30 jul 2012

24 RAPACES PARTICIPAN NO VI CAMPUS DE FÚTBOL DE VERÁN

        24 rapaces participan no VI Campus de Fútbol que se realiza no campo de fútbol San Martiño , o campus está organizado dende a área de Deportes do Concello, e desenvolverase dende hoxe ata o vindeiro venres 3 de agosto.
No campus, dirixido a rapaces e rapazas de 8 a 17 anos, ademáis do fútbol practicaranse outros deportes como sendeirismo, rutas en montanbike e tamén se inclue a piscina.

O MÉRCORES 1 DE AGOSTO REMATA O CURSO DE TECIDO TRADICIONAL ORGANIZADO POLA DELEGACIÓN DE CULTURA DO CONCELLO


O curso de tecido tradicional organizado pola Delegación de Cultura do Concello de Quiroga nas instalacións do Museo Etnográfico de Quiroga,remata o mércores día 1 de agosto coas dúas últimas horas das actividades previstas dás 19 ás 21 h.

Este curso práctico de 40 horas de duración desenvolveuse durante os meses de maio, xuño e xullo, e foi impartido pola tecedeira de Visuña Carmen Barreiro Díaz coa colaboración de Manuela Soto e Agapito Vila.

Nesta actividade de recuperación da técnica milenaria do tecido tradicional tomaron parte 17 mulleres dos Concellos de Monforte, Ribas do Sil e Quiroga. Durante as horas de aprendizaxe realizaron prácticas de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca, torcer, etc) e preparar os flecos para decorar as distintas pezas.

O vindeiro xoves 9 de agosto, dentro do programa das festas de verán de Quiroga 2012, inaugúrase nas instalacións do Museo Etnográfico Municipal unha exposición cos traballos realizados polas profesoras e alumnos e alumnas durante o curso.

A delegación de cultura do Concello de Quiroga traballa na posibilidade de organizar unha segunda parte para asentar os coñecementos, de cara a primavera do ano 2013.

Para achegar estas técnicas de tanta raizame no noso concello, dentro dos actos da XXI MOSTRA DO MEL DE QUIROGA, o vindeiro día 10 de agosto, realizarase no recinto da mostra un fiadeiro no que poderán verse varias dos traballos relacionados co traballo da la de ovella para obter fío para tecer; daquela as persoas interesadas poderán presenciar en directo e na rúa as labouras de cardado, fiado ao fuso e a roca, torcido, tecido con agullas e tecido dos flecos para a decoración

28 jul 2012

O DÍA 9 DE AGOSTO CELEBRASE A VII FESTA DA COMUNIDADE


O xoves día 9 de agosto e dentro do programa das Festas de Verán de Quiroga 2012, terá lugar a 7ª edición da Festa da Comunidade.

Como xa  é habitual a festa celebrarase nas inmediacións do parque da Constitución a partir das 20:30 e a ela poden acudir todos os veciños ou visitantes que previamente mercaran os vales que están a venda nas cafeterías e bares da vila, ou o mesmo dia da cea a un prezo de 5 euros.

O menú que se poderá degustar nesta cea vai ser o seguinte:

      - codillo asado con arroz blanco, guisantes e pementos
      - empanada de carne do país
      - pan de fogaza
      - roscón do país
      - bebidas: viño tinto, augas , refreescos en lata e tinto de verán.

A festa da Comunidade dende hai xa sete anos forma parte dos actos que o concello organiza para celebrar as súas Festas de Verán, sendo deste xeito un atractivo máis dentro do turismo gastronómico da nosa bisbarra.

O programa deste ano contará de novo con música en directo no propio recinto da festa a cargo do grupo local, Fondo Tropical unha vez que remate a merenda.
A organización,como anos anteriores, corre a cargo do Concello de Quiroga e a Comunidade de Montes en man común de A Conchada.


