoparque Montañas do Courel, recoñece que o mapa é un traballo de moito detalle, posiblemente o máis detallado que se fixo ata agora non só no Courel, senón en toda Galicia. Non se inclúe só a xeomorfoloxía, tamén está toda a toponimia que existe na serra: os regos, os regatos ou os lugares

ALUMNOS DO IES DE QUIROGA PARTICIPAN NA RODAXE DUN SPOT PROMOCIONAL


Os alumnos e alumnas de quinto e sexto tiveron a oportunidade de participar na rodaxe dunha película de exaltación do noso concello, que se desenvolveu no museo etnográfico de Quiroga. A rodaxe da película forma parte dun taller de audiovisuais organizado dende o GDR Ribeira Sacra.

A produtora Némesis está levando a cabo esta actividade que conta co financiamento do GDR Ribeira Sacra. Os rapaces e rapazas son os encargados de facer o traballo, poñéndose diante e detrás das cámaras durante catro días de gravación.

Este taller dirixido as nenos e nenas de 12 a 16 anos dos seis concellos da comarca de Lemos ten como obxectivo achegar unha actividade lúdica e cultural coas novas tecnoloxías ata as zonas do rural e que a súa vez serva de promoción estes territorios.

A idea do proxecto é que unha vez feito o vídeo sirva de publicidade nas páxinas web de cada concello.

23 oct 2018

ÚLTIMOS DÍAS PARA SOLUCIONAR GRATUITAMENTE AS INTERFERENCIAS DO SERVIZOS MÓBILES 4G NA TDT


           Quiroga  conta  dende o pasado mes de  maio  co  servizo 4 G de telefonía móbil. Este  servizo pode producir  afectacións  na recepción dá Televisión  Dixital Terrestre (TDT) polo que  é posible que a recepción do sinal de televisión poida verse afectada nalgúns edificios ou vivendas moi próximos ás estacións de telefonía móbil.

Esta nova tecnoloxía permite alcanzar conexións móbiles de moi alta velocidade, mellorar a cobertura no interior dos edificios e conseguir maiores niveis de penetración xeográfica, en particular ás zonas rurais. Pero, os servizos móbiles 4G  utilizan a frecuencia 800 MHz que antes utilizaba a televisión dixital terrestre (TDT), polo que podería ocorrer que o sinal de TV véxase afectada por interferencias.  Pode aparecer pixelado, bloqueo de imaxes ou perda do sinal.

Para evitar estas interferencias puxose en marcha  unha  entidade xestora que se encarga de solucionar calquera afectación que suceda na recepción da TDT motivada polas emisións da tecnoloxía 4G para asegurar a continuidade do servizo de TV. Unha actuación totalmente gratuíta para o usuario durante os primeiros seis meses tras o inicio das emisións 4G.

O 31 de outubro, finaliza definitivamente en zonas de Quiroga ese prazo para solicitar as actuacións por parte dos usuarios de TDT a través da  entidade CHEGA800, polo que as persoas que se viron afectadas soamente terán ata ese prazo para poder subsanar as interferencias de forma gratuita.

Os telespectadores que vexan a TV a través de fibra óptica, satélite ou Internet non teñen interferencias.

18 oct 2018

O CONCELLO DE QUIROGA CONTINÚA A TRABALLAR NO AFORRO ENERXÉTICO


O Concello de Quiroga está a dar un paso máis no aforro enerxético, nesta ocasión nos edificios da Casa de Cultura e o Centro Social. Trátase da colocación dunha caldeira de biomasa, que abastecerá a estes dous edificios, os de maior consumo dos edificios municipais, e coa que o concello pretende aforrar un 65% en gasto.

A caldeira é de condensación de  pellets de 125  kw, para calefacción por biomasa e rendemento superior ao 105%. O combustible almacenarase nun depósito de 20  m3 de capacidade.

Para a instalación desta caldeira foi preciso acometer reformas no lugar no que estaba a anterior caldeira de gasoil. Estas reformas e a instalación da nova caldeira remataranse previsiblemente esta semana, como lle informaba o encargado dos traballos ao alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, que na tarde de onte se achegaba ata os baixos da casa da cultura onde se instala a nova caldeira.

Coa caldeira de Biomasa para abastecer as necesidades térmicas dos edificios da Casa de Cultura e Centro Social o  Concello segue na liña de eficiencia e aforro enerxético iniciada no ano 2013, cando instalou paneis solares fotovoltaicos en edificios municipais (Auditorio municipal, Casa Cultura, CEIP, Pavillón Polideportivo, Gardería e estación Depuradora de auga potable e residual).

