30 jul 2012

O MÉRCORES 1 DE AGOSTO REMATA O CURSO DE TECIDO TRADICIONAL ORGANIZADO POLA DELEGACIÓN DE CULTURA DO CONCELLO


O curso de tecido tradicional organizado pola Delegación de Cultura do Concello de Quiroga nas instalacións do Museo Etnográfico de Quiroga,remata o mércores día 1 de agosto coas dúas últimas horas das actividades previstas dás 19 ás 21 h.

Este curso práctico de 40 horas de duración desenvolveuse durante os meses de maio, xuño e xullo, e foi impartido pola tecedeira de Visuña Carmen Barreiro Díaz coa colaboración de Manuela Soto e Agapito Vila.

Nesta actividade de recuperación da técnica milenaria do tecido tradicional tomaron parte 17 mulleres dos Concellos de Monforte, Ribas do Sil e Quiroga. Durante as horas de aprendizaxe realizaron prácticas de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca, torcer, etc) e preparar os flecos para decorar as distintas pezas.

O vindeiro xoves 9 de agosto, dentro do programa das festas de verán de Quiroga 2012, inaugúrase nas instalacións do Museo Etnográfico Municipal unha exposición cos traballos realizados polas profesoras e alumnos e alumnas durante o curso.

A delegación de cultura do Concello de Quiroga traballa na posibilidade de organizar unha segunda parte para asentar os coñecementos, de cara a primavera do ano 2013.

Para achegar estas técnicas de tanta raizame no noso concello, dentro dos actos da XXI MOSTRA DO MEL DE QUIROGA, o vindeiro día 10 de agosto, realizarase no recinto da mostra un fiadeiro no que poderán verse varias dos traballos relacionados co traballo da la de ovella para obter fío para tecer; daquela as persoas interesadas poderán presenciar en directo e na rúa as labouras de cardado, fiado ao fuso e a roca, torcido, tecido con agullas e tecido dos flecos para a decoración

No hay comentarios:

Publicar un comentario