AMPLO PROGRAMA DE ACTOS PARA AS FESTAS DE VERÁN DE QUIROGA


         As festas de verán de Quiroga celebranse os día 9, 10, 11 e 12 de agosto. Os festexos abriranse xa o xoves dia 9 coa celebración da VII Festa da Comunidade cunha cea popular nas inmediacións do parque da Constitución e no que como todos os anos se agarda a participación de numerosos veciños e visitantes da zona. Este ano o prezo da cea por persoa será de 5 euros e consistirá nun menú a base de:
- codillo asado con arroz blanco, guisantes e pementos,empanada de carne do país, pan de fogaza, roscón do país e bebidas , viño tinto, augas , refrescos e tinto de verán.
 Os vales xa están a venda nos bares da vila e tamén se poderán adquirir o mesmo día da cea no recinto. Despois da merenda haberá un animado baile a cargo do duo Fondo Tropical.
 O que si está de todo pechado e a celebración da 21 edición da Mostra do Mel e que se celebra o venres día 10  coincidindo coa segunda xornada das festas.
A mostra inaugurarase as once da mañá pero dende primeiras horas xa se poderán mercar os diferentes productos típicos da zona pan, viño, aceite, castañas e como non, o producto estrela da xornada o Mel e os seus derivados.
      Este ano contarase cunha novidade xa que dende a Delegación de Cultura mediante o Museo Etnográfico de Quiroga, organiza un fiadeiro tradicional, no que poderán observarse os procesos do traballo tradicional no mesmo recinto feiral.
         A festa continuará esa mesma noite a partir das once da noite cunha nova actuación do programa música na rúa, nesta ocasión na rua Real, entre o Mesón Andaluza, Vinoteca Quiroga e bar Lago. Pero a festa non remata ahí,   xa que a partir das doce e media da noite e na zona dos pubs vai a ter lugar a Festa da Xuventude coa actuación dos grupos musicais Lethal  Chains, Utopía  e  Más  Iva, no transcurso destes concertos procederasea a entrega dos premios do concurso de fotografía.
      Xa o sábado e o domingo non faltarán os pasarúas, as actuacións e espectáculos infantís, os deportes, destacando a presentación do F.C. Quiroga o domingo; as orquestras, entre elas  la Oca, la Bámbola e Grupo Limón e sobor de todo o prato forte deste ano e que será a actuación do coñecido grupo folk A RODA e que terá lugar o sábado despois das doce.





19 jul 2012

O DÍA 10 DE AGOSTO TERÁ LUGAR A XXI MOSTRA DO MEL DE QUIROGA


O Concello de Quiroga, está a traballar na organización da XXI MOSTRA DO MEL DE QUIROGA, que terá lugar o venres día 10 de agosto coincidindo coa feira mensual máis importante do ano e nesta edición coas festas de verán de Quiroga.
Puntual a súa cita de todos os veráns durante 20 anos, este evento gastronómico ten como obxectivo principal dar a coñecer as magníficas calidades do mel que se produce na zona de Quiroga, que comparte un lugar destacado con produtos como o viño, o aceite ou as castañas.

A programación variará pouco con respecto ás anteriores edicións, daquela haberá un acto de inauguración ás 11 horas e os postos de venda e exposición de mel e outros produtos típicos da zona, estarán a disposición de quen o desexe dende primeiras horas da mañá ata despois do xantar.
Como novidade nesta edición a Delegación de Cultura mediante o Museo Etnográfico de Quiroga, organiza un fiadeiro tradicional, no que poderán observarse os procesos do traballo tradicional coa la de ovella, no mesmo recinto da Mostra do Mel.

O 25 DE XULLO O CONCELLO DE QUIROGA CONMEMORA O DÍA DE GALICIA CON DIFERENTES ACTOS

          Para conmemorar o Día de Galicia 2012, que se celebra o 25 de xullo, o Concello de Quiroga dentro da súa programación ten previstas as seguintes actividades:
O martes día 24, a partir das 23 horas, música na rúa, nas inmediacións do bar Cantar Miudíño.

O día de Santiago, mércores 25 de xullo e propio Día de Galicia, os actos serán os seguintes:
- A partir das 13 h. Recepción no Concello aos colectivos culturais da vila.
- E ás 13:15 h. Actuación da banda de gaitas San Martiño de Quiroga.