17 oct 2018

UN EQUIPO DE FUN POLO AIRE DA TVG GRAVA EN QUIROGA


Un equipo do programa da TVG “Fun polo Aire” desprazouse na tarde de onte ata Quiroga para falar con Ósgar González, o neno que vai enviar ao hospital madrileño 12 de Octubre nove bonecos que representan aos personaxes principais da serie de debuxos animados  Pj  Masks.

Os bonecos, feitos con carton pedra e xornais, foron o agasallo que os país do neno, Tamara de la Viuda e Óscar González, lle fixeron polo seu cuarto cumpreanos. Tras disfrutar do seu agasallo, Ósgar, que coñece ben os hospitais por ser multialérxico, decidiu envíalos a un hospital no que houbese nenos ingresados.

Esta é a segunda vez que esta familia envía bonecos a un hospital madrileño, xa que o pasado ano enviara os persoaxes da Patrulla Canina. Pero antes de chegar o seu destiño, Ósgar disfrutou un día máis cos seus bonecos na gravación que fixo a TVG na praza de España.

O programa “Fun polo Aire”, emitese de luns a venres ás cinco e media da tarde. Trátase dun magazine de proximidade onde os verdadeiros protagonistas son os galegos e galegas de a pé contándolles aos espectadores todo o que sucede nas vilas da nosa comunidade. O programa gravado onte aínda non ten data fixada para a súa emisión, pero será nuns días.


16 oct 2018

ITV PARA AS MÁQUINAS SULFATADORAS


A Unidade Móbil de Inspección Técnica de Máquinas de Fitosanitarios  desprazarase ata Quiroga para realizar a ITV a todas as máquinas sulfatadoras que o precisen.
        O día para realizar a inspección será este venres 19 de outubro, de nove a unha pola mañá ou de tres a oito pola tarde e terá lugar nos talleres Rofer de Quiroga. A reserva poderase facer chamando ao teléfono 982 42 86 53.
Desde o ano 2016, as  sulfatadoras están obrigadas a pasar a súa propia ITV. Non cumprir a normativa ambiental europea leva sancións: os equipos que traballen con produtos  fitosaniarios sen superar a inspección técnica enfróntanse a multas de entre 300 a 3.000 euros.
O exhaustivo exame afecta a máquinas de máis de 100 litros de capacidade e que superen os cinco anos de antigüidade. Quedan excluídos da revisión os equipos fitosanitarios que son  pulverizadores de mochila e os de arrastre manual (mochilas) con depósito de ata 100 litros.
No caso dos equipos novos, a inspección deberá realizarse no primeiros cinco anos tras a súa compra. Unha vez feita a primeira ITV fitosanitaria, pasaranse cada cinco anos; fóra dos que prestan servizos a terceiros que deberán facerse cada tres anos. A partir do ano 2020, a periodicidade dos controis acúrtase e terán que repetirse cada tres anos.
        Os requisitos principais da inspección son presentar a cartilla do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA), manter o número de bastidor visible e ter o equipo limpo, tanto por dentro como por fóra, e sen fugas en circuítos, bombas e depósitos.
Pasar este exame, supón a entrega dun adhesivo oficial da Xunta, parecido ao dos vehículos cando pasan a ITV, ademais do certificado correspondente de inspección.

15 oct 2018

NOVO PREMIO PARA A SUMILLER QUIROGUESA MÓNICA FERNÁNDEZ


A sumiller quiroguesa Mónica Fernández, foi galardoada co  Premio á Mellor Dirección de Sala 2018 polo xurado da III edición dos Premios de Gastronomía da Comunidade de Madrid. Estes premios, creados pola Academia Madrileña de Gastronomía en colaboración coa Comunidad de Madrid, recoñecen aos profesionais e empresas que realizaron un maior esforzo por potenciar a gastronomía na capital española.
A traxectoria profesional de Mónica Fernández , nada en Quiroga, e catadora e  Maître titulada pola Cámara de Comercio de Madrid, estivo ligada a Grupo Bambú desde a apertura do seu primeiro restaurante, no ano 2005. Durante estes trece anos, converteuse nunha das persoas craves na organización do grupo. Na actualidade é directora de grupo, directora de sala e catadora dos sete restaurantes do Grupo Bambú.
Entre as súas funcións atópanse a formación e supervisión dos equipos de sala de todos os locais, así como o deseño das cartas de viño. Ademais, como destacada catadora, Mónica participa habitualmente en acontecementos relacionados co mundo do viño e forma parte do comité de cata da coñecida Guía de Viños Gourmets.
Ao longo da súa carreira profesional, Mónica Fernández obtivo diferentes galardóns, entre os que destaca o  Premio ao Sumiller da Academia Internacional de Gastronomía 2017, o  Premio Nacional de Gastronomía 2015 ao Mellor Director Sala, e o Premio á “Excelencia Turística de Madrid”, outorgado no ano 2009 pola Cámara de Comercio de Madrid.
Como recoñecemento a esta traxectoria profesional, Mónica Fernández foi nomeada “Filla predilecta de Quiroga”, o pasado ano.