17 jul 2012

A ÁREA DE XUVENTUDE ORGANIZA UNHA VIAXE A ASTURIAS, O DESCENSO INTERNACIONAL DO SELLA


O concello de Quiroga dende a Área de Xuventude, organiza para o mes de agosto unha viaxe a Asturias, ó Descenso Internacional do Sella.

A saída terá lugar ó sábado día 4 de agosto ás 06:00 horas diante da Casa de Cultura, e a volta ó mesmo lugar, o domingo día 5 de agosto ás 19:00 horas, chegada a Quiroga sobre as 23:30 horas.

  As persoas interesadas en asistir deberán apuntarse na Casa de Cultura ou no teléfono 982 435 125 , antes do venres día 27 de xullo, unha vez estén apuntados/as realizarase unha reunión para dar máis datos sobre a viaxe o luns 30 de xullo, a partir das 20:00 horas na Casa de Cultura.

16 jul 2012

O MUSEO ETNOGRÁFICO ABRE O VENRES A SÚA EXPOSICIÓN PERMANENTE DOS DECORADOS DA PELÍCULA "O APÓSTOLO"


O vindeiro venres, a partir das oito do serán inaugurarase a nova exposición do mueseo Etnográfico. Trátase dos decorados da película de animación galega “O Apóstolo”, que estarán expostos no Museo Etnográfico Municipal.
Tras o traballo de montaxe das maquetas que formaron o decorado da película, o venres amosarase ao público esta nova parte que se poderá visitar de xeito permanente, xa que foron cedidas ao Museo, grazas ao acordo acadado entre o concello e os responsables de “Artefacto Produccións”.
Os decorados desta película, que se exhibirá en todo o mundo, están ambientados nas aldeas da montaña lucense. En concreto realizouse un gran traballo de investigación e documentación nos concellos de Quiroga e Folgoso do Caurel, para tratar de capturar nestes decorados a maxia e o ambiente desta zona de montaña.
Para o Museo Etnográfico engadir estas reproduccións á súa colección permanete supón un complemento perfecto, xa que nunha instalación deste tipo non é doado amosar aos visitantes a producción arquitectónica; daquela empregando as maquetas realizadas polo equipo de decorados desta película poderase contemplar como son as construccións tradicionais da Serra do Caurel.
 “O Apóstolo” é a primeira película de animación stop-motion estereoscópica de Europa, na que se empregaron tres anos de traballo: dous anos de desenvolvemento e un de rodaxe.

13 jul 2012

XUVENTUDE ORGANIZA UNHA XINCANA DA NATUREZA


O concello de Quiroga dende a Área de Xuventude, organiza para o venres 27 de xullo unha Xincana da Natureza.
         
Esta actividade está dentro das organizadas pola Oficina de Xuventude do concello de Quiroga de cara ó verán, e, poderán participar nela aquelas persoas que así o desexen, a partir de 12 anos.
         
A Xincana terá lugar a partir das cinco da tarde na casa de cultura, onde se lle darán as indicacións a todos os participantes da mesma e a partir das seis comezará o xogo por todo o pobo.
         
Os gañadores levarán unha mochila de moda e todos os participantes terán un premio, que se entregará ao finalizar a mesma na praza de España.

O mínimo de participantes para que se poida realizar é de 15 persoas e todas elas deben apuntarse na casa de cultura antes do día 23 de xullo, ben persoalmente, ou ben por teléfono, 982 435 125.

6 jul 2012

RESOLTOS OS 73% DOS DELITOS DENUNCIADOS NO QUE VAI DE ANO


O Subdelegado do Goberno e o alcalde de Quiroga presidiron onte en Quiroga unha nova reunión da Xunta Local de Seguridade, na que participaron tamén responsables da Garda Civil e a Policía Local. Os integrantes da Xunta de Seguridade presentaron os datos de delincuencia no municipio nos cinco primeiros meses deste ano, dos que se desprende que neste período, en Quiroga foron denunciadas 41 infraccións penais, das cales trinta son delitos e  once  faltas.