14 oct 2018

A GARDA CIVIL CELEBROU A SÚA FESTIVIDADE


A Garda Civil de Quiroga acolleu o venres os actos de celebración da súa patrona, a Virxe do Pilar.
O acto central foi a celebración dunha misa na igrexa parroquial de San Martiño de Quiroga oficiada polo Vicario de Pastoral de Lugo, Luis Manuel Rodríguez Pérez. A igrexa parroquial estaba presidida por unha engalanada imaxe da Virxe do Pilar e pola bandeira de España.
O cuartel de Quiroga celebra cada 12 de outubro, ao igual que todos os acuartelamentos de España dende o ano 1913, a súa gran festa.
No ano 1864, nomeouse patrona do Colegio de Guardias Jóvenes á Virxe do Pilar. Co tempo, os guardas procedentes do Colexio foron extendendo a devoción á Pilarica por toda a xeografía nacional. Esta circunstancia foi determinante para que o Rei Alfonso XIII asinara a proclamación da Virxe como Patrona da Garda Civil 1913.
Os membros da Benemérita de Quiroga ataviados co seu uniforme de gala achegáronse ata a igrexa parroquial onde estaban convidados autoridades, familiares e amigos para acompañalos nesta celebración como marca unha Orden Xeral da Garda Civil daquel ano. A orde indicaba cómo se debía celebrar a primera festa da Patrona. Entre outras disposicións decía que “en todos os postos vestiríase de gala, izándose a bandeira nas casas-cuartel”. A elo sumábase a celebración relixiosa, á que se invitaría ás autoridades e demais corpos do Exército, para oficiar unha misa polos compañeiros do Corpo falecidos. Estas disposicións seguen manténdose na actualidade.
Á saída dos actos relixiosos todos os convidados se achegaron ata os gardas para felicitalos no seu día e acompañalos posteriormente a degustación dun viño español. No que non faltaron os “Vivas” a España e á Garda Civil.

11 oct 2018

A SELECCIÓN GALEGA DE VOLEIBOL CONCENTRARASE EN QUIROGA


O Concello de Quiroga asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Federación Galega de Voleibol para a celebración das actividades de tecnificación e supervisión e control que realiza a Federación se leven a cabo en Quiroga.

A firma levouse a cabo esta mañá no salón de plenos da casa consistorial onde se realizou unha posterior rolda de prensa, na que estiveron presentes o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Angel Luna Bargo e o concelleiro de Deportes, Andrés Novoa.

O concelleiro de deportes afirmou que os obxetivos deste convenio de colaboración que surxiu fai seis meses, son primeiramente a promoción turística do noso municipio e segundo a promoción deste deporte. En Quiroga actualmente unha vintena de rapazas participan nesta actividade deportiva que se engloba dentro das Escolas Deportivas Municipais e que conta xa coa colaboración do club Ribeira Sacra.
Este convenio terá unha vixencia de dous anos, período no que se farán xornadas de tecnificación de voleibol, tanto na categoría infantil como na de cadete. Durante o ano realizaranse catro xornadas dun único día de duración, no que xogadores e entrenadores, en torno a 70 persoas, desprazaranse ata Quiroga para realizar actividades para ver posibles xogadores para a selección.
A maiores durante o Entroido e a Semana Santa faranse concentracións de dous días, con pernocta en Quiroga, nas que os xogadores seleccionados realizarán a preparación dos campionatos de España.
Segundo palabras do presidente da Federación Galega de Voleibol, ademais de centrar o plan de tecnificación da Federación en Quiroga tamén se disputarán os encontros coas selección portuguesas. A Federación Galega ten un convenio coa Federación do Norte de Portugal polo que se realiza un “bilateral”, no que as seleccións galegas xogan en Braga e posteriormente as seleccións portuguesas xogan en Galicia. Tras o convenio asinado co noso concello, estes encontros disputaranse en Quiroga.
A Federación Galega destaca a importancia deste tipo de colaboración xa que lle permitirá facer máis actividade e traballar con máis rapaces.
É destacable a importancia que ten este deporte na nosa zona, xa que de aquí sairon xogadoras tan importantes como Jenifer Mendoza e actualmente Carolina Camino e Sofía Carballedo.