Do total  de delitos denunciados, as forzas de seguridade lograron esclarecer o 73,1%, unha porcentaxe que sobre ata o 80% no caso dos delitos contra as persoas. No tocante ás faltas denunciadas no que vai de ano, esclarecéronse o 81,8%.

Nos cinco primeiros meses deste ano, as forzas de seguridade detiveron a un total de 9 persoas pola súa implicación en feitos delictivos rexistrados no noso municipio.

Os membros da Xunta Local recordaron que, atendendo ao número de infraccións penais rexistradas no conxunto do 2011, a tasa de criminalidade de Quiroga foi de 19,67 infraccións por cada mil habitantes, o qñue supón 0,36 puntos por debaixo da media provincial, 6,72 por debaixo da media galega e 14,26 por debaixo da media nacional.

A Xunta de Seguridade acordou intensificar a colaboración dos efectivos de Garda Civil e Policía Local para seguir mellorando na prevención dos feitos delictivos así como no seu esclarecemento.

3 jul 2012

MEDIO CENTO DE RAPACES E RAPAZAS COMEZAN OS CAMPAMENTOS DE VERÁN


Medio cento de nenos e nenas participan dende onte nos campamentos de verán da  Área de Educación do Concello, dirixidos a  nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.

Esta actividade, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto, ten como finalidade ofertar un servicio diario ós seus usuarios nunhas datas nas que os máis pequenos/as disfrutan de tanto tempo de lecer.

O horario para os rapaces de 4 a 7 anos, é dende as dez da mañá ata a unha da mediodía e o dos nenos e nenas de 8 a 12 anos dende as once ata as duas. Os proxenitores deberán levar ós alumnos e alumnas á Casa de Cultura na primeira hora da mañá e recollelos na piscina á última hora.

As clases consistirán en variados obradoiros; dentro dos que se inclue un obradoiro de globoflexia e outro de conservas de peixe, este último a través dun programa da Consellería do Mar “Ponlle as pilas ao teu bocata” para infundir unha alimentación sa.

Tamén terán clases de inglés e informática, así como deportes, natación, cine e xogos de diversa índole.

O ESCRITOR LOCAL PEPE POL PARTICIPA NUN CONCURSO DE RELATOS NA INTERNET


O escritor local, José Reinaldo Pol, Pepe Pol, participa no II Concurso de Relatos Cortos todosleemos.com, coa obra titulada “Borriquito”.

O premio do concurso consistirá en trofeos para os tres finalistas, a publicación de todolos relatos en on-line e a publicación dos mellores relatos en libro impreso.

Os relatos serán valorados por dous xurados e existirán duas categorías de finalistas. O mellor relato elexido por os lectores a través do número de descargas e votos on-line a traverso da internet, e o xurado profesional que elexirá aos tres finalistas valorando aspectos técnicos e estilísticos.

Para poder votar o relato presentado por Pepe Pol só é necesario emitir o voto dende a páxina todosleemos.com ou dende o enlace do facedbook de quiroga, unha vez seleccionado a lista de escritores participantes, uns 250. Os votos poderanse emitir ata o 13 de setembro. Nestes momentos, a obra de Pepe Pol, Borriquito, atópase na segunda posición do ránking con 365 votos.

2 jul 2012

CRÉASE A COFRADÍA DO VIÑO DE QUIROGA


A Comisión de cata da feira do viño, convertiuse na “Cofradía do Viño de Quiroga”. O venres tiveron a súa primeira reunión na que se lles explicou aos membros os estatutos que rexirán esta cofradía que contará con 24 integrantes.

Nesta xuntantza elexíronse os membros da xunta directiva, que estará formada por un presidente, dous vicepresidentes, un secretrario e un tesoreiro.

A Cofradía do Viño ademáis de continuar co traballo da comisión de cata, que era a de aprobar os viños que forman parte da feira do viño de cada edición, participarán  noutros actos da Feira do Viño. Tamén se tratou de que para a participación nestes actos usen unha indumentaria solemne.